Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 13 de xullo de 1999 Páx. 9.107

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución Gasificación do Noroeste: redes de Pontevedra, rede de Vigo-O Porriño, addenda III; promovido pola empresa Enagás, S.A.

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Enagás, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 12 de marzo de 1993 a Consellería de Industria e Comercio outorgoulle a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servicio público de conducción e submi

nistración de gas natural para usos industriais nos termos municipais do Porriño, Mos e Vigo, entre outros.

Segundo.-Por Resolución do 13 de outubro de 1995, esta dirección xeral aprobou o proxecto de execución e autorizou as instalacións recollidas no proxecto de rede de distribución de gas natural para usos industriais do Porriño-Vigo.

Terceiro.-Con data do 12 de febreiro de 1999, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido na Lei 10/1987, do 15 de xuño, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado por Decreto 2913/1933, do 26 de xullo, a aprobación do proxecto de Gasificación do Noroeste. Redes de Pontevedra. Rede de Vigo-O Porriño. Addenda III, xuntando a dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme ó esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

As modificacións no trazado afectan ós termos municipais de Vigo e Mos, e son as que se expoñen a continuación:

Termo municipal de Vigo.

Desde o vértice V-V-86 da rede existente, a conducción atravesa primeiro a Avda. Alcalde Portanet e, a continuación, a estrada C-550 para tomar paralelismo co río Lagares pola súa marxe esquerda.

O dito paralelismo mantense ata chegar ó cruzamento do río coa estrada PO-325 ou Avda. de Ricardo Mella, onde a conducción xira á esquerda, discorrendo agora en paralelo á citada estrada PO-325, ata chegar ó punto onde comeza o camiño de acceso á empresa Envases Carnaud, onde se deixarán dúas arquetas para acometida ás industrias Envases Carnaud e Artiscar, respectivamente, e co que se dá por rematada a variante do trazado orixinal paralelo á estrada C-550.

Antes do punto de acometida dobre, realizarase unha derivación da conducción, que cruzará a estrada PO-325, á altura da estrada que conduce á praia de Samil, deixando unha arqueta de válvula e un cap en previsión de futuras ampliacións da rede.

Desde o vértice V-V-86, inicio da variante, realizarase unha acometida á industria Indugasa, que discorrerá na súa totalidade pola estrada que bordea a dita industria e en terreos competencia do Consorcio da Zona Franca.

Para rematar, a uns 1.300 m do inicio do paralelismo co río Lagares (V-V-95), realizarase unha acometida que cruzamento o río, e o camiño de Caramuxo ata chegar á empresa Agridesa.

Termo municipal de Mos.

Trasládase a acometida para a subministración a Copo Ibérica á súa parte posterior, mediante unha liña de derivación de nova construcción que parte do vértice V-M-99 e ten unha lonxitude de 200 m ata chegar ó acceso posterior da industria onde se situará o novo punto de acometida.

Coas modificacións a rede de Vigo-O Porriño queda reducida en 178 m pasando de 42.613 m a 42.435 m de lonxitude total.

O orzamento orixinal sofre unha diminución con esta addenda de 640.175 ptas.

Cuarto.-Por resolución desta dirección xeral do 9 de marzo de 1999 someteuse a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, sendo publicada no Diario Oficial de Galicia do 5 de abril de 1999, no BOP de Pontevedra do 30 de marzo e no xornal Faro de Vigo do 25 de marzo de 1999, e exposto igualmente no taboleiro de anuncios dos concellos de Vigo y Mos.

Quinto.-Durante o período legalmente establecido non se presentou ningunha alegación ó proxecto.

Sexto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural.

Sétimo.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da Delegación Provincial de Pontevedra.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 9 de decembro e 1775/1967, do 22 de xuño, e en virtude do establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa á Consellería de Industria e Comercio como órgano por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así coma as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Enagás, S.A. procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados ou, se é o caso, pendentes de realizar.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Enagás, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos reflectidos no punto terceiro dos antecedentes, correspondentes ós termos municipais de Mos e Vigo.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar a Enagás, S.A. o proxecto de execución das instalacións que se recollen no proxecto Gasificación do Noroeste. Redes de Pontevedra. Rede de Vigo-O Porriño. Addenda III, no tramo relacionado previamente, correspondente ós termos municipais de Vigo e Mos, manténdose con total validez o resto das características do proxecto orixinal.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria