Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 18 de xuño de 1999 Páx. 7.764

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 178/1999, do 27 de maio, polo que se aproba a constitución e os estatutos do Consorcio Local dos Peares.

Os consorcios locais, como fórmula de colaboración e cooperación, constitúen un medio idóneo, dada a súa voluntariedade e capacidade de acomodación ás distintas necesidades, para a prestación de determinados servicios que exceden da capacidade individual dos municipios.

Con esta idea de colaboración e cooperación constitúese o Consorcio dos Peares, do que forman parte, de común acordo, a Xunta de Galicia, as deputacións provinciais de Lugo e Ourense, os municipios de Pantón e Carballedo da provincia de Lugo e o da Peroxa e Nogueira de Ramuín, da provincia de Ourense.

Este consorcio local nace co obxecto de articula-la cooperación das administracións integrantes para a plena efectividade dos servicios e actividades de mutuo interese local e garanti-la prestación integral e axeitada destes nas parroquias dos municipios mencionados que integran a zona dos Peares.

O expediente tramitouse, segundo o artigo 151 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, conforme as normas de procedemento establecidas nos artigos 137 e seguintes da devandita lei.

Polo exposto e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de vintesete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-la constitución do Consorcio Local dos Peares e os seus estatutos, sendo o seu texto o que se recolle no anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de maio de milnovecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Capítulo I

Natureza e fins

Artigo 1º.-Constitución e denominación.

1. A Xunta de Galicia, as deputacións provinciais de Lugo e Ourense, e os municipios de Pantón e

Carballedo da provincia de Lugo e da Peroxa e Nogueira de Ramuín, da provincia de Ourense, de común acordo constitúen un consorcio denominado Os Peares para articula-la cooperación das administracións citadas á efectividade dos servicios e actividades de interese local e garanti-la prestación integral e axeitada destes nas parroquias dos municipios mencionados que integran a zona coñecida polos Peares.

2. En virtude de acordo do consello xeral, co quórum favorable de votación previsto no artigo 14.2º destes estatutos, poderán incorporarse ó consorcio outras entidades públicas con competencia na materia ou entidades privadas sen ánimo de lucro que persigan fins de interese público concorrentes cos das entidades públicas consorciadas.

Artigo 2º.-Natureza e capacidade.

1. O consorcio que se crea terá natureza de entidade pública, de carácter asociativo e voluntario, con personalidade xurídica propia distinta dos entes consorciados, unha vez recaído o acto aprobatorio da súa constitución e destes estatutos polos entes que o compoñen e posteriormente mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, e publicado o seu contido dos mesmos nos boletíns oficiais das provincias de Lugo e Ourense e no Diario Oficial de Galicia.

2. Para realizar e acada-los fins que constitúen o seu obxecto, o consorcio terá plena capacidade xurídica e, en consecuencia, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar ou allear bens de toda clase, celebrar contratos, establecer e explota-los servicios consorciados que se pretenden, obrigarse, exercer accións e excepcións e interpor recursos, sempre que tales actos se realicen para o cumprimento dos fins que constitúen o seu obxecto.

Artigo 3º.-Fins.

1. O consorcio terá por obxecto as finalidades seguintes:

a) O establecemento e a axeitada prestación dos servicios públicos enumerados no artigo 26.1º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. O consorcio irá asumindo progresivamente, e na medida en que sexa posible, os servicios enumerados nos devanditos artigos.

b) Promover e, se é o caso, facilitar nos lugares dos Peares e Casdavil do Concello da Peroxa; O Mesón, As Bouzas, O Costelo do concello de Nogueira de Ramuín; Torrón do concello de Pantón, e A Granxa, Ambasmestas, Casdemoure, A Regueira, O Eao, Poboado de Fenosa e Soutelo do concello de Carballedo, o exercicio coordinado das competencias das administracións da Comunidade Autó

noma de Galicia, das provincias de Lugo e Ourense e dos concellos sinalados.

c) O establecemento do portelo único en colaboración coa Xunta de Galicia.

d) Delimita-lo territorio de ámbito de actuación do consorcio coa figura de planeamento urbanístico que, no seu momento, se considere máis apropiada propoñendo o consorcio a cada concello que realice os trámites oportunos, de tal xeito que confeccionen as administracións ás que lles corresponda legalmente o dito planeamento, co obxecto de buscar unha homoxeneidade do territorio do ámbito de actuación do consorcio desde o punto de vista urbanístico.

e) Calquera outra finalidade que se encomende ou delegue no consorcio polos seus membros.

2. Para a xestión dos servicios utilizarase, de entre as formas previstas na lexislación do réxime local, a que o consello xeral considere máis adecuada.

Artigo 4º.-Duración.

O consorcio terá unha duración indefinida e subsistirá mentres perduren os fins e funcións que se lle atribúen, a non ser que, por imposibilidade sobrevida para o logro do seu obxecto ou outras excepcionais circunstancias, se decida a súa disolución por acordo dos seus membros co quórum establecido no artigo 14.2º destes estatutos e seguindo o mesmo procedemento que para a súa constitución.

Artigo 5º.-Domicilio.

1. O consorcio terá o seu domicilio provisional nos locais do centro de saúde do municipio da Peroxa. Por acordo do Consello Xeral, determinados servicios do consorcio poderán te-la súa sede noutros lugares da zona dos Peares.

2. O disposto no parágrafo anterior non impedirá que o Consello Xeral poida xuntarse, cando así se acorde expresamente, en lugar distinto ó do seu domicilio.

3. O Consello Xeral poderá modifica-lo domicilio do consorcio, o cal se notificará a tódolos entes consorciados e farase público nos boletíns oficiais das provincias e nos dous xornais de maior difusión, e comunicárllelo ás administracións estatal e autonómica.

Capítulo II

Réxime orgánico

Artigo 6.-Órganos de xestión e goberno.

O consorcio rexerano os seguintes órganos:

a) O Consello Xeral.

b) O presidente.

c) O vicepresidente.

Sección primeira

Artigo 7º.-Do Consello Xeral.

1. O Consello Xeral, que asumirá o goberno e xestión superior do consorcio, estará constituído, en

número de oito vocais, polos seguintes representantes das entidades asociadas:

a) Os presidentes das deputacións provinciais de Lugo e Ourense, na representación das devanditas entidades provinciais, ou persoas en que estes deleguen.

b) Os alcaldes dos concellos de Pantón, Carballedo, A Peroxa e Nogueira de Ramuín, ou concelleiro en que estes deleguen.

c) Un representante da Xunta de Galicia, designado polo Consello da Xunta de Galicia.

d) Un representante das asociacións veciñais.

2. O Consello Xeral elixirá, co quórum favorable de votación previsto no artigo 14.2º dos seus estatutos, e de entre os seus membros, o vicepresidente.

3. O número de membros do consello pódese ampliar, e na mesma proporción, por integración doutras entidades, coa aprobación do Consello Xeral.

Artigo 8º.-Atribucións do Consello Xeral.

1. Segundo os artigos 22.2º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, 64.2º da Lei 5/1997, da Administración local de Galicia, 23.1º do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local -aprobado por R.D.L. 781/1986, do 18 de abril- e 50 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais -aprobado por R.D. 2568/1986, do 28 de novembro- as atribucións do Consello Xeral serán, con carácter común e en relación cos fins do consorcio, as mesmas que os citados artigos lles atribúen ó Pleno Municipal, sen prexuízo de que poidan delega-lo que consideren conveniente noutros órganos do consorcio, sempre que se trate de competencias susceptibles de delegación de acordo coa lexislación de réxime local.

2. En tódolos casos, correspóndelle ó Consello Xeral do consorcio con carácter indelegable:

a) Nomeamento do presidente e vicepresidente.

b) A incorporación ó consorcio de novas entidades ou administracións públicas.

c) A separación de calquera entidade consorciada.

d) A proposta de modificación dos estatutos.

e) A fixación da sede de determinados servicios do consorcio.

f) A proposta de disolución do consorcio.

g) A determinación das contribucións tanto ordinarias coma extraordinarias das entidades asociadas.

h) Establecer e esixir prezos públicos.

i) A aprobación do programa de actividades.

j) A aprobación das contas anuais e da memoria de xestión dos servicios.

k) A aprobación da disolución do consorcio.

l) A determinación do sistema de exercicio de funcións reservadas a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

m) A proposta ós concellos da elaboración de plans especiais, co obxecto de desenvolver unha actuación de harmonización integral das actuacións urbanísticas.

Sección segunda

Do presidente e vicepresidente

Artigo 9º.-Do presidente.

A presidencia do Consello Xeral exercerana sucesivamente, por períodos bianuais, os presidentes dos concellos consorciados.

A presidencia do primeiro período bianual corresponderalle ó alcalde do Concello da Peroxa; no segundo período, ó alcalde do Concello de Carballedo; no terceiro período ó alcalde do Concello de Nogueira de Ramuín e no cuarto período ó alcalde do Concello de Pantón. Esta mesma orde será de aplicación ó resto dos períodos bianuais.

Artigo 10º.-Atribucións do presidente.

1. En relación cos fins do consorcio, os que os artigos 21.1º da Lei 7/1985, do 2 de abril, 61.1º da Lei 5/1997. de Administración local de Galicia, 24 do R.D.L. 781/1986, do 18 de abril, e 41 do R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, lle atribúen ó alcalde.

2. O presidente daralle conta sucinta ó Consello Xeral, en cada sesión ordinaria deste, das resolucións que adoptase desde a última sesión de tal carácter, para que o consello coñeza e fiscalice a xestión.

3. O presidente poderá delegar, tanto xenérica coma especialmente, o exercicio de determinadas atribucións, salvo as mencionadas no artigo 21.3º da Lei 7/1985, do 2 de abril, e 61.3º da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, nos membros do Consello Xeral nos termos previstos nos artigos 43 e 114 e seguintes do R.D. 2568/1986, do 28 de novembro.

Artigo 11º.-Do vicepresidente.

O vicepresidente substituirá o presidente na totalidade das súas funcións nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que o imposibilite para o exercicio das súas atribucións, nos termos e co alcance previstos nos artigos 106 da Lei de Administración local galega e 67 e 68 do R.D. 2568/1986, do 28 de novembro.

Capítulo III

Réxime funcional

Artigo 12º.-Réxime xeral.

1. Sen prexuízo das particularidades derivadas da organización propias do consorcio, o réxime de acordos e o seu funcionamento rexerase polas disposicións de réxime local que regulan o funcionamento do Pleno Municipal.

2. En canto ó procedemento, o consorcio rexerase polo disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e na lexislación estatal sobre procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Sesións.

1. O Consello Xeral poderá realizar sesións ordinarias coa periodicidade que estableza o propio consello, e sesións extraordinarias cando o dispoña o presidente ou o solicite a cuarta parte, alomenos, dos conselleiros. En todo o que se opoña a estes estatutos, o seu réxime de funcionamento acomodarase ó que dispoña a lexislación de réxime local para os plenos municipais.

2. As convocatorias correspóndenlle ó presidente do consello e deberanlles ser notificadas ós seus membros cunha antelación de dous días hábiles, agás as urxentes. En todo caso, achegarase a orde do día.

3. A válida realización das sesións require a presencia da maioría absoluta dos compoñentes do consello, en primeira convocatoria, e un mínimo de tres membros, en segunda convocatoria, unha hora máis tarde, debendo estar sempre presente o presidente, o secretario ou os que legalmente os substitúan.

Artigo 14º.-Acordos.

1. Os acordos do Consello Xeral adoptaranse por maioría simple dos membros presentes e procederase, no caso de empate, na forma prevista na normativa do réxime local.

2. Será preciso o quórum favorable da maioría absoluta do número estatutario de membros do Consello Xeral para a adopción dos acordos do consello que se adopten nas materias seguintes:

a) Modificación dos estatutos.

b) Incorporación ou separación de membros do consorcio.

c) A disolución do consorcio.

d) O nomeamento de presidente e vicepresidente.

Artigo 15º.-Eficacia dos acordos para os entes consorciados.

As decisións e acordos do consorcio obrigarán ás entidades asociadas.

Artigo 16º.-Impugnación dos acordos.

1. Poñen fin á vía administrativa os acordos do Consello Xeral e as resolucións da presidencia, así como as dos vocais nos casos nos que resolvan por delegación do presidente cando non se sinale o contrario no acordo de delegación.

2. Contra as devanditas resolucións e acordos os interesados poderán exerce-las accións que procedan ante a xurisdicción competente, de conformidade co previsto na lexislación do réxime local e xeral.

Capítulo IV

Réxime financeiro

Artigo 17º.-Recursos económicos.

1. A facenda do consorcio estará integrada polos recursos económicos que se enumeran a continuación:

a) Os ingresos procedentes do seu patrimonio e demais de dereito privado.

b) As subvencións.

c) Os percibidos en concepto de prezos públicos.

d) O producto das operacións de crédito.

e) Calquera outro que lle poida ser atribuído consonte o dereito.

2. De igual xeito, constituirán recursos do consorcio as contribucións ordinarias e extraordinarias das entidades consorciadas que, con respecto ás primeiras, serán as seguintes:

a) No caso dos concellos, dúas mil pesetas por habitante dos lugares de cada concello dentro do territorio, que comprende o consorcio.

b) No caso das deputacións: 4 millóns cada unha delas.

c) No caso da Xunta de Galicia: 4 millóns de pesetas.

3. O importe das débedas que por contribucións non aboadas teñan os entes consorciados, poderao rete-la Comunidade Autónoma ou deputación a favor do consorcio, por pedimento do seu presidente e trala audiencia do ente afectado.

Artigo 18º.-Orzamento.

O consorcio elaborará un orzamento anual do que a súa estructura, contido e aprobación, modificación dos seus créditos, execución e liquidación, se suxeitarán ás disposicións que regulan os orzamentos das entidades locais.

Artigo 19º.-Contabilidade e rendición de contas.

O réxime de contabilidade, aprobación e rendición de contas axustarase ó establecido na normativa do réxime local.

Artigo 20º.-Contratacións.

A contratación do consorcio adecuarase á lexislación de contratos das administracións públicas, e a prestación de servicios públicos por parte do consorcio deberase ater á normativa reguladora dos servicios públicos locais.

Capítulo V

Patrimonio

Artigo 21º.-Patrimonio do consorcio.

1. O patrimonio do consorcio estará integrado polos bens que os entes consorciados lle adscriban para o cumprimento dos seus fins e os que o consorcio adquira con cargo ós seus propios fondos.

2. Os bens e dereitos adscritos conservan a cualificación e titularidade orixinaria que lles corresponde, incumbíndolle ó consorcio só facultades de conservación e utilización para o cumprimento dos fins que se determinen na adscrición.

Capítulo VI

Persoal

Artigo 22º.-Funcións reservadas.

As funcións reservadas a habilitados de carácter nacional exerceranse:

Por unha banda, a través de funcionarios con tal habilitación dalgunha das entidades locais que integran o consorcio baixo o réxime de acumulación previsto no artigo 31.2º do R.D. 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional; por outra banda, a través do servicio de asistencia de calquera das dúas deputacións, a de Lugo ou a de Ourense, de conformidade co establecido no artigo 5 do texto regulamentario xa citado.

Artigo 23º.-Persoal laboral.

O persoal ó servicio do consorcio que sexa preciso contratar estará sometido ó réxime laboral.

Capítulo VII

Modificación dos estatutos e disolución do consorcio

Artigo 24º.-Modificación dos estatutos.

A modificación destes estatutos, tralo acordo do Consello Xeral co quórum establecido no seu artigo 14.2º, terá que ser ratificada pola totalidade dos entes consorciados e aprobada coas mesmas formalidades esixidas para a aprobación daqueles.

Artigo 25º.-Separación.

1. Calquera entidade asociada poderá separarse do consorcio sempre que cumpran as seguintes condicións:

a) Aviso previo dun ano dirixido ó presidente do consorcio.

b) Estar ó día no cumprimento das obrigas anteriores.

c) Garanti-lo cumprimento dos compromisos pendentes.

2. En todo caso, a separación non poderá comportarlles prexuízo ás actividades do consorcio nin ós intereses públicos.

3. Ó Consello Xeral compételle a comprobación dos puntos descritos, constatación que levará consigo a adopción de acordo de aceptación da separación.

Artigo 26º.-Disolución e liquidación.

1. O consorcio poderá disolverse por algunha das causas seguintes:

a) Pola realización do seu obxecto e mediante acordo do Consello Xeral, co quórum do artigo 14.2º

destes estatutos, que ratificarán as entidades consorciadas.

b) Por transformación do consorcio noutra entidade, por acordo do Consello Xeral co mesmo quórum, que ratificarán os entes consorciados.

c) Cando o consideren conveniente tódolos entes consorciados, tralo acordo do Consello Xeral adoptado baixo o reiterado quórum.

d) Por imposibilidade de continua-lo funcionamento.

e) Por separación dun ou diversos entes consorciados, dando lugar a que o consorcio resulte inoperante.

f) Por incumprimento do obxecto.

2. O acordo de disolución determinará a forma para proceder á liquidación dos bens do consorcio e para a reversión das obras e instalacións existentes ás entidades membros deste.

Disposición adicional

Única.-Dereito supletorio.

En todo o non previsto nestes estatutos rexerá a normativa do réxime local.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A entrada en vigor destes estatutos producirase coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-A reunión constitutiva do Consello Xeral do consorcio producirase dentro do mes seguinte ó da publicación destes estatutos no DOG, e deberá procederse, na mesma reunión, ó nomeamento do presidente e vicepresidente.