Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Xoves, 24 de xuño de 1999 Páx. 8.083

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Rodman Polyships, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Rodman Polyships, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-5-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data do 13-4-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 11 de maio de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Rodman Polyships, S.A.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación no centro de traballo de Rodman Polyships, S.A., existente en Ríos, Teis, Vigo e por extensión en calquera lugar onde os traballadores do cadro de persoal lle poidan presta-los seus servicios.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio será de aplicación a todo o persoal contratado para traballar na factoría de Ríos (Vigo), existente no momento da sinatura e rexistrado no libro de matrícula, e a todos aqueles que se incorporen con posterioridade á dita factoría, quedando excluído deste artigo o persoal ó que fai referencia o artigo 1º, 3C do Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor o 1º de xaneiro de 1999 sen prexuízo da súa aplicación no BOP. A súa vixencia será de dous anos (1 de xaneiro de 1999 ó 31 de decembro do ano 2000).

Sen embargo, os efectos económicos do ano 1999 entrarán en vigor o 1 de febreiro do dito ano. Entenderase prorrogado, de ano en ano, a non ser que calquera de ámbalas dúas partes solicite, en forma legal, a súa revisión ou rescisión cunha antelación mínima de 3 meses á data da súa expiración ou de calquera das súas prórrogas.

Artigo 4º.-Compensación de melloras.

As condicións establecidas no presente convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente. Calquera disposición legal, convencional e obrigatoria que no futuro se estableza, só será de aplicación se no seu conxunto e cómputo anual resultase superior ás aquí pactadas.

Artigo 5º.-Garantías persoais.

Respectaranse, a título individual, as condicións de traballo que fosen superiores ás establecidas no presente convenio, consideradas no seu conxunto e no cómputo anual.

Artigo 6º.-Aplicación do convenio.

Constituirase unha comisión mixta como órgano de interpretación e conciliación do presente convenio.

A comisión mixta estará composta por catro membros, dous representantes dos traballadores e dous representantes da empresa, que, de entre eles, elixirán un secretario que actuará de moderador.

Cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir entre as partes verbo da interpretación das súas cláusulas serán sometidas ó dictame obrigatorio da devandita comisión, como trámite previo e necesario a calquera denuncia do convenio.

Esta comisión poderá solicitar asesoramento en caso de discrepancia ós organismos competentes (AGA, SMAC, ETC.)

A convocatoria de reunión da comisión mixta poderá ser requirida por calquera das partes, reunión que se celebrará nun prazo máximo de 72 horas. A comisión deberá resolver, nun prazo máximo de 15 días, posteriores á reunión.

No suposto de non existir acordo, elevarase acta cos resultados das interpelacións, elevándoas á autoridade laboral competente.

Capítulo II

Condicións de traballo

Sección primeira

Organización de traballo

Artigo 7º.-Competencia.

A organización do traballo, consonte co prescrito neste convenio e na lexislación vixente, é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

A organización do traballo ten por obxecto acadar na empresa o nivel axeitado de productividade, baseado na utilización óptima dos recursos humanos e materiais. Isto é posible cunha actitude activa e responsable das partes integrantes: dirección e traballadores.

Sen mingua da facultade aludida no parágrafo primeiro, os representantes dos traballadores terán función de orientación, proposta, emisión de informes, etc., no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de conformidade coa lexislación vixente.

A organización do traballo estenderase ás cuestións seguintes:

1º A esixencia da actividade normal.

2º A adxudicación dos elementos necesarios (máquinas ou tarefas específicas) para que o traballador poida acadar, como mínimo, as actividades a que se refire o número anterior.

3º Fixación tanto dos índices de desperdicios coma da calidade admisible, ó longo do proceso de fabricación de que se trate.

4º A vixilancia, atención e limpeza da maquinaria encomendada, téndoa en conta, en todo caso, na determinación da cantidade de traballo e actividade do rendemento normal.

5º A realización, durante o período de organización do traballo, de modificacións, métodos, distribución do persoal, cambio de funcións e variacións técnicas, de máquinas e material, sobre todo cando, verbo destas últimas, trata de obter e buscar un estudio comparativo.

6º A adaptación das cargas de traballo, rendemento e tarifas ás novas condicións que resulten de aplica-lo cambio de determinado método operatorio, proceso de fabricación, cambio de materiais, maquinaria ou calquera outra condición técnica do proceso de que se trate.

7º A fixación de fórmulas, claras e sinxelas para a obtención dos cálculos e retribucións que corresponden a cada traballador afectado de forma e maneira que, sexa cal fose o seu grupo profesional e postos de traballo que ocupen, poidan comprendelas doadamente.

Artigo 8º.-Modalidade de incentivos.

Procedemento para a implantación dos sistemas de organización do traballo. Para a implantación dun novo sistema de rendementos tendo en conta a prima ou incentivos, fixación da actividade normal e óptima e cambio dos métodos de traballo, procederá do seguinte xeito:

1. A dirección da empresa deberá informar previamente do novo sistema que pretende implanta-lo comité de empresa.

2. No suposto de que non houbese acordo entre a dirección e os representantes dos traballadores para a implantación dun novo sistema de rendemento, ámbalas dúas partes poderán, de común acordo, recorrer a unha arbitraxe externa.

3. Por non se ter producido o acordo esixido nin solicitada a arbitraxe externa, a implantación do novo sistema de rendemento de traballo deberá ser aprobado pola autoridade laboral, logo de informe da Inspección de Traballo e do comité de empresa, debéndose executar no prazo máximo de 15 días, unha vez coñecida a resolución da autoridade laboral.

Artigo 9º.-Calidade do producto.

A calidade dos productos obtidos ou dos servicios emprestados por un traballador ou grupo, responderá ás condicións fixadas pola empresa nas normas, planos, bosquexo ou instruccións, etc, que foran dadas para realizaren o traballo. Se por causas imputables ós traballadores, os productos ou servicios non se axustasen ás normas de calidade fixadas, poderán motivar actuacións correctivas, se se derivasen de neglixencia, omisión ou falta de aplicación do traballador, debidamente comprobadas e segundo a gravidade do caso.

Artigo 10º.-Mobilidade do persoal.

Por razóns técnicas, organizativas ou de producción, ou ben por contratacións referidas á actividade empresarial, establécese a mobilidade do persoal da seguinte maneira:

-Mobilidade funcional: poderá levarse a cabo no interior dos grupos profesionais, cando isto non implique traslado de localidade. Exercerán de límite para esta, os requisitos de idoneidade e aptitude precisos para o desempeño das tarefas que se lle

encomenden ó traballador obxecto da mobilidade funcional.

-Mobilidade xeográfica: poderá levarse a cabo nos centros de traballo de Rodman Polyships, S.A. e por extensión a calquera traballo que se vaia realizar no concello de Vigo.

Os traballadores serán avisados en caso de desprazamentos, cunha antelación de 24 horas, agás nos casos de necesidades urxentes de producción ou forza maior.

Ós traballadores obxecto de tal mobilidade seranlles garantidos os seus dereitos económicos e profesionais, de acordo co presente convenio.

Para os tipos de traslados permanentes informarase o comité de empresa.

Os comités de empresa e delegados sindicais, se os houbese, poderán obter información verbo das decisións adoptadas pola dirección da empresa, en materia de mobilidade, así como da xustificación e causa delas, estando obrigada a empresa a facilitárllela.

Capítulo III

Clasificación do persoal

Artigo 11º.-Clasificación profesional.

Os traballadores afectados polo presente convenio, en atención ós oficios que desenvolven e de acordo coas definicións que se especifican no artigo seguinte, serán clasificados en grupos profesionais dentro do seu oficio.

Artigo 12º.-Definición dos grupos profesionais.

A pertenza a un determinado grupo profesional vén definida polos seguintes factores:

a) Autonomía. Será o factor para a súa valoración, debéndose ter en conta a maior ou menor dependencia xerárquica no desempeño da función que se desenvolva.

b) Mando. Será o factor que se terá en conta para valorar:

1. Capacidade de ordenación de tarefas.

2. Capacidade de interrelación.

3. Natureza do colectivo.

4. Número de persoas sobre as que se exerce o mando.

c) Responsabilidade. Será o factor para valorar tanto o grao de autonomía de acción do titular da función coma do grao de influencia sobre os resultados e importancia da conveniencia da xestión.

d) Coñecementos. Será o factor para valorar, ademais da formación técnica necesaria para cumprir correctamente o cometido, o grao de coñecemento e experiencia adquiridos, así como a dificultade na adquisición dos devanditos coñecementos ou esixencias.

e) Iniciativa. Será o factor que se terá en conta para valorar o maior ou menor sometemento a directrices ou normas para a execución da función.

f) Complexidade. Será o factor que estará en función do maior ou menor número, así coma do maior ou menor grao de integración dos diversos factores antes enumerados na tarefa ou posto encomendado.

Tendo en conta os factores anteriores, os grupos profesionais serán os seguintes:

Grupo profesional 11. Criterios xerais.

Operacións que se executen segundo isntruccións concretas, claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, que requiren preferentemente esforzo físico e/ou atención e que non precisan de formación específica, pero si dun período de adaptación.

Formación. Coñecementos de nivel de formación elemental.

Exemplos. Neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son equiparables ás seguintes:

-Actividades manuais en acondicionamento e/ou embalaxes.

-Operacións elementais de máquinas sinxelas, entendendo por tales aquelas que non requiren adestramento e coñecementos específicos.

-Operacións de carga e descarga manuais ou con axuda de elementos mecánicos simples.

-Operacións de limpeza.

-Tarefas que consisten en efectuar recados, encargos, transporte manual, levar ou recoller correspondencia.

-Etcétera.

Grupo profesional 10. Criterios xerais.

Funcións que consisten en operación realizada seguindo un método de traballo preciso e concreto, con alto grao de supervisión, que normalmente esixen coñecementos profesionais de carácter elemental.

Formación. A formación básica esixible é a equivalente a graduado escolar.

Exemplos. Neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son equiparables ás seguintes:

-Actividades de axuda en proceso de elaboración de productos.

-Actividades operatorias en acondicionamento e/ou embalaxes con regulación e posta a punto.

-Tarefas de albanelería, carpintería, electricidade, mecánica, pintura, etc. de traballadores que se inician na práctica delas.

-Labores elementais en laboratorio.

-Vixilancia de edificios e locais sen requisitos especiais e sen armas.

-Funcións de recepción que non esixan cualificación especial ou coñecemento de idiomas.

-Traballos de reprografía.

-Traballos sinxelos e rutineiros de mecanografía, arquivo, cálculo, facturación ou semellantes de administración.

-Etcétera.

Grupo profesional 9. Criterios xerais.

Funcións consistentes na execución de operacións que, aínda cando se realicen baixo instruccións precisas, requiren axeitados coñecementos profesionais e aptitudes prácticas e para as que a súa responsabilidade está limitada por unha supervisión directa e sistemática.

Formación. A formación básica esixible é a equivalente a graduado escolar, completada profesionalmente por unha formación específica deste carácter ou pola experiencia profesional.

Exemplos. Neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son equiparables ás seguintes:

-Tarefas de albanelería, electricidade, carpintería, pintura, mecánica, etc., con capacidade abondo para realiza-las tarefas normais do oficio.

-Tarefas de arquivo, rexistro, cálculo, facturación ou semellantes, que requiran algún grao de iniciativa.

-Vixilancia xurada ou con armas.

-Operadora de télex e fax.

-Telefonista-recepcionista sen dominio de idiomas estranxeiros.

-Función de pagamento e cobramento a domicilio.

-Tarefas de gravación de datos.

-Tarefas de lectura, anotación, vixilancia e regulación baixo instruccións detalladas dos procesos industriais ou da subministración de servicios xerais de fabricación.

-Traballos de mecanografía, con boa velocidade e esmerada presentación, que poidan levar implicita a redacción de correspondencia segundo formato ou instruccións específicas.

-Tarefas de axuda en almacéns que, ademais de labores de carga e descarga, impliquen outras complementarias dos almaceneiros.

-Tarefas de transporte e paletización, realizadas con elementos mecánicos.

-Labores de calcado de planos.

-Realización de análises sinxelas e rutineiras de doada comprobación e funcións de toma e preparación de mostras para análises.

-Etcétera.

Grupo profesional 8. Criterios xerais.

Funcións consistentes na execución de operacións que, aínda cando se realicen baixo instruccións precisas, requiren axeitados coñecementos profesionais e aptitudes prácticas, estando a súa responsabilidade limitada por unha supervisión directa e sistemática.

Formación. A formación básica esixible é a equivalente a graduado escolar, completada cunha experiencia profesional en Rodman Polyships, S.A. de alomenos 10 anos no grupo profesional 9.

Grupo profesional 7. Criterios xerais.

Traballos de execución autónoma que esixan, habitualmente, iniciativa e razoamento por parte dos traballadores encargados da súa execución, comportando baixo supervisión, a súa responsabilidade, podendo ser axudados por outro ou outros traballadores.

Formación. Formación básica, graduado escolar, bacharelato elemental ou equivalente, complementada con formación específica de carácter profesional.

Exemplos. Neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son asimilables nas seguintes:

-Operador de ordenador.

-Taquimecanografía, que acade 100 palabras por minuto de taquigrafía e 240 pulsacións en máquina, con boa presentación de traballo e ortografía correcta, capaz de redactar directamente correo de trámite segundo indicacións verbais.

-Redacción de correspondencia comercial, cálculo de prezos á vista de ofertas recibidas, recepción e tramitación de pedidos e facer propostas de contestación.

-Tarefas que consisten en establecer, con base en documentos contables, unha parte da contabilidade.

-Cálculo de salarios e valoración de custos de persoal.

-Tarefas de análises físicas, químicas e determinacións de laboratorio realizadas baixo supervisión, sen que sexa preciso sempre indicar normas e especificacións, implicando ademais o coidado dos aparellos e a súa homologación, preparación de reactivos necesarios, obtención de mostras e extensión de certificados e boletíns de análises.

-Tarefas de albanelería, carpintería, electricidade, pintura, mecánica, etc. con capacitación ó máis alto nivel, que permita resolver tódolos requirimentos da súa especialidade.

-Tarefas de despacho de pedidos, revisión de mercadorías e distribución con rexistro en libros ou máquinas para o efecto do movemento diario.

-Tarefas de delineación.

-Conducción ou conducción con reparto, con permiso de conducción de clase C, D ou E, entendendo

que poden compaxina-la actividade de conducir co reparto de mercadorías

-Funcións de control e regulamentación nos procesos de producción que xeran transformación de producto.

-Tarefas de regulamentación e control que se realizan indistintamente en diversas fases e sectores de proceso.

-Vendedores sen especialización.

-Etcétera.

Grupo profesional 6. Criterios xerais.

Traballos de execución autónoma que esixan, decote iniciativa e razoamento por parte dos traballadores encargados da súa execución, comportando baixo supervisión, a súa responsabilidade, podendo ser axudados por outro ou outros traballadores.

Formación. Formación básica, equivalente a bacharelato elemental ou ben graduado escolar, complementada con formación específica de carácter profesional e cunha experiencia profesional en Rodman Polyships, S.A. de alomenos 10 anos no grupo profesional 7.

Grupo profesional 5. Criterios xerais.

Inclúense neste grupo a realización das funcións que se van integrar, coordinar e supervisa-la execución de varias tarefas homoxéneas coa responsabilidade de ordena-lo traballo dun conxunto de colaboradores.

Inclúe, ademais, a realización de tarefas que, aínda sen implicaren ordenación de traballo, teñen un contido medio de actividade intelectual e de relacións humanas.

Formación. Coñecementos equivalentes ós se que adquiren en bacharelato superior, FP-II ou equivalentes, completados cunha experiencia, polos estudios específicos necesarios para desenvolve-la súa función.

Exemplos. Neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son asimilables ás seguintes:

-Tarefas que consisten no exercicio de mando directo á fronte dun conxunto de operarios de oficios (albanelería, carpintería, pintura, electricidade, mecánica, soldadura, montaxe, caldeirería,etc).

-Tarefas de traducción, corresponsalía, taquimecanografía e teléfono con dominio dun idioma estranxeiro.

-Programador de informática.

-Tarefas de contabilidade consistentes en reuni-los elementos subministradores polos axudantes e confeccionar estados, balances, custos, provisións de tesourería e outros taballos semellantes, a partir do plan contable da empresa.

-Tarefas que impliquen a responsabilidade da vixilancia e aplicación dos medios e medidas de seguridade.

-Tarefas de confección e desenvolvemento de proxectos, segundo instruccións.

-Responsabilidade da supervisión, segundo especificacións xerais recibidas, da execución práctica das tarefas de análises nun conxunto de laboratorios.

-Actividades que impliquen a responsabilidade dunha quenda ou dunha unidade de producción que poidan ser secundadas por un ou varios traballadores do grupo profesional inferior.

-Vendedores especializados.

-Etcétera.

Grupo profesional 4. Criterios xerais.

Inclúense neste grupo a realización das funcións que se van integrar, coordinar e supervisa-la execución de varias tarefas homoxéneas coa responsabilidade de ordena-lo traballo dun conxunto de colaboradores.

Inclúe ademais a realización de tarefas que, aínda sen implicaren ordenación de traballo, teñen un contido medio de actividade intelectual e de relacións humanas.

Formación. Coñecementos equivalentes ós que se adquiren en bacharelato superior, FP-II completados cunha experiencia profesional en Rodman Polyships, S.A., de alomenos 10 anos no grupo profesional 5.

Grupo profesional 3. Criterios xerais.

Función que consisten en integrar, coordinar e supervisa-la execución de tarefas heteroxéneas coa responsabilidade de ordena-lo traballo dun conxunto de colaboradores.

Inclúese, ademais, a realización de tarefas complexas, pero homoxéneas que, aínda sen implicaren mando, esixe un alto contido intelectual, así como aquelas que consisten en establecer ou desenvolver programas ou aplicar técnicas seguindo instruccións xerais.

Formación. Coñecementos equivalentes a formación académica de grao medio, completada cun período de prácticas ou experiencia adquirida en traballos semellantes.

Exemplos. Neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son asimilables ás seguintes:

-Realización de funcións técnicas de grao académico medio, que consisten en colaborar en traballos de investigación, control de calidade, estudios, vixilancia ou control en procesos industriais ou en servicios profesionais ou científicos de asesoramento.

-Analista de aplicacións de informática.

-Responsabilidade de ordenar e supervisa-la execución de tarefas de producción, mantemento, servicios ou administración do conxunto deles.

-Responsabilidade dunha unidade homoxénea de carácter administrativo ou do conxunto de servicios administrativos.

-Inspectores ou supervisores da rede de vendas.

-Etcétera.

Grupo profesional 2. Criterios xerais.

Inclúen as funcións que consisten na realización de actividades complexas con obxectivos definidos e cun alto grao de esixencia nos factores de autonomía e responsabilidade, dirixen normalmente un conxunto de funcións que comportan unha actividade técnica ou profesional especializada.

Formación. Equivalente a titulación académica superior ou ben de grao medio, completada cunha dilatada experiencia profesional.

Exemplos. Neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son asimilables ás seguintes:

-Realización de funcións que impliquen tarefas de investigación ou control de traballos con capacitación para estudiar e resolve-los problemas que se formulen.

-Supervisión técnica dun proceso ou sección de fabricación ou da totalidade do proceso.

-Supervisión técnica dun grupo de servicios ou da totalidade de todos eles, mesmo de tódolos procesos técnicos.

-Coordinación, supervisión e ordenación de traballos administrativos heteroxéneos.

-Responsabilidade da explotación dun ordenador.

-Análise de sistemas de informática.

-Delegados da rede de vendas.

-Etcétera.

Grupo profesional 1. Criterios xerais.

Inclúense neste grupo aqueles postos que requiren un alto grao de autonomía, coñecementos profesionais e responsabilidade que se exercen sobre un ou varios sectores da empresa, partindo de directrices xerais moi amplas, debendo dar conta da súa xestión a algunha das persoas incluídas no grupo O.

Formación. Equiparable ós niveis académicos superiores, completados con estudios específicos e dilatada experiencia profesional.

Exemplos. Neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son asimilables ás seguintes:

-As funcións consistentes en planificación, ordenación e supervisión dos servicios.

-As consistentes en ordenación e supervisión de sistemas, procesos e circuítos de traballo.

-O desenvolvemento de tarefas de xestión e de investigación a alto nivel como a programación, desenvolvemento e responsabilidade polos resultados.

-A responsabilidade do control, planificación, programación e desenvolvemento do conxunto de tarefas de informática.

-Etcétera.

Grupo profesional O. Criterios xerais.

Os traballadores pertencentes a este grupo planifican, organizan, dirixen e coordinan as diversas actividades propias do desenvolvemento da empresa. As súas funcións abranguen a elaboración da política de organización, as formulacións xerais da utilización eficaz dos recursos humanos e dos aspectos materiais, a orientación e o control das actividades da organización, consonte co programa establecido e a política adoptada; o establecemento e mantemento de estructuras productivas e de apoio e o desenvolvemento da política industrial, financeira ou comercial.

Toman decisións ou participan na súa elaboración. Desempeñan altos postos de dirección ou execución dos mesmos niveis nos departamentos, divisións, grupos, fábricas, plantas, etc. nas que se estructura a empresa e que responden sempre á particular ordenación de cada unha.

Capítulo IV

Vacantes e postos de nova creación, ascensos, cadros de persoal e escalas

Artigo 13º.-Vacantes e postos de nova creación.

A provisión para cubrir vacantes, así como para postos ou prazas de nova creación, axustarase ás normas legais xerais sobre colocación e ás especiais para os traballadores así considerados.

A dirección da empresa determinará os criterios e/ou probas selectivas que se van realizar para a provisión e a documentción que se vaia achegar.

A empresa comunicará ó comité de empresa o posto a cubrir, as condicións que deben reuni-los aspirantes e as características das probas de selección. O comité de empresa velará pola aplicación obxectiva.

Terán dereito preferente para a provisión, en igualdade de méritos, os traballadores fixos da empresa.

No caso de falecemento ou invalidez absoluta dun traballador do cadro de persoal, terán preferencia, en igualdade de méritos, para ocupa-lo dito posto, a viúva ou fillos do devandito traballador.

En todo caso, a provisión de prazas que se refiran a postos de traballo que impliquen exercicio de autoridade e mando sobre terceiras persoas, serán cubertas directa e discrecionalmente pola dirección da empresa.

Ó persoal afectado por unha invalidez permanente total, para a súa profesión habitual declarada por resolución firme da autoridade competente, tratarase de facilitarlle un traballo axeitado ás súas novas condicións sempre e cando non poida realiza-lo traballo que anteriormente viña realizando.

Artigo 14º.-Período de proba.

O ingreso dos traballadores fixos considerarase feito a título de proba, sendo o seu período de proba variable segundo a índole dos postos que se van cubrir e que, en ningún caso, poderá exceder do tempo fixado na seguinte escala:

-Grupos profesionais 1 e 2: seis meses

-Grupos profesionais 3, 4 e 5: tres meses.

-Grupos profesionais 6, 7, 8 e 9: un mes.

-Grupos profesionais 10 e 11: quince días.

Entenderase que o traballador está suxeito ó período de proba cando así conste por escrito. Durante o período de proba, a empresa e mailo traballador poderán resolver libremente o contrato sen previo aviso e sen dereito a ningunha indemnización.

Transcorrido o prazo de proba, os traballadores ingresarán como fixos no cadro de persoal computándose para tódolos efectos o período de proba. A situación de incapacidade temporal interromperá o cómputo deste período, que se iniciará a partir da data da incorporción efectiva ó traballo.

Artigo 15º.-Ascensos.

Os ascensos suxeitaranse ó seguinte réxime:

1. Ascenso dos traballadores a tarefas ou postos de traballo que impliquen mando ou confianza, tales como as que realizan os traballadores dos grupos profesionais do 01 ó 05, ámbolos dous inclusive, así como a que realizan o inspector, conserxe, cobrador, gardiáns, vixilantes, A.T.S., secretaria de dirección, almaceneiros, serán de libre designación pola empresa.

2. Para o ascenso do resto dos traballadores, a empresa establecerá un concurso-oposición a partir dun sistema de carácter obxectivo, tomando como referencia as seguintes circunstancias: titulación axeitada, valoración académica, coñecemento do posto de traballo, historial profesional, ter desempeñado función de superior grupo profesional, formación específica por parte da empresa e superar satisfactoriamente as probas que para o efecto se establezan.

En idénticas condicións de idoneidade, atribuiráselle o ascenso ó máis antigo.

O sistema confeccionado pola dirección será preceptivamente dictaminado polo comité de empresa. Quedará aberta ós traballadores a vía de reclamación perante a Inspección de Traballo.

Para os efectos de asegura-la representación do comité de empresa nos procedementos a través dos cales se produzan os ascensos, este designará un

representante que participará no tribunal de concurso-oposición, con voz e sen voto. Así mesmo, farase constar en acta, redactada para o efecto, as súas salvidades.

Ámbalas dúas partes comprométense a desenvolve-lo previsto neste artigo, no tocante ó sistema e prazos. A revisión de categorías realizarase no mes de xuño.

Artigo 16º.-Cadro de persoal.

A empresa confeccionará cada ano o cadro de persoal fixo e noutras condicións laborais, sinalando o número de traballadores que abrangue cada oficio e grupo profesional.

Sen prexuízo da promoción do persoal existente pola vía do ascenso, a empresa poderá amortiza-las vacantes que se produzan.

Previamente á amortización dunha vacante informarase o comité de empresa, para os efectos oportunos.

Artigo 17º.-Escalas.

A empresa confeccionará anualmente as escalas do seu persoal en dúas modalidades diferentes:

a) Xeral, que agrupará a todo o persoal en orde á data de ingreso.

b) Especial, que agrupará ós traballadores por oficio e grupo profesional.

Na confección deberá de especificarse: nome e apelidos, data de nacemento, data de ingreso, grupo profesional, data de alta nel e data do próximo vencemento do complemento de antiguidade.

A orde de cada traballador na escala virá determinada pola data de alta no grupo profesional, en caso de igualdade, por antigüidade na empresa e no caso de igualdade, pola idade do traballador.

As escalas serán publicadas para coñecemento do persoal, que terá un prazo de 30 días, a partir da data de publicación, para reclamar perante a empresa. Se a empresa non contestase en 60 días a reclamación, enténdese que a acepta.

Artigo 18º.-Cesamentos voluntarios.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio da empresa estarán obrigados a poñelo en coñecemento desta, cumprindo os seguintos prazos de aviso previo:

-Grupos profesionais 1 e 2: dous meses.

-Grupos profesionais 3, 4, 5, 6 e 7: un mes.

-Grupos profesionais 8, 9, 10 e 11: quince días.

O incumprimento por parte dos traballadores da obriga de avisar previamente coa indicada antelación, daralle dereito á empresa a descontar da liquidación del, o importe do salario dun día, por cada día de atraso no aviso previo.

A empresa estará obrigada a liquidar, ó finaliza-lo prazo, os conceptos fixos que poidan ser calculados

en tal momento. O incumprimento desta obriga imputable á empresa levará parello o dereito do traballador a ser indemnizado co importe dun día por cada día de retraso na liquidación. Non existirá tal obriga e, xa que logo, non nace este dereito se o traballador non avisou previamente coa antelación debida.

Capítulo V

Xornada de traballo; horario; horas extraordinarias; traballos en sábados, domingos, festivos e nocturno; vacacións e licencias varias

Artigo 19º.-Xornada anual de traballo.

A xornada laboral anual será de 1.750 horas para o ano 1999, para aqueles traballadores que teñan un nivel de absentismo que non supere o 5% durante o período dende o 1 de xaneiro de 1999 ó 30 de novembro do mesmo ano. Para aqueloutros traballadores dos que o índice de absentismo supere o 5% a súa xornada anual de traballo sería de 1.755 horas anuais. E para os vindeiros anos o cómputo do absentismo realizaríase desde o 1 de decembro ó 30 de novembro, aplicando o mesmo criterio anterior.

A xornada laboral anual será de 1.750 horas para o ano 2000.

Artigo 20º.-Horario.

O horario de traballo establécese, con carácter xeral para a totalidade do persoal, coa exclusiva excepción do persoal de vixilancia de factoría e persoal con contratos que recollan horarios diferentes, e durante os doce meses do ano como a seguir se sinala:

De luns a venres de 8 a 13 horas e de 14 a 17.15 horas.

As horas que se citan son indicativas do efectivo comezo e terminación do traballo, polo que a non presentación no posto de traballo á hora de comezo indicada ou o abandono del antes da finalización, terá a consideración de infracción por incumprimento do convenio.

O exceso de xornada semanal sobre a establecida legalmente, destínase ó desfrute de pontes, xornada reducida de verán (venres) e outros descansos.

Establecerase de común acordo o calendario laboral para os anos 1999 e 2000.

Artigo 21º e 22º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extras aquelas que excedan da duración da xornada de traballo a que se refire o artigo anterior.

A iniciativa do traballo en horas extras correspóndelle á empresa e a libre aceptación ou denegación ó traballador, agás naqueles casos nos que a súa non realización lle produza á empresa graves prexuízos e/ou impida a continuidade da producción e/ou sexan causas de forza maior que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros seme

llantes dos que a súa non realización produza evidentes e graves prexuízos á propia empresa ou a terceiros, así como en casos de risco de perda de materias primas.

As horas extras motivadas por mor de forza maior e as estructurais, notificaranse mensualmente á autoridade laboral conxuntamente entre empresa e comité de empresa, para os efectos de obte-la reducción de recargos de cotización.

Horas extras estructurais son aquelas necesarias por perdas ou períodos puntas de producción, ausencias impostas, cambio de quenda, mantemento ou traballos urxentes derivados da natureza de determinadas actividades, probas, manobras de buques, botaduras, varadas e outros supostos similares.

21.1. Horas extras normais.

Son as realizadas dende as 6 ás 22 horas e que excedan da xornada laboral do traballador. O seu valor establécese na táboa anexa.

21.2. Horas extras nocturnas.

Son as abranguidas entre as 22 horas e as 6 horas do día seguinte. O seu valor establécese na táboa anexa, no que está incluído o complemento de nocturnidade.

21.3. Horas extras en sábados, domingos ou festivos.

O seu valor establécese na táboa anexa.

21.4. Xornada completa en sábados, domingos ou festivos.

Será aboada cun incremento do 10% sobre o salario base, C.P.N.A. e complemento de asistencia e puntualidade, non traballándose ó día seguinte, considerándose este como permiso retribuído. Se o día seguinte fose xornada de sábado, domingo, festivo ou ponte, a xornada realizada será considerada como horas extras, segundo o apartado 21.3.

21.5. Xornada completa de noite.

Será aboada cun incremento do 25% sobre o salario base, C.P.N.A. e complemento de asistencia e puntualidade. Nesta porcentaxe está incluído o complemento de nocturnidade. Non traballando ó día seguinte, considerándose este como permiso retribuído. Se o día seguinte fose sábado, domingo, festivo ou ponte, a xornada realizada será considerada como horas extras, segundo o punto 21.2.

21.6. Traballos en días de ponte.

As horas de traballo realizadas durante estes días pagaranse como horas extras, conforme o establecido no punto 21.1 e 21.2.

O 50% das horas extras realizadas por cada traballador, de luns a venres, serán compensadas por tempo de descanso retribuído, a razón de 1,25 horas por cada hora, acumulándose para seren desfrutadas en días ou medios días.

Unha vez acumuladas as horas dun mes, as devanditas horas poderán ser desfrutadas dentro dun prazo de 3 meses. Caso de non poder desfrutalas no devandito prazo, estas seríanlle aboadas ó traballador na nómina do mes seguinte de finaliza-lo devandito prazo de tres meses.

Exemplo. Horas realizadas no mes de xaneiro:

Desfrutaranse dentro dos tres meses seguintes de febreiro, marzo e abril.

Caso de non poder desfrutalas por saturación de traballo, estas serían aboadas na nómina de maio.

O Departamento de Recursos Humanos terá informado o traballador e comité de empresa, das horas acumuladas por mes.

Artigo 23º.-Vacacións.

O réxime de vacacións anuais retribuídas do persoal afectado polo presente convenio, será de 30 días naturais para tódolos traballadores.

As vacacións anuais non poderán ser compensadas en metálico, sendo o seu desfrute obrigatorio.

A empresa poderá organizar quendas de vacacións tendo en conta a carga e urxencia dos traballos que se vaian realizar.

Todo o persoal será informado cun mínimo de dous meses ó comezo das súas vacacións, do período que lle corresponde.

Establecerase, de común acordo, o calendario laboral para os anos 1999 e 2000.

Artigo 24º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación posterior, poderá faltar ó traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e durante o tempo que a seguir se expón:

1. Quince días naturais no caso de matrimonio.

2. Tres días naturais polo nacemento de fillo legalmente recoñecido, que poderá ser prorrogado por un día máis no caso de enfermidade xustificada, cando o traballador precise realizar un desprazamento para o efecto, garantíndose que destes tres días, dous serán laborables.

3. Catro días naturais por falecemento do cónxuxe, fillos, pais, sogros e irmáns, que poderán ampliarse a un día máis, cando medie necesidade de desprazamento para o efecto.

4. Dous días laborais por falecemento de avós, avós políticos, noras, xenros, netos, cuñados, que poderán ampliarse a catro días naturais, cando medie necesidade de desprazamento para o efecto.

5. Tres días naturais en caso de grave enfermidade dos familiares abranguidos nos puntos 3 e 4.

6. Durante un día por traslado do seu domicilio habitual.

7. Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal,

cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que dispoña no tocante á duración da ausencia e compensación económica.

8. Falecemento por accidente durante a xornada laboral dun compañeiro de traballo: todo o persoal o resto da xornada laboral.

9. Por enterramento dun traballador de Rodman Polyships, S.A.: unha representación dos traballadores ata un máximo de cinco, polo tempo preciso para a asistencia ó enterramento.

10. Un día natural por casamento de pais, irmáns, fillos e netos.

Artigo 25º.-Licencias sen soldo.

Avisando coa debida antelación e aceptado pola empresa de non supoñer unha alteración importante dos medios productivos, o traballador poderá solicitar licencia sen soldo por causa xustificada ou ampliación das do artigo 24º.

A duración desta licencia será a necesaria e a deberá ser determinada entre a empresa e traballador.

Artigo 26º.-Asistencia a consultas médicas.

O traballador, logo de aviso e xustificación posterior polo facultativo, poderá faltar ó traballo ou ausentarse del con dereito a toda a súa remuneración por un máximo de tres horas para a asistencia a consulta do médico de cabeceira da Seguridade Social; e polo tempo imprescindible, no caso de asistencia a consulta de especialista da Seguridade Social.

Tamén poderán faltar ó traballo para asistir a consultas de médicos privados, logo de aviso e xustificación posterior, cun máximo de tres horas.

Artigo 27º.-Excedencia.

Haberá que aterse ó disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores, e artigo 9 da Lei orgánica de liberdade sindical.

Capítulo VI

Retribución do persoal

Artigo 28º.-Sistema retributivo.

As retribucións anuais do persoal abranguido neste convenio estarán constituídas polo salario base e os complementos del.

Artigo 29º.-Pagamento de retribucións.

O pagamento de retribucións realizarase mensualmente a través das diversas entidades bancarias.

Os días de cobramento fixaranse, de común acordo, no calendario laboral de cada ano.

No tocante ós anticipos haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente, estes solicitaranse con 48 horas de anticipación, no departamento de recursos humanos.

Artigo 30º.-Descrición das retribucións.

As retribucións anuais do persoal estarán formadas polos seguintes conceptos:

A) Salario base.

B) Complemento persoal non absorbible.

C) Complemento de antiguidade.

D) Complemento de asistencia e puntualidade.

Artigo 31º.-Salario base.

A táboa de salarios base mínima anual para 1999 por cada grupo profesional é o seguinte:

-Grupo 1: 3.583.944.

-Grupo 2: 3.061.852.

-Grupo 3: 2.575.984.

-Grupo 4: 2.441.327.

-Grupo 5: 2.299.795.

-Grupo 6: 2.193.569.

-Grupo 7: 2.087.523.

-Grupo 8: 2.022.561.

-Grupo 9: 1.959.215.

-Grupo 10: 1.719.787.

-Grupo 11: 1.628.003.

-Aprendices: 786.434.

Para o ano 2000 o incremento será do IPC máis 1,20 puntos sobre as táboas do convenio do ano 1999.

Artigo 32º.-Axuda de custo para mantenza.

Establécese para 1999 unha axuda de custo de mantenza de 420 ptas. por día de asistencia ó traballo e de 435 ptas. para o ano 2000. Esta axuda de custo aplicarase só ó persoal que preste os seus servicios no horario de luns a venres de 8 a 13 horas e de 14 a 17.15.

Artigo 33º.-Complemento persoal non absorbible.

Co fin de salvagarda-lo dereito adquirido polos traballadores a título persoal, en función da súa procedencia de orixe, a empresa continuará aboando o complemento persoal non absorbible (C.P.N.A.). As ditas cantidades non poderán ser absorbidas ou compensadas por outros conceptos retributivos, salvo acordo entre o traballador e a empresa.

Artigo 34º.-Complemento de antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade para tódolos traballadores de 36.000 pesetas/ano por quinquenio tanto para o ano 1999 como para o 2000, pagadoiro en doce mensualidades de igual contía e calculado tendo en conta a data de alta na empresa da seguinte forma:

Alta do 1 ó 15: a antigüidade considérase desde o 1 do mes no que se cumpre o quinquenio.

Alta do 16 ó fin de mes: a antigüidade considérase dende o 1 do mes seguinte no que se cumpre o quinquenio.

Artigo 35º.-Complemento de asistencia e puntualidade.

Aboarase un complemento de asistencia e puntualidade, consistente nun 6,7% calculado sobre a suma do salario base e mailo C.P.N.A. e pagadoiro en doce mensualidades de igual contía.

A súa percepción estará suxeita á normativa que se recolle como anexo II do presente convenio.

Artigo 36º.-Gratificacións extraordinarias.

As retribución que perciban os traballadores por tódolos conceptos antes enumerados, terán a consideración de retribucións brutas anuais e, xa que logo, inclúen dúas pagas extraordinarias que serán distribuídas en doce meses.

Artigo 37º.-Axudas de custo, desprazamentos e aloxamentos.

Os traballadores que, por necesidade da empresa, teñan que efectuar desprazamentos ou viaxes a poboacións distintas daquela onde radique o centro de traballo, percibirán no ano 1999:

a) Unha axuda de custo para mantenza e aloxamento de acordo co seguinte criterio e distribución:

-Tendo un xantar fóra e pernoitando no seu domicilio 1.835 ptas.

-Tendo dous xantares fóra e pernoitando no seu domicilio 3.128 ptas.

-Por pernoita e almorzo fóra do domicilio 3.992 ptas.

b) Os gastos de locomoción serán a cargo da empresa, que establecerá o medio de transporte máis axeitado.

Se a empresa e mailo traballador acordan que o desprazamento sexa en vehículo propio do traballador, establécese unha compensación de 33 ptas. por km co que quedan cubertos tódolos factores do custo, agás a peaxe da autoestrada.

c) Se o desprazamento ou viaxe non orixina ningún gasto por locomoción, mantenza, aloxamento, etc., por asumilo a empresa na súa totalidade, a empresa non aboará ningunha cantidade en concepto de locomoción, axuda de custo, etc.

Se pola realización de traballos dentro da localidade onde está o centro de traballo, o traballador estivese realizando horas extraordinarias de acordo cos artigos 21º e 22º deste convenio, na que se vise imposibilitado do desprazamento ó seu domicilio para efectua-las comidas ou ceas, a empresa aboará por cada unha delas a cantidade de 827 ptas. Polo suposto do almorzo aboará a cantidade de 259 ptas. Para o ano 2000 os valores anteriores incrementaranse no IPC.

Artigo 37º bis.-Viaxes en xeral.

1. Por día pernoitado fóra do domicilio, aboaráselle ó traballador o valor de dúas horas extras, pagadas como tales horas extras, sen compensalas por tempo

de descanso, mailas horas traballadas que excedan de 8 h 15 m.

2. Se o traballo se desenvolve en países tales como: Angola, Mozambique, etc. gratificarase por día pernoitado fóra do domicilio con 3.103 ptas. mailas horas traballadas que excedan de 8 h 15 m.

3. As horas de viaxe consideraranse todas como horas normais traballadas, agás sábados, domingos, festivos e pontes, que serán consideradas como horas extras.

4. Cando o traballador vaia navegando 24 ou máis horas no buque en garantía, efectuando amaños, con aloxamento e mantenza a bordo, considerarase traballada a xornada completa nos días laborais, e ademais recibirá unha gratificación de 5.171 ptas./día.

Os sábados, domingos, festivos, pontes, daráselles o mesmo tratamento, no tocante ás horas, como se se traballase en factoría, recibíndose así mesmo a cantidade de 5.171 ptas. por día como gratificación.

Estas contías referenciadas serán de aplicación no ano 1999. Para o ano 2000 veranse incrementadas no IPC.

Artigo 37º bis 1.-Traballos suxeitos a mobilidade xeográfica.

A todo traballador da factoría de Ríos, que presta os seus servicios na factoría de Moaña, seralle aplicado o horario establecido no artigo 20º, é dicir, traballará de 8 h a 13 h e de 14 h a 17.15 h, polo que a non presentación no posto de traballo, á hora de comenzo indicada, ou o seu abandono antes do seu remate, terá a consideración de infracción, por incumprimento do convenio.

Todo traballador suxeito ó presente convenio, que no seu traslado a ese centro de traballo se vexa obrigado á utilización da autoestrada de peaxe (ponte de Rande) percibirá no ano 1999 como compensación a cantidade de 1.394 pesetas por día de traballo; e un incremento do IPC máis un punto no ano 2000.

Aboaráselles a tódolos traballadores suxeitos ó presente convenio, que presten os seus servicios na factoría de Moaña, a cantidade de 101 ptas. por cada día de asistencia ó traballo no ano 1999 e un incremento do IPC máis un punto no ano 2000.

Artigo 38º.-Traballos tóxicos, penosos e perigosos.

Se a pesar dos medios dispostos e medidas tomadas se presentase de xeito puntual un traballo considerado tóxico, penoso ou perigoso aboaráselle ó persoal afectado e polo tempo que dure este traballo, un complemento do 10% do salario base de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 39º.-Pezas de roupa de traballo.

A empresa proverá gratuitamente o persoal que polo seu traballo o precise, das seguintes pezas de roupa de traballo anuais, para o seu uso obrigatorio:

Persoal obreiro de laminación: 3 fundas.

Resto do persoal obreiro: 2 fundas.

Persoal empregado: 2 fundas ou batas.

Para o persoal de novo ingreso haberá dúas fundas, que se lle entregarán no momento de iniciaren os seus servicios na empresa, agás que o contrato sexa temporal.

Para aqueles traballos que o requiran, por unha especial sucidade, disporase dun almacenamento de fundas para tal cometido, sendo a súa limpeza responsabilidade da empresa. Nomeadamente para o engraxe de grúas, limpeza de cárteres, limpeza de tanques, montaxe de encanamento impregnado en aceite e traballos a criterio do xefe de departamento.

Entregaráselles un par de botas de seguridade ó persoal que teña risco de accidente nos pés, a criterio da dirección de producción ou traballen en zonas de combustibles ou aceites.

Ó persoal de laminación entregaráselles dous pares de calzado axeitado. Para o resto do persoal haberá un par de botas.

A empresa, así mesmo, dotará de roupa e calzado impermeable: guantes, polainas, guantes de goma, etc. o persoal que o precise.

A entrega das pezas de roupa anteriormente indicadas será sempre efectuada contra a entrega das que hai que repoñer.

A empresa escoitará o comité de empresa no tocante á calidade das pezas de roupa.

Artigo 40º.-Seguro de vida, invalidez e accidente.

Manterase o seguro colectivo de vida, invalidez e accidente, a cargo da empresa durante a vixencia do presente convenio. Sendo os valores asegurados para o ano 1999 os seguintes:

Falecemento: 1.900.000 pesetas.

Invalidez absoluta e permanente: 1.900.000 pesetas.

Morte por accidente: 1.900.000 pesetas.

Morte por accidente de circulación: 1.900.000 pesetas.

E para o ano 2000 os valores anteriores incrementaranse en 100.000 pesetas.

Como nota aclaratoria cómpre sinalar que en caso de falecemento o traballador cobraría: por falecemento 1.900.000 pesetas. Se o falecemento é por accidente cobraría 1.900.000 pesetas por accidente máis 1.900.000 ptas. por falecemento, sendo a contía que se vai percibir de 3.800.000 pesetas. No caso de que fose por accidente por circulación cobraría o seguinte: 1.900.000 por falecemento, máis 1.900.000 por falecemento por accidente, máis 1.900.000 por morte por accidente de circulación, co cal cobraría 5.700.000 pesetas.

Artigo 40º bis.-Fondo social.

Créase un fondo social que estará composto por unha achega do 2,8 por mil mensual, calculado sobre o salario bruto de cada traballador, e que será achegada pola totalidade dos traballadores suxeitos ó presente convenio, achegando a empresa ó devandito fondo unha cantidade mensual do 4,5 por mil. Este fondo será xestionado por dous representantes da empresa, e dous representante dos traballadores, quedando pendente a creacións duns estatutos que regulen a distribución deste fondo.

Durante a vixencia deste convenio, cando un traballador estea de baixa e esta pase de tres meses, a partir dos devanditos tres meses, non se lle descontará, o 2,8 por mil mensual, que cada traballador está achegando a este fondo social.

Capítulo VII

Réxime disciplinario

Artigo 41º.-Sancións.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa, de acordo coa gradación de faltas e sancións que se establecen nos artigos seguintes.

Os expedientes disciplinarios que puideran existir no momento da sinatura do convenio quedarán prescritos cando se asine.

Artigo 42º.-Gradación das faltas.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase atendendo á súa importancia, trascendencia e intención, en leve, grave ou moi grave.

Artigo 43º.-Faltas leves.

Considéranse faltas leves as seguintes, entre outras:

1. O incumprimento inxustificado do horario de traballo cando non supoña falta grave.

2. Non notificar previamente ou dentro das 24 horas seguintes á falta, a razón da ausencia ó traballo, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado.

3. O abandono do posto de traballo sen causa fundada, aínda cando sexa por breve tempo. Se por mor del se lle orixinase prexuízo dalgunha consideración á empresa ou fose causa de accidente ós seus compañeiros de traballo esta falta podería ser considerada como grave ou moi grave, segundo os casos.

4. Pequenos descoidos na conservación do equipo e do material.

5. Non utilización das pezas de roupa de traballo obrigatorias.

6. Non atende-lo público, compañeiros, subordinados ou superiores coa corrección e dilixencia debidas, se é o caso.

7. Non comunicarlle á empresa os cambios de residencia e domicilio.

8. As discusións sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa. Se tales discursións producisen escándalo notorio, poderán ser consideradas como faltas graves ou moi graves.

9. Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

10. Falta de aseo e limpeza persoal.

Artigo 44º.-Faltas graves.

Considéranse faltas graves as seguintes, entre outras:

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade, superiores a cinco minutos, na asistencia ó traballo nun período de trinta días naturais e de seis faltas, calquera que sexa o atraso, no mesmo período.

2. Ausencia sen causa xustificada por dous días durante un período de trinta días naturais. Abondará cunha soa falta cando tivera que relevar a un compañeiro cando, por mor dela, se causase prexuízo dalgunha consideración á empresa, sen aviso a esta durante a primeira hora de traballo.

3. Non comunicar, coa puntualidade debida, os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social. A falta maliciosa nestes datos considérase como falta moi grave.

4. Entregarse a enredos nas horas de traballo.

5. A simulación de enfermidade ou accidente.

6. A desobediencia ós seus superiores en calquera materia de traballo. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou se derivase dela prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada como falta moi grave.

7. Disimula-la presencia doutro traballador, fichando, contestando ou asinando por el.

8. Neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha do servicio.

9. A imprudencia no acto de traballo, se implicase risco de accidente para o traballador, para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada moi grave. En tódolos casos, considerarase imprudencia en acto de servicio o non uso das pezas de roupa de seguridade e aparellos de seguridade de carácter obrigatorio.

10. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada, así como empregar ferramentas da empresa para usos propios.

11. A embriaguez fóra de acto de servicio, vestindo o uniforme da empresa, sempre que polo uniforme poida identificarse a empresa.

12. A reincidencia en falta leve (excluída puntualidade) aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e mediando comunicación escrita.

13. As accións ou omisións dirixidas a evadi-los sistemas de control de horarios ou a impediren que sexan detectados os incumprimentos inxustificados da xornada de traballo.

Artigo 45º.-Faltas moi graves.

Considéranse como faltas moi graves as seguintes, entre outras:

1. Máis de doce faltas non xustificadas de puntualidade, cometidas nun período de seis meses ou vintecatro durante un ano.

2. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa coma ós compañeiros de traballo ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa ou durante o traballo en calquera outro lugar.

3. Facer desaparecer, inutilizar, esnaquizar ou causar desperfectos en primeiras materias, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, utensilios e documentos da empresa.

4. A condena por delicto de roubo, furto, estafa ou malversación cometidos fóra da empresa, ou por calquera outra clase de feito que poidan implicar para esta desconfianza verbo do seu autor, e, en todo caso, a de duración superior a seis anos dictada polos tribunais de xustiza.

5. A continuada e habitual falta de aseo e limpeza de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo.

6. A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercute negativamente no traballo.

7. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa ou revelar a elementos estraños a ela, datos de reserva obrigada.

8. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade, falta grave de respecto e consideración ós xefes, compañeiros e subordinados ou ós seus familiares.

9. Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia.

10. Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade.

11. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do traballo sempre que non estea motivada polo exercicio dalgún dereito recoñecido polas leis.

12. Orixinar frecuentes liortas e pendencias cos compañeiros de traballo.

13. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dos seis meses seguintes de terse producido a primeira.

14. O abuso de autoridade que se puidera cometer por parte dos mandos ou con delegación de mando será sempre considerado como falta moi grave e sancionada en consecuencia, entendendo polo dito abuso o que cometa un feito arbitrario con infracción manifesta e deliberada dunha norma ou precepto legal que prexudique notoriamente a un inferior.

15. As faltas inxustificadas de asistencia ó traballo, durante tres días consecutivos ou cinco alternos, nun período de trinta días.

Artigo 46º.-Réxime de sancións.

Corresponde á empresa a facultade de impoñer sancións nos termos do acordado no presente convenio.

As sancións das faltas, calquera que sexa a súa gravidade, requirirá comunicación escrita e motivada o traballador.

No caso de sancións graves ou moi graves, a empresa antes de impoñe-la sanción escoitará o traballador e o comité de empresa, nas alegacións pertinentes.

Artigo 47º.-Sancións máximas.

As sancións máximas que poderán impoñerse en cada caso, atendendo á gravidade da falta cometida, serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

Amoestación verbal, amoestación por escrito, suspensión de emprego e soldo ata dous días.

b) Faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

c) Por faltas moi graves:

Desde a suspensión de emprego e soldo de dezaseis a sesenta días, ata a rescisión do contrato de traballo, nos supostos no que a falta fora cualificada no seu grao máximo.

Artigo 48º.-Prescrición.

A facultade da empresa de sancionar prescribirá para as faltas leves ós dez días, para as faltas graves ós vinte días e para as moi graves, ós sesenta días, a partir da data en que aquela tivo coñecemento da súa comisión.

Capítulo VIII

Seguridade e saúde

Artigo 49º.-Comité de seguridade e saúde.

O comité de seguridade e saúde é o órgano paritario e colexiado destinado á consulta regular e periódica das actuacións da empresa en materia de prevención de riscos.

1.1. Serán funcións do dito comité a observancia das disposicións vixentes en materia de seguridade e saúde no traballo. Os representantes da empresa e dos traballadores participan na planificación, programación, organización e control relacionado coa mellora das condicións de traballo e a protección da seguridade e saúde dos traballadores. Tamén participan na avaliación e posta en práctica dos plans e programas de prevención de riscos da empresa.

Tamén poderán propoñerlle á empresa a adopción de medidas disciplinaris en contra dos traballadores que infrinxan as normas de seguridade e saúde.

1.2. Composición do comité de seguridde e saúde: o comité estará formado polos delegados de prevención dunha parte, e polo empresario ou os seus representantes, en número igual ó dos delegados de prevención da outra. O número de delegados de prevención establécese en función do número de traballadores da empresa, correspondéndolle neste caso tres delegados, é dicir, o comité de seguridade e saúde estará composto por seis membros, ou sexa, tres por cada parte.

1.3. O comité de seguridade e saúde reunirase trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións del. O comité adoptará as súas propias normas de funcionamento.

1.4. O comité de seguridade e saúde coñecerá as actividades dos servicios de prevención que poidan ser propios ou concertados cunha empresa especializada externa.

1.5. No que respecta ás súas competencias e facultades, así como as obrigas da empresa e dos traballadores, haberá que aterse ó que determine a Lei de prevención de riscos laborais e mailo seu regulamento de desenvolvemento.

Artigo 50º e 51º.-Servicios de prevención.

Os servicios de prevención poden ser propios ou alleos. Os servicios de prevención proporcionaranlle á empresa o asesoramento e apoio no que respecta a:

a) Establecemento dun mapa de riscos.

b) O deseño, aplicación e coordinación dos plans e programas de actuación preventiva.

c) A avaliación dos factores de risco que poidan afecta-la seguridade e saúde dos traballadores, nos termos previstos na lei.

d) A determinación das prioridades na adopción das medidas preventivas axeitadas e a vixilancia da súa eficacia.

e) A información e formación dos traballadores.

f) A prestación dos primeiros auxilios e plans de emerxencia.

g) A vixilancia da saúde dos traballadores en relación cos riscos derivados do traballo.

O servicio médico de empresa quedará integrado nos servicios de prevención. Outras funcións dos servicios de prevención son:

1. Estudio e vixilancia das condicións de traballo e ambientais para obter e conserva-los valores óptimos posibles de ventilación, iluminación, temperatura e humidade dos locais de traballo.

2. Determinar e previ-los factores de microclima laboral na medida que poidan se-los causantes de efectos nocivos para a saúde dos traballadores.

3. Promoción e conservación en boas condicións dos servicios hixiénicos xerais, vestiarios, lavabos, duchas, retretes, auga potable, residuais e outros semellantes.

4. Vixilancia da saúde dos traballadores para detectar precozmente e individualiza-los factores de risco e deterioración que poidan afecta-la súa saúde.

5. Recoñecementos previos á admisión de novos traballadores.

6. Recoñecementos médicos anuais.

7. Recoñecementos para verifica-lo estado de enfermidade ou accidente do traballador tendente a protexer este.

8. Estudio e valoración de riscos que poidan afecta-las traballadoras en situación de embarazo ou parto recente, os menores e os traballadores especialmente sensibles a determinados riscos.

9. Diagnóstico das enfermidades profesionais e a súa prevención.

10. Investigación das causas de enfermidade ou accidente de traballo.

11. Preparación dos traballadores seleccionados para as prácticas de auxilios e urxencias, e colaboración directa na organización de equipos de salvamento.

Para o non previsto nestes artigos haberá que aterse ó que determina a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e no Regulamento dos servicios de prevención, Real decreto 36/1997, do 17 de xaneiro.

Capítulo IX

Dereitos sindicais

Artigo 52º.-Comité de empresa.

O comité de empresa é o órgano representtivo e colexiado do conxunto dos traballadores da empresa.

O comité de empresa, para o seu mellor funcionamento na defensa dos intereses dos traballadores, ós que representa, poderá organizarse nas comisións que considere pertinentes.

O comité de empresa disporá, durante a vixencia do presente convenio, dun local de uso exclusivo, dotado dos seguintes elementos: arquivo, máquina de escribir, teléfono con liña local, mesas, cadeiras e calefacción.

Artigo 53º.-Reunións comités e dirección.

Por pedimento motivado do comité ou da dirección da empresa, celebrarase unha reunión mensual. A súa orde do día será coñecida por ámbalas dúas partes cunha semana de antelación.

Artigo 54º.-Competencias do comité de empresa.

1. Sen prexuízo dos dereitos e facultades concedidos polas leis, recoñéceselle ó comité de empresas as seguintes competencias:

1.1. Recibir información que lle será facilitada trimestralmente sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa, sobre a situación da producción e vendas da entidade, sobre seu programa de producción e evolución probables do emprego na empresa.

1.2. Anualmente coñece-lo balance, a conta de resultados, a memoria e, no caso de que empresa revista a forma de sociedade por acción ou participacións, de cantos documentos se lle dean a coñecer ós socios.

1.3. Emitir informe con carácter previo á súa execución pola empresa, sobre as reestructuracións do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais e as reduccións de xornada, así como traslado total ou parcial das instalacións empresariais e sobre os plans de formación profesional da empresa.

1.4. Emitir informe en función da materia de que se trate:

a) Sobre a implantación ou revisión do sistema de organización do traballo e calquera das súas posibles consecuencias, estudios de tempos, establecementos de sistema de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo.

b) Sobre a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa cando isto supoña calquera incidencia que afecte o volume de emprego.

1.5. Seren informados do modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente utilice a empresa.

1.6. Coñece-las estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias, así como os índices de sinistralidade.

1.7. Exercer un labor de vixilancia sobre as seguintes materias:

a) No cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social, así como o resto dos pactos, condicións e usos de empresa en vigor, formulando, se é o caso, as accións legais oportunas perante a empresa e os organismos ou tribunais competentes.

b) Na calidade da docencia e da súa efectividade nos centros de formación e capacitación da empresa.

c) Da vixilancia e control das condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo da empresa.

1.8. Participar como regulamentriamente se determine, na xestión de obras sociais establecidas na empresa, a prol dos traballadores ou dos seus familiares.

1.9. Colaborar coa dirección da empresa para consegui-lo establecemento de cantas medidas procuren o mantemento e o incremento da productividade da empresa.

Artigo 55º.-Capacidade e sixilo profesional.

1. Recoñéceselle ó comité de empresa capacidade como órgano colexiado para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relativo ó ámbito da súa competencia, por decisión maioritaria dos seus membros.

2. Os membros do comité de empresa e este no seu conxunto, observarán sixilo profesional en todo o referente ós números 1, 2, 3, e 4 do punto 1 do Art. 64 do Estatuto dos traballadores, mesmo despois de deixar de pertenceren ó comité de empresa e, nomeadamente, en todas aquelas materias sobre as que a dirección sinale expresamente o carácter reservado.

Artigo 56º.-Selección de persoal.

O comité velará non só porque nos procesos de selección de persoal se cumpra a normativa pactada, senón tamén polos principios de non discriminación, igualdade de sexos e fomento dunha política racional de emprego.

Artigo 57º.-Outras cuestións sindicais.

Para o funcionamento do comité de empresa, así como regulación de asembleas, folga, peche patronal e demais cuestións sindicais, haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente.

Artigo 57º bis.-Tutela da liberdade sindical e represión de conductas antisindicais.

No tocante á tutela da liberdade sindical e represión das conductas sindicais, haberá que aterse ó establecido nos artigos 12 e 13 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, e demais lexislación vixente.

Artigo 58º.-Garantías.

As garantías son as que regula a lexislación vixente e ademais as seguintes:

a) Ningún membro do comité de empresa ou delegado sindical poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, agás que este se produza por revogación ou demisión e sempre que o despedimento ou a sanción se baseen na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación, sen prexuízo, xa que logo, do establecido no Art. 54 do Estatuto dos traballadores. Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves obedecese a outras causas, deberá tramitarse expediente contradictorio, no que serán oídos, a parte do interesado, o comité de empresa e o delegado do sindicato ó que pertenza, se o houber. No suposto de despedimento de representantes legais dos traballadores, a opción corresponderalle sempre a estes, sendo obrigada a readmisión se o traballador optase por esta.

b) Posuirán prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo, respecto dos demais traballadores nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

c) Non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causa ou razón do desempeño da súa representación.

d) Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa

representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, comunicando todo isto previamente á empresa e exercendo tales tarefas coa normativa vixente.

e) Disporán do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determine.

Os membros do comité de empresa, pertencentes a unha mesma central sindical, poderán acumular total ou parcialmente nun ou varios dos seus membros, o crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determina con carácter persoal ou individual.

O acordo de acumulación de horas seralle comunicado á empresa mediante escrito asinado por tódolos interesados.

f) Sen reborda-lo máximo legal, poderán ser consumidas as horas retribuídas de que dispoñen os membros do comité, co fin de preve-la asistencia destes a cursos de formación sindical organizados polo seu sindicatos, institutos de formación ou outras entidades, congresos, etc., e outros actos convocados pola súa central sindical.

g) Por solicitude dos sindicatos, con autorización escrita dos traballadores interesados, a empresa descontará na nómina mensual destes o importe da cota sindical correspondente, que se ingresará na conta corrente que designe cada sindicato.

Artigo 59º.-Seccións sindicais e dereitos sindicais.

Haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente.

Artigo 60º.-Lexislación vixente.

En todo o non previsto neste convenio haberá que aterse ó que dispón a legalidade vixente.

Artigo 61º.-Partes negociadoras.

O presente convenio foi negociado entre o comité de empresa e a dirección.

Capítulo X

Contratos para a formación

Artigo 62º.-Contratos para a formación.

Haberá que aterse en todo o que determina a Lei 63/1997, do 26 de decembro, e o Real decreto 488/1998, do 27 de marzo.

ANEXO I

Horas extras ano 1999

Horas extrasHoras extras nocturnas, sábados

Gruponormaisdomingos e festivos

12.0182.268

21.9532.203

31.8882.138

41.8232.073

51.7582.008

61.6931.943

71.6281.876

81.6151.790

91.5501.712

101.4761.626

111.4071.548

Horas extras ano 2000

As horas extras normais para o ano 2000, incrementaranse no IPC, e as extras nocturnas, de sábados, domingos e festivos, incrementaranse no IPC mais 1,35 puntos.

ANEXO II

Plus de asistencia e puntualidade (mes)

1. Asistencia.

Enténdese como a asistencia real no traballo. Agás as seguintes razóns, que se xustificarán documentalmente polos días indicados:

-Licencias retribuídas segundo os artigos 24º e 26º.

-Accidentes: ausencia por accidente de traballo.

-Ausencia por falecemento de tíos.

Á parte dos descontos por tempo non traballado descontarase do complemento:

1.1. Por falta desde comezo xornada:

-Por 1 falta: 10%.

-Por 2 faltas: 30%.

-Por 3 faltas: 70%.

-Por 4 faltas: 100%.

1.2. Por saídas dentro de xornada:

-Por 1 saída: 10%.

-Por 2 saídas: 30%.

-Por 3 saídas: 70%.

-Por 4 saídas: 100%.

Dentro da negociación do convenio colectivo de Rodman Polyships, S.A. para o ano 1999 e 2000, ámbalas dúas partes acordaron que as baixas continuadas inferiores a 7 días, só se terán en conta para efectos de complemento do mes no que comezou a dita baixa.

2. Puntualidade.

Enténdese como entrada real ó traballo de acordo coas quendas e horarios establecidas.

Haberá un horario de entrada da quenda e unha segunda e única opción, media hora máis tarde, co desconto do tempo indicado e considerada como falta de puntualidade.

Á parte dos descontos por tempo non traballados, descontarase por falta de puntualidade:

-1 falta: se nos dous meses naturais anteriores non tivo ningunha: cero. Se tivo falta: 10%.

-2 faltas: 25%.

-3 faltas: 50%.

-4 faltas: 100%.

Os descontos por por falta desde comezo de xornada, por saída dentro da xornada e de puntualidade serán acumulativos dentro do mes e deducidos do complemento de asistencia e puntualidade aboada no mes.

ANEXO III

Acordo puntual entre o comité de empresa

e a dirección da empresa

Se por necesidades probadas de producción, derivadas das esixencias da carga de traballo, a empresa se vise na necesidade de modifica-lo horario de traballo durante a xornada diaria, para atende-la obra ou obras xurdidas de forma excepcional, poderá solicitar dos gremios correspondentes o número de traballadores necesarios, correspondendo estes á devandita necesidade productiva.

A empresa respectará as alegacións, motivos e inconvenientes que os traballadores afectados puidesen expoñer de forma razoable, agás cando isto non produza graves prexuízos á obra.

Os traballadores afectados nestes supostos non traballarán máis de 10 horas dentro da mesma xornada.

Esta modificación puntual no horario cesará no momento en que desaparezan as causas que motivaron a dita modificación no horario establecido con carácter xeral para todo o cadro de persoal (Art. 20º) do convenio colectivo.

A empresa comunicaralle ó traballador ou traballadores afectados, así como ó comité de empresa coa suficiente antelación, a necesidade de aplicar o aquí regulamentado, motivos e previsión de prazo de obra.

As horas realizadas en exceso á xornada normal, como son as mencionadas anteriormente, terán a consideración de horas extras e o seu pagamento efectuarase tal como establecen os artigos 21º-22º do convenio colectivo.

Tódalas horas realizadas en sábados, domingos, festivos e pontes, serán aboadas na súa totalidade como horas extraordinarias.