Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Xoves, 29 de xullo de 1999 Páx. 9.744

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 14 de xullo de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público para a concesión de axudas para a realización de dous proxectos de investigación relativos ós centros de educación non universitaria de Galicia.

O Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento PGIDT 1999-2001 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998,

prevé a utilización de diferentes instrumentos para levar a cabo a execución dos seus programas. Ademais dos instrumentos ordinarios, prevense outros máis específicos, con frecuencia de utilización esporádica e que responden ós obxectivos concretos de cada programa. Neste punto encádrase esta convocatoria e con ela preténdese, en coordinación coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a realización de proxectos de investigación relativos ós centros de educación non universitarios de Galicia, por parte de equipos de investigación integrados nunha institución pública da Comunidade Autónoma, para estimula-la investigación sectorial no ámbito educativo.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Un.-Convócase concurso público para a concesión de axudas para a realización de dous proxectos de investigación relativos ós centros de educación non universitaria de Galicia que versarán sobre os seguintes temas:

Proxecto A: «Atención á diversidade», que incluirá os seguintes obxectivos:

a) Delimita-los compoñentes principais que poden dar lugar ás dificultades de aprendizaxe do alumnado.

b) Deseñar probas estándar que lles permitan ós centros identificar estes compoñentes.

c) Deseñar programas específicos para un ensino adaptativo incluíndo instrumentos de avaliación formativa.

d) Facer propostas de adecuación dos contextos educativos ás necesidades de atención á diversidade.

e) Propoñer modalidades de atención á diversidade dentro do marco de comprensividade da educación secundaria obrigatoria.

Proxecto B: «Avaliación da formación nos centros de traballo (FCT) de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia», que incluirá os seguintes obxectivos:

a) Realizar unha descrición e valoración xeral dos actuais módulos de FCT (formación en centros de traballo).

b) Valora-la idoneidade e calidade formativa das actividades desenvolvidas nos períodos de formación nos centros de traballo.

c) Valora-lo nivel de impacto das FTC nas expectativas de emprego.

d) Identifica-la percepción e valoración por parte dos empregadores dos cambios introducidos nos novos ciclos formativos (incluídos os módulos de FCT) con respecto ós antigos programas de formación profesional.

e) Formular propostas de actuación nos centros de formación e nos centros de traballo.

Dous.-Para a concesión das axudas obxecto desta convocatoria destinaranse un total de 7.700.000 ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.740.0 dos

orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 1999 e 2000, de acordo coa seguinte distribución:

Ano 1999Ano 2000

Proxecto A: 2.500.000 ptas.1.900.000 ptas.

Proxecto B: 1.850.000 ptas.1.450.000 ptas.

Artigo 2º

As solicitudes, no modelo oficial que se publica como anexo a esta orde e dispoñible en Internet nos enderezos:

* http://www.cesga.es/sxid

* e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm,

co visto e prace do representante legal do correspondente organismo, asinadas por investigadores de centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

-Composición do equipo que levará a cabo o correspondente estudio.

-Currículum vitae normalizado de cada un dos membros do equipo.

-Horas semanais que cada un dos membros do grupo se compromete a dedicar á realización do traballo. Os investigadores deberán dispor de horas libres, descontadas ás que dedican ós proxectos de investigación vixentes financiados pola Xunta de Galicia ou por outros organismos (exceptúanse os proxectos financiados con fondos europeos). O número máximo de horas que se poden dedicar á investigación, cando esta actividade se realiza de forma exclusiva, é de 40 semanais (32 no caso de profesores de universidade).

-Metodoloxía que se vai utilizar e medios dos que dispón o equipo para a realización do traballo.

-Plan de traballo.

-Prazo de execución do traballo (o traballo deberá estar rematado antes do 30 de xuño do ano 2000).

As solicitudes presentaranse desde o día seguinte ó da publicación desta orde no DOG ata o 20 de agosto de 1999.

Artigo 3º

Os servicios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e no caso de que a solicitude non estivera convenientemente cuberta ou xunta coa correspondente documentación, requerirase o solicitante para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta e xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se lle considerará desistido da súa petición e procederase, logo da resolución, ó arquivo desta, de conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 4/1999, do 13 de

xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse ós termos da convocatoria será causa de desestimación da solicitude presentada.

Artigo 4º

A selección dos beneficiarios das axudas será realizada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento (un deles actuará como presidente e outro como secretario), e os outros dous designados pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva.

A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

-A valoración dos resultados obtidos polos investigadores que formen o equipo en proxectos realizados anteriormente.

-Os medios de que dispón o equipo.

-O plan de traballo.

A comisión poderá solicitar un informe técnico sobre as solicitudes presentadas.

Artigo 5º

O libramento da axuda realizarase a través do correspondente organismo, logo da presentación das correspondentes certificacións de gasto e de acordo coa normativa vixente. Poderán efectuarse anticipos ou pagamentos parciais conforme ó establecido no artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Ó finaliza-lo proxecto, os beneficiarios das axudas deberán presenta-lo informe final no que se resuma a totalidade do traballo realizado.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 6º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións pública e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º

Para os efectos establecidos no artigo 42 da Lei 4/1999, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 6 meses.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública