A Xunta de Galicia e o Consello de Seguridade Nuclear acordaron subscribir, o 15 de novembro de 1990, a encomenda de funcións do Consello de Seguridade Nuclear á Xunta de Galicia, segundo o previsto na disposición adicional terceira da Lei 15/1980, do 22 de abril.
A Xunta de Galicia, segundo o marco de colaboración entre administracións públicas, exerce o control e seguimento das actividades que comportan riscos radiolóxicos, dispón de información directa sobre os niveis de seguridade destas, e impulsa proxectos de I+D para o estudio da radioactividade ambiental natural e da emanación do gas radon no territorio da Comunidade Autónoma.
O Servicio de Vixilancia Radiolóxica vén desenvolvendo, así mesmo, outras funcións non previstas no citado acordo de encomenda relacionadas coa radioactividade e, ademais, as operacións especiais planificadas e presta resposta nas emerxencias radiolóxicas acaecidas.
Tendo en conta a transcendencia deste tipo de riscos e que, polos factores implicados neles, as funcións de control que exerce o Servicio de Vixilancia Radiolóxica da Xunta de Galicia se desenvolven nun contorno de innovación tecnolóxica constante que require unha formación técnica específica e unha actualización continua sobre as achegas no coñecemento e mellora da seguridade nuclear e da protección das persoas e do medio fronte ás radiacións, é necesario un estreito contacto coa universidade e con outros expertos a través de sociedades científicas.
Coa finalidade de posibilitar que se leve a cabo unha transferencia áxil de coñecementos necesaria para promove-la optimización da seguridade nas instalacións, facilitarlles información a elas, fomenta-la formación do persoal e participar en programas de I+D, considérase oportuno que o titular do Servicio de Vixilancia Radiolóxica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, desenvolva a actividade de catedrático de escola universitaria da área de coñecemento de Radioloxía e Medicina Física, na Universidade de Vigo.
De acordo co exposto e co previsto no artigo 3.1º da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas e demais disposicións de aplicación, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello
da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de xullo de mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
Artigo único.-Declárase de interese público a compatibilidade para o exercicio das actividades de catedrático de escola universitaria, a tempo parcial, da área de coñecemento de Radioloxía e Medicina Física, na Universidade de Vigo, coas propias do xefe do Servicio de Vixilancia Radiolóxica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.
Disposición derradeira
O presente decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela a dous de xullo de mil novecentos noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia e Administración Pública