Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 21 de xullo de 1999 Páx. 9.432

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 28 de xuño de 1999 pola que se declara de interese galego a Fundación Eulogio Gómez Franqueira e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 1 de xuño de 1999 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 11 de maio de 1999, pola que se clasifica como de interese social a Fundación Eulogio Gómez Franqueira, adscribíndoa á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto:

-O impulso e desenvolvemento do cooperativismo e outras formas de economía social, impulsando a formación e educación dos seus socios e traballadores nos principios cooperativos, así como a difusión das características do cooperativismo en Galicia, e a promoción das relacións intercooperativas. Tamén procurará a promoción cultural e profesional do seu contorno e da comunidade en xeral.

-A anterior enumeración de obxectivos ou finalidades da fundación non ten carácter limitativo, non entraña a exclusión doutros, nin orde de prelación entre eles.

-O padroado terá liberdade para determina-la actividade da fundación, dentro dos seus fins, entre aqueles obxectivos que, en criterio daquel, sexan os máis axustados e convenientes en cada momento.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e artigo 32.31º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o

Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Eulogio Gómez Franqueira, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Eulogio Gómez Franqueira no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como presentarlle-lo proxecto do orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo socilita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 1999.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais