Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Luns, 02 de agosto de 1999 Páx. 9.858

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de transporte de mercadorías por estrada da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de transporte de mercadorías por estrada da provincia da Coruña que tivo entrada nesta delegación provincial o día 15-6-1999, subscrito en representación da parte económica por Atransa, Acotrades, Transcaf, e da parte social por UGT, CC.OO. o día 8-6-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 21 de xuño de 1999.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo provincial de transporte de mercadorías por estrada (anos 1999 e 2000) da Coruña

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito territorial e funcional.

O presente convenio será de aplicación en toda a provincia da Coruña para tódalas empresas e o seu persoal laboral encadradas nos seguintes apartados de actividades do acordo de ámbito estatal para transportes de mercadorías por estrada e os seus grupos e categorías profesionais correspondentes.

a) Axencias de transporte.

b) Transportes de mercadorías.

c) Transportes de mobles e mudanzas.

d) Persoal de servicios auxiliares.

Artigo 2º

As normas contidas no presente convenio afectan a tódolos traballadores fixos, interinos, eventuais ou temporais que desempeñen as súas funcións nas empresas englobadas nas alíneas a), b), c) e d) do artigo anterior.

Quedan expresamente excluídos os profesionais contratados para traballos específicos que, non tendo o carácter de fixos, interinos, eventuais ou temporais realicen un traballo baseado na aceptación de minuta ou orzamento.

Artigo 3º.-Ámbito temporal e denuncia do convenio.

O presente convenio colectivo entrará en vigor o día un de xaneiro de mil novecentos noventa e nove, finalizando o seu período de vixencia o trinta e un de decembro do dous mil.

O convenio quedará denunciado automaticamente polas partes negociadoras do presente convenio a partir do 30 de novembro do 2000, manténdose a vixencia dos seus contidos ata a sinatura doutro que os substitúa.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas e de calquera índole contidas no presente convenio establécense co carácter de mínimas, polo que as condicións implantadas nas distintas empresas que impliquen globalmente condicións máis beneficiosas con respecto ó establecido neste convenio, subsistirán para aqueles traballadores que as viñesen desfrutando, sen que en ningún caso se poidan establecer en prexuízo do traballador condicións menos favorables que as expresadas neste convenio colectivo.

Os traballadores que viñesen percibindo quebranto de moeda, continuarán facéndoo en calidade de dereito adquirido e co carácter de ad personam ó suprimirse definitivamente este complemento a partir da vixencia deste convenio.

Capítulo II

Xornada, vacacións e licencias

Artigo 5º.-Xornada.

Establécese unha xornada para o ano 1999 e 2000 de 1.810 horas de traballo efectivo en cómputo anual e de 40 horas semanais. Os traballadores que realicen a súa actividade en domingo ou festivo descansarán dentro dos 6 días seguintes ó día de traballo.

Artigo 6º.-Vacacións.

Tódolos traballadores, con independencia da súa antigüidade na empresa, terán dereito a 30 días naturais de vacacións remuneradas ó ano. O período total de desfrute das vacacións non poderá experimentar un fraccionamento superior a dous períodos.

Artigo 7º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, por tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio do traballo.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia ou á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade do traballo debido en máis do 20 por 100 das horas laborais nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto1 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización descontarase o importe dela do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Capítulo III

Réxime de retribucións

Artigo 8º.-Definicións.

A retribución do persoal afectado polo presente convenio estará estructurada polos seguintes conceptos:

a) Salario base mensual.

b) Complementos salariais.

-Persoais.

-De posto de traballo.

-De vencemento superior a un mes.

Artigo 9º

En ningún caso terán a consideración de salario as cantidades percibidas polo traballador polos seguintes conceptos:

a) As indemnizacións ou suplidos por gastos realizados como consecuencia da súa actividade laboral, tales como axudas de custo e gastos por viaxes e desprazamentos.

b) Prestacións e indemnizacións da Seguridade Social.

c) Indemnizacións correspondentes a traslados, suspensións ou despedimentos.

Artigo 10º.-Salario base mensual.

É a parte de retribución por unidade de tempo (salario base), incrementado polo rateo das pagas extraordinarias que se especifica no artigo 14 e a contía das cales figura recollida no anexo deste convenio.

Artigo 11º.-Complementos persoais.

Terán a consideración legal de complementos persoais os seguintes conceptos retributivos:

Complemento de antigüidade: todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá con carácter xeral por este concepto unha contía fixa por cada cinco anos de servicios prestados á empresa ata un máximo de cinco quinquenios.

As percepcións por quinquenios serán:

5 anos: 7.919 pesetas.

10 anos: 12.087 pesetas.

15 anos: 15.742 pesetas.

20 anos: 19.700 pesetas.

25 anos: 23.659 pesetas.

Para o ano 2000 as contías anteriores incrementaranse nun 1,75%.

Os quinquenios comezaranse a devengar a partir do día primeiro do mes en que se cumpra o quinquenio.

Artigo 12º.-Complementos de posto de traballo.

Son aqueles que se perciben en razón das características do posto de traballo. Estes complementos son de índole funcional e a súa percepción depende exclusivamente do exercicio da actividade profesional no posto de traballo asignado, polo que non terán carácter consolidable. Establécense os seguintes complementos de postos de traballo:

I. Plus de perigosidade e toxicidade. As empresas que habitualmente transporten ou manipulen substancias explosivas, inflamables ou tóxicas aboaranlles ós traballadores afectados por estes conceptos un plus de 28.879 pesetas mensuais.

II. Plus de longa distancia. Os conductores e acompañantes que circulen por rutas do Estado español, excepto Galicia e provincias limítrofes, percibirán a cantidade de 10.143 pesetas mensuais.

Artigo 13º.-De vencemento superior ó mes (pagas extras).

Establécense tres pagas extraordinarias de trinta días de salario base máis antigüidade. Non obstante, mantendo o criterio das partes de reduci-lo importe das pagas extraordinarias en beneficio dun maior incremento dos salarios mensuais, destínanse cinco días de cada paga extraordinaria a incrementa-los referidos salarios mensuais de acordo coas táboas salariais anexas, incrementadas, se é o caso, coa antigüidade correspondente.

As pagas deberán facerse efectivas nos meses de marzo, xullo e decembro de cada ano respectivamente.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias aquelas que excedan da duración máxima da xornada ordinaria de traballo.

Realizaranse ata un máximo de 80 horas anuais, acordándose respecto dos distintos tipos de horas extraordinarias o seguinte:

a) Horas extraordinarias habituais: reducción drástica.

b) Horas extraordinarias estructurais: terán a consideración de estructurais as que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos que poñan en perigo as instalacións da empresa e/ou materias primas; por avarías que requiran reparacións inmediatas, por ausencias imprevistas; por pedidos extraordinarios ou períodos punta de producción e pola chegada ó punto de destino.

Poderase compensa-la súa realización logo de acordo entre empresario e traballador de dúas formas:

a) Preferiblemente aboándoas en metálico baixo as seguintes regras:

1ª Hora extraordinaria normal: aboarase cun 30% de recarga sobre a hora ordinaria.

2ª Hora extraordinaria realizada en festivo ou domingo aboarase cun 100% de recarga sobre a hora ordinaria.

3ª Hora extraordinaria realizada nos días 24 e 31 de decembro (de 21 horas a 7 horas do día seguinte) de cada ano, aboarase cun 200% de recarga sobre a hora ordinaria.

b) En defecto da regra anterior, con tempos de descanso incrementados co recargo correspondente, sempre que este descanso teña lugar dentro dos catro meses seguintes á súa realización. As horas compensadas desta maneira non entrarán dentro do cómputo do número máximo de horas extraordinarias anuais.

Para os efectos do cómputo destas horas, rexistraranse día a día as realizadas e totalizaranse mensualmente, entregando copias do resumo ó traballador na nómina correspondente.

Artigo 15º.-Axudas de custo.

As axudas de custo que se lle satisfarán ó persoal que se desprace da súa residencia por necesidades de servicio serán de 4.426 pesetas por día dentro de Galicia e de 4.827 pesetas/día no resto do Estado español.

Establécese a media axuda de custo calculada na metade dos importes consignados no parágrafo anterior.

Artigo 16º.-Incrementos salariais.

O presente convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1999. As empresas aboarán os atrasos derivados da aplicación deste convenio na nómina seguinte ó mes da publicación no BOP.

As retribucións económicas do presente convenio serán incrementadas nun 2,5% sobre as existentes no convenio do ano 1998 para o ano 1999, excepto na antigüidade; e no 2,5 % sobre as existentes no ano 1999 para o ano 2000, excepto na antigüidade.

No caso de que o IPC establecido polo INE rexistrase o 31 de decembro de 1999 un incremento superior ó 2,5%, efectuarase automaticamente a revisión pertinente sobre as táboas salariais de 1998 na contía exacta do exceso porcentual, excepto na antigüidade.

Para o ano 2000 a cláusula de revisión consistirá en mante-lo IPC real o 31 de decembro de 1999, excepto na antigüidade.

As cantidades resultantes aboaranse na nómina seguinte á constatación oficial do índice motivador da revisión, con carácter retroactivo o 1 de xaneiro de 1999 e o 1 de xaneiro do 2000, respectivamente.

Artigo 17º.-Cláusula de inaplicación salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio non serán de aplicación para aquelas empresas que acrediten perdas no resultado do último exercicio, correspondendo neste suposto o mantemento do mesmo nivel retributivo que viñan aplicando no ano en que se producen as perdas.

O procedemento que se seguirá nestes casos será o seguinte:

a) A empresa afectada deberá formula-la solicitude de desvinculación ante a comisión paritaria do convenio no prazo máximo de 90 días desde a publicación do convenio no BOP e de 60 días contados a partir do 1 de xaneiro do 2000 para o segundo ano de vixencia do convenio, xuntando a seguinte documentación:

1. Memoria explicativa da solicitude.

2. Documentación que acredite a causa invocada, entre a que figurará necesariamente a presentada pola empresa ante os organismos oficiais (Ministerio de Facenda e Rexistro Mercantil), referida ó último exercicio.

Os membros da comisión paritaria deberán observar, en todo caso, a obriga de segredo profesional en canto á documentación presentada pola empresa solicitante.

b) A comisión paritaria, unha vez recibida a solicitude da empresa afectada, acompañada da documentación prevista no punto anterior, solicitará preceptivamente o informe da representación legal dos traballadores da empresa solicitante, a cal terá un prazo máximo de 10 días para emitilo, contados a partir do seguinte ó que reciba o requirimento da comisión paritaria.

A representación legal dos traballadores da empresa solicitante deberá observar igualmente a obriga do segredo profesional en todo o concernente á documentación presentada por aquela.

c) A comisión paritaria, unha vez cumprido o trámite previsto no punto anterior, deberá resolver no prazo máximo de quince días sobre a petición de desvinculación realizada, á vista da documentación que consta no seu poder.

d) No caso de que a resolución da comisión paritaria fose denegatoria da solicitude, a empresa solicitante poderá someter, se así convén ós seus intereses, a cuestión á vía xurisdiccional competente.

Capítulo IV

Organización do traballo

Artigo 18º.-Período de proba.

a) Técnicos titulados: 6 meses.

b) Restantes traballadores: 2 meses, salvo en empresas de menos de 25, que será de 3 meses.

Artigo 19º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional no seo da empresa, que se efectuará sen prexuízo dos dereitos económicos e profesionais do traballador, non terá máis limitacións cás esixidas polas titulacións académicas ou profesionais precisas para exerce-la prestación laboral e a pertenza ó grupo profesional.

Entenderase por grupo profesional o que agrupe unitariamente as aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación, podendo incluír tanto as diversas categorías profesionais como distintas funcións ou especialidades profesionais.

A mobilidade funcional realizada entre grupos profesionais distintos só será posible se existisen razóns técnicas ou organizativas polo tempo imprescindible.

I. Mobilidade funcional descendente. A encomenda a un traballador de funcións inferiores ás do seu grupo profesional só estará xustificada por necesidades perentorias ou imprevisibles da actividade productiva, manténdoselle en todo caso a retribución debida.

II. Mobilidade funcional ascendente. A encomenda a un traballador de funcións superiores ás do seu grupo profesional por un período de 4 meses durante un ano ou de 7 durante dous anos daralle dereito ó traballador a percibi-la diferencia retributiva correspondente e ó ascenso, salvo que a vacante fose cuberta.

Capítulo V

Contratación e formación

Artigo 20º.-Contratación eventual.

Son traballadores eventuais aqueles admitidos para atende-las esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa, sempre que así conste por escrito.

Os traballadores así contratados terán os mesmos dereitos e igualdade de trato que os demais traballadores do cadro de persoal, salvo as limitacións que derivan da natureza e duración do seu contrato.

O contrato terá unha duración máxima de trece meses e medio dentro dun período de dezaoito meses.

Artigo 21º.-Conversión de contratos temporais en indefinidos.

De conformidade coa remisión á negociación colectiva contida no punto 2 b) da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, acórdase que os contratos de duración determinada, incluídos os contratos formativos, poderán ser convertidos en contratos para o fomento da contratación indefinida suxeitos ó réxime xurídico establecido na dita disposición adicional.

Artigo 22º.-Cursos de perfeccionamento.

Cando se organicen cursos de perfeccionamento e voluntariamente o realicen os traballadores, logo de autorización da empresa, os gastos de matrícula serán por conta daquelas.

Para a realización de exames oficiais que conduzan ó perfeccionamento profesional no centro de traballo, o traballador terá a correspondente licencia con dereito a retribución e deberá xustificar tanto a formalización da matrícula como ter asistido ós ditos exames.

Capítulo VI

Varios

Artigo 23º.-Roupa de traballo.

Independentemente da roupa de traballo que as empresas lles faciliten ós seus traballadores, proverase os que efectúen traballos á intemperie de roupa de auga e de botas adecuadas.

Artigo 24º.-Xubilacións.

A xubilación será obrigatoria ó cumpri-lo traballador a idade de 65 anos, sen prexuízo de que o dito traballador poida completa-los períodos de carencia na cotización á Seguridade Social; neste caso a xubilación será obrigatoria ó completar estas.

Os traballadores que se xubilen, sempre que conten cunha antigüidade de dez anos de servicio na empresa, percibirán desta unha gratificación equivalente a 9.680 pesetas por ano de servicio en concepto de xubilación.

O traballador con vinte anos de servicio na empresa que decida voluntariamente a xubilación anticipada percibirá unha gratificación consistente nas contías seguintes:

-Ós 60 anos de idade: 19 mensualidades.

-Ós 61 anos de idade: 17 mensualidades.

-Ós 62 anos de idade: 14 mensualidades.

-Ós 63 anos de idade: 10 mensualidades.

A solicitude deberaa efectua-lo traballador cun mes de anticipación ó cumprimento da idade en que se pretenda acoller a este beneficio. A mensualidade refírese ó salario base máis plus de longa distancia e, se fose o caso, perigosidade.

A gratificación será satisfeita pola empresa mediante o rateo das catro anualidades seguintes en caso de o facer ós 60 anos, e de 3, 2 e 1 se o fai ós 61, 62 e 63.

A empresa e o traballador poderán pactar outra forma de pagamento.

En caso de reducirse por disposición legal a idade de xubilación, quedará en suspenso a aplicación deste artigo ós supostos afectados pola reducción legal. Recoméndaselles ás empresas e ós traballadores afectados que durante a vixencia do presente convenio procuren concerta-la xubilación anticipada ós 64 anos, de acordo co disposto no Real decreto lei 1194/1985, do 17 de xullo.

Artigo 25º.-Defunción.

A empresa aboará catro mensualidades dos salarios que figuren no convenio, o plus e a antigüidade correspondente ós seguintes familiares dun productor que convivan con el:

1. Cónxuxe viúvo.

2. Fillos.

3. Ascendentes.

Cando aquel faleza estando en activo e leve como mínimo tres anos de servicio na empresa.

Percibiranse cinco mensualidades naqueles supostos nos que o cónxuxe supervivente teña fillos menores de idade.

Independentemente das mensualidades a que ten dereito, segundo o sinalado anteriormente, aboaráselles ós ditos familiares do traballador o salario completo do mes en que o productor faleza, calquera que sexa a data do seu falecemento.

As empresas quedan obrigadas a sufraga-los gastos do traslado cando o falecemento, por causa accidental, ocorra en localidade distinta á da súa residencia habitual, sempre e cando o dito traballador se encontre realizando un servicio na empresa.

En tódolos casos deste artigo, o importe das mensualidades que se aboarán deberá facerse efectivo dentro dos tres meses seguintes ó óbito, nun ou varios prazos.

Artigo 26º.-Incapacidade temporal.

A empresa aboará durante o período de incapacidade temporal a diferencia existente entre a prestación correspondente á Seguridade Social e o 100% do salario base establecido nas táboas que figuran no anexo a este convenio nas seguintes condicións:

a) No suposto de accidente de traballo, desde o primeiro día da baixa no traballo.

b) Cando a enfermidade requira intervención cirúrxica ou ingreso en centro sanitario, desde o primeiro día do ingreso do traballador no centro sanitario que corresponda.

Este complemento só se poderá percibir por un período de seis meses no prazo dun ano.

En tódolos demais casos, o subsidio que se aboe será o 75% da base de cotización do traballador durante todo o período que este se encontre na situación de incapacidade temporal.

Artigo 27º.-Póliza de seguros.

As empresas comprendidas no ámbito de aplicación deste convenio estarán obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo, cando se publique aquel, unha póliza de seguros que cubra os riscos de morte e invalidez por accidente de traballo e que lles garanta a tódolos traballadores daquelas o percibo das indemnizacións seguintes:

a) En caso de falecemento do traballador por accidente: tres millóns duascentas mil pesetas (3.200.000 ptas.)

b) En caso de invalidez total ou absoluta do traballador por accidente catro millóns duascentas mil pesetas (4.200.000 ptas.)

Esta compensación é compatible coa pensión e indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social.

Artigo 28º.-Privación do carné de conducir.

Para os casos de privación do carné de conducir ou tarxeta ADR. de calquera traballador afectado por este convenio, a empresa estará obrigada a facilitarlle ó traballador ocupación en calquera traballo, aínda de inferior categoría, polo período da suspensión do carné, sempre que esta non excedese de seis meses, ou de sete tratándose da suspensión da tarxeta ADR durante o primeiro ano de vixencia do convenio, establecéndose os períodos acabados de sinalar en seis meses para o carné de conducir e oito meses para a tarxeta ADR durante o segundo ano de vixencia do convenio sen perda dos emolumentos que viñese percibindo e, igualmente, sempre que non concorran os seguintes requisitos:

a) Que a privación do permiso de conducir derive de feitos acaecidos no exercicio da actividade de conducir alleo á empresa.

b) Que a privación do permiso de conducir ou tarxeta ADR. sexa como consecuencia da comisión de delictos dolosos.

c) Que a privación do permiso de conducir ou tarxeta ADR non se producise no prazo dun ano.

d) Que a privación do permiso de conducir ou tarxeta ADR sexa consecuencia de ter inxerido bebidas alcohólicas ou tomado algún tipo de estupefaciente, ou ter incorrido en imprudencia temeraria.

A garantía de conducción establecida no parágrafo primeiro deste artigo aplicaráselles ós traballadores

cando vaian ó seu lugar de traballo ou cando saian del en calquera vehículo.

Artigo 29º.-Garantías sindicais.

Recoñécense as garantías sindicais conforme o establecido na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, conciliación, arbitraxe e vixilancia do convenio.

As súas funcións específicas serán as seguintes:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidos por ámbalas partes, de común acordo en asuntos derivados deste convenio.

3. Conciliación facultativa nos problemas colectivos con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponder ós organismos correspondentes.

4. Vixilancia e seguimento do cumprimento do pactado.

5. Estudio da evolución das relacións entre as partes contratantes.

6. Cantas outras cuestións tendan á maior eficacia práctica do convenio.

7. Coñecer e resolver sobre as solicitudes de inaplicación salarial que se lle sometan.

Os acordos ou resolucións adoptados por unanimidade de tódolos membros presentes da comisión paritaria terá carácter vinculante.

Se non se obtén unanimidade, seguiranse, para a resolución das cuestións presentadas, as canles previstas legalmente.

A comisión integrarase por 8 vocais, 4 empresarios e 4 traballadores, que serán designados de entre as respectivas representacións actuantes no convenio. Na parte social, os traballadores designados deberán pertencer ás centrais sindicais asinantes deste convenio: UGT e CC.OO.

Poderanse nomear asesores por cada representación, aínda que non terán dereito a voto.

A comisión en primeira convocatoria non poderá actuar sen a presencia de tódolos vocais previamente convocados, e en segunda convocatoria, que terá lugar media hora despois da primeira, actuará cos que asistan, tendo voto unicamente un número paritario dos vocais presentes, sexan titulares ou suplentes.

A comisión reunirase por instancia das partes póndose de acordo sobre o lugar e hora en que se deberá celebra-la reunión.

En ningún caso se poderá reuni-la comisión antes do transcurso dun prazo de tres meses desde a anterior, salvo no suposto de circunstancias extraordinarias debidamente xustificadas apreciadas de común acordo.

Ámbalas partes conveñen en dar coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos se puidesen producir como consecuencia da interpretación e aplicación do presente convenio para que a comisión actúe de acordo coas súas funcións.

Como domicilio da comisión paritaria fíxase a rúa Rafael Alberti, 8-1º, local 5, da Coruña; teléfono 981 13 28 45; código postal 15008.

A Coruña, 8 de xuño de 1999.

Táboas salariais do convenio provincial

de mercadorías para 1999

Categorías

Mensualidade

Pagas

extras

Total

anual

GRUPO 1º
Subgrupo A-Persoal superior técnico:
Xefe de servicio162.606128.3742.336.394
Inspector provincial151.109119.2982.171.202

Subgrupo B
Enxeñeiros e licenciados153.253120.9902.202.006
Enxeñeiros técnicos e auxiliares titulados133.179105.1401.913.568
Axudantes técnicos sanitarios123.20297.2641.770.216

GRUPO 2º

Subgrupo A-Persoal administrativo:

Xefe de sección136.593107.8341.962.618
Xefe de negociado132.287104.4361.900.752
Oficial de primeira125.79099.3081.807.404
Oficial de segunda122.30896.5571.757.367
Auxiliar administrativo117.33292.6281.685.868
Aspirante de 16 a 17 anos91.57072.2951.315.725
-Persoal de axencias de transporte:
Encargado xeral130.740103.2181.878.534
Encargado de almacén123.11997.2011.769.031
Capataz120.13294.8421.726.110
Mozo especializado119.09094.0191.711.137
Mozo de carga, descarga e reparto116.87392.2691.679.283

Subgrupo B-Transporte de mercadorías:
Xefe de tráfico de primeira130.740103.2181.878.534
Xefe de tráfico de segunda126.47099.8431.817.169
Xefe de tráfico de terceira123.66797.6331.776.903
Conductor-mecánico126.06499.5231.811.337
Conductor123.82597.7571.779.171
Conductor de motocicleta e furgón121.29595.7601.742.820
Axudante de conductor119.62794.4391.718.841
Mozo especializado119.30294.1821.714.170
Mozo de carga, descarga e reparto116.87392.2691.679.283

Subgrupo C-Persoal de servicios auxiliares:

Sección 1ª garaxes

Encargado xeral de primeira125.79099.3081.807.404
Encargado xeral de segunda119.30294.1821.714.170
Encargado de almacén117.75192.9591.691.889
Engraxador-lavacoches120.67195.2711.733.865
Garda de noite116.87392.2691.679.283
Garda de día116.87392.2691.679.283
-Estación de lavado e engraxamento:

Sección 2ª

Encargado de primeira124.89198.5971.794.483
Encargado de segunda119.30294.1821.714.170
Engraxador120.67195.2711.733.865
Mozo de servicio116.87392.2691.679.283

Subgrupo H-Transporte de mobles, mudanzas e gardamobles:
Xefe de tráfico130.740103.2181.878.534
Inspector-visitador126.47099.8431.817.169
Encargado de almacén e gardamobles124.89198.5971.794.483
Capataz123.57497.5601.775.568
Capitonista123.12097.2011.769.043
Mozo especializado118.46393.5221.702.122
Mozo116.87392.2691.679.283
Carpinteiro123.12097.2011.769.043
Conductor-mecánico126.06499.5231.811.337
Conductor121.29595.7601.742.820
Conductor de motocicleta e furgón118.34593.4311.700.433

GRUPO 3º-Persoal de movemento:
Factor123.66497.6311.776.861

GRUPO 4º-Persoal de talleres:
Xefe de taller145.448114.8242.089.848
Encargado xeral129.982102.6161.867.632

Categorías

Mensualidade

Pagas

extras

Total

anual

Encargado ou contramestre129.982102.6161.867.632
Encargado de almacén129.982102.6161.867.632
Xefe de equipo126.06499.5231.811.337
Oficial de primeira124.76498.5001.792.668
Oficial de segunda120.80895.3751.735.821
Oficial de terceira120.72295.3081.734.588
Mozo de taller119.28794.1761.713.972

GRUPO 5º-Persoal de talleres:
Cobrador de facturas117.33292.6281.685.868
Telefonista116.16691.7141.669.134
Porteiro118.41993.4881.701.492
Vixilante118.41993.4881.701.492
Botóns de 16 a 27 anos89.81270.9041.290.456
Limpadora (ptas./hora)384