Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Venres, 30 de xullo de 1999 Páx. 9.787

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do comercio da pel, calzados e bolsos da provincial de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo do comercio da pel, calzados e bolsos da provincia de Ourense (codigo convenio nº 3200135), con entrada nesta delegación provincial o día 2-6-1999 subscrito en representación da parte económica, Asociación Provincial de Empresarios do Comercio da Pel, Calzados e Bolsos de Ourense, e da parte social, centrais sindicais: CC.OO., UGT e CIG, todas elas con lexitimidade suficiente para asinalo, o día 6-5-1999, de conformidade co disposto no artigo 90, 2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspasos de funcións e servicios da Administración do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seú depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación (UMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 16 de xuño de 1999.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio do comercio da pel

1999

Artigo 1º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son a Asociación Provincial de Empresarios de Calzados e Bolsos de Ourense e a central sindical CC.OO. que ten o 100% da representación social, a UGT e a CIG, ambas con lexitimidade suficiente para a súa sinatura, segundo o previsto no artigo 87 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Nos seus aspectos territorial, funcional e persoal, o presente convenio afectará as empresas establecidas ou que se poidan establecer en Ourense, xa sexan naturais ou xurídicas as persoas titulares delas, que se dediquen ás actividades de comercio da pel en xeral, tanto por xunto como polo miúdo e ás que lles sexa de aplicación a ordenanza laboral de traballo para o comercio e, así mesmo, ás relacións laborais entre tales empresas e os productores que nela presten os seus servicios.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 1999, independentemente da súa publicación no BOP. Este convenio será aplicable na súa totalidade ata que se asine outro que o substitúa.

Artigo 4º.-Duración

Establécese para o presente convenio unha duración dun ano, é dicir, desde o 1 de xaneiro de 1999, ata o 31 de decembro de 1999 prorrogable pola tácita de ano en ano a partir de 1999 en períodos anuais sempre que non sexa denunciado por algunha das partes que o subscribe, antes do remate da súa vixencia inicial ou de calquera das súas prórrogas.

Os requisitos formais da denuncia serán os establecidos no artigo 89 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras establecidas polo presente convenio establécense co carácter de mínimas dentro das condicións pactadas. Respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas manténdose «ad personam» en canto excedan do cómputo anual.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Establécese unha comisión paritaria de interpretación e vixilancia do convenio integrada polas persoas asinantes del, tal e como se sinala na súa disposición derradeira terceira.

Artigo 7º.-Funcionamento da comisión mixta paritaria.

En caso de reclamación sobre materia regulada no convenio, a comisión mixta paritaria, oída a representación sindical dos traballadores do centro de traballo afectado e a dirección da empresa, dictaminarán por maioría sobre o asunto. De non ser aceptado o dictame da comisión mixta paritaria, resolverá a autoridade competente en cada caso.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións serán de trinta días naturais para cada traballador/a. Este período poderase dividir en dous, os cales se fixarán de común acordo entre empresa e representantes dos traballadores, fixando o calendario de desfrute nos tres primeiros meses do ano e debendo coñece-los traballadores este calendario con dous meses de antelación á data do seu comezo, tal e como establece a lexislación vixente.

Artigo 9º.-Salario base.

Os salarios base do presente convenio serán os que figuran na táboa anexa.

Artigo 10º.-Antigüidade.

O persoal abranguido neste convenio percibirá aumentos periódicos por ano de servicio consistentes no aboamento de cuadrienios na contía do 6% do salario correspondente á categoría na que estea clasificado.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

As empresas deberán aboar tres pagas extraordinarias: unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios, pagadeira entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo. Cada unha integrada por unha mensualidade do salario total do convenio e o premio de antigüidade que será estimado, se é o caso, sobre o salario actualizado na data en que sexa pagada e mesmo a de beneficios, para aqueles que regulamentariamente ou por pacto os teñan recoñecidos, de tal maneira que o seu importe debe ser igual ó das mensualidades ordinarias, constituíndo 15 pagas anuais.

Artigo 12º.- Axuda de estudios.

Establécese unha axuda mensual de 575 ptas. para os fillos dos traballadores que cursen BUP ou ensinanzas inferiores e de 1.219 ptas. ó mes para estudios superiores. Quedan conxelados estes importes desde a sinatura deste convenio a medida que desaparezan as causas que o orixinan.

Artigo 13º.-Remuneración anual.

A remuneración anual total será a establecida no presente convenio correspondente a cada categoría incluída a antigüidade, pagas extraordinarias, beneficios e axudas de estudio cando a xornada sexa a tempo parcial ou reducida. Nos casos de enfermidade, vacacións e licencias aplicarase o disposto na ordenanza laboral do comercio.

Artigo 14º.-Xornada.

A xornada laboral para a vixencia deste convenio será de 1.800 horas en cómputo anual. A xornada semanal será de luns a sábado, e rematará a xornada ás 13.30 horas do sábado, ata a sinatura do seguinte convenio, respectándose en todo caso os límites de traballo fixados para a xornada diaria e descanso entre xornadas establecidos no texto refundido do Estatuto dos traballadores, Lei 1/1995, do 24 de marzo.

Como consecuencia da instalación en Ourense dunha gran superficie como é Continente, ámbalas partes manifestan que no caso de que a instalación desta inflúa no comercio da pel en Ourense, se reunirá a comisión paritaria do convenio para analiza-la situación e toma-las medidas que se consideren máis idóneas para palia-la situación.

Fíxanse días libres no sector para tódolos efectos para escoller entre a empresa e os traballadores un día de entre o 9 e o 23 de novembro; as datas poderán ser modificadas por acordo entre a empresa e os traballadores.

Fíxanse como días para traballar, como consecuencia das festas de Nadal e de acordo coa tradición con que se vén facendo, os seguintes sábados pola tarde do mes de decembro: 4, 11 e 18 de decembro e o 8 de xaneiro de 2000, tendo os ditos sábados pola tarde a consideración de xornada efectiva de traballo, sempre e cando non se excedan as 1.800 horas de xornada efectiva establecida no presente artigo. Aqueles traballadores que realicen o seu traballo o sábado pola tarde terán dereito ó descanso equivalente e na mesma proporción ás horas traballadas ou á súa compensación económica, se así o acordan entre a empresa e os traballadores.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio establecen como unha guía adecuada para a creación de emprego a reducción das horas extraordinarias, para este efecto recoméndase a súa supresión. Non obstante o anterior, poderán realizarse as horas extraordinarias que sexan consideradas como estructurais ou de forza maior. Para os efectos de considerar cales son as horas estructurais ou de forza maior aplicarase o disposto no punto cuarto do Acordo Nacional de Emprego, así como o disposto no Real decreto 1858/1981, do 29 de agosto.

Artigo 16º.-Premio de xubilación.

O persoal que se xubile dentro da idade de 64 anos ou antes do cumprimento desta, ademais do que lle corresponde segundo a lexislación vixente, percibirá como premio de xubilación unha mensualidade completa.

As empresas afectadas por este convenio poderán pacta-la xubilación ós 64 anos de idade de conformidade co disposto na Lei 14/1981, do 17 de outubro, que a desenvolve, así como as demais disposicións legais que regulen este tipo de xubilación no futuro.

Artigo 17º.-Publicidade.

As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar no centro de traballo para coñecemento do persoal. Así mesmo, colocarán no taboleiro de anuncios copias dos boletíns de cotización á Seguridade Social co fin de que os traballadores constaten a súa situación laboral mensualmente.

Artigo 18º.-Baixa por IT.

A baixa por maternidade terá a retribución do cento por cento do salario neto que viña percibindo. En caso de que a traballadora opte por desfrutar dúas semanas antes do parto segundo determina a OMS, respectaráselle-la mencionada retribución.

Artigo 19º.-Dereitos sindicais.

a) As empresas deberán cumpri-lo texto refundido do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo e, se é o caso, a normativa que poida substituíla ou modificala e os acordos nacionais asinados entre ámbalas partes sobre esta materia de forma clara e progresiva. Os delegados de persoal exercerán de forma mancomunada ante o empresario a representación para a que foron elixidos, intervindo en cantas cuestións se susciten en relación coas condicións de traballo e do persoal que representan, formulando reclamacións perante a autoridade laboral ou entidades xestoras da Seguridade Social, segundo proceda, sobre o cumprimento das relativas a seguridade e hixiene no traballo e Seguridade Social. Os comités de empresa recibirán información que lles será facilitada trimestralmente, polo menos, sobre a situación da producción e vendas da empresa, sobre a súa programación de producción e evolución probable do emprego na empresa, coñece-lo balance de resultados, a

memoria e, no caso de revesti-la forma xurídica de sociedade, dos demais documentos que se lles dean ós socios e nas mesmas condicións que a estes. Emitir informe con carácter previo sobre reestructuración de cadro de persoal e cadros bancarios.

b) En tódolos contratos, modificacións e prórrogas destes, poderase incluír, xunto coa sinatura do empresario e do traballador a dun representante sindical dos traballadores, entendéndose por estes os membros das seccións sindicais, comités de empresa e delegados de persoal.

c) A dirección da empresa, no prazo dunha semana, entregaralles copia do contrato ou documento que o modifique ós representantes sindicais dos traballadores.

d) Cláusula sobre liquidacións: tódolos recibos de liquidación deberán especificar con toda claridade, xunto cos demais conceptos que se lle deben ó traballador, os correspondentes atrasos do convenio e os derivados da aplicación da cláusula de revisión, se os houber.

e) As relacións laborais serán prioritariamente de carácter indefinido. Non obstante, cando as circunstancias o esixan poderán subscribir contratos por tempo determinado, respectando o principio xeral de estabilidade e garantindo en todo caso a estricta causalidade da contratación. Para iso a empresa notificaralles ós representantes dos traballadores para determinar se as circunstancias específicas xustifican o uso de calquera das modalidades de contratación temporal.

Artigo 20º.-Cláusula de desvinculación.

As empresa afectadas por este convenio colectivo só poderán non aplica-lo réxime salarial no pactado por acordo maioritario da comisión paritaria do convenio e referendo da maioría da totalidade do cadro de persoal dos traballadores da empresa ós que lle é de aplicación o convenio, mediante asemblea legalmente constituída. Ademais, a desvinculación do réxime salarial deberá servir para superar unha situación de crise económica da empresa provocada por perdas nos últimos dous exercicios contables.

A empresa afectada deberá solicitarlle á comisión paritaria a aplicación desta cláusula por escrito, no que conste os datos da empresa, a reducción salarial proposta e a duración da desvinculación. Así mesmo, deberá achega-la documentación que lle sexa solicitada pola comisión paritaria para a resolución da petición, a cal deberá producirse no prazo dun mes.

No caso de considerar fundada a solicitude, a comisión paritaria establecerá o nivel retributivo que se aplicará na empresa afectada, que en ningún caso afectará a estructura establecida para o salario no convenio.

En todo caso, o beneficio da inaplicación só se estende ata o remate do período de vixencia establecido para o nivel retributivo vixente no momento da solicitude. Rematado este, a empresa deberá recupera-lo nivel establecido no convenio seguinte.

Os acordos da comisión paritaria e da asemblea de traballadores/as reflectirase en actas que se rexistrarán no SMAC.

Artigo 21º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirán discriminacións por razón de sexo, idade, ideoloxía, raza, minusvalidez, etc. Así mesmo, as empresas garantirán a percepción de igual salario en igual función, respectándose para todo o persoal con contrato de traballo ou sen el, unha vez cumpridos os 18 anos, as táboas vixentes no presente convenio.

Artigo 22º.-Fomento da contratación.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º.b do Estatuto dos traballadores, para unha menor precarización do emprego que se deriva do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas e excesos de pedidos a que se refire este artigo, poderá realizarse cunha duración mínima de seis meses e un máximo de trece meses e medio nun período de dezaoito meses. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto ó desfrute de beneficios salariais, complementos, etc.

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo escrito con polo menos 15 días de antelación de 12 días por ano traballado, entendéndose que esta indemnización corresponde por remate das prórrogas xa que, en caso de producirse a extinción por causa

non imputable ó traballador, este terá dereito a percibi-la indemnización que legalmente corresponda por despedimento.

No suposto de non producirse a extinción ó remate do tempo máximo de duración dos tres anos, se o traballador seguise prestando os seus servicios á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

Durante a vixencia do presente convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por duración determinada, acolleranse ó disposto na alínea b), parágrafo 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado e fomento da contratación indefinida, en virtude da cal estes contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 23º.-Contratos de formación.

De conformidade co artigo 11.2º.c do ET (Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e o Real decreto 488/1998) poderanse efectuar contratos formativos cunha duración mínima de seis meses e unha máxima de tres anos. No non previsto neste convenio para estes contratos, aplicarase o que dispón o mencionado Real decreto 488/1998. Estes contratos estenderanse ós traballadores de 16 a 21 anos.

Artigo 24º.-Contrato en prácticas.

A retribución destes contratos será do 65% e o 80% respectivamente, para o primeiro e segundo ano do contrato, do salario de convenio fixado para a categoría profesional que corresponda.

Artigo 25º.-Fixos descontinuos.

Aqueles traballadores que presten os seus servicios laborais nunha mesma empresa en un mesmo período de forma eventual, ós tres anos como máximo, pasarán a ser fixos descontinuos.

Artigo 26º.-Contrato por obra ou servicio determinado.

As partes asinantes do presente convenio colectivo consideran que, dada a peculiaridade do sector, este tipo de contratos non é o máis adecuado para este, polo que se recomenda a realización doutros tipos de contratación.

Artigo 27º.-Inasistencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá faltar ó traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e durante o tempo que a seguir se expón:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite efectuar un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo inescusable, para o cumprimento dun deber público e persoal comprendido o exercicio inescusable do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto a duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis dun vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador á situación de excedencia regulada no punto 1º do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontaráselle-lo importe desta do salario a que tiver dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

g) As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente polo pai en caso de que ámbolos dous traballen.

h) Quen por garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O incremento salarial do presente convenio é dun 2,45% durante a súa vixencia.

Segunda.-En todo o que non se encontre previsto expresamente no presente convenio, aplicarase o disposto na ordenanza laboral de traballo no comercio, en canto ámbalas partes non acorden substituíla por un convenio colectivo en caso de que fose derrogada; Lei do Estatuto dos traballadores, así como a Lei orgánica de liberdade sindical e todas aquelas disposicións legais de aplicación.

Terceira.-A comisión paritaria do convenio estará formada polas persoas asinantes do presente convenio.

Cuarta.-As partes asinantes do presente convenio recoñecen a importancia que para o comercio da pel tería que o 19 de marzo, día de San Xosé fose festivo, e que como queira que desde os últimos anos non foi posible que se declarase festivo ese

día nin a nivel autonómico nin a nivel local; as partes asinantes do presente convenio acordan que para 1998 se fixe como día libre en compensación do exceso da xornada anual o 19 de marzo.

Quinta.-Cláusula de sumisión á AGA.

Ante a importancia que poida supoñer para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo, AGA, asinado pola CEG e as centrais sindicais UGT, CC.OO. e a CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que estean formuladas.

Sexta.-Ante a importancia que podería ter para a creación de emprego unha adecuada regulación das relacións laborais, as partes asinantes do presente convenio acordan reunirse no mes de setembro para estudiar todas aquelas cuestións que, como consecuencia do Acordo Nacional sobre o Emprego asinado entre a CEOE e as centrais sindicais CC.OO. e UGT, poidan desenvolverse a través da negociación colectiva co obxecto de que poidan trasladarse ó convenio colectivo do 2000.

Táboa salarial

Xefe de división: 108.408 ptas.

Encargado xeral e xefe de compras: 104.433 ptas.

Xefe de sucursal ou almacén: 104.466 ptas.

Xefe de sección mercantil: 100.514 ptas.

Encargado: 98.539 ptas.

Viaxante: 98.539 ptas.

Dependente de 25 anos: 94.591 ptas.

Dependente de 22 a 25 anos: 89.356 ptas.

Axudante: 88.182 ptas.

Mozo: 88.182 ptas.

Traballadores de 16 a 18 anos: 54.634 ptas.

Xefe administrativo: 104.466 ptas.

Contable: 98642 ptas.

Oficial administrativo: 94.591 ptas.

Auxiliar administrativo: 88.182 ptas.

Aspirante de 16 a 18 anos: 54.634 ptas.

Auxiliar de caixa maior de 20 anos: 89.357 ptas.

Auxiliar de caixa de 16 a 18 anos: 54.633 ptas.

Escaparatista: 103.281 ptas.

Persoal de limpeza salario/hora: 619 ptas.