Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 17 de xuño de 1999 Páx. 7.663

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 2 de xuño de 1999 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás agrupacións e asociacións de voluntarios de protección civil, que colaboran no desenvolvemento do Plan de Protección Civil de Atención ó Peregrino.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Protección Civil, co obxecto de que as asociacións e agrupacións de voluntarios de protección civil poidan levar adiante o seu labor, regula o réxime de concesión de subvencións a estas para o ano 1999 e para tal efecto, na Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.231A.480.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen na orde, reservándose para tal efecto un crédito de trinta millóns (30.000.000) de pesetas.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Serán beneficiarias destas subvencións as asociacións e agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación da presente orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece na normativa vixente da Xunta de Galicia en materia de protección civil.

b) Teña dependencia co seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

c) Estar incluídas no Plan de Protección Civil de Atención ó Peregrino como agrupacións colaboradoras en dito plan.

Artigo 2º

Aquelas que recibisen subvencións en anos anteriores, para accederen a estas axudas deberán xus

tifica-lo seu investimento e liquidación, segundo o que dispón o artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de tal forma que a non xustificación de dito investimento e liquidación leva consigo o non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

Artigo 3º

As axudas que se van outorgar de acordo co indicado nesta orde poderán ser investidas na adquisición de:

1. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación/asociación no desenvolvemento do Plan de Protección Civil de Atención ó Peregrino no ano 1999.

2. Vestimenta de protección civil, de acordo co regulamentado nesta materia pola Xunta de Galicia.

3. Material de intervención inmediata.

4. Equipos persoais de prevención e protección.

5. Caixas de urxencias de primeiros auxilios.

6. Outros artigos que teñan relación coa protección civil e necesario no desenvolvemento do Plan de Protección Civil de Atención ó Peregrino.

Artigo 4º

Os beneficiarios que se indican no artigo 1º que queiran acollerse á presente orde deberán presenta-la solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no seu anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A correspondente solicitude, dirixida ó director xeral de Protección Civil, presentarase dentro do prazo de trinta días a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á que se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Plan das actuacións que levarán a cabo no desenvolvemento do Plan de Protección Civil de Atención ó Peregrino.

b) Relación dos medios que se van adquirir, coa súa orde de prioridades e os seus custos.

c) Fotocopia do NIF ou CIF para as agrupacións ou asociacións de nova creación.

d) Xustificante da entidade bancaria do número de conta que teña aberta esa agrupación.

Artigo 5º

Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame polos Servicios de Protección Civil da provincia correspondente, e no caso de que non se axuste ó que se establece no artigo 4º desta orde, comunicaráselle ó peticionario para que no prazo de dez días, segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, repare os erros ou omisións. De non facelo así, procederase a arquivala sen máis trámites.

Artigo 6º

Cumprindo este requisito, os respectivos servicios das provincias remitirán a documentación á que se refire o artigo anterior, xunto co correspondente informe técnico, á Dirección Xeral de Protección Civil. Esta procederá a convocar unha comisión avaliadora, que estará presidida polo director xeral de Protección Civil e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e a subdirectora xeral de Protección Civil, actuando como secretario un funcionario proposto polo director xeral de Protección Civil.

Artigo 7º

Estudiada pola devandita comisión a documentación presentada, procederase a redacta-la proposta de concesión de axudas, para o que se valorará, de acordo co establecido nesta orde:

a) Programa de actividades para realizar no desenvolvemento do Plan de Protección Civil de Atención ó Peregrino no presente ano xubilar, indicadas no plan que presenten conforme se establece no artigo 4º.

b) Accións de colaboración e información prestadas en anos anteriores, en apoio dos peregrinos e actividades realizadas en prol dos camiños de peregrinación.

c) Índices de risco nas zonas de actuación da agrupación/asociación, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (Platerga) e máis especificamente no Plan de Protección Civil de Atención ó Peregrino.

d) Ter creada a Xunta Local de Protección Civil e ter elaborado o Plan Municipal de Emerxencia (Pemu) ou telo en elaboración.

Artigo 8º

A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, conforme a proposta que faga a comisión avaliadora.

Artigo 9º

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das agrupacións e asociacións de voluntarios de protección civil, a través das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 10º

Recibida polos beneficiarios a comunicación de concesión de axudas, deberán:

a) Comunicar por escrito a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días; de non facelo así arquivarase o seu expediente sen máis trámites cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

b) Acreditar estar ó día nas súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñan pagamentos pendentes, por ningún concepto, coa Administración Pública desta Comunidade Autónoma, mediante os correspondentes certificados orixinais expedidos polos organismos competentes, nun prazo de 30 días.

c) Xustifica-lo emprego da subvención mediante o envío das facturas (orixinal e copia) das casas subministradoras de material, conformadas polo presidente da agrupación ou asociación, así como os gastos do epígrafe 1 do artigo 3º desta orde, debidamente conformados polo presidente da agrupación ou asociación no prazo de trinta días.

Artigo 11º

Posteriormente, unha vez percibido o importe da subvención pola devandita agrupación ou asociación, esta deberá enviar ó Servicio de Protección Civil da provincia que corresponda, no prazo de 30 días, os xustificantes de pagamento ás mencionadas casas subministradoras de acordo coas anteriores facturas, segundo o modelo do anexo II desta orde. Se os pagamentos non se aboan directamente, deberán enviar xustificantes da entidade financeira a través da que se fixo a correspondente transferencia bancaria.

A continuación, o Servicio de Protección Civil da provincia correspondente remitirá os anteriores documentos á Dirección Xeral de Protección Civil.

Artigo 12º

No caso de incumprimento da obriga de xustificación á que se refire o artigo anterior, ou da finalidade para a que foi concedida, así como no suposto de que resultase que a agrupación non reúne os requisitos esixidos na presente orde e demais disposicións aplicables, procederá ó reintegro a esta Comunidade Autónoma das axudas percibidas e dos xuros.

Artigo 13º

No non previsto, será de aplicación o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1999, e nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, do réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Transcorridos tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, ou dos que se dan nos casos ós que se refiren os artigos 71 e 76 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (Art. 44.1º) da devandita lei.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1999.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais