Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 16 de xullo de 1999 Páx. 9.249

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 28 de xuño de 1999 pola que se crea a Comisión Coordinadora do Plan Integral de Atención Sanitaria e Social á Muller.

En xeral, as mulleres teñen unha esperanza de vida maior cós homes; sen embargo, unha aproximación a esta situación permítenos descubrir que esa maior lonxevidade non vai acompañada dun mellor estado de saúde. Tamén en Galicia, as mulleres viven máis anos que cós homes, pero esa maior lonxevidade está asociada ó risco dun maior tempo de vida con dependencia funcional ou cunha enfermidade crónica, incluíndo cancro, demencia e unha maior necesidade de coidados a longo prazo.

É preciso poñer unha maior énfase na prevención e tratamento dos problemas de saúde das mulleres, particularmente nas condicións específicas do seu sexo, tanto para prolonga-la vida, como tamén para pospoñer e diminuír dependencias.

Neste sentido, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais elaborou o Plan Integral de Atención Sanitaria e Social á Muller, cos seguintes obxectivos xerais: se-lo marco de traballo para alcanzar unha progresiva mellora da saúde das mulleres galegas, implicando a tódolos profesionais dos centros e institucións sociosanitarias de Galicia; plasma-los obxectivos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais relativos á atención da muller no ámbito preventivo, asistencial e de servicios sociais; propoñe-las diferentes estratexias para alcanzar estes obxectivos; desenvolver un plan operativo que priorice as actividades que se van levar a cabo e analice os recursos necesarios para a súa posta en marcha; obte-lo máximo consenso e apoio de tódolos profesionais directamente implicados no desenvolvemento das actividades previstas; alcanzar un alto nivel de coordinación interna, entre os distintos servicios da propia Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, xa que é un plan transversal

que inclúe actuacións que se desenvolverán desde a Dirección Xeral de Saúde Pública, a División Xeral de Asistencia Sanitaria, a Dirección Xeral de Servicios Sociais e as delegacións provinciais de Sanidade e Servicios Sociais.

O desenvolvemento dos diversos obxectivos e estratexias recollidos no Plan Integral de Atención Sanitaria e Social á Muller fai necesaria a creación dunha comisión coordinadora deste, na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

En consecuencia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Créase a Comisión Coordinadora do Plan Integral de Atención Sanitaria e Social á Muller.

Artigo 2º.

A Comisión Coordinadora do Plan Integral de Atención Sanitaria e Social á Muller terá as seguintes funcións:

1. Desenvolve-lo plan operativo que priorice as actividades que se van levar a cabo.

2. Analiza-los recursos necesarios para a súa posta en marcha.

3. Facilita-la creación de grupos de traballo específicos en cada unha das áreas recollidas no plan.

4. Coordinar e avalia-las diversas actividades e grupos de traballo formados.

5. Garantir un adecuado desenvolvemento dos distintos programas e actividades que abarca o plan.

Artigo 3º.

A Comisión Coordinadora do Plan Integral de Atención Sanitaria e Social á Muller estará composta polos seguintes membros:

1. Un asesor técnico nomeado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que actuará como presidente da comisión.

2. Un asesor técnico nomeado pola Dirección Xeral de Servicios Sociais.

3. Un asesor técnico nomeado pola División Xeral de Asistencia Sanitaria.

4. Un técnico do Servicio de Actuacións Preventivas da Dirección Xeral de Saúde Pública, que actuará como secretario da comisión.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase a directora xeral de Saúde Pública para toma-las medidas adecuadas en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais