Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 21 de xullo de 1999 Páx. 9.435

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 212/1999, do 15 de xullo, polo que se crea o centro de menores Montealegre II (Ourense).

A Comunidade Autónoma de Galicia, según o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en concordancia co artigo 148.1º.20 da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social.

En virtude desa atribución competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A mencionada lei regula como servicios sociais de atención especializada, entre outros, os dirixidos á familia, infancia e xuventude, e recolle determinados programas e equipamentos entre os que figuran os centros de menores, encamiñados á consecución da normalización, personalización e integración socio familiar dos seus beneficiarios. Neste mesmo sentido, atribúeselle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a través da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, infancia e adolescencia, tódalas competencias relativas á creación de centros de atención a menores.

No desenvolvemento da lei, e co fin de garanti-la adecuada prestación dos servicios, controla-la calidade da atención e recoñece-los dereitos e deberes dos usuarios, aprobouse o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, de autorización e acreditación de centros de servicios sociais. Esta disposición regula a obriga de obte-la a autorización administrativa previa para

a creación ou modificación dos equipamentos sociais, así como para o inicio ou cesamento das súas actividades, especificando os requisitos xerais que os mesmos deben cumprir.

Neste sentido, según o disposto no artigo 29 da Lei 4/1993, de servicios sociais e o artigo 6 do Decreto 243/1995, para a creación de centros de servicios sociais propios da Administración autonómica, será necesaria unha norma con rango de decreto, sendo precisa orde da consellería competente para o inicio das súas actividades.

De conformidade coa Lei 4/1993, a Lei 3/1997 e o Decreto 243/1995, por proposta da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xullo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artígo único.-Créase o centro de menores Montealegre II, que se situará no barrio de Montealegre, s/n en Ourense.

Disposición derradeira

Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a dicta-las disposicións necesarias para a posta en funcionamento do centro creado mediante o presente decreto.

Santiago de Compostela, quince de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude