Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 15 de xuño de 1999 Páx. 7.505

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 26 de maio de 1999 pola que se convocan dez bolsas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para a especialización de titulados.

É obxecto destas bolsas a formación e especialización de titulados universitarios mediante procesos de aprendizaxe práctico realizados nas empresas galegas e nos seus clientes e/ou provedores e/ou centros tecnolóxicos relacionados cos diferentes complexos de actividade económica.

A presente orde regula a convocatoria e procedemento de concesión das ditas bolsas.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse ata 10 bolsas destinadas á formación e especialización práctica de titulados universitarios e a minora-los custos laborais da súa posterior contratación por empresas que teñan o seu enderezo ou centro principal de actividade en Galicia e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria que se inclúen como anexo I á presente orde.

O Igape xestionará a tramitación das bolsas. De conformidade coa delegación de facultades efectuada polo seu consello de dirección con data do 29 de marzo de 1996, será competente o director xeral do Igape para resolve-la súa concesión ou denegación, así como para declara-los incumprimentos que se produzan.

Artigo 2º

O financiamento farase con cargo ás partidas 0332 37000 481 dos orzamentos do Igape, logo de existencia de crédito adecuado e suficiente.

Artigo 3º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o prazo máximo para notifica-la resolución do procedemento regulado na presente orde será de 6 meses a partir da publicación desta. Transcorrido o referido prazo máximo sen que se notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 4º

Durante a súa vixencia, estas bolsas son compatibles con outras axudas para o mesmo obxecto que poidan ser concedidas por organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros, salvo as bonificacións nas cotas á Seguridade Social derivadas do tipo de contrato, e deberá o beneficiario notificarlle ó Igape calquera solicitude ou concesión obtida.

Artigo 5º

A Dirección Xeral do Igape, logo da audiencia do interesado, interpretará as bases anexas e resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na súa aplicación; contra as súas resolucións, que non esgotarán a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Facenda no plazo dun mes desde a súa notificación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

BASES DA CONVOCATORIA

1. Requisitos dos solicitantes.

1.1. Empresas.

Poderán solicitar esta axuda aquelas empresas que teñan o seu enderezo ou centro principal de actividade na Comunidade Autónoma galega e que conten cun mínimo de tres traballadores fixos.

1.2. Titulados.

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

A) Seren nacionais dun país membro da Unión Europea.

B) Cumpriren algunha das seguintes condicións:

-Teren veciñanza administrativa en Galicia.

-Seren naturais de Galicia.

-Seren fillos de emigrantes galegos.

C) Estaren en posesión dunha titulación universitaria (superior ou media) outorgada por unha institución docente oficialmente recoñecida dalgún país membro da Unión Europea na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

En caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia, previamente á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

D) Non teren sido seleccionados en convocatorias anteriores de calquera programa de bolsas do Igape.

2. Número.

2.1. Establécese un número máximo de 10 bolsas.

2.2. A cada unha das empresas seleccionadas só se lles adxudicará un titulado, podendo o Igape declarar deserta total ou parcialmente a adxudicación das bolsas.

3. Obxecto, duración e contía.

3.1. O proceso formativo dividirase en dous períodos:

a) O primeiro período corresponderá á estancia do titulado na empresa beneficiaria da axuda. Durante este período, que terá unha duración de 6 meses, o titulado desfrutará dunha bolsa do Igape, sometida ó réxime xurídico-administrativo, non existindo vinculación laboral ningunha entre a empresa e o titulado.

b) O segundo período corresponderá a estancias do titulado fóra da empresa, é dicir, en clientes e/ou provedores e/ou centros tecnolóxicos relacionados co sector de actividade da empresa beneficiaria, que poderán estar situados ou non no estranxeiro. Este período terá unha duración mínima de 6 meses e máxima de 12 meses. Neste período o titulado obrigatoriamente terá que asistir a unha feira de carácter internacional relacionada co sector de actividade da empresa beneficiaria.

Durante este período o titulado e a empresa estarán vinculados por un contrato laboral, que terá que revestir algunha das seguintes modalidades:

1. Contrato indefinido.

2. Contrato en prácticas cunha duración que terá que coincidir exactamente coa do segundo período do proceso formativo. Neste suposto, o titulado e a empresa beneficiaria deberán subscribir un compromiso de contratación indefinida, que se formalizará á finalización do segundo período formativo, que terá que conter como mínimo a definición da categoría, posto de traballo e salario bruto anual do traballador.

En todo caso os contratos laborais terán que respecta-la normativa laboral vixente. No suposto de que se pactase a obriga de permanencia do titulado na empresa por tempo determinado, terán que respectarse os límites establecidos no artigo 21 do Estatuto dos traballadores e demais normativa aplicable.

3.2. Contía:

A contía da bolsa estará integrada polos seguintes conceptos:

a) Durante o primeiro período do proceso formativo, o titulado percibirá unha bolsa administrativa do Igape dotada con 150.000 ptas. mensuais brutas. Esta cantidade será aboada en dous pagamentos de 450.000 ptas. brutas cada un, á finalización de cada trimestre de acordo co establecido na base 13.

b) Durante o segundo período do proceso formativo, o Igape aboaralle á empresa, en concepto de axuda á contratación laboral do titulado, a cantidade de 200.000 ptas. mensuais.

c) Se é o caso, respecto dos custos aprobados na resolución de concesión da axuda dos cursos de formación externa que realice o titulado durante o segundo período do proceso formativo, a cantidade aboada polo Igape non excederá do 75% do custo dos cursos, cun máximo total de 500.000 ptas. por empresa.

4. Solicitude e documentación.

4.1. Empresas: as solicitudes deberán presentarse no modelo oficial do anexo III, xunto coa documentación descrita no anexo II.

4.2. Titulados: as solicitudes deberán presentarse no modelo oficial do anexo IV acompañadas da documentación descrita no anexo V.

5. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

5.1. Lugar de presentación.

As solicitudes presentaranse no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

A) Santiago de Compostela: rúa Frei Rosendo Salvado 16, baixo. C.P. 15701.

B) Ferrol: Península da Cabana s/n. C.P. 15590.

C) Vigo: rúa Príncipe 43, 2º E. C.P. 36202.

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Deberá presentarse copia compulsada ou cotexada cos orixinais polos rexistros administrativos, de acordo co Art. 38.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, da documentación presentada polo solicitante, ó que non lle será devolta. A documentación redactada nunha lingua non oficial terá que ir traducida por un intérprete xurado.

5.2. Prazo de presentación de solicitudes.

Tanto para as empresas como para os titulados, o prazo de presentación de solicitudes será de 2 meses a partir da publicación no DOG das presentes bases.

6. Criterios de selección.

6.1. Selección de empresas.

A selección de empresas farase de acordo cos seguintes criterios:

a) Avaliación do proxecto formativo do titulado (50 puntos); este deberá incluír como mínimo:

-Plan de formación en prácticas internas nos distintos departamentos da empresa solicitante durante o primeiro período do proceso formativo.

-Plan de formación en prácticas fóra da empresa durante o segundo período do proceso formativo, que debe cubrir estancias do titulado con provedores e/ou clientes e/ou centros tecnolóxicos relacionados co sector da actividade do solicitante. Durante este período de estancia o titulado deberá obrigatoriamente asistir a unha feira de carácter internacional relacionada co sector da actividade do solicitante. Este plan de formación debe conter unha descrición detallada dos lugares e períodos en cada lugar das prácticas do titulado.

-Se é o caso, cuantificación, e identificación dos gastos externos de formación nos que se vai incorrer no período de estancia do titulado fóra da empresa.

-Descrición dos mecanismos de avaliación do proceso de aprendizaxe do titulado.

b) Integración do solicitante nalgún dos seguintes complexos de actividade económica (20 puntos):

-Mar-industria.

-Rochas ornamentais.

-Agroindustria.

-Automóbil.

-Téxtil.

-Telecomunicacións-Audiovisual.

-Turismo.

-Silvícola-forestal.

-Madeireiro.

-Ambiente.

c) Instalación da empresa nas dúas provincias de menor renda per cápita de Galicia (Lugo e Ourense) e nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: 20 puntos.

d) Antecedentes da empresa en anteriores programas de bolsas: 10 puntos.

Para os efectos establecidos na base 7, as empresas serán ordenadas pola puntuación acadada na avaliación dos anteriores criterios. En caso de igualdade na puntuación serán ordenadas por orde de rexistro de entrada das súas solicitudes completas no Igape.

6.2. Criterios de selección de titulados.

O Igape ordenará os titulados, segundo a titulación, especialidade e puntuación obtida, no seguinte baremo de autoavaliación:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias:

Puntuación obtidax10

nº de materias

Proxecto fin de carreira, grao ou tese de licenciatura: 2 puntos.

0,1 puntos por cada mes de experiencia profesional, debidamente acreditado, na empresa privada, ata un máximo de 3,6 puntos.

7. Procedemento.

7.1. Unha vez finalizado o prazo de solicitude, o Igape exporá nas súas oficinas as listas provisionais das empresas e titulados admitidos e excluídos xunto coas titulacións e especialidades solicitadas polas primeiras, por orde de preferencia, e o baremo obtido polos segundos, especificando, se é o caso, as causas da exclusión; abrirase un prazo de dez días para que os interesados poidan emeda-la solicitude, e achegar, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen producirse a emenda, a Dirección Xeral do Igape dictará resolución, con

siderando que o interesado desistiu da solicitude e ordenando o arquivo do expediente.

7.2. Finalizado o prazo de emenda, o Igape publicará nas súas sedes a lista definitiva de titulados admitidos, sinalando a súa titulación e baremo. Así mesmo, publicará a lista definitiva de empresas, sinalando titulacións e especialidades solicitadas por cada unha por orde de preferencia e puntuacións obtidas na valoración dos criterios establecidos na base 6.1.

7.3. O Igape remitiralles ás empresas seleccionadas, seguindo a orde correlativa de puntuación acadada no punto 6.1, unha relación de tres titulados coa máxima puntuación dentro das titulacións e especialidades preferentemente requeridas por aquelas, xunto cos seus currículos, co obxecto de que estas os entrevisten, para avalia-lo perfil dos candidatos e a súa adecuación ó traballo ofertado. As empresas deberanlle devolver esta relación ó Igape no prazo de dez días, ordenada segundo a súa preferencia. En caso de que non se remita a dita relación no prazo establecido, considerarase que a empresa desistiu da súa solicitude, tras resolución citada pola Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia.

En caso de que non houbese titulados dispoñibles na titulación preferentemente requirida, na relación referida no parágrafo anterior incluiranse os titulados coa máxima puntuación nas titulacións requiridas en segundo lugar pola empresa e que estean dispoñibles, e así sucesivamente.

Mentres dure a selección, os candidatos preseleccionados quedarán excluídos transitoriamente de calquera outra bolsa ofertada polo Igape.

8. Adxudicación.

O director xeral do Igape resolverá a adxudicación da bolsa á empresa e ó titulado que estivese dispoñible de entre os elixidos, de acordo coa base 7. A concesión da bolsa ó titulado condiciónase á aceptación da axuda pola empresa, e quedará sen efecto nos supostos de renuncia por parte da empresa á axuda concedida, desde o momento da renuncia da empresa, sen prexuízo, se é o caso, do establecido na base 14.

A concesión da axuda á empresa condiciónase á formalización polo titulado do contrato laboral previsto na base 3.1 e á achega por este do aval bancario referido na base 11, á finalización do primeiro período do proceso formativo, e quedará sen efecto nos supostos de non formalización do contrato ou achega do aval no tempo establecido, nos que se entenderá que o titulado renuncia ó segundo período da axuda concedida. Así mesmo quedará sen efecto a concesión da axuda á empresa nos supostos de renuncia do titulado á bolsa concedida durante o segundo período do proceso formativo, desde o momento da renuncia do titulado, sen prexuízo, se é o caso, do establecido na base 14.

9. Aceptación da bolsa.

9.1. O Igape notificaralle primeiramente á empresa a concesión da bolsa, quen, nun prazo de quince

días hábiles, terá que aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases. En caso contrario, terase á empresa por renunciada nos seus dereitos, tras resolución da Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia.

En caso de renuncia da empresa por non aceptación da bolsa, quedará sen efecto a resolución de concesión da axuda de acordo co establecido na base 8, e o titulado se é o caso, poderá ser incluído para a súa selección por outra empresa de acordo co procedemento establecido na base 7.3.

9.2. Unha vez aceptada a bolsa pola empresa, o Igape notificaralle ó titulado a concesión da bolsa, quen nun prazo de quince días hábiles, terá que aceptala nos seus termos, comprometéndose a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases. En caso contrario considerarase que o titulado desistiu dos seus dereitos, tras resolución da Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia.

En caso de renuncia do titulado, este será excluído de tódalas listas de candidatos a bolsas abertas no dito momento no Igape, quen, exclusivamente nos supostos de renuncia do titulado por non aceptación da bolsa, concederá a bolsa ó titulado seguinte no orde de preferencia sinalada por aquela que estea dispoñible. No suposto de que conste a renuncia por escrito de tódolos titulados entrevistados ou de que ningún estea dispoñible, reiniciarase o procedemento establecido no punto 7.3 para selección doutro titulado.

10. Resolucións denegatorias.

As resolucións denegatorias das bolsas, tanto ás empresas como ós titulados, serán notificadas mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios do Igape, de acordo co establecido no artigo 59.5º b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Obrigas dos titulados.

A) Constituír ante o Igape un aval bancario por importe de 100.000 ptas., para responder das obrigas asociadas ás axudas reguladas na presente orde, e especificamente nos supostos previstos na base 14.3. O aval será solidario e de duración indefinida, permanecendo vixente ata que o Igape autorice a súa cancelación, e terá que ser achegado polo titulado á finalización do primeiro período do proceso formativo.

B) Desenvolve-las actividades previstas no plan formativo aprobado, conforme as instruccións fixadas pola empresa.

C) Formalizar coa empresa e manter vixente durante o segundo período do proceso formativo un contrato de traballo de acordo co establecido na base 3.1, así como, en caso de que o contrato formalizado fose baixo a modalidade de en prácticas, formalizar ó seu termo contrato laboral indefinido coa empresa

de acordo coas condicións establecidas no compromiso referido na base 3.1.

D) Respecta-lo réxime de traballo e as instruccións recibidas da empresa beneficiaria, e en xeral, cumpri-las súas obrigas como traballador.

E) Entregarlle ó Igape a documentación requirida nas presentes bases.

12. Obrigas das empresas beneficiarias.

A) Facilitarlle ó titulado o proxecto formativo descrito na base 3.1.

B) Formalizar co titulado asignado, e manter vixente durante o segundo período do proceso formativo, un contrato de traballo de acordo co descrito na base 3.1., así como, no caso de que o contrato formalizado fose baixo a modalidade de en prácticas, formalizar ó seu termo contrato laboral indefinido co titulado, de acordo coas condicións establecidas no compromiso de contratación referido na base 3.1.

C) Aboarlle ó titulado asignado, durante o segundo período do proceso formativo unha retribución mínima de 1.800.000 ptas. anuais brutas, salvo que o salario mínimo establecido no convenio aplicable para a súa categoría e tipoloxía de contrato sexa superior; neste caso aboarase o importe que marque o convenio.

D) Sufragar tódolos gastos necesarios para a realización do segundo período do proceso formativo, sen prexuízo da achega do Igape descrita na base 3.2.

E) Dar de alta ó titulado no grupo de cotización que legalmente lle corresponda segundo a súa titulación e aboa-la cota empresarial da Seguridade Social; a dita cota será pola súa conta e entenderase non incluída no importe da bolsa.

F) Estar ó corrente nos pagamentos á Seguridade Social e Facenda, así como carecer de débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

G) Entregarlle ó Igape a documentación requirida nas presentes bases.

H) En xeral, cumprir coa normativa laboral vixente.

13. Réxime de pagamentos.

A contía da bolsa aboarase de acordo co establecido seguidamente:

1. Primeiro período do proceso formativo:

A contía da bolsa correspondente a este período aboaráselle ó titulado en dous pagamentos de 450.000 ptas. brutas cada un, á finalización de cada trimestre natural, contra entrega da seguinte documentación:

-Informe de actividades realizadas no período e avaliación do desenvolvemento do proceso formativo, asinado polo titulado e pola empresa.

-Certificación bancaria da existencia e número de conta bancaria do titulado, no que se ingresará a contía da bolsa.

-Para o segundo pagamento, o titulado deberá ademais acredita-la constitución ante o Igape do aval bancario referido na base 11.

2. Segundo período do proceso formativo:

2.1. A contía da bolsa prevista na base 3.2.b) correspondente a este período aboaráselle á empresa en dous pagamentos, cada un deles ó vencemento da primeira e segunda metade da duración deste período, contra entrega da seguinte documentación:

1.-En caso de que o contrato formalizado co titulado sexa indefinido:

a) Primeiro pagamento ó vencemento da duración da primeira metade da duración deste período, segundo o establecido na resolución de concesión da axuda:

-Copia do contrato indefinido formalizado co titulado dentro dos quince días hábiles seguintes á finalización do primeiro período formativo, no que terá que consta-la retribución salarial expresamente cuantificada en número.

-Copia das nóminas e documentos de cotización á Seguridade Social do período.

-Xustificantes bancarios do pagamento das operacións anteriores.

-Informe de actividades realizadas no período e avaliación do desenvolvemento do proceso formativo, asinado pola empresa e o titulado.

-Certificación subscrita polo representante da empresa/s ou centro/s no que o titulado realizou a primeira metade do segundo período do proceso formativo, acreditativo da estancia deste e das actividades realizadas.

-Certificados oficiais actualizados de estar ó corrente dos pagamentos á Seguridade Social, das obrigas tributarias e de non manter débedas coa Xunta de Galicia.

b) Segundo pagamento ó vencemento da segunda metade da duración deste período, consonte o establecido na resolución de concesión da axuda:

-Copia das nóminas e documentos de cotización á Seguridade Social do período.

-Xustificantes bancarios do pagamento das operacións anteriores.

-Informe de actividades realizadas no período e avaliación do desenvolvemento do proceso formativo, asinado pola empresa e o titulado.

-Certificación subscrita polo representante da empresa/s ou centro/s no que o titulado realizou a segunda metade do segundo período do proceso formativo, acreditativo da estancia deste e das actividades realizadas.

-Certificados oficiais actualizados de estar ó corrente dos pagamentos á Seguridade Social, das obrigas tributarias e de non manter débedas coa Xunta de Galicia.

2.-En caso de que o contrato formalizado co titulado sexa en prácticas:

a) Primeiro pagamento ó vencemento da metade da duración deste período, segundo o establecido na resolución de concesión da axuda:

-Copia do contrato en prácticas formalizado co titulado dentro dos quince días hábiles seguintes ó da finalización do primeiro período formativo, no que terá que consta-la retribución salarial expresamente cuantificada en número e a duración pactada que terá que coincidir exactamente coa duración do segundo período do proceso formativo.

-Compromiso de contratación indefinida que se formalizará á finalización do segundo período do proceso formativo, que terá que conter como mínimo a categoría laboral, o posto de traballo e o salario bruto anual do traballador, subscrito polo representante legal da empresa e polo titulado.

-Copia das nóminas e documentos de cotización á Seguridade Social do período.

-Xustificantes bancarios do pagamento das operacións anteriores.

-Informe de actividades realizadas no período e avaliación do desenvolvemento do proceso formativo, asinado pola empresa e o titulado.

-Certificación subscrita polo representante da empresa/s ou centro/s no que o titulado realizou a primeira metade do segundo período do proceso formativo, acreditativo da estancia deste e das actividades realizadas.

-Certificados oficiais actualizados de estar ó corrente dos pagamentos á Seguridade Social, das obrigas tributarias e de non manter débedas coa Xunta de Galicia.

b) Segundo pagamento, ó vencemento da segunda metade da duración deste período, segundo o establecido na resolución de concesión da axuda:

-Copia do contrato laboral indefinido subscrito co titulado á finalización do segundo período do proceso formativo.

-Copia das nóminas e documentos de cotización á Seguridade Social do período.

-Xustificantes bancarios do pagamento das operacións anteriores.

-Informe de actividades realizadas no período e avaliación do desenvolvemento do proceso formativo, asinado pola empresa e o titulado.

-Certificación subscrita polo representante da empresa/s ou centro/s no que o titulado realizou a segunda metade do segundo período do proceso formativo, acreditativo da estancia deste e das actividades realizadas.

-Certificados oficiais actualizados de estar ó corrente dos pagamentos á Seguridade Social, das obrigas tributarias e de non manter débedas coa Xunta de Galicia.

2.2. Nos supostos nos que a resolución de concesión así o recolla e de acordo con ela, o Igape aboaralle á empresa a contía da bolsa correspondente ós conceptos referidos na base 3.2.c), á finalización do segundo período do proceso formativo, contra entrega da seguinte documentación:

-Custos de formación externa efectivamente incorridos: facturas xunto cos seus xustificantes bancarios de pagamento, e copia dos diplomas ou certificacións correspondentes, emitidas polo centros de formación nos que se realicen os cursos.

14. Incumprimento.

14.1. Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de incumprimento. En calquera momento a Dirección do Igape poderá reclamar da empresa ou entidade de destino un informe sobre o traballo realizado polo titulado.

14.2. Procederá a revogación da axuda, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e nos supostos de incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme a presente orde ou calquera outra disposición aplicable.

14.3. Nos casos nos que os incumprimentos non sexan de grande entidade, non sexan imputables ó beneficiario ou concorran outras circunstancias xustificativas a xuízo do Igape, poderá apreciarse un incumprimento parcial.

Concretamente serán causa de incumprimento parcial os casos de cesamento da relación laboral con anterioridade á finalización do segundo período do proceso formativo, así como os casos nos en que a finalización do segundo período do proceso formativo non se formalice contrato laboral indefinido. Nestes supostos a bolsa reducirase ó 75% do importe proporcional correspondente ó período efectivamente contratado, salvo que quede acreditado no expediente que o incumprimento é por causa imputable ó titulado; no dito caso a bolsa limitarase ó importe proporcional correspondente ó período efectivamente contratado, e procederase á incautación do aval do titulado.

14.4. O prazo máximo no que deberá notificarse a resolución expresa do procedemento de incumprimento será de seis meses desde o seu inicio. En caso contrario producirase a caducidade do procedemento, mediante resolución da Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia que ordenará o arquivo das actuacións, cos efectos previsto no artigo 92 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

15. Incidencias.

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar

lugar á modificación polo Igape da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio.

16. Réxime administrativo.

16.1. A Dirección Xeral do Igape resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na aplicación da presente convocatoria.

16.2. A concesión e desfrute dunha bolsa non supón vinculación laboral entre o Igape e os titulados que concorran a esta convocatoria, e non derivarán para eles outros dereitos que os que resulten do procedemento administrativo e da súa condición de bolseiros administrativos exclusivamente durante o primeiro período do proceso formativo.

ANEXO II

DOCUMENTACIÓN EMPRESAS

1. Instancia de solicitude. Anexo III.

2. Copia do DNI do solicitante ou do seu representante.

3. Copia do CIF.

4. Copia da escritura de constitución e, se é o caso, das súas modificacións, debidamente inscritas no Rexistro Mercantil, xunto copia do poder de representación do asinante da solicitude.

5. Copia do último recibo do IAE.

6. Acreditación dun mínimo de tres traballadores fixos. Copia do último TC2.

7. Certificado actualizado de estar ó corrente nos pagamentos á Seguridade Social.

8. Certificado actualizado de estar ó corrente nas obrigas tributarias.

9. Certificado actualizado de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

10. Memoria descritiva do proxecto formativo do titulado, que terá que especifica-las tarefas que vaia desempeña-lo titulado, os lugares e períodos de estancia do titulado, feira internacional á que se prevé a súa asistencia, identificar e cuantifica-los gastos externos de formación nos que se prevé incorrer no segundo período do proceso formativo do titulado, describi-los mecanismos de avaliación do proceso de aprendizaxe e achegar toda a información necesaria para avalia-los criterios de avaliación de empresas contidos na bases 6.1.

11. Compromiso de acollida dos provedores e/ou clientes e/ou centros tecnolóxicos nos que se prevé a estancia do titulado no segundo período de formación.

12. Copia do convenio colectivo aplicable ó titulado ó que se pretende contratar.

Deberá presentarse copia compulsada ou cotexada cos orixinais polos rexistros administrativos, de acordo co Art. 38.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, da documentación presentada polo solicitante, ó que non lle será devolta. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia terá que ir traducida por un intérprete xurado.

ANEXO V

DOCUMENTACIÓN TITULADOS

1. Instancia de solicitude. Anexo IV.

2. Copia do DNI ou pasaporte do solicitante.

3. Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia: acreditarase mediante un certificado de empadroamento.

-Ser natural de Galicia: copia do DNI ou pasaporte.

-Ser fillo de emigrantes galegos: copia do DNI do proxenitor que sexa galego.

4. Copia do título ou copia compulsada do xustificante de ter pagadas as taxas para a súa obtención.

5. Copia do expediente académico.

6. En caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha copia compulsada da homologación, ademais da copia do expediente académico, que en caso de estar nun idioma diferente do galego e castelán terá que ir traducido por un intérprete xurado.

7. Currículum vitae.

8. Acreditación de experiencia profesional: certificado de vida laboral expedido pola Seguridade Social.

9. Declaración responsable de non ter sido adxudicatario dunha bolsa do Igape en convocatorias anteriores.

10. Para xustificar puntuación sinalada no baremo de autoavaliación: copia do certificado que acredite especificamente a realización do proxecto fin de carreira, grao ou tese de licenciatura.

Deberá presentarse copia compulsada ou cotexada cos orixinais polos rexistros administrativos, de acordo co Art. 38.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, da documentación presentada polo solicitante, ó que non lle será devolta. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia terá que ir traducida por un intérprete xurado.