Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 16 de xullo de 1999 Páx. 9.266

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 1999, da División de Recursos Humanos, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, relativos á publicación de puntuacións e á anulación dalgunhas preguntas do primeiro exercicio da fase de oposición.

O punto 11 da base sexta a) da resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 28 de decembro de 1998 (DOG nº 9, do 15 de xaneiro de 1999) pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, dispón que se o tribunal, de oficio, ou de acordo coas reclamacións que os interesados poidan presentar, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio anunciarao publicamente xunto coa publicación das puntuacións dos distintos exercicios da fase de oposición, nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Sergas.

Adoptado acordo polos respectivos tribunais sobre a anulación, se é o caso, de preguntas do primeiro exercicio da fase de oposición e sobre a publicación das puntuacións outorgadas ós aspirantes neste primeiro exercicio, procede agora darlle publicidade no DOG, facultándose para iso expresamente á División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, polo que,

RESOLVE:

Primeiro.-Publica-las puntuacións acadadas polos aspirantes presentados ó primeiro exercicio da fase de oposición das diferentes categorías convocadas pola devandita resolución, asi como anular determinadas preguntas deste primeiro exercicio, que serán substituídas polas preguntas respectivas de reserva, nas seguintes categorías:

-Grupo xestión da función administrativa: pregunta nº 121.

-ATS/DUE: preguntas nº 77 e 87.

-Matrona: pregunta nº 47.

-Traballador social: preguntas nº 55 e 122.

-Hixienista dental: preguntas nº 47 e 117.

-TEL: preguntas nº 24, 38, 97 e 126.

-TEAP: preguntas nº 14 e 32.

-Cociñeiro: preguntas nº 1 e 57.

-Auxiliar de enfermería: preguntas nº 6, 7, 46, 99 e 100.

-Grupo auxiliar da función administrativa: preguntas nº 24 e 43.

-Persoal de servicios xerais: preguntas nº 7 e 62.

-Celador: preguntas nº 8 e 64.

-Pinche: pregunta nº 39.

Segundo.-Declarar aptos a todos aqueles aspirantes que obtivesen no primeiro exercicio da fase de oposición, na respectiva categoría, unha puntuación igual ou superior a 50 puntos, agás na categoría do grupo de xestión da función administrativa que é de 45 puntos.

Terceiro.-Declarar expresamente excluídos do concurso-oposición a todos aqueles aspirantes que non acadasen a dita puntuación na respectiva categoría.

Cuarto.-Contra a presente resolución poderá presentarse polos interesados reclamación perante o tribunal no prazo de cinco días naturais, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 1999.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos