Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 03 de agosto de 1999 Páx. 9.955

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA HOSPITAL COMARCAL DA BARBANZA

ANUNCIO de contratación de persoal facultativo de diversas especialidades.

No uso das atribucións recollidas no artigo 3º da Lei 10/1996, do 5 de novembro (DOG nº 227, do 20 de novembro), o padroado da Fundación Pública Hospital da Barbanza acordou a aprobación do cadro de persoal facultativo do centro, así como a convocatoria das correspondentes probas de selección de persoal facultativo, con respecto ós principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, segundo determina o artigo 2º da citada lei.

Na súa virtude, esta dirección fai pública a convocatoria da selección do persoal facultativo, conforme as seguintes bases:

Prazas convocadas:

EspecialidadeNúmeroReferencia

Análises clínicas1ACL

Anestesia e reanimación3ANE

Dixestivo1DIG

Xinecoloxía e obstetricia1GIN

Hematoloxía1HEM

Medicina interna2MIR

Nefroloxía1NEF

Pediatría 1PED

Radioloxía 2RAD

Rehabilitación1REH

Traumatoloxía2TRA

Titulación requirida: a licenciatura e maila especialidade esixida legalmente para o desempeño de cada unha das prazas convocadas.

Tipo de contrato: a contratación do persoal que resulte seleccionado someterase ó disposto no R.D. 8/1997, do 16 de maio, en materia de fomento da contratación indefinida, e tamén ó disposto no artigo 15.1º do Estatuto dos traballadores.

Procedemento de selección: consistirá, en primeiro lugar, nunha proba eliminatoria sobre un suposto clínico correspondente a cada especialidade. A proba superarase coa cualificación de apto.

Os candidatos cualificados como aptos participarán na segunda fase, consistente na valoración que se deduza dos méritos e da entrevista persoal. Previamente publicarase o baremo polo que serán avaliados os méritos, que consistirán na experiencia e formación.

Coa puntuación obtida, de acordo co baremo dos méritos e a que resulte da entrevista, ponderadas nun 50% respectivamente, confeccionarase unha lista final por orde da puntuación alcanzada por cada aspirante.

A FPHB reserva para si o dereito de seleccionar un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas en cada especialidade, seguindo na elección a orde da lista final, así como o dereito de declarar deserta algunha das prazas convocadas.

A selección, de conformidade co disposto no artigo 4 de Lei 10/1996, do 5 de novembro (DOG 227, do 20 de novembro), será efectuada por unha comisión técnica designada para o efecto. Esta comisión reserva para si o dereito de realizar outras probas accesorias que considerase pertinentes.

Inicio das probas: as probas non se realizarán antes dun mes desde que se publique esta convocatoria, de acordo co disposto no artigo 4 da Lei 10/1996.

Dereitos de exame: os candidatos deberán aboar 2.000 ptas en concepto de dereitos de exame na conta do BBV nº 0182-5947-13-0010222224.

Solicitude de participación: para participar neste proceso deberá remitirse a solicitude do interesado dirixida á Fundación Pública Hospital da Barbanza, parroquia de Oleiros, 15993-Ribeira (A Coruña), no prazo improrrogable de vinte días desde a publicación do presente anuncio, indicando no sobre a referencia da praza á que se opta. Débese achegar unicamente o xustificante do pagamento dos dereitos do exame, copia compulsada do título esixido e maila fotocopia do DNI.

A documentación xustificativa dos méritos alegados deberase achegar no momento da realización da proba escrita.

Exclusións e reclamacións: o non reuni-los requisitos mínimos, a falta de pagamento dos dereitos de exame, a insuficiente identificación ou o pagamento dos dereitos de exame fóra do período establecido para isto dará lugar á exclusión do proceso de selección, sen posibilidade de reclamación.

Incorporación: os candidatos seleccionados incorporaranse de forma gradual segundo as necesidades dos servicios do hospital e logo da superación do recoñecemento médico que os faculte para o desempeño da praza.

Teléfono de información: 981 83 59 87.

Ribeira, 22 de xullo de 1999.

Blanca García Varela

Directora da Fundación Pública Hospital

da Barbanza