Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Venres, 30 de xullo de 1999 Páx. 9.792

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 1999 pola que se procede á publicación do convenio subscrito entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia para colaborar na xestión e inspección da prestación social dos obxectores de conciencia.

Subscrito un convenio entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia para colaborar na xestión e inspección da prestación social dos obxectores de conciencia, e en cumprimento do disposto no artigo 8 punto 2º da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, «efectos dos convenios», resolveu proceder á publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do devandito convenio, que para tal efecto figura como anexo a esta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 1999.

Jesus C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

Convenio entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia para colaborar na xestión e inspección da prestación social dos obxectores de conciencia

En Santiago de Compostela o cinco de xullo de mil novecentos noventa e nove.

REUNIDOS

A excelentísima señora dona Margarita Mariscal de Gante y Mirón, ministra de Xustiza, en virtude da competencia que lle outorga a Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado e o excelentísimo señor don Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia, en virtude da competencia que lle outorga a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

EXPOÑEN:

I. Que ó Ministerio de Xustiza lle compete a xestión e inspección da prestación social substitutoria de acordo co disposto no número 1 do artigo 12 da Lei 22/1998, do 6 de xullo, reguladora da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria.

II. Que a Xunta de Galicia, en virtude do seu Estatuto de autonomía, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, posúe competencias para coordinar e planifica-las actuacións que se desenvolvan nos sectores de utilidade pública nos que se realiza a prestación social dos obxectores de conciencia, correspondendo á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de conformidade co Decreto 227/1998, do 10 de xullo, a xestión da dita prestación no ámbito das súas competencias.

III. O número 2 do citado artigo 12 da Lei 22/1998, establece que o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas poderán subscribir convenios

para efectos de que estas poidan colaborar na xestión e inspección da prestación social.

No dito precepto prevese que os convenios deberán especificar, de xeito claro e preciso, as facultades que asume a Comunidade Autónoma, así como os instrumentos de colaboración que se determinen en materia económica, de coordinación, mutua información e asistencia recíproca.

Neste sentido, o recente Regulamento da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria, aprobado por Real decreto 700/1999, do 30 de abril, fixa un modelo de colaboración, en materia de prestación social substitutoria entre as distintas administracións, en desenvolvemento da previsión contida no citado artigo 12 da Lei 22/1998.

IV. O convenio de colaboración subscrito o 19 de febreiro de 1996, entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia en materia de prestación social dos obxectores de conciencia, expresaba a necesidade dunha eficaz colaboración no eido regulador da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria. Coa entrada en vigor da nova lei e o seu regulamento de aplicación, este convenio, seguindo a liña marcada polo anterior, ten por obxecto que ámbalas dúas administracións se presten a máis ampla colaboración e asistencia mutua para xestionar, coa maior eficacia, a prestación social substitutoria dos obxectores de conciencia de Galicia. Preténdese que ámbalas dúas administracións públicas actúen conxuntamente en favor dos mozos obxectores desta Comunidade Autónoma, co óptimo aproveitamento dos recursos dispoñibles.

Con estes fins, as partes acordan subscribir este convenio para colaborar na xestión e inspección da prestación social, no que se concretan as facultades que asume a Comunidade Autónoma de Galicia e os instrumentos de colaboración entre ámbalas dúas administracións, conforme as seguintes

CLÁUSULAS

Primeira.-Obxecto e finalidade.

O Ministerio de Xustiza, a través da Dirección Xeral de Obxección de Conciencia, e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, colaborarán na xestión e inspección da prestación social substitutoria na Comunidade Autónoma galega, procurando que a incorporación dos obxectores residentes en Galicia ó seu destino se realice no prazo máis breve posible, despois do recoñecemento da condición de obxector de conciencia. Con tal fin, a Xunta de Galicia programará suficientes postos de actividade e a Dirección Xeral de Obxección de Conciencia efectuará a orde de incorporación o antes posible.

Segunda.-Adscrición de obxectores.

A Dirección Xeral de Obxección de Conciencia adscribirá globalmente á dita Comunidade Autónoma os obxectores de conciencia con residencia no territorio da Comunidade Autónoma que se atopasen en

situación de dispoñibilidade e non solicitasen aprazamento ou exención da prestación social e que non solicitasen expresamente destino fóra desta comunidade. Tamén se adscribirán a aqueles obxectores non residentes en Galicia que manifesten como preferencia un destino nesta comunidade.

Non se incluirá nesta relación a aqueles obxectores que vaian adscribirse a programas de prestación social dependentes da Administración xeral do Estado ou que teñan un ámbito territorial que exceda do da referida Comunidade Autónoma.

Terceira.-Orde de incorporación e asignación de postos de actividade.

A Dirección Xeral de Obxección de Conciencia emitirá a cada obxector de conciencia a resolución de adscrición á Comunidade Autónoma. Posteriormente, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, atendendo ás vacantes, procederá a asignarlles ós obxectores programa e localidade, con indicación da data de incorporación, así como os demais datos necesarios para formaliza-lo inicio da prestación social. Ámbalas dúas resolucións notificaránselles ós interesados nos termos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Solicitudes de aprazamento e exención por causa sobrevida.

Se unha vez ordenada a incorporación ou realizando a prestación social os obxectores de conciencia solicitaran un aprazamento ou exención por causa sobrevida, a solicitude será remitida á Dirección Xeral de Obxección de Conciencia que, unha vez resolta, o comunicará á Xunta para que proceda de acordo co previsto no referido Regulamento da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria.

Quinta.-Realización da prestación social substitutoria.

A Xunta de Galicia facilitaralles ós obxectores de conciencia o necesario para a súa formación, vestiario e equipo de traballo, aloxamento, manutención e transporte, se fose necesario. Controlará a duración da prestación social, o horario, os permisos, as vacacións, así como todas aquelas cuestións relacionadas coas condicións de realización da prestación social dos obxectores de conciencia.

Cando por motivo de enfermidade os obxectores de conciencia non poidan incorporarse na data ordenada ou iniciado o período de actividade se atopen incapacitados para realizala, as atribucións recoñecidas regulamentariamente á Dirección Xeral de Obxección de Conciencia serán levadas a cabo pola Xunta de Galicia, que poderá solicitar, en calquera momento, a información médica e documentación necesaria, así como acorda-lo correspondente recoñecemento médico cando se considere oportuno.

A Xunta de Galicia poderá acorda-los cambios de programa e localidade dentro do seu territorio. Así mesmo, poderá atrasa-la data de incorporación ó destino e suspende-la situación de actividade nos termos establecidos regulamentariamente.

Sexta.-Mutua información.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia informará periodicamente do posto de actividade, programa, entidade e localidade de destino dos obxectores de conciencia, así como dos cambios que puidesen producirse, tendo en conta o disposto no artigo 36 da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Mensualmente transmitirá á Dirección Xeral de Obxección de Conciencia a relación total de programas, nese ámbito territorial, para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Tamén se informará da data de inicio e finalización do período de actividade e das interrupcións que se produzan.

Para estes efectos, a Dirección Xeral de Obxección de Conciencia e a Xunta de Galicia establecerán un sistema de información mutua mediante unha conexión informática que permita coñece-los datos de identificación e situación na prestación social de cada obxector de conciencia.

Sétima.-Convenios e entidades colaboradoras.

Os concertos subscritos polo Ministerio de Xustiza coas entidades e organizacións de Galicia, con anterioridade á entrada en vigor deste convenio, manterán a súa vixencia nos termos establecidos neles, asumindo a Xunta de Galicia, se é o caso, os dereitos e obrigas que correspondan ó Ministerio de Xustiza, agás os supostos exceptuados na cláusula segunda, para os efectos dos cales se poderán crear outras fórmulas de colaboración.

A realización da prestación social en asociacións ou entidades non gobernamentais con ámbito territorial que non exceda do da Comunidade Autónoma de Galicia, require o seu recoñecemento como entidade colaboradora pola Xunta de Galicia, mediante a formalización do correspondente concerto. Os concertos que subscriba a Xunta de Galicia deberán axustarse ás previsións que establece a lei e o Regulamento da prestación social substitutoria.

Cando a prestación social se realice en entidades dependentes das administracións públicas, agás as que o sexan da Administración do Estado, tamén requirirá o seu recoñecemento como entidade colaboradora; para iso cómpre autorización da Xunta de Galicia.

Oitava.-Inspección da prestación social.

A Xunta de Galicia realizará o seguimento e a inspección dos programas de prestación social, no seu ámbito territorial, para colaborar co Ministerio de Xustiza no cumprimento da normativa vixente en materia de prestación social substitutoria, vixiando que as actividades desenvolvidas nas entidades

colaboradoras se axeiten ó contido e finalidade da prestación social, especialmente, para que as entidades colaboradoras cumpran as obrigas e funcións que se establecen no artigo 81 e seguintes do citado Regulamento da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria. O Ministerio de Xustiza reservarase a alta inspección de tódolos programas de prestación social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a inspección dos programas dependentes da Administración xeral do Estado ou daqueles con ámbito que exceda da referida Comunidade Autónoma.

A Área de Obxección de Conciencia e Prestación Social Substitutoria da Delegación do Goberno en Galicia colaborará coa Xunta de Galicia nos labores de inspección, seguindo as instruccións que de común acordo se fixen coa Dirección Xeral de Obxección de Conciencia.

A competencia para acorda-la incoación e a instrucción dos expedientes disciplinarios correspóndelle á Xunta de Galicia, respecto ós obxectores incorporados ós programas de prestación social.

A resolución dos procedementos disciplinarios e a imposición de sancións correspóndelle ó órgano competente da Administración do Estado.

Novena.-Incumprimento da prestación social.

Cando a Xunta de Galicia teña coñecemento de incumprimentos por non incorporación ou abandono dos obxectores de conciencia, procederá a formula-la correspondente denuncia ante a xurisdicción competente. Ó mesmo tempo, comunicaralle ó Ministerio de Xustiza as ditas denuncias.

Décima.-Centro pagador.

A Xunta de Galicia queda habilitada como centro pagador da asignación do haber en man, de acordo co disposto no artigo 81.4º do Regulamento da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria.

O Ministerio de Xustiza transferirá, coa suficiente antelación e cunha periodicidade polo menos trimestral, os fondos necesarios para o pagamento do haber en man, así como para sufraga-los gastos de aloxamento e manutención a que, de se-lo caso, houbese lugar.

Cunha periodicidade trimestral, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia informará puntualmente sobre os gastos realizados, debendo presentar anualmente a liquidación, coas xustificacións que para tal efecto se determinen.

No anexo I a este convenio reflíctese o importe máximo que se lle transferirá á Comunidade Autónoma polos conceptos orzamentarios que se especifican.

Anualmente actualizaranse os citados importes de acordo coas previsións de incorporación e coas dispoñibilidades de cada exercicio orzamentario.

Mediante addenda a este convenio, en cada exercicio orzamentario acordarase a transferencia dos fondos necesarios para o pagamento da formación e o vestiario dos obxectores de conciencia.

Décimo primeira.-Comunidades galegas no exterior.

Logo de adscrición do Ministerio de Xustiza, a Xunta de Galicia procederá a asignarlles destino ós obxectores de conciencia que desexen realiza-la prestación social nas Casas de Galicia radicadas no exterior, que para tal efecto se considerarán como entidade colaboradora, sen que os postos de actividade que se creen nestas entidades impliquen custo económico para o Ministerio de Xustiza. Os obxectores que soliciten a incorporación deberán garanti-la protección e xestiona-la cobertura da súa asistencia sanitaria, ben mediante réxime de reciprocidade ou outro procedemento.

Décimo segunda.-Financiamento orzamentario.

O Ministerio de Xustiza destinará no exercicio orzamentario de 1999, con cargo á aplicación 13.05.313F.451 dos orzamentos xerais do Estado, para a execución deste convenio, a cantidade de 7.160.400 pesetas en concepto de gastos de xestión ordinaria, e 8.950.500 pesetas para outros gastos de funcionamento.

O importe dos gastos de xestión ordinaria, que se revisará en cada exercicio orzamentario, é o resultado de aplica-lo módulo de custo de xestión por obxector en situación de actividade referido á data de entrada en vigor do convenio, polo número de obxectores afectados por el.

Os trámites necesarios para o pagamento da citada cantidade iniciaranse de forma inmediata á entrada en vigor deste convenio.

Décimo terceira.-Homologación de procedementos.

A Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Obxección de Conciencia procederán a homologa-los procedementos que son obxecto de colaboración mediante este convenio para facilita-la eficacia xestora de ámbalas dúas administracións.

Décimo cuarta.-Comisión mixta.

Para efectos de coordinación, mutua información e asistencia recíproca, crearase unha comisión mixta, como órgano de vixilancia e control, que resolverá os problemas de interpretación e cumprimento deste convenio que poidan presentarse. Estará integrada por seis membros, tres deles en representación da Xunta de Galicia e tres en representación da Administración do Estado. A comisión mixta reunirase, alomenos, dúas veces ó ano de forma alternativa, en Madrid e Santiago de Compostela.

Décimo quinta.-Vixencia do convenio e período transitorio.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa sinatura e concluirá a súa vixencia o 31 de

decembro de 1999, prorrogándose tacitamente por períodos anuais sucesivos, agás que medie algunha das causas de resolución previstas na cláusula seguinte.

Establécese un período transitorio de tres meses para a plena efectividade deste convenio, co fin de que a Xunta de Galicia poida crea-las estructuras administrativas axeitadas. Este período poderase ampliar ou reducir por acordo de ámbalas dúas partes en caso de necesidade.

Queda sen efecto o convenio de colaboración administrativa entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia en materia de prestación social dos obxectores de conciencia do 19 de febreiro de 1996.

Décimo sexta.-Causas de resolución.

Serán causas de resolución deste convenio:

A denuncia de calquera das partes, formalizada por escrito, con tres meses de antelación ó seu vencemento.

O incumprimento de calquera das cláusulas deste convenio.

O mutuo acordo de ámbalas dúas partes.

De conformidade con canto antecede, no exercicio das atribucións de que son titulares os asinantes, subscriben, por triplicado exemplar este convenio, no lugar e data do encabezamento.

Margarita Mariscal de Gante y Mirón. Ministra de Xustiza. Manuel Fraga Iribarne. Presidenta da Xunta de Galicia.

ANEXO

TRANSFERENCIAS Á COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PREVISTAS NO CONVENIO DE COLABORACIÓN. EXERCICIO ORZAMENTARIO 1999

ConceptoImporte en pesetas

Haber en man (1)10.530.000

Aloxamento e manutención (1)26.224.640

Gastos de xestión ordinaria7.160.400

Gastos de funcionamento8.950.500

Total52.865.540

(1) Importes máximos conforme a cláusula décima do convenio.