Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 03 de agosto de 1999 Páx. 9.922

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 27 de xullo de 1999 pola que se convocan, para o ano 1999, axudas para o financiamento de programas de mellora da calidade do leite recollido nas explotacións reguladas no Real decreto 1563/1998.

A nova orientación da política agrícola común cara á maior competividade das produccións da Unión Europea pretende, pola súa vez, dar resposta ás preocupacións e á sensibilidade dos consumidores en materia de calidade e seguridade alimentaria, o que implica a necesidade de estimula-la adaptación da oferta neste sentido.

No que respecta ó sector lácteo, a entrada en vigor, o 1 de xaneiro de 1998, das esixencias relativas á calidade hixiénica do leite cru e outras disposicións sobre as condicións das explotacións de producción e a necesidade da súa homologación e control polas autoridades competentes, demanda un esforzo importante de adecuación por parte do sector, tanto compradores coma productores.

O R.D. 1563/1998, do 17 de xullo, de medidas para a mellora integral das explotacións de producción en relación cos compradores de leite establece as bases reguladoras das axudas estatais destinadas para estes fins.

Nos seus artigos 5 e 6 disponse que a tramitación das solicitudes, así como a súa resolución e o aboamento destas lles corresponde ós organos competentes das comunidades autónomas.

O financiamento será por conta dos orzamentos xerais do Estado segundo se dispón no artigo 7 do devandito real decreto, distribuíndose o crédito consignado para o efecto entre as comunidades autónomas, correspondendolle á de Galicia cincocentos setenta e oito millóns de pesetas (578.000.000 de ptas.) segundo o acordo da conferencia sectorial do 23 de xuño de 1999 e ratificado polo acordo de Consello de Ministros do 2 de xullo do ano que corre, de acordo co disposto no artigo 153 da Lei xeral orzamentaria.

A través da orde do MAPA do 15 de xullo de 1999 convócanse para este ano as axudas reguladas no citado real decreto.

Ó abeiro do disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no que atinxe á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen unha serie de funcións, como pode se-la execución das medidas de fomento.

No marco das anteriores disposicións, esta orde ten por obxecto establecer en Galicia as normas de desenvolvemento dos programas de mellora da calidade do leite, establecendo o procedemento para a tramitación das solicitudes presentadas, para a súa resolución e, de se-lo caso, o seu pagamento.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.3º de Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria así como a do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Por esta orde convócanse axudas para a realización de accións incluídas en programas de control e mellora da calidade do leite recollido nas explotacións, que se desenvolvan no marco do Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde:

a) Os compradores autorizados, ben a título individual, ben a través de asociacións de compradores, que elaboren e apliquen os programas ós que se refire o artigo 1, e se comprometan a un pagamento diferencial dos parámetros de calidade superiores ós esixidos na normativa vixente e cumpran coas obrigas impostas polo réxime da taxa suplementaria.

b) As agrupacións de productores que elaboren e apliquen os programas ós que se refire o artigo 1, sempre e cando os seus membros cumpran o réxime de taxa suplementaria e se comprometan a permanecer na actividade un mínimo de cinco anos.

Artigo 3º.-Programas de mellora da calidade do leite.

1. Estes programas terán por obxecto o fomento da mellora da calidade do leite nas explotacións mediante a adecuación dos parámetros que incidan nas condicións de producción, obtención, almacenamento e

transporte do leite que determinen avances en todos ou algúns dos seguintes aspectos:

a) Melloras no reconto total de bacterias e células somáticas.

b) Melloras nos parámetros mínimos fisicoquímicos.

c) Ausencia de inhibidores.

2. Os programas de mellora deberán contar, polo menos, cos seguintes elementos.

a) Identificación do comprador ou entidade que aplica o programa e do seu responsable técnico, así como especificación dos compromisos asumidos de acordo co indicado no anexo II.

Cando se trate dunha asociación de compradores presentarase esta información desagregada por cada un deles.

b) Identificación das explotacións que se beneficiarán do programa, de acordo co especificado no anexo X, así como relación dos compromisos asumidos polos productores segundo o indicado no anexo III.

c) Identificación dos parámetros que deben ser obxecto de mellora.

3. Descrición detallada das accións que se van realizar:

a) Asesoramento, que poderá incidir nas seguintes axudas:

-Adecuación e limpeza de instalacións e equipos.

-Rutina da muxidura.

-Prevención e control de residuos (de medicamentos e hormonais) e de enfermidades (en especial de mamite).

-Mellora xenética e das condicións sanitarias das ganderías.

b) Investimentos necesarios para o desenvolvemento das funcións de asesoramento, agás medios de transporte.

4. Establecemento dun sistema de control que permita avalia-la eficacia das medidas, que consistirá no seguinte.

a) Os productores beneficiarios do programa autorizarán o laboratorio interprofesional galego do leite (Ligal) ou outro laboratorio que estea capacitado, como laboratorios responsables dos controis analíticos, para que lle facilite á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria os resultados mensuais das análises de calidade do leite das súas explotacións.

b) No caso de control de instalacións de muxidura, estes serán realizados por técnicos autorizados pola Unidade de Tecnoloxía de Muxidura do Ilgga e deberán asumi-los compromisos indicados no anexo IV, formalizando, en cada instalación, os parámetros indicados no anexo VIII.

c) No caso de control de equipos de refrixeración de leite, estes deberán ser realizados por técnicos autorizados pola Unidade de Tecnoloxía da Muxidura (UTM) do Ilgga e deberán asumi-los compromisos

indicados no anexo V, formalizando en cada instalación os parámetros indicados no anexo IX.

d) No caso de asesoramento técnico en temas que inflúan na calidade do leite, os técnicos participantes nel deberán asumi-los compromisos indicados no anexo VI, cubrindo as enquisas ou partes de visita a explotacións que reflictan o desenvolvemento do programa.

