Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 17 de xuño de 1999 Páx. 7.659

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN conxunta do 1 de xuño de 1999, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da División de Recursos Humanos do Sergas, pola que se ordena a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Confederación Estatal de Sindicatos Médicos-Sindicato de Enfermería (CESM-SATSE), central sindical Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e a Confederación de Sindicatos Independentes e Sindicato de Funcionarios (CSI-CSIF), sobre as comisións dos centros sanitarios para a representación e participación do persoal de II.SS. do Servicio Galego de Saúde.

No marco da mesa sectorial de persoal sanitario, mantívose unha negociación coa finalidade de dotar, crear e configurar axeitadamente as comisións dos centros sanitarios para a representación e participación do persoal de II.SS. do Servicio Galego de Saúde, de conformidade co disposto na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

Como consecuencia de tal proceso negociador resultou o pacto anexo, subscrito entre a Administración sanitaria e as centrais sindicais CIG, CESM-SATSE, CC.OO., UXT e CSI-CSIF, celebrado de conformidade co artigo 35 da Lei 9/1987, do 12 de xuño.

O contido do dito pacto é o que figura como anexo á presente resolución.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 36 da citada Lei 9/1987, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVEN:

Acorda-la publicación do pacto sobre as comisións dos centros sanitarios para a representación e par

ticipación do persoal de II.SS. do Servicio Galego de Saúde que se inclúe como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 1999.

Manuel A. Silva RomeroValeriano Martínez García

Secretario xeral da ConselleríaDirector xeral da División

de Sanidade e Servicios Sociais de Recursos Humanos

ANEXO

O sistema de representación e participación do persoal estatutario de II.SS. regúlase na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas. O artigo 1.1º da citada norma inclúe dentro do seu ámbito o persoal que preste servicios nas distintas administracións públicas, sempre que estea vinculado a elas a través dunha relación de carácter administrativo ou estatutario.

O artigo 7.3º.3.2. da mesma norma legal establece que se constituirá unha xunta de persoal por cada unha das áreas de saúde para o persoal ó servicio das II.SS. públicas dependentes da Comunidade Autónoma.

A fixación de tal marco territorial para a representación e participación do persoal de II.SS. co contido establecido na norma legal obedece á consideración da área de saúde como o eido onde conflúen, coa necesaria interrelación, coordinación e harmonización, os dispositivos materiais e humanos para a prestación de asistencia sanitaria. Así se colixe claramente do disposto no capítulo III, artigos 56 e seguintes, da Lei 14/1986, xeral de sanidade, que dispoñen o relativo á definición e configuración das áreas de saúde.

Xa que logo, as unidades electorais e conseguintes sistemas de representación a través das xuntas de persoal electas como representación unitaria dos profesionais, residéncianse nas áreas de saúde mediante eses órganos representativos.

Non obstante, tales órganos que responden a esa necesidade de articulación dos medios humanos e a súa problemática dentro do marco territorial de área de saúde, teñen determinadas carencias para atinxi-la plena virtude no seu cometido cando esa problemática se residencia nos concretos centros sanitarios afectados, dotada de autonomía e características propias. Así ocorre, ora desde a perspectiva da análise da representación electa dos profesionais, ora desde a concernente ós responsables dos centros sanitarios situados nese eido territorial.

Así as cousas, a proposta da existencia das comisións de centro sanitario xorde desas determinadas carencias prácticas do actual sistema de representación e participación a través das xuntas de persoal de área. Esa afirmación evidénciase pola dificultade de exercer de xeito plausible unha axeitada e fructífera comunicación dese órgano representativo cos

responsables dos centros sanitarios afectos ó seu ámbito segundo o nivel asistencial onde se sitúe.

Tal dificultade de carácter operativo acrecéntase naquelas áreas en que existen varios centros asistenciais autónomos para os que se residencia unha única xunta de área como órgano representativo e participativo; e igualmente resulta palmaria, con carácter xeral, no primeiro nivel de asistencia, pola composición deses órganos.

Non é posible negar ou sequera menoscaba-las claras competencias e garantías que teñen arrogadas tales órganos, fundamentalmente na triple función de: ser obxecto de consulta e seren informadas nas materias máis importantes da política de persoal, así como de emprende-las accións e actuacións pertinentes para que sexan reparadas as anomalías e incumprimentos que se produzan. Pero este innegable cometido asignado ó órgano de amplo espectro, legalmente consagrado, non pugna coa idea que apunta a medida proposta de facilitar e darlle virtualidade, dentro dese marco competencial, ós contactos e comunicacións que se produzan entre os representantes do persoal e das organizacións sindicais e os responsables da Administración sanitaria, tanto do nivel de atención primaria como dos distintos centros de atención especializada.

Nesta procura, xa na negociación mantida entre este centro directivo e as organizacións sindicais representadas na mesa sectorial, a finais do ano 1994, conveuse en descentralizar dalgún xeito a vehiculación da actividade representativa e sindical coa idea de aproximala ós centros sanitarios no que afecta ás dúas partes; e así no punto 4º da acta final asinada entre as partes refírese á posibilidade de constituír unhas comisións da xunta de persoal en cada centro sanitario integradas polos membros das organizacións sindicais representandas na xunta que pertenzan ó cadro do persoal do centro correspondente. As razóns que propugnaron ou impeliron a súa futura xénese obedece, precisamente, a esa necesidade de dar calidez, contextura e eficacia ós contactos, moitos deles de indubidable transcencencia pola materia obxecto de análise, entre os responsables dos centros e os representantes sindicais; tratando de comprimi-las representacións, co axuste delas á realidade dos problemas

emerxentes, para evitar que se difuminasen e perderan a forza de análise necesaria nun órgano de representación máis amplo.

Tal afirmación de ningún xeito empece a lexítima consideración das xuntas de área como órganos representativos e participativos segundo o dictado da norma reguladora da materia e a tradición existente nos procesos vehiculados neste e outros servicios de saúde do sistema nacional, en canto encardinan cun ámbito tradicional de contido prístino na Lei de bases, como xa se apuntou en determinadas ocasións. Polo que, a medida procura unicamente facilitar para ámbalas dúas partes en ámbitos máis concretos o arduo e complexo labor de debater, analizar e, se é o caso, chegar a acordos consensuados que resolvan a problemática nun réxime de maior celeridade e eficacia no tratamento. É dicir, estes

novos órganos non van a limitar ou menoscabar de ningún xeito as competencias das xuntas de persoal nin o exercicio delas polos seus membros electos, senón, precisamente favorece-lo seu labor neses ámbitos territoriais máis circunscritos ou delimitados, para en última instancia alcanzar unha maior eficacia deses órganos.

Non resulta doado concretar este desexo, tanto na propia configuración do órgano descentralizado, como, xa non digamos, na fixación do elenco das súas competencias, por mor do respecto que debe merecer e merece inequivocamente o órgano representativo de área. Pero esa innegable dificultade non debe obsta-la busca da eficacia propugnada, xa suficientemente analizada e perfeccionada entre esta Administración e as organizacións sindicais da mesa sectorial en pretéritas e ilustrativas xuntanzas.

As competencias das comisións de centro serán as transferidas polas xuntas de área, concernentes ó ámbito territorial e funcional dos centros onde aquelas se constitúan. Sendo preciso que tales transferencias inclúan necesariamente aqueles aspectos máis propios e inherentes á actividade dos centros sanitarios, na procura de que poidan cumprir minimamente o seu obxectivo, acorde coas características e finalidades destes órganos, xa que en caso contrario se eliminaría o seu alicerce máis primixenio.

Como medida axeitada para posibilita-la composición dos novos órganos, cun número idóneo de representantes, resulta plausible integrar nestas comisións ós delegados de seccións sindicais elixidos polas áreas sanitarias nos termos e coas características recollidas no artigo 10.2º da Lei orgánica de liberdade sindical -se ben en superior número segundo a mesma escala- dotándoos adicionalmente da virtualidade do exercicio ó dereito do voto. Esta integración procura o dobre obxectivo: ora de facilita-la composición e funcionamento, en pacífico decurso das comisións de centro ó dotalas de persoal suficiente debidamente cohonestado coa idiosincrasia e mesteres dos centros sanitarios; ora de incrementa-la representatividade das organizacións sindicais nun número importante de profesionais nos eidos axeitados o seu labor.

Para facilita-la actuación dos novos órganos, unha vez constituídos e transferidas polas xuntas as súas competencias, é razoable e case imprescindible que poidan desenvolver, sen menoscabo nin atrancos, o cometido asignado durante a vixencia de cada mandato representativo, para a desexable e indefectible garantía de seguridade xurídica que permita o seu pacífico e fructífero decurso.

Polo demais a súa xénese mana e infírese do consenso obtido na mesa sectorial de persoal sanitario como acordo de tal órgano acadado pola totalidade dos seus integrantes. Así mesmo, a presente medida goza da virtude normativa outorgada por mor da súa formalización e publicación no DOG co carácter de pacto consonte o disposto na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

Finalmente cómpre sinalar que a legalidade, lexitimidade e pulcritude do pactado deben resultar palmarias, xa que non conculca ningún precepto legal de carácter imperativo por mor de que a súa finalidade é unicamente transferir determinadas competencias dos máis amplos órganos ós novos que se configuran, co baseamento e consonte o dictado da normativa aplicable. Así, pódese colexir perfectamente do disposto no convenio 151 da OIT e os artigos 10.3º da Lei orgánica de liberdade sindical e 32, apartados h), i), k) da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, en canto veñen a permiti-la negociación sobre a execución máis plausible do exercicio dos dereitos sindicais e de participación, co asinamento de pactos ou acordos que plasmen o consenso obtido, como ocorre no presente caso.

Con tales premisas e acordos pasarase de seguido a bosquexa-lo contido do pacto que afecta o nacemento, configuración e composición das intituladas comisións de centro, a través dos seguintes puntos:

I. Ámbito de aplicación.

1. Territorial: será de aplicación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Persoal: afectará os órganos de representatividade e participación do persoal nos centros sanitarios, as características dos cales se explicitarán, dependentes do Servicio Galego de Saúde.

II. Vixencia.

O presente pacto entrará en vigor trala súa publicación no DOG, xa ultimado o derradeiro proceso electoral para os representantes de institucións sanitarias do Sergas trala acreditación definitiva dos electos e constitución das xuntas de persoal de área.

A súa vixencia estenderase ata a conclusión do seguinte proceso electoral, coa posibilidade da súa prórroga tácita de non mediar denuncia expresa polas partes, cando menos cun mes de antelación ó seu vencemento. No caso de acontecer tal prórroga, o número de representantes das comisións loxicamente adaptarase ó resultado do último proceso electoral.

III. Afectación.

O presente pacto afecta o contido do punto VI do anterior asinado coas organizacións sindicais sobre permisos retribuidos, uso e acumulación de crédito horario e caracterización dos delegados de sección sindical dos representantes sindicais de persoal ó servicio das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde (DOG nº 229, do mércores 29 novembro de 1995), exclusivamente no que se refire á escala aplicable para a determinación dos delegados de sección sindical por cada área sanitaria na que se constitúan comisións de centros e soamente de se constituír estas últimas.

IV. Obxecto.

1. O presente pacto ten por obxecto a creación das comisións de centro sanitario, como órgano de

carácter representativo e participativo das II.SS. do Servicio Galego de Saúde co ámbito, características, constitución e competencias que, a seguir, se refiren:

a) Estarán residenciados en cada centro de xestión sanitaria, tanto de atención especializada como de atención primaria, co entendemento de que se trata de complexos hospitalarios ou hospitais no primeiro caso e de xerencias da atención primaria no segundo. No caso das xerencias de atención primaria que abrangan máis dunha área, nas provincias da Coruña e Pontevedra pola súa especial configuración territorial e autonomía de xestión, as comisións corresponderán a cada unha das áreas por separado á marxe da consideración de xerencia única.

Así, no relativo ó nivel de Atención Primaria das provincias de Lugo e Ourense, ós que corresponde unha xerencia única para cada unha delas, sen ninguha clase de autonomía ou xestión diferenciada para as tres e dúas áreas, respectivamente, en que se dividen esas provincias, existirá unha única comisión de centro que inclúa membros designados para o efecto de tódalas áreas afectadas.

No concernente ás provincias de Pontevedra e A Coruña, para o mesmo nivel de Atención Primaria, constituiranse as comisións para cada unha das áreas que comprenden, cos membros designados para o efecto nesas áreas, por mor da autonomía de xestión nese nivel de cada unha delas.

b) A xunta de área correspondente poderá acordar, por maioria cualificada, co voto a favor de 2/3 dos seus membros, a constitución das comisións de centro, cos ámbitos anteriormente sinalados. De rexeitarse, a súa constitución, no xeito devandito, manterase para tódolos efectos o exercicio das competencias pola xunta de área, calquera que sexa a problemática que se vai debater, o ámbito dela, ou a súa afectación territorial. Xa que logo, as xuntas de área que non dispoñan a constitución do novo órgano non se verán afectadas en absoluto polo contido do presente pacto.

A inicial reluctancia da xunta á súa xénese non empece que no futuro este órgano poida admiti-la constitución das comisións de centro co grao de transferencia competencial que se opere.

c) Unha vez asumida pola xunta de área a constitución da comisión de centro correspondente, non caberá a súa extinción ou revogación, nin parcial nin total, no relativo ás competencias axeitadamente transferidas. Xa que logo, as comisións de centro, desde a súa constitución formal gozarán de plena representatividade e participación no seu ámbito territorial para o exercicio das competencias transferidas, de conformidade coas que se arrogan á xunta de área en virtude dos artigos 9 e 10 da citada Lei 9/1987, do 12 de xuño.

d) Corresponderá ás comisións de centro a análise e tratamento da recepción de consulta e, se é o caso, emisión de informe ou formulación de protocolos consensuados, iniciación de procedementos administrativos, e exercicio de accións naquelas materias comprensivas exclusivamente da problemática do

complexo, centro sanitario ou xerencia de atención primaria onde se residencien, dentro do cometido que lle corresponda á xunta de persoal sempre que este último órgano non manteña expresamente todas o algunhas desas facultades. As citadas facultades referiranse, como se sinalou, ós extremos contidos nos artigos 9 e 10 da indicada Lei 9/87, do 12 de xuño.

Deste xeito, trala súa constitución entenderase que teñen reservada a ampla competencia das xuntas dentro dos ámbitos correspondentes, agás expresa e previa decisión dunha xunta de área de asumi-lo exercicio dalgunha/s competencias dentro das recollidas no texto legal.

e) Xa que logo, as competencias das comisións colexiranse dunha transferencia, que non exceda do ámbito territorial e funcional dos centros onde se residencian, ben implícita por mor da non asunción pola xunta de concretas competencias, ou ben explícita ó asignar expresamente determinados cometidos ás comisións dentro dos atribuídos ás xuntas de área. A transferencia expresa poderá operarse no momento da constitución das comisións ou ben nun concreto punto incluído no regulamento de réxime e goberno interno da xunta.

En todo caso, as xuntas de área, de se constituíren as comisións de centro, deberán transferir aquelas competencias e funcións indubidablemente propias ou inherentes ó funcionamento dos centros sanitarios onde se residencien, tales como, a simple título exemplificador, poden ser: protocolos de acoplamentos internos, modificación de cadros dos servicios ou unidades, quendas de traballo.

f) As comisións de centro, unha vez formalmente constituídas, son os órganos lexítimos de interlocución no seu ámbito; sendo os seus membros, metres se manteñan na súa condición, os representantes acreditados perante os responsables de goberno, xestión ou administración do centro sanitario correspondente para exerce-las competencias asignadas, sen que caiban intromisións, menoscabos ou ningunha afectación polo órgano transmitente, nin polos citados responsables dos centros.

Para facilita-lo exercicio máis plausible das súas competencias, os órganos de dirección e xestión dos centros cumprirán, nos prazos razoables, os requirimentos de carácter informativo pertinentes consonte o dictado da lei, trasladarán con carácter previo as medidas que poidan afecta-las condicións de traballo do persoal e, así mesmo, tódos aqueles trámites ou normas procedementais necesarias co fin de poder acada-las solucións consensuadas ou asinamentos de protocolos, nos casos requiridos.

Os protocolos de actuación ou solucións consensuadas asumidos por estes novos órganos e os responsables dos centros vincularán ás partes afectadas por eles, ó igual que se fosen adoptados no marco de actuación das xuntas de persoal de área.

g) As comisións deberán confecciona-lo regulamento de réxime e goberno interno do xeito máis claro e preciso para facilita-la boa orde e funcio

namento. Tal regulamento non poderá conculcar en ningún caso o contido do regulamento de réxime interno da xunta de persoal de área, nin as condicións do presente pacto e deberá ser aprobado consonte os requisitos e formalidades esixidos no artigo 8 da Lei 9/1987, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

V. Composición das comisións de centro.

1. Estarán compostas con carácter ordinario polos representantes das xuntas de área que pertenzan ó cadro de persoal do centro onde as comisións se constitúan sempre que existan eses representantes no centro pola organización sindical ou coalición de que se trate.

De non existir estes representantes ou non ser posible ou plausible a súa nominación pola concorrencia de razóns estructurais ou conxunturais da organización sindical afectada, poderá nomearse outro representante de entre os electos.

2. Ademais dos anteriores representantes, estarán integradas polos delegados de sección sindical das organizacións sindicais ou coalicións, nos termos previstos no artigo 10.2º da Lei orgánica de liberdade sindical, segundo a seguinte escala aplicada ás áreas sanitarias que serven de unidades electorais:

-De 250 a 750: 2.-De 751 a 2000: 3.-De 2001 a 5000: 5.-Máis de 5000: 6.

Aplicarase esta escala e o número de delegados conseguinte a aquelas organizacións que obtiveran necesariamente o 10% dos votos na elección da xunta de área correspondente.

As organizacións sindicais que non atinxiran tal porcentaxe de votos, pero acrediten representación na xunta de área correspondente, terán asignado un delegado sindical consonte o teor do citado artigo da lei orgánica.

3. Por iso, o número de delegados de sección sindical electos, consonte o número e escala transcritos, soamente se aplicará nos supostos en que se constitúan comisións de centro, sen que, en caso contrario, caiba a aplicación de tales números. No suposto de que non se constitúan as comisións de centro, o número de delegados determinarase de conformidade co número reflectido no citado artigo 10.2º da lei orgánica segundo a mesma escala.

4. Os delegados de sección sindical integrantes das comisións terán dereito de voz e voto neste órgano. Estes delegados de sección sindical igualmente poderán participar, se é o caso, nas sesións da xunta de área segundo os termos previstos no artigo 10.3º.1. da LOLS.

5. Debido ás características da composición do órgano, no que se integran para tódolos efectos os delegados de sección sindical ademais dos representantes unitarios, o voto emitido para a válida elección de acordos terá a ponderación que se colixa da porcentaxe de representatividade acreditada pola organización sindical ou coalición na xunta de área.

No nivel de Atención Primaria das provincias de Lugo e Ourense, de constituírse unha comisión para o eido territorial de cada unha delas, o voto dos representantes ponderarase en virtude da media de porcentaxe de representación que acrediten as organizacións sindicais ou coalicións concorrentes na respectiva provincia, con base na obtida en cada unha das áreas que a integran.

6. Os membros das comisións de centro elixirán de entre eles un presidente e un secretario, do mesmo xeito que os correlativos cargos elixidos da xunta de persoal de área, coa asignación das atribucións e funcións previstas na normativa e recollidas, se é o caso, no regulamento de organización e réxime de goberno interno aplicable.