Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 21 de xullo de 1999 Páx. 9.432

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 1999 pola que se ordena a publicación do convenio de colaboración entre o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de inspección de traballo e Seguridade Social.

Subscrito, con data do 8 de xuño de 1999, un convenio de colaboración entre o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de inspección de traballo e Seguridade Social, procede a súa publicación no Diario Oficial de Galicia do dito convenio, que figura como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 1999.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

Convenio de colaboración entre o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de inspección de traballo e Seguridade Social

En Madrid o oito de xuño de mil novecentos noventa e nove.

Dunha parte, Manuel Pimentel Siles, ministro de Traballo e Asuntos Sociais.

Doutra parte, Jesús Carlos Palmou Lorenzo, Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Interveñen Manuel Pimentel Siles, ministro de Traballo e Asuntos Sociais, nomeado por Real decreto 77/1999, do 18 de xaneiro (Boletín Oficial del Estado número 16 do día 19), en nome e representación da Administración xeral do Estado actuando en virtude das competencias que lle confire o acordo adoptado polo Consello de Ministros na súa sesión do 3 de xullo de 1998 (Boletín Oficial del Estado do día 17).

Jesús Carlos Palmou Lorenzo, conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, nomeado por Decreto 349/1997, do 9 de decembro, en nome e representación da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude das competencias que lle confire o artigo 34.10º da Lei 1/1983, do 1 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente.

Manifestan que a Lei 42/1997, do 14 de novembro, ordenadora da Inspección de Traballo e Seguridade Social (Boletín Oficial del Estado número 274 do día 15), no seu artigo 1 configura a dita Inspección como un servicio público cos cometidos e funcións no dito instrumento legal, baixo os principios de concepción única e integral do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Que o ámbito de actuación da dita inspección corresponde a materias de competencia da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, actuando a inspección en dependencia funcional de cada unha das ditas administracións por razón da titularidade da materia sobre a que recaia cada actuación, sen prexuízo do carácter integrado e unitario das súas actuacións (artigos 18.2º e 19.2º da citada lei).

Que, consecuentemente, a precitada Lei 42/1997 dispuxo órganos colexiados para a colaboración e cooperación recíprocas entre as administracións con competencias en materia de Inspección de Traballo e Seguridade Social (artigo 15), mediante a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais (artigo 16), a constitución no ámbito territorial de cada autonomía das novas comisións territoriais da Inspección de Traballo e Seguridade Social así como o instrumento do acordo bilateral entre a Administración xeral do Estado e a de cada Comunidade Autónoma (artigo 17), sen prexuízo da integración orgánica do Sistema de Inspección (artigo 18).

Que, en beneficio do interese xeral, a citada lei, no seu artigo 17, establece o instrumento do acordo bilateral entre a Administración xeral do Estado e a da Comunidade Autónoma de Galicia para impulsar e asegura-la efectividade dos principios de colaboración e cooperación entre ámbalas administracións, como esencial ó modelo de organización territorial do Estado implantado pola Constitución.

Que, polo tanto, ámbalas administracións subscriben este acordo, ó amparo do invocado artigo 17 da Lei 42/1997, do 14 de novembro, para establecer e definir canto atinxe á Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia

que prevé o dito precepto, e cantas outras materias de interese común afecten o bo funcionamento e eficacia da citada inspección no territorio da referida Comunidade Autónoma, no marco legal de unidade institucional e coherencia de actuación no Sistema da Inspección de Traballo e Seguridade Social. E que, así mesmo, ámbalas partes manifestan que este acordo non supón para as administracións xeral do Estado e de Galicia limitación nin renuncia de futuro para, á finalización da vixencia del, acordar novo pacto no marco do antedito precepto legal.

Por todo iso, a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia, desde o mutuo respecto ás competencias e organización de ámbalas administracións públicas que inspira este acto, con suxeición ó ordenamento xurídico vixente, subscriben este acordo bilateral para o desenvolvemento efectivo dos principios de recíproca colaboración e cooperación para a consecución dos fins públicos asignados á Inspección de Traballo e Seguridade Social, de acordo coas seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto do acordo.

Este acordo bilateral ten por obxecto o cumprimento das previsións do artigo 17 da Lei 42/1997, do 14 de novembro, ordenadora da Inspección de Traballo e Seguridade Social, no que atinxe á regulación da Comisión Territorial e demais materias previstas no dito precepto no ámbito territorial de Galicia.

Este acordo insírese no marco da citada Lei 42/1997, das Cortes xerais e na súa normativa de desenvolvemento.

Segunda.-Carácter e composición da Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia.

2.1. A Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social é un órgano colexiado para a cooperación e colaboración mutuas na materia das administracións xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.2. A presidencia da Comisión Territorial correspóndelle ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Comunidade Autónoma de Galicia, que poderá delega-la presidencia de sesións noutra autoridade da Comunidade Autónoma con rango, alomenos, de director xeral.

2.3. A Comisión Territorial terá un número igual de membros das dúas administracións públicas asinantes deste acordo.

Pola Administración xeral do Estado compoñen a Comisión Territorial o delegado do Goberno en Galicia ou o seu representante, a Autoridade central da Inspección de Traballo e Seguridade Social ou o seu representante, e cadanseu representante do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social. Pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia formarán parte da dita comisión, a Secretaría Xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, o director xeral de Rela

cións Laborais e outro membro designado polo presidente da Comisión Territorial.

Será secretario, con voz pero sen voto, da Comisión Territorial o director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

2.4. A sede da Comisión Territorial radicará nos locais da Dirección Territorial de Traballo e Seguridade Social, sen prexuízo de que as súas sesións poidan ter lugar en Santiago de Compostela ou noutro lugar, se así o decidise o seu presidente.

Terceira.-Cometidos da Comisión Territorial.

En desenvolvemento do artigo 17 da Lei 42/1997, do 14 de novembro, sinálanse neste acordo como cometidos da Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia os seguintes:

-Determinación anual do Programa Territorial de Obxectivos para a acción inspectora, correspondente ó ámbito territorial de Galicia, que terá carácter integrado das materias de titularidade competencial autonómica, supraautonómica e estatal. Os obxectivos que se establezan terán a correspondente desagregación provincial para efectos da súa execución.

-Integración no dito Programa Territorial dos Obxectivos Xerais en materias de competencia estatal e de ámbito supraautonómico, así como os que resulten de acordos da Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, na medida que o desenvolvemento e execución da correspondente acción inspectora teña que efectuarse en Galicia.

-Definición de programas de acción inspectora en materias en que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña de competencia lexislativa plena, conforme o disposto na disposición adicional sexta da Lei ordenadora da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

-Coñece-las propostas dos órganos representativos de consulta, asesoramento e participación institucional, en materia da orde social, obxecto da actividade da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

-Seguimento xeral do grao de execución dos programas de obxectivos formulados pola propia comisión.

-Determinación das fórmulas prácticas para a materialización das colaboracións doutros sectores de ámbalas administracións que resulten necesarias para que a citada inspección poida acada-los obxectivos establecidos nos anteditos programas, entre os que figurarán as relativas á colaboración e auxilio das facendas autonómicas e da unidade de Policía adscrita á Xunta de Galicia e policías locais.

-Definición dos supostos no que a Inspección de Traballo e Seguridade Social teña que dispoñer da colaboración técnica e pericial dos servicios técnicos de Prevención Laboral da Comunidade Autónoma de Galicia, incluso con constitución de equipos de inspectores e membros dos ditos servicios, se así se crese conveniente.

-Determinación, se é o caso, das accións de perfeccionamento e especialización de coñecementos profesionais dos inspectores e subinspectores con destino en Galicia, de conformidade co artigo 20.3º da lei ordenadora.

-A consulta coas organizacións sindicais e empresariais a que se refire o artigo 40.4º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Cuarta.-Réxime de funcionamento da Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

A Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia poderá establece-las súas propias normas de funcionamento de acordo co que establece o artigo 22.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Designación e cesamento de postos directivos.

5.1. O posto de director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia será desempeñado por un funcionario do Corpo superior de inspectores de Traballo e Seguridade Social cos requisitos establecidos polas normas regulamentarias de aplicación. A súa designación e o cesamento será efectuado polo subsecretario de Traballo e Asuntos Sociais por proposta conxunta da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Comunidade Autónoma de Galicia e da autoridade central da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

5.2. Os postos de xefe das inspeccións provinciais serán desempeñados por funcionarios do antedito corpo. A súa designación e o cesamento será formalizado polo subsecretario de Traballo e Asuntos Sociais, por proposta da autoridade central e logo de consulta para o efecto coa Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

5.3. Os demais postos de traballo da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia cubriranse polo sistema xeral vixente na función pública, de conformidade co disposto no artigo 20.2º da Lei ordenadora da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Sexta.-Outras cuestións relativas á inspección de traballo e Seguridade Social en Galicia.

6.1. A colaboración e cooperación interinstitucional na materia deste acordo establécese con carácter habitual entre o presidente da antedita Comisión Territorial ou autoridade en que delegue e a autoridade central da Inspección de Traballo e Seguridade Social. A dita autoridade central comunicaralle ó referido presidente, nos termos do artigo 21.2º da citada lei ordenadora, os acordos e obxectivos xerais ou de competencia estatal no territorio. O presidente da Comisión Territorial comunicaralle á referida autoridade central a programación establecida pola comisión para o territorio de Galicia e, se é o caso, as modificacións que se produzan.

6.2. As denominacións e delimitacións de zonas e demarcacións territoriais para efectos da organización da acción inspectora poderán adaptarse ás que con carácter xeral teña a Comunidade Autónoma de Galicia e ás zonas de cada Administración da Tesourería xeral da Seguridade Social.

6.3. Serán habilitados locais para o seu uso exclusivo pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e mentres sexa materialmente posible o dito réxime, os locais adscritos á dita inspección separaranse internamente dos destinados a outros servicios ou atencións. Dispoñeranse espacios específicos para a Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia, coas axeitadas dimensións e dignidade.

6.4. No exterior dos edificios adscritos á Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia ondearán as bandeiras de España, de Galicia e da Unión Europea. Os rótulos identificativos nos ditos edificios expresaranse en galego e en castelán, como linguas cooficiais.

6.5. Nas súas relacións coa Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia garánteselle ó administrado que será atendido na lingua cooficial pola que opte, conforme a normativa aplicable no territorio de Galicia. Nos impresos e documentos que utilice a dita inspección haberá que aterse ós acordos que se adopten ó respecto os órganos a que se refire o punto seguinte, para a aplicación da normativa vixente.

6.6. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Comunidade Autónoma de Galicia e a Autoridade central da Inspección de Traballo e Seguridade Social adoptarán de común acordo as medidas que permitan as conexións informáticas da citada inspección cos servicios da Administración autonómica de Galicia, en materias con título competencial desta última, e en materias da competencia da Administración xeral do Estado que garden relación cos cometidos que competen á Comunidade Autónoma de Galicia. E tamén as ditas autoridades poderán acordar mecanismos de mutua información na esfera das competencias de ámbalas administracións públicas, por conducto das conexións que se establezan coa citada inspección.

6.7. As autoridades citadas no subpunto anterior acordarán a constitución de unidades especializadas que se consideren convenientes para o mellor desenvolvemento da función inspectora, así como a designación do inspector que desempeñe a súa xefatura cando o seu ámbito corresponda basicamente a competencias autonómicas, nos termos do artigo 19.1º da Lei 42/1997, do 14 de novembro, e as súas normas regulamentarias. No acordo de establecemento de tales unidades especializadas, teranse en conta os respectivos cadros de persoal e as prazas que figuren na relación de postos de traballo, a entidade de cada demarcación e o número e complexidade dos asuntos que coñece a inspección en cada demarcación e na respectiva área funcional de actuación.

Sétima.-Participación da inspección en órganos colexiados das administracións.

O director territorial ou, se é o caso, o xefe da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social participará, como representante da Administración, en todos aqueles órganos colexiados das administracións xeral do Estado ou da Comunidade Autónoma de Gali

cia, en que vén participando ata este momento. Se se constitúen novos órganos da indicada natureza, as Autoridades citadas no subpunto 6.6º deste acordo bilateral disporán de mutuo acordo o que corresponda.

Oitava.-Vixencia deste acordo.

Este acordo bilateral entrará en vigor á súa sinatura e terá unha duración de catro anos, prorrogándose pola tácita de non mediar denuncia cunha antelación de seis meses.

As autoridades pertinentes disporán a publicación deste acordo bilateral no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

E en proba de conformidade, subscriben este acordo en duplicado exemplar, no lugar e data indicados ó inicio.

Manuel Pimentel SilesJesús Carlos Palmou Lorenzo

Ministro de TraballoConselleiro de Xustiza,

e Asuntos SociaisInterior e Relacións Laborais