5. Se o beneficiario fose un primeiro comprador, descrición do método de pagamento diferenciado pola calidade do leite.

6. Orzamento detallado dos gastos derivados da execución do programa e o sistema de control.

7. Determinación específica do laboratorio responsable dos controis analíticos, que será, preferentemente, o Ligal. A utilización doutro laboratorio necesitará a autorización expresa da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

8. Cando colaboren no desenvolvemento do programa outras entidades deberanse indentificar estas.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

O importe das axudas concedidas ó abeiro desta orde non poderá superar, en ningún caso, o 70 por 100 dos gastos derivados do desenvolvemento do programa.

A dirección do Ilgga poderá establecer módulos de custos máximos que se subvencionarán por nivel de técnico asesor, por punto de muxidura, por tanque de refrixeración e por explotación ou outros parámetros.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes.

1. Tódalas solicitudes presentaranse, preferentemente, nas delegacións provinciais da consellería e do Ilgga, ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ata o 14 de agosto de 1999, de acordo co modelo do anexo I.

2. Ás solicitudes xuntaráselle, ademais, a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

b) Relación nominal de socios titulares das explotacións que participen no programa. Xunto coa solicitude, a agrupación deberá presentar un disquete de 3 œ'', alta densidade, ficheiro en base de datos Dbase III plus ou Dbase IV, coa estructura indicada no anexo X, con formato da aplicación Programa de calidade do leite, en diante PCL, facilitado polo Ilgga, antes de inicia-la execución do programa, no que se inclúan os datos das explotacións acollidas a este.

c) Código de identificación fiscal e certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso do importe da axuda.

d) Memoria descritiva do programa establecido no artigo 3º.3 desta orde, indicando a relación de explotacións nas que se aplicará este.

e) Relación dos técnicos que participen na execución do programa e capacitación destes.

f) Fotocopia cotexada do título profesional do técnico, de se-lo caso.

g) Factura pro forma dos equipos que se van adquirir, se é o caso.

h) Anexos II, III, IV, V e VI, totalmente cubertos.

i) Folla resumo totalmente cuberta (anexo VII).

j) Compromiso de comunicarlle ó Ilgga, se é o caso, os resultados dos controis.

k) Cando o solicitante sexa primeiro comprador, compromiso do pagamento diferencial dos parámetros de calidade do leite superiores ós esixidos na normativa vixente.

Artigo 6º.-Resolución.

O director do Ilgga, por proposta do Servicio Provincial deste organismo, elevada a través da correspondente delegación provincial, resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e segundo os criterios establecidos no punto seguinte.

2. Na aprobación das axudas terán preferencia:

a) Cooperativas e SAT que sexan primeiros compradores de leite.

b) Cooperativas e agrupacións de gandeiros con programas de calidade de leite aprobados pola consellería en 1998.

c) Outros solicitantes.

En cada un dos puntos anteriores terán prioridade os solicitantes con menor relación cota láctea/gandeiro.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Os beneficiarios deberanlles comunica-la finalización do programa ós servicios provinciais do Ilgga e xuntar unha memoria explicativa sobre a súa realización e a súa incidencia na mellora da calidade do leite.

Xunto coa xustificación presentarase a seguinte documentación:

a) No caso de control de equipos de muxidura, resultados da testaxe de tódalas instalacións de muxidura controladas, de acordo co anexo VIII (control de instalación de muxidura) e anexo IX no que, obrigatoriamente, se fará consta-lo nome do controlador autorizado pola Unidade de Tecnoloxía da Muxidura e os números asignados pola devandita unidade ós equipos de control de instalacións que realizaron a testaxe. Toda esta información recollerase nun programa informático de control de instalación de muxidura facilitado polo Ilgga.

b) Partes de visita das actuacións derivadas de programas de asesoramento técnico.

c) Relación de explotacións que executaron os programas, así como o volume pormenorizado do leite que representan.

d) Facturas orixinais ou copias cotexadas dos bens e/ou servicios adquiridos para levar a cabo o programa.

e) Copia cotexada das nóminas do persoal contratado para a execución do programa.

2. Para poder percibi-la axuda, o beneficiario deberá acreditar que se encontra ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débeda ningunha, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Efectuadas as comprobacións oportunas, o Ilgga procederá ó pagamento das axudas.

4. A dirección do devandito instituto remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA, de acordo co artigo 8 do R.D. 1563/1998, a relación de beneficiarios e as axudas pagadas, así como a información sobre o grao de consecución dos obxectivos pretendidos.

Artigo 8º.-Financiamento.

As axudas reguladas nesta orde financiarase con cargo á aplicación orzamentaria do orzamento de gastos do Ilgga 09.50.712A.773.0 no que existe crédito adecuado por importe de 578.000.000 de pesetas.

Artigo 9º.-Incompatibilidade.

As actuacións que se subvencionen con cargo a esta orde non poderán ser subvencionadas á vez e para a mesma finalidade, a través da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 5 de maio de 1999, de apoio á mellora da eficacia dos sistemas productivos.

Disposición adicional

Por economía procedemental, as solicitudes presentadas ó abeiro da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 5 de maio de 1999 (DOG do 19 de maio) pola que se establecen medidas de apoio a agrupacións e entidades para a mellora da eficacia dos sistemas productivos agrarios, referidas a programas de mellora da calidade do leite con contidos e actuacións coincidentes cos desta orde e que non se poidan atender con cargo a ela por insuficiencia orzamentaria, poderán ser financiadas a través desta orde ata esgota-la dotación orzamentaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e a execución desta orde, así como para, a través de resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, modifica-los prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde, cando se deban a modificacións habidas na normativa estatal reguladora destas axudas.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria