Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 11 de agosto de 1999 Páx. 10.165

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de xullo de 1999 pola que se convoca un concurso público de méritos para a selección de profesor ou profesora bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades Complutense de Madrid, de Salamanca, de Granada, de Barcelona, de Estremadura, da Sorbona-Nova París III (Francia), Federal de Bahía (Brasil) e da Habana (Cuba).

A Constitución española establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias no ensino da súa lingua propia e que a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que debe ser obxecto de especial respecto e protección.

Por outra banda, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en canto á promoción e ó ensino da lingua galega, tal e como se determina no seu Estatuto de autonomía.

O goberno galego, ademais, ten o mandado, recollido na Lei 3/1983, de normalización lingüística, de facer uso dos recursos que a Constitución española e mailo Estatuto de autonomía lle confiren para que os emigrantes galegos poidan dispoñer de servicios culturais e lingüísticos en lingua galega.

As actuacións tendentes á difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas fóra de Galicia, especialmente nos ámbitos universitarios, permiten a súa presencia e o seu estudio en igualdade de condicións coas máis prestixiosas do mundo actual, facilitan o achegamento das comunidades de galegos e dos seus descendentes á nosa realidade lingüística e cultural, e contribúen ó potenciamento da imaxe de Galicia en xeral máis alá dos nosos límites xeográficos.

Para facer posible todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinou convenios de colaboración con algunhas das principais universidades de España e do estranxeiro, convenios que posibilitan o ensino e a promoción da nosa lingua e da nosa cultura nesas institucións universitarias.

Ante a posible carencia dentro das propias universidades de persoal cualificado para levar a cabo ese labor, prevese a existencia de profesores bolseiros de lingua, literatura e cultura galegas que prestan os seus servicios nas propias institucións docentes e reciben delas a correspondente retribución. Na procura deste profesorado, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colabora no proceso de selección e efectúalles ás universidades as correspondentes propostas.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase concurso público de méritos para a selección de profesor ou profesora bolseiro/a de lingua, literatura e cultura galegas en cada unha das seguintes universidades: Complutense de Madrid, Salamanca, Granada, Barcelona, Estremadura, Sorbona-Nova París III (Francia), Federal de Bahía (Brasil) e A Habana (Cuba).

Artigo 2º.-Suxeitos.

1. Poderán participar neste concurso as persoas que teñan nacionalidade española e reúnan algún dos seguintes requisitos:

-Seren licenciadas en filoloxía galega ou nas subseccións de galego-portugués de filoloxía hispánica ou galaico-portuguesa de filoloxía románica.

-Seren membros en activo do corpo de profesorado do ensino secundario, da disciplina de lingua e literatura galegas.

2. Quedan excluídas aquelas persoas que, reunindo estes requisitos, exerceron xa como profesor ou profesora bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas continuadamente durante os últimos cinco anos académicos (incluíndo o actual 1998/1999).

Artigo 3º.-Duración.

1. O período de actuación dos mencionados profesor ou profesora bolseiro abranguerá o ano aca

démico 1999/2000 e poderá ser renovado, ano por ano, ó longo doutros catro como máximo, sempre que esta circunstancia non contraveña o que dispón a normativa de cada unha das universidades receptoras en canto á estadía de profesores bolseiros.

2. Para cada unha desas renovacións anuais, o correspondente profesor ou profesora bolseiro deberá reunir, no mes de xuño correspondente, os seguintes requisitos:

-Ter presentada na Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a memoria-resumo do curso académico que remata (co visto e prace da universidade).

-Contar con informes favorables tanto da universidade coma da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Se algún dos profesores bolseiros seleccionados desempeñase xa anteriormente esa función na mesma ou noutra universidade, no cómputo do período máximo ó que se aludiu anteriormente deberase incluí-lo número de anos académicos transcorridos na anterior situación.

4. No caso de que algunha das persoas seleccionada sexa membro en activo do corpo de profesorado do ensino secundario, manteráselle a súa situación administrativa.

Artigo 4º.-Actividade.

Os referidos profesores ou profesoras bolseiros encargaranse da programación e da organización das necesarias actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas (non só na universidade senón tamén dentro do seu ámbito de influencia), e impartirán a docencia desas materias. En todo caso, a súa dedicación académica e maila consideración dentro da universidade axustaranse á normativa da propia institución docente.

Artigo 5º.-Dotación económica.

1. A dotación correspondente á retribución dos mencionados profesores e profesoras bolseiros financiaranse con cargo á subvención que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria lle outorgue a cada unha das universidades para levar a cabo as accións de docencia, difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas especificadas nos convenios respectivos.

2. A retribución correspondente ó labor que desempeñe efectuaralla ó profesor ou profesora bolseiro a universidade que o acolle, segundo a contía que para cada ano se determine.

3. Esta contía anual para o actual 1999 será de 2.000.000 de pesetas en universidades españolas e 2.300.000 pesetas en universidades de fóra de España. Se o profesor ou profesora bolseiro pertence ó corpo de profesorado do ensino secundario, ademais do seu soldo da Administración autonómica, percibirá 700.000 pesetas nunha universidade española e 1.000.000 de pesetas se a universidade é de fóra de España.

4. Nesa retribución considéranse incluídos tódolos conceptos (viaxes, residencia, etc.).

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As persoas interesadas presentarán a solicitude no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Utilizarán o formulario de solicitude que figura como anexo a esta orde e achegarán cando menos a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Fotocopia compulsada do título ou títulos de licenciado (ou da acreditación de telo solicitado).

-Certificado de estudios.

-Fotocopia compulsada do documento que acredite a pertenza ó corpo de profesorado do ensino secundario, na disciplina de lingua e literatura galegas (de se-lo caso).

-Currículum vitae e xustificantes de tódolos méritos alegados.

-Escrito, asinado polo solicitante, que conteña unha explicación dos motivos da presentación da solicitude e mais un proxecto de traballo (máximo de 5 folios).

Artigo 7º.-Prazo de presentación.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os defectos nas solicitudes notificaránselles ós interesados e daráselles un prazo de dez días para que emenden os erros ou as omisións. Transcorrido ese prazo, e se non se producise a emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite.

Artigo 8º.-Órgano informante.

As solicitudes e a documentación acreditativa examinaraas unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega.

-Por parte de cada universidade, un membro (ou persoa na que delegue) da comisión de seguimento incluída no convenio asinado coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz pero sen voto.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

1. Para levar a cabo o seu traballo a comisión valorará, entre outros, os seguintes aspectos:

-Currículo académico.

-Currículo profesional.

-Asistencia a actividades de formación.

-Docencia extracurricular (conferencias, relatorios, cursos, etc., relacionados coa lingua, coa literatura e coa cultura galegas).

-Publicacións sobre temas relacionados coas materias obxecto das axudas convocadas.

-Experiencia na organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.

-Interese do proxecto presentado.

-Coñecemento, se é o caso, do idioma oficial do país da universidade receptora.

2. En calquera momento a comisión poderá convocar para unha entrevista os solicitantes que coide oportuno.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Rematado o seu traballo, a comisión presentaralle un informe ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá e trasladaralle a proposta a cada unha das universidades. A aceptación por parte de cada universidade determinará a condición de profesor ou profesora bolseiro.

2. Se no prazo máximo de tres meses non se producise a antes citada resolución, as solicitudes presentadas deberanse entender como non seleccionadas.

3. A antes mencionada resolución poralle fin á vía administrativa e notificaráselles ós solicitantes. Contra ela poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º

A resolución da axuda de profesor ou profesora bolseiro correspondente á universidade de Estremadura estará condicionada á sinatura previa do convenio entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e maila propia universidade.

Disposición derradeira

1. Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

2. Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria