Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 18 de xuño de 1999 Páx. 7.795

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 1999 pola que se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico denominado Sotavento.

Examinado o expediente instruído por instancia de Sotavento Galicia, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en r/ Hórreo 94, entreplanta, 157802, Santiago de Compostela, resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro.-Con data do 30 de xuño de 1998, a citada empresa solicita autorización administrativa, declaración de utilidade pública das instalacións, en concreto, e aprobación do proxecto de execución do parque eólico denominado Sotavento, presentando a documentación legal e regulamentariamente establecida para o efecto.

Segundo.-O proxecto, coas características fundamentais da instalación e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados someteuse a información pública por Resolución do 27 de novembro de 1998, da Dirección Xeral de Industria, para os efectos previstos no Decreto 2619/1966 e Decreto 2617/1966, ámbolos dous do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas; artigo 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia; artigo 5.2º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia; artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e Decreto 295/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento de enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

A citada resolución foi publicada, con data do 15 de decembro de 1998, no Diario Oficial de Galicia, BOP de Lugo e nos diarios La Voz de Galicia e El Progreso de Lugo, así como no BOP da Coruña do 16-12-1998 e foi exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Xermade e Monfero. Así mesmo, remitiuse a correspondente separata técnica a tódolos organismos afectados.

Terceiro.-Con data do 20 de maio de 1999, a Dirección Xeral de Industria resolveu autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos e aproba-lo correspondente proxecto de execución, que ten as seguintes características básicas:

-Os terreos afectados polas instalacións proxectadas atópanse nas zonas denominadas Serra do Candieiro e Serrón do Lobo, nos termos municipais de Monfero e Xermade.

-Nº de aeroxeradores: 24.

-Potencia total que se vai instalar: 18 MW.

-Xeradores: asíncronos.

-Instalacións de protección, telemando, control, sinalización e medida.

-Producción neta anual estimada: 62.832 Mwh/ano.

-Orzamento total: tres mil setecentos dezanove millóns (3.719.000.000) pesetas.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta consellería, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Declara-la utilidade pública en concreto das instalacións do parque eólico Sotavento, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio