Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 08 de xullo de 1999 Páx. 8.814

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 31 de maio de 1999 pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís para o curso 1999/2000.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude desenvolve, a través da Dirección Xeral de Xuventude, o programa Fomento da Actividade Xuvenil, para o que dispón dunha serie de instalacións, entre as que se atopan as residencias xuvenís.

Como é habitual, as citadas instalacións póñense á disposición dos xoves estudiantes durante o curso académico, ofrecéndolles aloxamento e manutención, desenvolvéndose nelas unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das que se intenta fomenta-los valores sociais, culturais e deportivos dos xoves residentes e de calquera outro que puidesen beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocar esta oferta de prazas para xoves estudiantes nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o curso académico 1999/2000, no réxime de internado.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

Réxime de internado

CidadeResidenciaPrazasHome/muller

LugoEijo Garay100Home

LugoIrmáns Pedrosa80Muller

OurenseF.L. Cuevillas56Home/muller

VigoAltamar90Home/muller

Para os efectos do uso das instalacións, o curso académico 1999/2000 abarcará desde o 1 de outubro de 1999 ó 30 de xuño do 2000.

Artigo 2º.-Solicitude.

1.-A solicitude efectuarase utilizando o impreso normalizado que figura no anexo I.

2.-Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

-Certificación académica na que figure a nota media das disciplinas correspondentes ó último curso. No caso de que fose COU, xuntarase certificación académica da selectividade.

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente para os alumnos que vaian cursa-lo o 1º ano de estudios universitarios de grao medio ou superior.

-Fotocopia das follas do libro de familia na que figuren os membros da unidade familiar, ou fotocopia compulsada do título de familia numerosa, se é o caso.

-Fotocopia compulsada de tódalas follas que constitúen a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar, correspondente ó ano 1998. Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada, achegarase fotocopia compulsada das follas de ambas.

No suposto de que a unidade familiar non estivera suxeita á obriga de declarar, presentarase unha declaración xurada sobre ese extremo, facendo constar ademais a renda anual da unidade familiar correspondente ó ano 1998, así como certificado de non ter presentada a declaración da renda correspondente a ese exercicio económico expedido pola Axencia Tributaria.

-Calquera outro xustificante para ter en conta nos criterios de selección para a súa posterior valoración pola comisión cualificadora.

3.-No caso de seren admitidos, terán tamén que presenta-los seguintes documentos:

-Fotocopia da cartilla da Seguridade Social ou, no seu defecto, calquera outro documento de asistencia médica e de botica.

-Certificado de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa e de vacinacións.

-Dúas fotografías tamaño carné.

-Xustificante bancario de pagamento de dúas mensualidades (outubro/1999 e xuño/2000).

-Fotocopia compulsada do xustificante de matrícula correspondente ós estudios que vai cursar ou, no caso dos alumnos de 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel.

4.-A solicitude, xunto coa restante documentación, deberán presentala na delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondente á provincia onde radica a residencia, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.-O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 6 de agosto deste ano.

Artigo 3º.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán optar ás prazas obxecto desta convocatoria os/as mozos e mozas estudiantes que reúnan os seguintes requisitos:

-Ser español.

-Que non supere os 30 anos de idade antes da data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

-Que no concello onde se atopa a súa residencia familiar non haxa oferta pública do curso, nivel ou grao correspondente ós estudios que vaia cursa-lo alumno solicitante.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Cando o número de solicitudes para cada residencia supere a dispoñibilidade de prazas, estas serán asignadas por orde de preferencia segundo os criterios básicos preferentes de selección que a continuación se establecen:

a) Aqueles que xa foron residentes no anterior curso, e que o seu comportamento e rendemento académico os fagan merecentes.

A consideración deste dato queda condicionada á inexistencia de informe desfavorable do director da residencia xuvenil en relación co comportamento ou actividade desenvolvida polo interesado na residencia respectiva. Este criterio tampouco se terá en conta no caso daqueles residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de remata-lo curso académico.

b) Cursar estudios universitarios.

c) Rendemento académico.

d) Renda da unidade familiar. Terase en conta a relación de ingresos/nº de membros da unidade familiar. Para estes efectos, poderanse incluír como membros da unidade familiar os fillos de ata 30 anos de idade, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria.

e) Situación de familia numerosa.

f) Condición de orfo.

g) Que o cabeza de familia sexa inválido ou estea aqueixado de enfermidade permanente que o imposibilite para o traballo, e que a única fonte de ingresos sexa a pensión percibida pola dita invalidez, ou que estea en situación de paro, sen percepción do subsidio de desemprego.

h) Te-la súa residencia familiar en Galicia, ou ser fillo de emigrantes.

Artigo 5º.-Comisión cualificadora.

A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos e constituída polo xefe do Servicio de Xuventude que actuará como presidente, o xefe da sección de xuventude e o director/a da residencia xuvenil. Actuará como secretario un funcionario nomeado polo delegado provincial correspondente.

Artigo 6º.-Resolución da convocatoria.

Cada comisión cualificadora confeccionará unha lista por orde de preferencia das solicitudes recibidas para a respectiva residencia e elevará proposta de resolución no prazo máximo de vinte días contados desde o día seguinte ó da data de remate do prazo de presentación de solicitudes ó delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego Muller e Xuventude, que será o que resolva.

Unha vez resolta esta convocatoria para cada unha das residencias xuvenís, os respectivos servicios de xuventude das delegacións provinciais notificaranlles ós interesados a resolución de adxudicación. Así mesmo, as listas dos admitidos serán expostas nas residencias xuvenís, no rexistro xeral e nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, na Dirección Xeral de Xuventude e no Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán de Santiago de Compostela.

No caso de non dictar resolución expresa nun prazo de 4 meses contado desde a data en que a solicitude do interesado tivo entrada no rexistro correspondente, deberá entenderse estimada a petición correspondente.

Os admitidos terán que presenta-la documentación referida no artigo 2.3º no Servicio de Xuventude da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde radique a residencia xuvenil correspondente, no prazo de 10 días contados desde aquel en que reciban a comunicación de admisión, excepto a fotocopia compulsada do xustificante de matrícula ou o certificado do xefe do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 1999. No caso de que o interesado non poida presenta-la fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ó centro no que vaia cursa-los seus estudios, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola

universitaria correspondente, debendo non obstante presenta-la fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

En caso contrario decaerán no seu dereito, procedéndose a cubri-la vacante conforme a lista confeccionado pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

Artigo 7º.-Condicións económicas.

De acordo co estipulado na letra C do anexo I da Orde do 2 de xaneiro de 1999, pola que se fixan as tarifas e prezos en servicios de xuventude nas instalacións xuvenís para o ano 1999 (DOG nº 4, do 8 de xaneiro) a cota que haberá que aboar por mes será:

Residentes internos: 36.100 ptas.

A cota poderase aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos cinco primeiros días de cada trimestre ou mes, segundo a modalidade de pagamento escollida, durante a duración do curso, desde o 1 de outubro de 1999 ó 30 de xuño de 2000, non habendo descontos por vacacións, permisos, etc.

Unha vez comunicada a admisión, farase unha entrega de dúas mensualidades en concepto de pagamento polo primeiro e o derradeiro mes do curso (outubro/1999 e xuño/2000). A renuncia voluntaria que se comunique despois do 15 de outubro dará lugar á perda da devandita cantidade entregada, e a que se comunique ata a dita data dará lugar á devolución da cantidade entregada excepto da parte proporcional a media mensualidade, debendo neste caso solicita-la devolución da cantidade correspondente no impreso que figura no anexo II desta orde.

Artigo 8º.-Servicios ofertados.

1.-Ademais dos servicios de aloxamento e mantenza, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral os seguintes:

-Aula de estudio.

-Salas de xogos.

-TV e vídeo.

-Biblioteca.

-Actividades culturais e deportivas.

-Información ós pais que o pidan sobre o comportamento do seu fillo/a.

2.-A asistencia médica e de botica será por conta do residente, debendo trae-lo día da incorporación a fotocopia da cartilla da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro médico do que sexa beneficiario (Muface, Sanitas, Adeslas, etc.). Con todo, en cada residencia haberá unha caixa de primeiros auxilios.

3.-Por descanso do persoal, as fins de semana e festivos non se prestarán servicios de comedor.

Artigo 9º.-Obrigas dos residentes.

Os residentes comprometeranse a respectar e cumpri-las normas de réxime interno da residencia xuvenil. O seu incumprimento será causa da perda da condición de residente, por resolución do delegado provincial, logo do informe do director da residencia. Non se permitirán en ningún caso conductas vexatorias entre os distintos residentes, en especial cos de novo ingreso.

Nos períodos vacacionais correspondentes ó Nadal e Semana Santa, os residentes deberán baleira-os cuartos se lles fose requirido pola dirección da residencia e, inescusablemente, o derradeiro día do mes de xuño.

Os desperfectos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios, serán de responsabilidade individual dos seus autores ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ó seu uso, tendo que aboa-lo seu custo.

Os adxudicatarios deberán incorporarse ás residencias xuvenís durante os cinco primeiros días do mes de outubro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. No seu defecto entenderase que renuncia á praza adxudicada, perdendo os seus dereitos, e procederase a cubri-la vacante conforme o disposto no artigo 6º desta orde.

O estado de saúde do residente deberá en todo momento permiti-lo normal desenvolvemento da vida residencial, debendo, en caso contrario e por prescrición facultativa, abandona-la residencia ata a súa recuperación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude