Ponse en coñecemento de tódolos interesados na concentración parcelaria da zona de Baltar-Tixós (Baltar-Ourense), declarada de utilidade pública e interese social a urxente execución polo Decreto 47/1993, do 19 de febreiro, o seguinte:
Primeiro.-Con data do 24 de xuño de 1999, o director xeral de Desenvolvemento Rural aprobou o acordo de concentración parcelaria da zona de Baltar-Tixós (Baltar-Ourense), logo de introducir no proxecto as modificacións oportunas á vista do resultado da enquisa deste último.
Segundo.-O acordo de concentración estará exposto ó público no Concello de Baltar e na zona, durante trinta días hábiles, contados desde o día seguinte a aquel en que sexa publicado o último dos avisos que corresponde facer no Diario Oficial de Galicia, no BOP, no xornal de máis circulación da provincia, no lugar habitual da parroquia e no taboleiro de anuncios do concello.
Terceiro.-No prazo dos trinta días que se din, cabe interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, podendo os recorrentes presentalo na xefatura do Servicio de Estructuras Rurais (r/ Florentino L. Cuevillas, 4-6 baixo, Ourense), nas oficinas centrais da consellería (edificio San Caetano, Santiago de Compostela), ou en calquera das dependencias ás que fai referencia o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por si mesmos ou por representación, facéndose constar no escrito un domicilio dentro do termo municipal para efectos das notificacións que procedan.
Advírtese, ademais, que o acordo de concentración parcelaria só poderá ser impugnado en alzada se se infrinxen as formalidades prescritas para a súa
elaboración e publicación ou se non se axustase ás bases (artigos 36, 38, 40 e 41 da Lei de concentración parcelaria para Galicia, do 14 de agosto de 1985).
Ourense, 24 de xuño de 1999.
Francisco Marín Muñoz
Xefe do Servicio de Estructuras Rurais de Ourense
Visto e prace
José Manuel Baltar Blanco
Delegado provincial de Ourense