Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 14 de xuño de 1999 Páx. 7.486

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación directa de granito ornamental Roxo, 6651, promovido pola empresa Ramilo, S.A., no termo municipal de Ribeira (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro), faise pública a Resolución do 2 de decembro de 1998, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación directa de granito ornamental, como recurso da sec

ción C, no lugar de Quinteiro, parroquia de Frións, do municipio de Santa Uxía de Ribeira (A Coruña).

A Coruña, 30 de abril de 1999.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada e á vista dos informes remitidos polas direccións xerais consultadas, e considerando que a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa que a explotación mineira Roxo, se atopa situada na periferia do parque natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, espacio de gran importancia na biodiversidade e excepcionalidade de tipo botánico, zoolóxico, xeomorfolóxico e paisaxístico, e declarado polo convenio Ramsar como Zona Húmida de Importancia Internacional, polo que tendo en conta que:

Se produciría unha grave diminución do potencial paisaxístico da zona, alterando e deteriorando gravemente a súa calidade visual e paisaxística, situación agravada polo feito de estar situada a escasa distancia do miradoiro de Castrocidá, lugar desde onde se pode ver toda a panorámica do parque e a súa zonificación vexetal e xeolóxica, e que as medidas correctoras propostas no proxecto presentado para corrixir este espacto non son viables, xa que o miradoiro se atopa nunha cota máis alta cá explotación.

O impacto sónico que produciría a explotación é da maior importancia, xa que o ruído pode producir cambios nas pautas de comportamento de certos animais, afectando sobre todo a súa reproducción e que as medidas correctoras propostas só reducirían este impacto, pero aínda estaría en niveis moi elevados.

A vexetación do parque inclúe especies endémicas raras e ameazadas e outras teñen un gran valor florístico ou bioxeográfico, e que a acumulación de pó producido e depositado sobre as plantas levaría consigo unha diminución da súa vitalidade.

Agravaríase de forma importante a poboación do contorno ó aplicarense niveis de xestión ambiental non homoxéneos, moi limitadores no parque natural e moi pouco fóra deste, que dificultarían en grande medida a xestión do conxunto, e polo tanto a consecución de obxectivos relacionados coa conservación do medio natural.

Considérase que a instalación da canteira Roxo produciría unha prolongación, directa e/ou indirectamente, do impacto, que non sería asumible, xa que as alteracións neste eido non serían puntuais senón sinérxicas, o que imposibilitaría o cumprimento dos obxectivos de conservación da área protexida, debido á falta de integración da actividade no contorno no que se subscribe o proxecto e á conseguinte nova perda de valores naturais e paisaxísticos do parque natural.

Así mesmo, unha vez efectuada visita de inspección á zona por parte desta dirección xeral, observouse que a explotación produciría unha modifica

ción importante da paisaxe da zona, alterando gravemente a súa calidade visual, debido a que esta se atopa a pouca distancia do miradoiro de Castrocidá, lugar desde onde se pode ver toda a panorámica do parque natural e a futura localización da explotación.

Por todo iso, e dadas as características propias da zona, faise moi difícil a posta en funcionamento do canteira obxecto da presente declaración sen que se afecte permanentemente ó ecosistema natural, polo que non resulta previsible que a aplicación das medias correctoras propostas no estudio de impacto ambiental emenden totalmente os negativos e irreversibles impactos, non asumibles, que se producirían na calidade ambiental xeral da área, e co fin de evitalos previsibles danos irreversibles ó equilibrio ecolóxico na área, e en virtude do disposto no Decreto 442/1990, de avaliación de impacto ambiental, resólvese emitir, declaración de impacto ambiental negativa, para só os efectos ambientais, de proxecto de concesión de explotación directa, Roxo 6651 promovido por Ramilo, S.A.

ANEXO

Informes solicitados a organismos da Administración

-Dirección xeral de Montes e Medio Ambiente Natural: emite informe no que fai as seguintes consideracións:

Este proxecto non pode considerarse unha explotación independente, senón que é a ampliación, pola parte nordeste, da explotación mineira Outeiro Roxo que leva varios anos funcionando e producindo unha grave deterioración da calidade paisaxística do parque natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

A explotación mineira Roxo, situada na periferia do parque, provocaría impactos ambientais negativos e irreversibles de vital importancia nos recursos paisaxísticos e biolóxicos deste espacio protexido.

Produciría unha grave diminución do potencial paisaxístico da zona alterando gravemente a súa calidade visual, situación que se agrava polo feito de estar situada a explotación a escasa distancia do miradoiro de Castrocidá, lugar desde onde pode verse toda a panorámica do parque e a súa zonificación vexetal e xeolóxica. As medidas correctoras propostas no proxecto presentado para corrixir este impacto non son viables xa que o miradoiro se atopa nunha cota máis alta cá explotación.

A creación de entrelleiras produciría a alteración das drenaxes superficiais e debido a súa situación xeográfica, estas verten ó parque onde existen un importante número de endemismos ou especies animais raras que poderían verse afectadas por unha mínima contaminación da auga por turbidez. As medidas correctoras propostas non son efectivas por estar situada nunha zona cunha alta pluviosidade.

O impacto sónico que produciría a explotación é da maior importancia, ó estar demostrado en varios estudios que o ruído pode producir cambios nas pautas de comportamento de certos animais, afectando sobre todo á súa reproducción. As medidas correctoras propostas soamente reducirían este impacto, pero aínda así estaría en niveis moi elevados.

A acumulación de pó nas plantas leva consigo unha menor capacidade de rexeneración destas porque as partículas sólidas depositadas sobre elas forman unha película que impide o desenvolvemento normal da respiración, transpiración ou fotosíntese, diminuíndo a súa vitalidade. Este feito é de vital importancia xa que a vexetación lle dá ó parque un carácter de orixinalidade e rareza, estando incluídas algunhas delas no censo de plantas endémicas raras e ameazadas de España e outras teñen un gran valor florístico ou bioxeográfico.

De acordo co estudio, obsérvase unha moderación na cualificación de impactos directamente relacionado coa falta de integración da actividade no contorno no que se subscribe o proxecto.

Por tanto, non resulta previsible que a aplicación das medidas correctoras expostas supoñan unha minimización sobre os efectos producidos, por outra banda, críticos sobre aspectos puntuais ou calidade xeral da área.

En consecuencia, proceden a informar de maneira desfavorable o referido proxecto, e en virtude do exposto, desaconsellan absolutamente a localización.

-Dirección Xeral de Saúde Pública: emite informe no que se realiza as seguintes puntualizacións:

A) Con relación á balsa de decantación:

Estableceranse controis analíticos previos ó seu vertido polo seu posible impacto negativo nas augas superficiais e/ou subterráneas, xa que estas poden utilizarse augas abaixo para abastecementos de augas de consumo público.

B) Con relación ó ruído:

Deberá establecerse un control da intensidade sonora nas proximidades das vivendas e núcleos de poboación máis próximos e segundo os resultados obtidos, aumenta-la protección acústica.

C) Con relación ás pezas e refugallos da maquinaria:

Non poderán acumularse no oco escavado, xa que debido ó elevado índice pluviométrico da zona, poderá contamina-las augas. Deberán recollerse en recipientes apropiados e entrega-los periodicamente a un xestor autorizado.

-Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo: emite informe no que conclúe que para a concesión da explotación da canteira obxecto do informe haberá que ter en conta as ordenanzas municipais. Ademais, a pantalla arbórea visual e o peche da explotación deberán efectuarse antes de comeza-la actividade.

-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: emite informe no que fai constar que:

No inventario de Depósitos Arqueolóxicos de Galicia non consta catalogado ningún depósito arqueolóxico dentro do perímetro da explotación, polo que no ámbito arqueolóxico non existe ningún impedimento en relación ó expediente.

Se no transcurso dos traballos de explotación da canteira apareceran restos de carácter arqueolóxico, deberán poñerse en coñecemento desta dirección xeral e do Instituto de Consevación e Restauración de Bens Culturais.

-Dirección Xeral de Industria: emite informe favorable ó referido estudio.

4861