Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 09 de xullo de 1999 Páx. 8.923

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de xuño de 1999 pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 4.21º, atribúelle ó Goberno do Estado a fixación dos elementos básicos do currículo das distintas ensinanzas que constituirán as ensinanzas mínimas, co fin de garantir unha formación común para tódolos alumnos e para darlles validez ós títulos correspondentes en todo o territorio español. Así mesmo, o punto 3º do citado artigo atribúelle ás Administracións educativas competentes o establecemento do currículo dos distintos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades do sistema educativo, do que formarán parte, en todo caso, as ensinanzas mínimas.

Polo que se refire ós estudios de formación profesional específica, o Real Decreto 676/1993, do 7 de maio, estableceu os aspectos básicos do currículo que constituirán as ensinanzas mínimas da formación profesional específica de grao medio e superior, que se concretan para cada título profesional no correspondente real decreto que as promulga.

En virtude do Real decreto 1763/1982, que regula o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Administración educativa galega completa-los currículos dos correspondentes ciclos formativos e, polo tanto, os obxectivos e criterios que se terán en conta no proceso de avaliación dos ciclos formativos. Así, o Decreto 239/1995, do 28 de xullo, establece a ordenación xeral dos estudios de formación profesional específica en Galicia e as directrices sobre os seus títulos.

Pola súa parte, a Orde do 30 de outubro de 1992, modificada pola Orde do 2 de abril de 1993, estableceu os elementos básicos dos informes de avaliación das ensinanzas de réxime xeral reguladas pola Lei orgánica 1/1990, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que son precisos para garanti-la mobilidade do alumnado, que se complementa coa Orde de 21 de xullo de 1994 (BOE do 26 de xullo de 1994).

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo,(DOG do 13 de abril) polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación das persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adecuará as ensinanzas dos ciclos formativos ás peculiaridades e características das persoas adultas.

A Orde do 1 de setembro de 1995 regulou a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia.

A experiencia acumulada aconsella dictar unha nova disposición que recolla todos aqueles aspectos que permitan mellora-lo proceso de avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa estas ensinanzas.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.61 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

A presente orde ten por obxecto regula-la avaliación e acreditación académica do alumnado que curse formación profesional específica; sendo de aplicación nos centros públicos e privados autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir ciclos formativos de grao medio ou superior.

Artigo 2º.-Normas xerais.

1. A avaliación das ensinanzas de ciclos formativos de grao medio e superior realizarase tendo en conta a competencia xeral e as capacidades profesionais características do título, que constitúen a referencia para defini-los obxectivos xerais do ciclo formativo e os obxectivos, expresados en termos de capacidades terminais, dos módulos profesionais que o conforman; estes referentes para a avaliación están establecidos no correspondente currículo. Ó mesmo tempo, avaliarase a madurez do alumnado e o grao de consecución das finalidades previstas para a formación profesional específica no artigo 2 do Decreto 239/1995.

2. Así mesmo, dado que os centros docentes deben completar e desenvolve-lo currículo, conforme o disposto no artigo 12 do Decreto 239/1995, do 28 de xullo, tamén se terán en conta no proceso de avaliación destas ensinanzas os obxectivos, capacidades e criterios de avaliación que para cada ciclo se concretasen no proxecto curricular de centro.

3. Os criterios de avaliación fixados para cada capacidade terminal establecen o nivel aceptable de consecución desa capacidade e, polo tanto, os resultados mínimos que deben ser acadados no proceso de ensino-aprendizaxe. En consecuencia, constitúen o referente inmediato para o seu proceso de avaliación da mesma.

4. A avaliación realizarase por módulos profesionais e polo profesorado que imparte docencia ós alumnos correspondentes, seguindo as directrices especificadas no currículo correspondente ó ciclo formativo e no proxecto curricular do centro.

Artigo 3º.-Cualificacións.

1. As cualificacións obtidas polo alumnado expresaranse en cifras de 1 a 10, sen decimais, para cada módulo profesional, agás o de formación en centros de traballo, que se cualificará en termos de «apto» ou «non apto». Considéranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco puntos, e negativas as restantes.

2. Outros supostos consignaranse do seguinte xeito:

Exento: EX.

Validado: VA.

Renuncia á matrícula: RE.

Aprobado en convocatoria anterior: CA.

3. Para a superación dun ciclo formativo será necesario ter cualificación final positiva en todos e cada un dos módulos que o compoñen, incluído o de formación en centros de traballo (FCT). Neste caso, a cualificación do ciclo obterase como media aritmética das cualificacións de tódolos módulos, agás o de FCT, e expresarase numericamente cunha única cifra decimal. Para os efectos de cualificación final, non se terán en conta os módulos validados ou exentos.

Artigo 4º.-Titoría.

Cada grupo de alumnos contará cun profesor titor que será, preferentemente, membro do equipo docente durante todo o ciclo e desenvolverá en relación coa avaliación as seguintes funcións:

a) Coordinar, orientar e asesora-la avaliación, os procesos de ensino-aprendizaxe, así como a orientación profesional do alumnado en relación coa súa evolución escolar, métodos de traballo, técnicas de estudio e de busca de emprego, saídas académicas e profesionais, e posibles validacións. Todo isto co apoio do profesorado do módulo de formación e orientación laboral e, se é o caso, do departamento de orientación do centro.

b) Convocar e presidi-las correspondentes sesións de avaliación do seu grupo.

c) Informar do proceso educativo dos alumnos, tanto a estes como ós seus pais ou titores legais, a través do procedemento que o centro determine.

d) Realiza-lo seguimento educativo do módulo de FCT, coa colaboración do resto do equipo docente do ciclo.

e) Realiza-la avaliación do módulo de FCT, coa colaboración do responsable designado a tal efecto pola empresa.

f) Emitir informe sobre as peticións de validación ou exención formuladas polos alumnos do ciclo.

Artigo 5º.-Proceso de avaliación continua.

1. A avaliación será continua e realizarase durante todo o proceso de aprendizaxe para cada módulo profesional. O referido proceso facilitará a avaliación final como resumo dos resultados acadados polo alumno nos distintos módulos que compoñen o ciclo formativo.

2. A aplicación do proceso de avaliación continua require a asistencia regular do alumnado ás clases e ás demais actividades programadas para os distintos módulos profesionais do ciclo formativo. Para tal efecto, no regulamento de réxime interior do centro deberase establece-lo número de horas máximas que un alumno poderá deixar de asistir a cada módulo profesional, para ter dereito a ser avaliado, que non poderá ser superior ó10% da duración do módulo.

Así mesmo, no regulamento de réxime interior do centro deberán establecerse os sistemas extraordinarios de avaliación previstos para estes alumnos, que permitan evidencia-la adquisición das capacidades terminais establecidas para cada módulo. Neste caso a sesión de avaliación coincidirá coa avaliación final ordinaria do ciclo formativo, á que se fai referencia no artigo 6.2º b) desta orde.

Artigo 6º.-Sesións de avaliación ordinaria.

1. Denomínanse sesións de avaliación as reunións de carácter colexiado que realicen os profesores do equipo docente do ciclo para contrasta-las súas informacións académicas respecto dos alumnos e alumnas dun mesmo grupo e para valora-lo progreso destes así como para valora-lo logro dos obxectivos educativos correspondentes.

2. O desenvolvemento do proceso de avaliación da formación profesional específica implicará catro tipos de actuacións, en función dos períodos que se especifiquen no proxecto curricular do centro:

a) Sesión de avaliación e cualificación parcial dos módulos que integran a formación no centro educativo, cunha frecuencia mínima trimestral.

b) Sesión de avaliación final ordinaria de cada un dos módulos da formación no centro educativo. Esta sesión terá lugar ó remate do período lectivo asignado para cada módulo no proxecto curricular do centro e poderá coincidir coa última avaliación parcial de cada un dos anos académicos no que se desenvolve o ciclo.

c) Sesión de avaliación previa á realización do período de FCT. Nesta sesión tomaranse decisións sobre o acceso do alumnado a este módulo, e fixaranse as actividades de recuperación para o alumnado que non poida acceder a el.

d) Sesión de avaliación final do ciclo formativo, que será realizada ó remata-la FCT.

Artigo 7º.-Avaliación da formación en centros de traballo (FCT).

1. O módulo de FCT realizarase con posterioridade ós demais módulos profesionais. Non obstante, por causas debidamente xustificadas, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autoriza-la realización do citado módulo simultaneamente coa formación no centro educativo.

2. Para poder acceder ó período de FCT será preciso, con carácter xeral, ter aprobados tódolos módulos profesionais. No caso de non ter rematado tódolos módulos, será preciso ter superados tódolos rematados ata o momento de inicia-la FCT.

3. O equipo docente poderá autoriza-lo acceso á FCT a aqueles alumnos que teñan un único módulo avaliado negativamente, sempre que se considere que o alumno ten fundadas posibilidades de superalo mediante as actividades de recuperación que se establezan nese período.

4. No caso de que comece o período de FCT antes de rematar tódolos restantes módulos, unha vez realizada a avaliación final destes; o equipo docente poderá decidir que o alumnado con módulos avaliados negativamente interrompa a realización do período de FCT, co fin de poder atende-las actividades de recuperación que lle sexan organizadas.

5. A avaliación do módulo de FCT será realizada polo titor do grupo de alumnos. O profesor titor do centro educativo establecerá un calendario de visitas ó centro de traballo para manter entrevistas co seu responsable, observar directamente as actividades que o alumnado realiza nel e rexistra-lo seu propio seguimento.

6. O titor do centro educativo contará para a avaliación do módulo de FCT coa colaboración do titor da empresa, quen emitirá un informe que valore a actividade realizada e o grao de consecución das capacidades atribuídas ó dito módulo. Se a FCT se desenvolve en varios centros ou empresas solicitarase un informe de cada unha delas.

Artigo 8º.-Actividades de recuperación.

1. O equipo docente do ciclo fixará, para cada un dos alumnos que non accedan á FCT, as actividades de recuperación que deberán realizar de acordo co establecido no proxecto curricular do centro. O alumno deberá ser informado das actividades de recuperación e do período de realización que, con carácter xeral, será durante a FCT. A data da avaliación extraordinaria destes módulos coincidirá coa avaliación final ordinaria do ciclo formativo.

2. Os alumnos que non realicen as actividades de recuperación ou non superen os módulos pendentes na avaliación extraordinaria, deberán repetir

tódalas actividades programadas para os módulos pendentes de superación coa limitación establecida no artigo 22 do Decreto 239/1995, do 28 de xullo.

Artigo 9º.-Sesións de avaliación extraordinaria.

Para o alumnado que non supere a totalidade dos módulos de formación no centro educativo realizarase unha avaliación extraordinaria atendendo ó seguinte:

1. Se o alumnado cun único módulo avaliado negativamente foi proposto para acceder ó módulo de FCT, segundo se establece no punto 7.4 desta orde, deberáselle realizar unha sesión de avaliación final extraordinaria do módulo non superado, ó remata-lo primeiro mes da FCT. A non superación do módulo pendente implicará a interrupción do módulo de FCT.

2. Se o alumnado ten dous ou máis módulos non superados, durante o período de FCT realizará as actividades de recuperación conforme o establecido no artigo 8.1º desta orde. Logo de rematado este período, realizarase unha sesión de avaliación final extraordinaria dos módulos pendentes, que coincidirá coa avaliación final ordinaria do ciclo formativo.

3. A dirección do centro adoptará as medidas oportunas para que o alumnado que supere os módulos pendentes na avaliación extraordinaria establecida no punto anterior, poida realiza-la FCT e establecerá a data na que se celebrará a sesión de avaliación final extraordinaria do ciclo formativo.

4. No caso de ciclos formativos que se desenvolvan durante tres trimestres no centro educativo, a sesión de avaliación final extraordinaria dos módulos pendentes, realizarase con anterioridade ó día 29 de outubro.

Artigo 10º.-Repetición do ciclo formativo.

O alumnado matriculado polo réxime ordinario poderá repetir unha soa vez no ciclo formativo, cursando unicamente os módulos pendentes, conforme o que se establece no artigo 22.1º do Decreto 239/1995, do 28 de xullo. No caso de ciclos formativos que se desenvolvan durante tres trimestres no centro educativo, poderá formaliza-la matrícula con anterioridade ó día 31 de outubro.

Artigo 11º.-Adaptacións curriculares.

1. Cando o progreso dun alumno non responda globalmente ós obxectivos programados, o equipo docente adoptará as oportunas medidas de reforzo educativo ou adaptación curricular, dentro dos límites previstos no artigo 14 do Decreto 239/1995, do 28 de xullo.

2. En todo caso, a cualificación do alumno realizarase tomando como referencia os obxectivos e

criterios de avaliación relacionados con competencias profesionais básicas para o logro da competencia xeral característica do título.

Artigo 12º.-Titulación e acreditación.

A cualificación positiva en tódolos módulos profesionais de que consta un ciclo formativo de grao medio ou superior dará dereito á obtención do título de técnico ou técnico superior respectivamente. A proposta de expedición farase constar na acta de avaliación final do ciclo formativo. Os centros deberán realiza-las solicitudes de proposta de título nos prazos determinados pola normativa vixente.

O alumnado que obteña cualificación positiva nun ou máis módulos dun ciclo formativo, terá dereito a que se lle expida a correspondente acreditación, que consistirá nunha certificación expedida pola secretaria do centro na que, á vista das actas, se fará consta-la denominación dos módulos superados e as cualificacións obtidas. A certificación será realizada nas dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o modelo que se indica no anexo III desta orde.

Artigo 13º.-Reclamacións ás cualificacións.

De acordo co establecido no artigo 13 do R.D. 732/1995, do 5 de maio, os alumnos ou os seus pais ou titores poderán reclamar, ante a dirección do centro, contra as decisións e cualificacións que, como resultado do proceso de avaliación, se adopten ó rematar un ciclo ou curso. A dita reclamación deberá basearse:

a) Adecuación dos obxectivos, expresados en termos de capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación sobre os que se levou a cabo a avaliación do proceso de aprendizaxe do alumno cos recollidos na correspondente programación didáctica.

b) Adecuación dos procedementos e instrumentos de avaliación aplicados co sinalado na programación didáctica.

c) Correcta aplicación dos criterios de cualificación e avaliación establecidos na programación didáctica para a superación dos módulos.

O procedemento para a presentación e tramitacións das reclamacións será o seguinte:

A reclamación presentarase perante a dirección do centro, nun prazo de 2 días lectivos a partir daquel no que se produza a comunicación da cualificación final ou decisión adoptada. O director do centro, logo dos informes que coide oportunos, someteraas ó departamento correspondente, quen poderá ratificarse na cualificación outorgada ou estima-la pro

cedencia de rectifica-la cualificación reclamada. Neste caso, o director do centro ordenará formalmente a dita rectificación.

No suposto de que o departamento ratifique a cualificación, e o alumno o manifeste expresamente, o director remitirá o expediente á delegación provincial que, logo do informe da Inspección educativa, fará a resolución procedente.

Co obxecto de evitar atrasos na resolución de reclamacións, que puidesen prexudica-los interesados, deberán observarse os seguintes prazos:

-O director deberá tramita-la reclamación presentada no prazo de 5 días naturais.

-No suposto de que o departamento se ratifique na cualificación outorgada, o director remitiralle á delegación provincial, no prazo máis breve posible e en todo caso non superior a 3 días, o expediente con tódolos informes e probas achegados polo profesor e departamento.

-O delegado provincial recibirá o informe da inspección educativa e resolverá no prazo máximo de 10 días naturais.

Da resolución do delegado provincial daráselle comunicación ó departamento a través do director do centro.

Contra a resolución do delegado provincial poderá interpoñerse recurso de alzada perante o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, na forma e prazos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Documentos da avaliación.

1. Considéranse documentos do proceso de avaliación de formación profesional específica o expediente académico, as actas de avaliación, os informes de avaliación individualizados e o libro de cualificacións. Destes documentos, o libro de cualificacións e os informes de avaliación individualizados teñen a condición de básicos e garanten a mobilidade académica dos alumnos.

2. O expediente académico dos alumnos que accedan a un ciclo formativo deberá ser cuberto polo instituto de educación secundaria no que se matricule por primeira vez. O expediente académico, que será único para cada ciclo formativo, axustarase ó modelo que figura no anexo I da presente orde. A custodia e arquivo dos expedientes correspóndelle ó secretario ou, no seu defecto, ó administrador do centro. Os expedientes conservaranse no último instituto no que o alumno realizou ou rematou o ciclo, mentres este exista; no caso de supresión do centro educativo, as delegacións provinciais da Consellería

de Educación e Ordenación Universitaria arbitrarán as medidas axeitadas para a súa conservación ou traslado.

3. Cando un alumno se traslade a outro centro sen ter concluído o ciclo formativo, o centro de orixe remitirá ó de destino, a petición deste, ademais do expediente académico, o informe individualizado previsto neste artigo e, se é o caso, o libro de cualificacións.

4. O informe individualizado incluirá as cualificacións outorgadas ata ese momento ó alumno, as medidas de reforzo educativo ou de adaptación curricular tomadas, as validacións ou exencións concedidas e cantos outros aspectos de índole educativa se consideren relevantes.

5. No caso de traslado dun alumno, as cualificacións obtidas nos módulos profesionais a que se refire o artigo 9 do Real decreto 676/1993, do 7 de maio, que deberán figurar no libro de cualificacións de formación profesional, manterán a súa validez académica para tódolos efectos.

6. A acta de avaliación axustarase no seu deseño xeral ó modelo que figura no anexo II desta orde. A dita acta será única para tódalas convocatorias, ordinarias e extraordinarias, de avaliación e cualificación. A partir dos resultados consignados nas actas, elaborarase un informe dos resultados da avaliación final dos alumnos.

Os centros privados remitirán un exemplar das actas ó instituto ó que estean adscritos e o seu correspondente informe dos resultados finais.

Enviarase copia das actas de avaliación final do ciclo formativo ó servicio de inspección educativa no prazo de 15 días a partir da data de celebración da correspondente sesión.

7. O libro de cualificacións de formación profesional constitúe o documento oficial básico que reflicte os estudios cursados e as cualificacións obtidas polo alumno. En consecuencia, ten valor acreditativo dos estudios realizados e deberá recoller, se é o caso, a información referida ós cambios de centro, así como a renuncia á matrícula e a solicitude, por parte do alumno, da expedición do título correspondente, logo de superados tódolos módulos profesionais do ciclo formativo cursado.

8. Correspóndelle ó secretario ou, no seu defecto, ó administrador do centro, a formalización e custodia dos libros de cualificacións de formación profesional. Unha vez superados os correspondentes estudios, entregaraselle ó alumno ou alumna, facéndose constar esta entrega no propio libro mediante a correspondente dilixencia.

No centro educativo haberá un libro paxinado para facer consta-las saídas e entradas dos libros de cua

lificacións. As saídas serán asinadas polo secretario do centro, ou persoa autorizada, e o titular do libro ou representante en quen delegue.

9. Correspóndelle á Inspección educativa supervisa-lo proceso de formalización e custodia-lo libro de cualificacións.

10. Segundo se establece no artigo 19.4º do Decreto 239/95, do 28 de xullo, nas sesións de avaliación finais do ciclo formativo o equipo docente elaborará un consello de orientación dirixido a cada un dos alumnos, co fin de asesoralos sobre a súa incorporación ó mundo do traballo.

Artigo 15º.-Validacións e exencións.

1. Segundo o establecido no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, serán validables aqueles módulos profesionais comúns a varios ciclos formativos que teñan idéntica denominación e duración así como as mesmas capacidades terminais e criterios de avaliación cós descritos nos reais decretos polos que se establecen cada un dos títulos de formación profesional específica.

Non obstante, aqueles que superaran o módulo profesional de formación e orientación laboral dun ciclo formativo de grao superior terán validado o módulo profesional de formación e orientación laboral de grao medio para o que solicitasen validación.

2. O módulo profesional de FCT é susceptible de exención pola súa correspondencia coa práctica laboral. Para iso debe acreditarse unha experiencia laboral de doce meses, relacionada cos estudios profesionais, que permitan demostra-las capacidades terminais correspondentes ós módulos profesionais de FCT dos reais decretos polos que se establecen os títulos de formación profesional específica.

A acreditación da experiencia laboral realizarase mediante a documentación seguinte de forma acumulativa:

a) Certificación da tesourería xeral da Seguridade Social e/ou mutualidade laboral a que estivese afiliado, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación ou, se é o caso, período de cotización en réxime-especial de traballadores autónomos ou de calquera outro medio de proba admitido en dereito.

b) Certificación da empresa na que se indique especificamente a duración do contrato, as actividades desenvolvidas e o período de tempo no que se realizaron estas actividades. No caso de traballadores por conta propia, certificación de alta no imposto de actividades económicas e xustificante de pagamento do dito imposto.

3. Procedemento dos sistemas de validacións e correspondencias.

As solicitudes de validación de estudios cursados con módulos profesionais e de correspondencia coa práctica laboral co módulo de FCT requirirán a matriculación previa do alumno nun centro docente autorizado para impartir estas ensinanzas.

A solicitude, segundo o modelo do anexo IV, irá acompañada dunha certificación académica oficial, se é o caso fotocopia do título, libro de cualificacións, certificado de profesionalidade ou acreditación da Administración laboral, debidamente compulsados, e presentarase perante a dirección do centro docente onde estea matriculado o alumno. No caso de centros privados, a dirección dará traslado das solicitudes ó centro público ó que estea adscrito.

A presentación de solicitudes, para o caso de validación de estudios con módulos profesionais farase xunto coa matrícula, e no caso da correspondencia da práctica laboral co módulo de FCT farase antes de dous meses do comezo do período ordinario da FCT.

No caso de solicitude de exención do módulo de FCT por correspondencia coa práctica laboral o titor do ciclo realizará un informe de cada unha das solicitudes presentadas, sobre a idoneidade das actividades desenvolvidas, contrastando a documentación presentada pola persoa solicitante coas capacidades terminais que se deben acadar en cada caso. Para elabora-lo informe recadará a información precisa dos profesores que forman parte do equipo docente.

Sobre a exención do módulo de FCT, resolverá a dirección do centro, no caso de centros públicos, e no caso de centros privados a dirección do centro público ó que estea adscrito.

Sobre as solicitudes de validación de módulos entre ciclos formativos resolverá, se é o caso, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, á que llas remitirá o centro público, no prazo de dez días, a través da inspección educativa acompañada do preceptivo informe.

A resolución tomada pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, seralle comunicada ó interesado a través do centro educativo, e incluirase no seu expediente.

As validacións non recollidas nos parágrafos anteriores serán obxecto, necesariamente, de solicitude ante o Ministerio de Educación e Cultura, para a súa resolución individualizada.

4. As resolucións que como consecuencia do sistema de validación e correspondencia, se produzan para un alumno, quedarán rexistradas no seu expediente académico, na acta de avaliación final e no libro de cualificacións como validado ou exento.

Artigo 16º.-Avaliación do proceso de ensino e da práctica docente.

1. O profesorado, ademais das aprendizaxes dos alumnos, avaliará os procesos de ensino e a súa propia práctica docente en relación co logro dos obxectivos educativos do currículo. Igualmente, avaliará os elementos da programación docente e do proxecto curricular que se indican a continuación:

a) Oportunidade da selección, distribución e secuenciación dos contidos ó longo dos módulos profesionais.

b) Idoneidade dos métodos pedagóxicos empregados e dos materiais didácticos propostos para uso dos alumnos.

c) Adecuación dos criterios de avaliación.

d) Resultados das medidas de atención á diversidade adoptadas.

2. As modificacións ó proxecto curricular derivadas do proceso de avaliación incorporaranse ó proxecto curricular seguinte. Entre os elementos do proxecto curricular sometidos a avaliación figurarán:

a) Adaptación do desenvolvemento do currículo ás características do contorno do centro e ás necesidades do alumnado.

b) Racionalización dos espacios e da organización do horario escolar.

c) As accións realizadas sobre a orientación educativa e profesional do alumnado.

3. A avaliación das programacións dos módulos profesionais é responsabilidade dos profesores das especialidades correspondentes que, á vista dos informes das sesións de avaliación, procederán ó finaliza-lo curso á revisión das súas programacións iniciais. As modificacións que se tiveran acordadas incluiranse na programación seguinte.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde de 1 de setembro de 1995 pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para desenvolve-la presente orde, así como adaptala ás peculiaridades das ofertas de formación profesional destinadas a persoas adultas ou pola modalidade a distancia.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria