Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Luns, 02 de agosto de 1999 Páx. 9.855

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 30 de xuño de 1999 pola que se regula a tarxeta acreditativa do persoal da Inspección e Vixilancia Urbanística.

A Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, no seu artigo 190.2º, atribúelles ós órganos urbanísticos da Comunidade Autónoma o exercicio de determinadas competencias para a protección da legalidade urbanística que comprende funcións de inspección de obras, edificacións e usos do solo para comproba-lo cumprimento da legalidade; de adopción de medidas necesarias para restaura-la legalidade urbanística nos supostos que afecten a espacios cualificados polo planeamento como zonas verdes, espacios libres, dotacións, equipamentos ou solo rústico protexido; e de sanción dos responsables de infraccións urbanísticas tipificadas como moi graves.

O Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia, aprobado por Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, confírelle ó persoal adscrito á inspección e vixilancia urbanística, no exercicio das súas funcións, a consideración de axentes da autoridade con facultades para requirir de tódalas partes relacionadas con calquera actuación urbanística, a información, documentación e axuda material que precise para o adecuado cumprimento das súas funcións; para acceder

libremente ós edificios e locais nos que se realicen as obras ou usos que pretendan inspeccionar; e para requiri-lo auxilio das forzas e corpos de seguridade do Estado, da policía autonómica e da policía municipal.

Para tal efecto, o artigo 111.2º do Regulamento de disciplina urbanística prevé a expedición da oportuna acreditación oficial na que conste de maneira expresa e clara a condición de persoal da inspección e vixilancia urbanística.

A disposición adicional do citado regulamento faculta o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-las ordes e resolucións oportunas referentes á organización e funcionamento da inspección.

Na súa virtude, e en uso das competencias que confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acreditación.

1. O persoal da Inspección e Vixilancia Urbanística da Comunidade Autónoma acreditará a súa condición no desenvolvemento das súas funcións inspectoras establecidas polo Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento da Lei do solo de Galicia, aprobado por Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro.

2. A acreditación consistirá na presentación, cando o considere conveniente e, en todo caso, cando sexa requirido pola persoa á que se dirixa, da tarxeta de acreditación regulada na presente orde.

Artigo 2º.-Tarxetas de acreditación.

1. As tarxetas de acreditación do persoal da Inspección e Vixilancia Urbanística ten a consideración de documento público expedido pola Dirección Xeral de Urbanismo.

A confección ou uso por persoa non autorizada dará lugar ás consecuencias previstas pola lexislación vixente.

2. A tarxeta de acreditación expedirase con suxeición ás características e modelo que se recolle no anexo da presente orde.

Artigo 3º.-Expedición e retirada da tarxeta.

1. As tarxetas serán expedidas ó persoal funcionario pertencente ós corpos xerais ou especiais, dos grupos A e B, ós que a Dirección Xeral de Urbanismo encomende funcións de inspección e vixilancia urbanística.

2. O titular da tarxeta procederá á súa inmediata devolución no momento do seu cesamento no posto de traballo, así como no suposto de caducidade, que se producirá automaticamente ós seis anos contados a partir da data da súa expedición.

3. O director xeral de Urbanismo poderá requiri-la devolución da tarxeta en calquera momento aínda

que non concorra ningún dos supostos indicados no punto anterior.

Artículo 4º.-Rexistro.

Na Subdirección Xeral de Disciplina e Informes levarase un rexistro de tarxetas acreditativas do persoal da Inspección e Vixilancia Urbanística, no que figurarán os datos identificativos destes e a data de expedición e retirada das tarxetas.

Disposición adicional

A Dirección Xeral de Urbanismo subministrará a tódolos funcionarios destinados nos postos de vixilantes urbanísticos dous uniformes completos para vestir, un de verán e outro de inverno, que deberán ser utilizados cando presten servicios de vixilancia de obras e terreos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Urbanismo para adopta-las resolucións e medidas necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO

A tarxeta de acreditación do persoal da Inspección e Vixilancia Urbanística ten unhas medidas de

75x118 milímetros con fondo de cor azul clara e ventás en branco para textos.

Anverso:

-Anagrama da Xunta de Galicia.

-Fotografía en cor de 25x35 milímetros.

Texto:

Xunta de Galicia; Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; Dirección Xeral de Urbanismo;

Inspección e Vixilancia Urbanística.

Número da tarxeta.

Lugar e data de expedición.

Sinatura do director xeral de Urbanismo.

Caduca ós seis anos.

Reverso:

-Nome, apelidos, número de documento nacional de identidade e posto de traballo da persoa titular

-Texto do artigo 111 do Regulamento de disciplina urbanística, aprobado por Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 1999.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda