O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicios esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño de 1988 (DOG nº 116, do 20 de xuño).
O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios e o persoal preciso para prestalos.
O comité de folga da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña, en escrito presentado perante a mencionada delegación provincial (Rexistro de Entrada do pasado 1 de xuño) comunica a convocatoria de paro que terá lugar durante as xornadas dos días 11, 15 e 17 de xuño de 1999 e que afectará os empregados e empregadas públicas das garderías infantís dependentes desta consellería na provincia da Coruña.
A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais obriga a esta consellería a fixa-los servicios mínimos necesarios para o adecuado desenvolvemento das actividades a favor do principio constitucional de protección social da familia.
Na súa virtude, e oído o comité de folga, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro.-O persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais nas garderías infantís dependentes desta consellería na provincia da Coruña:
Con carácter xeral: tódolos/alas directores/as das ditas garderías.
* As Mariñas: 2 técnicos especialistas en xardín de infancia, 1 camareira-limpadora e 1 oficial 1ª cociña.
* Elviña: 3 técnicos especialistas en xardín de infancia, 1 camareira-limpadora e 1 oficial 1ª cociña.
* O Ventorrillo: 4 técnicos especialistas en xardín de infancia, 2 camareiras-limpadoras e 1 oficial 1ª cociña.
* Sta. Mª de Oza: 2 técnicos especialistas en xardín de infancia, 1 camareira-limpadora e 1 oficial 1ª cociña.
* Catabois: 2 técnicos especialistas en xardín de infancia, 1 camareira-limpadora e 1 oficial 1ª cociña.
* Virxe do Chamorro: 1 técnico especialista en xardín de infancia, 1 camareira-limpadora e 1 oficial 1ª cociña.
* Sta. Susana: 3 técnicos especialistas en xardín de infancia, 1 camareira-limpadora e 1 oficial 1ª cociña.
* Vite: 4 técnicos especialistas en xardín de infancia, 2 camareiras-limpadoras e 1 oficial 1ª cociña.
Segundo.-A designación nominal do persoal que deberá cubri-los servicios mínimos fixados será feita pola delegada provincial da consellería e publicada no taboleiro de anuncios dos referidos centros.
Terceiro.-O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente.
Cuarto.-O disposto nesta orde non suporá limitación ningunha dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 1999.
Manuela López Besteiro
Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,
Muller e Xuventude