Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 05 de xullo de 1999 Páx. 8.597

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Kvaerner Eureka Española, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Kvaerner Eureka Española, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 26-5-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 4-5-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995 do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 31 de maio de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Kvaerner Eureka Española, S.A.

Convenio colectivo 1999

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as condicións a que se deberán de axusta-las relacións laborais e económicas que se rexen pola normativa contida no vixente Estatuto dos traballadores, as súas disposicións de desenvolvemento e o propio convenio colectivo ata o momento vixente.

Regula as relacións laborais do persoal de Kvaerner Eureka Española, S.A., aínda que se atope traballando fóra do centro habitual de traballo.

O anexo I reflicte o persoal de dirección que queda excluído deste marco de relacións laborais.

Artigo 2º.-Vixencia. Denuncia.

O presente convenio colectivo terá unha vixencia dun ano, e entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 1999 e rematará o 31 de decembro de 1999.

De conformidade coa lexislación vixente, o convenio quedará automaticamente denunciado cun mes de antelación á data de remate del, que é a expresada do 31 de decembro de 1999. Igualmente, considerarase prorrogado ata a entrada en vigor do seguinte convenio.

Artigo 3º.-Xornada de traballo.

Durante a vixencia deste convenio a xornada laboral establecerase a razón de 1.792 horas anuais de traballo efectivo. O tempo de descanso (bocadillo) durante a xornada considerarase tempo de traballo efectivo.

O traballador deberase atopar en disposición de inicia-la súa actividade no posto de traballo, coa súa correspondente indumentaria, ó toque de sirena ou outro sistema que se estableza.

A xornada normal será computada en consideración á iniciación do labor no posto de traballo e finalización deste, e non polo concepto de entrada e saída da factoría.

A fixación do horario de traballo é facultade da dirección da empresa, de acordo co comité, prevalecendo o criterio que supoña unha reducción de custos, aumento de vendas, ou ben favoreza as necesidades conxunturais de producción. En caso de desacordo aplicaríase o disposto no Estatuto dos traballadores.

A xornada laboral normal distribuirase de luns a venres.

Artigo 4º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais que se desfrutarán, en xeral, segundo o calendario laboral aprobado. Non obstante, a empresa, co fin de non interrompe-lo servicio que presta ós seus clientes, poderá acordar con algúns traballadores outras datas de vacacións.

Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de incapacidade laboral transitoria ou baixa por accidente, terá dereito ó desfrute delas ou da parte pendente, sempre que a baixa coincida co período de vacacións en cinco días ou máis, e que cause alta antes do termo do ano natural.

A dirección da empresa poderá excluír como período de vacacións aquel que coincida coa maior actividade productiva da empresa, despois de consulta co comité, de acordo co Estatuto dos traballadores (artigo 38 E.T.).

A retribución correspondente ás vacacións comprenderá os seguintes conceptos: salario base, antigüidade, 20 días de retribución voluntaria e complemento prima media.

Artigo 5º.-Días santos.

Serán os establecidos oficialmente no DOG e no BOE.

As «pontes» con motivo de festivos serán as establecidas no calendario aprobado que se xunta (anexo II) e colocado no taboleiro de anuncios.

Artigo 6º.-Seguridade e hixiene.

A empresa e os traballadores obríganse ó cumprimento da normas de seguridade e hixiene no traballo, de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 7º.-Recoñecemento médico.

A empresa solicitará da súa mutua patronal a realización dun recoñecemento anual como mínimo para todo o persoal. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa.

Artigo 8º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, terá dereito a permisos retribuídos durante o tempo e os supostos seguintes:

a) Dezaseis días naturais en caso de matrimonio do traballador/a.

b) Tres días laborables en caso de nacemento de fillo.

c) Cinco días naturais no suposto de falecemento de cónxuxe, pais, fillos e pais políticos.

d) Tres días naturais no suposto de falecemento de irmáns, netos, avós, fillos políticos e irmáns políticos, e un día no caso de irmáns dos pais e dos pais do cónxuxe.

e) Dous días naturais en caso de enfermidade grave do cónxuxe, pais, fillos, avós, irmáns, netos e pais políticos, circunstancias que deberán ser xustificadas fidedignamente. Poderanse ampliar a tres días máis no caso do cónxuxe, pais e fillos.

f) Un día natural no suposto de traslado de domicilio.

g) O tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica de especialistas da Seguridade Social cando, coincidindo o horario de consulta co de traballo, prescriba a dita consulta o facultativo de medicina xeral, debendo presenta-lo traballador ó empresario o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos demais casos ata o límite de 22 horas ó ano.

h) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

i) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, rexerá o que dispoña en canto a duración da ausencia e a súa compensación económica.

j) Un día natural en caso de matrimonio de fillos ou irmáns.

k) O tempo necesario sen retribuír para a realización de exames, cando curse estudios profesionais ou académicos.

Nos supostos d) e) e f), se o traballador necesitase facer un desprazamento fóra da provincia, concederánselle dous días naturais máis.

No suposto c), se o traballador precisase desprazarse a unha distancia superior a 50 quilómetros, concederáselle un día natural máis.

En caso de necesidade, logo de aviso e xustificación, a empresa concederá un permiso «sen retribuír» ata un período de 10 días naturais por razón de desprazamento en caso de enfermidade grave de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

As referencias ó cónxuxe contidas neste capítulo estenderanse ó compañeiro ou compañeira, co cal estea garantida a convivencia.

Artigo 9º.-Pezas de roupa de traballo.

A empresa dotará o seu persoal das pezas de roupa necesarias para a realización do seu traballo, que entregará durante os meses de xaneiro e febreiro.

O persoal obreiro recibirá dúas fundas cada ano e un par de botas de seguridade e unha toalla cada dous anos, como mínimo.

Cando por razóns de traballo o traballador perda visión e teña que usar lentes graduados, así como a súa rotura ou deterioración involuntarias, os ditos lentes serán proporcionados pola empresa.

Artigo 10º.-Organización.

De acordo coa lexislación vixente, correspóndelle á dirección da empresa a organización técnica e práctica do traballo. Esta poderá adopta-los sistemas de organización, racionalización, mecanización e modernización que considere oportunos, creando ou modificando postos de traballo ou funcións así como a estructura e contido deles.

Tamén corresponde á dirección, razoando co comité de empresa, combinar e cambia-los postos de traballo, establecer e modificar quendas, adoptar novos métodos de traballo, utilización de máquinas e motorización de funcións, etc., de maneira que os resultados desta organización se concreten nunha maior productividade, na que tamén están interesados os traballadores, que procurarán colaborar nela. Interpretado segundo o artigo 41 do Estatuto dos traballadores.

Retribucións

Artigo 11º.-Salarios.

Establécese, para 1999, un incremento salarial lineal de 7.000 pesetas no salario base mensual de cada traballador.

Os niveis resultantes deste incremento fíxanse na táboa salarial que se xunta (anexo III) na que figuran tódolos conceptos tanto legais coma complementarios.

O pagamento da nómina efectuarase o último día laborable de cada mes.

Artigo 12º.-Valoración da realización do traballo.

A compañía desexa estimula-lo rendemento individual en canto ó esforzo, eficiencia, precisión, consumo de custos e calidade.

Isto será realizado mediante a utilización de diferentes niveis de prima de producción establecidos no anexo III, para os empregados do taller.

A valoración actual realizarana os grupos de valoración. Un representante elixido polo comité, o xefe de taller correspondente e o director de persoal formarán parte de cada grupo de valoración.

En caso de discrepancia insalvable na valoración dentro do grupo, recorrerase en instancia superior perante o director xerente e o presidente do comité.

Artigo 13º.-Complemento xefe de equipo.

Os xefes de equipo percibirán un complemento que consistirá nun 20% sobre o salario base da súa categoría, como mínimo.

Artigo 14º.-Quendas de traballo.

Os traballadores que, por necesidades da empresa, teñan que traballar en quenda de tarde rotatoria, percibirán un complemento mínimo de 121 ptas. por hora de traballo efectivo de tarde.

Artigo 15º.-Complemento de traballos especiais.

Terán dereito a un complemento os traballadores mentres se ocupen en traballos penosos, tóxicos ou perigosos que non son os habituais no noso taller. A cualificación do traballo como penoso, tóxico ou perigoso farase de acordo entre a dirección da empresa e o comité.

O complemento establécese como segue:

Cando se produce un só dos supostos: 50 ptas./hora.

Se se producisen dous ou máis supostos: 78 ptas./hora.

Artigo 16º.-Complemento de homologacións.

Establécese un complemento acumulable polas homologacións dos soldadores a razón de:

Homologación aceiro carbono: 2.120 ptas./mes.

Homologación aceiro inoxidable normal: 2.120 ptas./mes.

Homologación aceiro duplex: 3.180 ptas./mes.

Homologación aceiro 904: 3.180 ptas./mes.

Este complemento poderase perder en caso de incumprimento dos requisitos de homologación, erros repetitivos, erros graves ou outros defectos segundo apreciación do xefe de taller.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

O importe que se percibirá pola realización de horas extraordinarias para cada categoría será o especificado na táboa do anexo III.

A dirección informará mensualmente o comité de empresa das horas extraordinarias realizadas e, se é o caso, a distribución de seccións.

Artigo 18º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores da empresa percibirán as gratificacións extraordinarias semestrais correspondentes ós meses de xullo e decembro, na contía cada unha delas de 30 días do salario base máis antigüidade, máis retribución voluntaria, máis 13.660 ptas. de gastos de locomoción.

Artigo 19º.-Paga de beneficios.

No caso de que a empresa cerre o exercicio sen perdas, aboaráselles a tódolos empregados 28.000 ptas. brutas a cada un.

O resultado por considerar será antes de impostos ó 31 de decembro, comprobado e aprobado polos nosos auditores.

O pagamento distribuirase en dous: 14.000 ptas. coa paga extra de xullo e outras 14.000 despois de finaliza-lo ano se non hai perdas.

Artigo 20º.-Actividades culturais e sociais.

A empresa achegará para actividades culturais e sociais de tódolos empregados a cantidade de 1.500.000 ptas./ano.

As actividades poden incluír:

Paquetes de Nadal.

Cea de Nadal.

Excursións.

Premios Kvaerner.

Intercambios entre fillos.

Formación/cursos.

Axudas para libros.

Contribucións familiares, etc.

Para xestionar este diñeiro establécese unha comisión que estará formada como segue:

Un membro nomeado pola dirección.

Un membro elixido por maioría absoluta polos empregados do taller.

Un membro elixido por maioría absoluta polos empregados da oficina.

A comisión preparará un orzamento para todo o ano, un mes despois da sinatura do convenio.

Este orzamento terá que ser aprobado nunha reunión do comité coa dirección. Despois distribuirase a todo o persoal.

A empresa pagará logo de presentación das correspondentes facturas ou orzamentos aprobados pola comisión.

Artigo 21º.-Saídas, axudas de custo e viaxes.

Tódolos traballadores que por necesidade da empresa e por orde recibida teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos que lles impidan realizar comidas ou pernoctacións no seu lugar habitual ou domicilio, terán dereito ás axudas de custo que se especifican no procedemento aprobado Rev. 01-96.

Cando o traballador, por necesidades da empresa e por requirimento desta, tivese que se desprazar utilizando o seu propio vehículo, aboaráselle a cantidade de 30 ptas./km percorrido.

Artigo 22º.-Contratos con ETTs en prácticas ou para a formación.

A empresa poderá realizar contratos con ETTs para realizar traballos productivos habituais da empresa, na contía como máximo dun 10 % do total de horas anuais, sen ter en conta os casos de substitución por ILT, vacacións ou licencias.

A empresa poderá realizar contratos en prácticas ou para a formación na contía de, como máximo, un 10 % do cadro de persoal. A duración será, como máximo, de 2 anos. A empresa deberá comunicarlle ó traballador contratado a continuidade ou non do contrato.

Artigo 23º.-Seguro colectivo.

A póliza de seguro colectivo de accidentes concertada pola empresa cubrirá, como mínimo, as seguintes indemnizacións:

-Accidente laboral ou común con resultado de morte (desde o 1-3-1999): 2.500.000 ptas.

-Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente, total, absoluta ou gran invalidez: 2.500.000 ptas.

Unha copia da póliza inserirase no taboleiro de anuncios da empresa.

Artigo 24º.-Incapacidade laboral transitoria.

A prestación por incapacidade laboral transitoria derivada de accidente laboral ocorrido no centro de traballo ou en desprazamentos a outros centros ou lugares de traballo dentro da xeira laboral, aboarase ó 100% desde o primeiro día de baixa.

A dotación para o fondo de hospitalización, durante a vixencia deste convenio, será de 100.000 pesetas por ano.

Artigo 25º.-Contraprestación.

Os traballadores, en compensación pola vantaxes económicas e sociais do presente convenio, comprométense a cumpri-lo seu cometido con óptima dilixencia e respecto e lealdade á empresa.

Artigo 26º.-Comisión paritaria e de vixilancia.

Establécese a comisión mixta e paritaria do convenio como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do seu cumprimento.

A comisión estará integrada polos seguintes membros:

Manuel J. García Rodríguez e José V. Jamardo Chazo, pola representación empresarial e,

Juan M. Miguens Maneiro e Silverio Bouzas Barreiro, pola representación dos traballadores.

Artigo 27º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado neste convenio rexerá o disposto no Estatuto dos traballadores, na ordenanza laboral siderometalúrxica do 29 de xullo de 1970, que se asume como norma subsidiaria, e nas demais disposicións legais vixentes ou que poidan promulgarse durante a vixencia do convenio.

Artigo 28º.-Vinculación á totalidade.

Ámbalas partes acordan formalmente que as súas respectivas vinculacións á totalidade do contido no presente convenio teñen o carácter de compromiso sobre tódolos artigos.

Disposicións adicionais

Primeira.-As oficinas da empresa terán o seguinte horario:

-Do 15 de xuño ó 15 de setembro, xornada continuada de 7 a 15 horas (con 15 minutos de descanso para para o café).

-Resto do ano, xornada partida de 8 a 14 e de 15 a 17 horas (aqueles que desexen un descanso maior, poderán negocialo coa empresa).

Segunda.-As partes asinantes do presente convenio foron:

-Pola representación empresarial:

Manuel J. García Rodríguez

José V. Jamardo Chazo

Reynaldo Verger Enrico

-Pola representación dos traballadores:

Juan Manuel Miguens Maneiro

Rafael Lorenzo Bello

Silverio Bouzas Barreiro

Vilagarcía, 4 de maio de 1999.

ANEXO I

Director xeral.

Director financeiro.

Director comercial.

Xefe de persoal.