Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 03 de agosto de 1999 Páx. 9.921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de xullo de 1999 pola que se autoriza a oferta de ciclos formativos en determinados centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para o curso 1999-2000.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

No marco destas competencias e da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co propósito de actualiza-la cualificación dos cidadáns, persegue como un dos obxectivos básicos para a formación profesional e as artes aplicadas e deseño o de lles dar unha resposta puntual e axeitada ós requirimentos de formación provenientes do mundo productivo.

A necesidade de manter en todo momento actualizada a oferta formativa dos centros incide na necesidade de revisar periodicamente a oferta educativa. Neste sentido, debe acometerse de xeito progresivo a substitución das actuais ensinanzas de formación profesional e de artes aplicadas e deseño polos novos ciclos formativos, dentro do calendario previsto, e procurarase a ampliación da oferta no contexto dos obxectivos sinalados polo Fondo Social Europeo.

Por outra parte, a progresiva implantación do ensino do novo sistema educativo fai que distintos centros poidan requirir durante o próximo curso 1999-2000 a implantación de ciclos formativos de graos medio e superior, como oferta para o alumnado que remata o ensino secundario obrigatorio e as diferentes modalidades de bacharelato.

Na súa virtude, visto o Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23), polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Autoriza-la oferta de ciclos formativos en determinados centros públicos de ensino secundario que se relacionan no anexo, para o curso escolar 1999-2000.

Segundo.-Requirirase un mínimo de 15 alumnos para poder imparti-los ditos ciclos formativos, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, non podendo, mentres tanto, formalizar ningunha matrícula. Esta condición do número mínimo de alumnos debe ser posta en coñecemento dos interesados no momento da súa preinscrición.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional determinará en cada

caso o número máximo de alumnos por grupo, atendendo ás condicións pedagóxicas e medios didácticos concretos. O número máximo de alumnos de cada grupo será de 30, non contabilizándose para estes efectos o alumnado repetidor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación Educativa e Formación Profesional e de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións que consideren necesarias para o axeitado desenvolvemento do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: A Coruña.

Colexio Calvo Sotelo (código:15004204).-Ciclo medio. Preimpresión en artes gráficas.-Ciclo medio. Equipos e instalacións electrotécnicas.-Ciclo medio. Soldadura e caldeirería.-Ciclo medio. Fabricación á medida e instalación de carpintería e moble.

Concello: Ferrol.

IES Ricardo Carballo Calero (código: 15025645).-Ciclo medio. Perruquería.

Concello: Ribeira.

IES Coroso (código: 15014556).-Ciclo medio. Montaxe e mantemento de instalacións de frío, climatización e producción de calor.

Provincia: Lugo.

Concello: Burela.

IES Monte Castelo (código: 27013958).-Ciclo medio. Coidados auxiliares de enfermería.

Concello: Lugo.

IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (código: 27006541).-Ciclo superior. Animación de actividades físicas e deportivas.

Concello: Monforte de Lemos.

IES Río Cabe (código: 27007259).-Ciclo superior. Animación de actividades físicas e deportivas.

CECA Monforte de Lemos (código: 27007260).-Ciclo medio. Explotacións agrícolas intensivas.

Provincia: Pontevedra.

Concello: Ponteareas.

IES A Granxa (código: 36007552).

Ciclo medio. Elaboración de viños e outras bebidas.

Concello: Sanxenxo.

IES de Vilalonga (código: 36019256).-Ciclo medio. Xestión administrativa.

Concello: Vilagarcía de Arousa.

IES Armando Cotarelo Valledor (código: 36019669).-Ciclo superior. Secretariado.

Concello: Vigo.

IES Manuel Antonio (código: 36013448).-Ciclo medio. Confección.-Ciclo superior. Anatomía patolóxica e citoloxía.