Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 10 de xuño de 1999 Páx. 7.313

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución gasificación do noroeste: ramal a Curtis, nos termos municipais de Curtis, Mesía, Vilasantar, Abegondo e Cesuras.

Examinado o expediente instruído por instancias da empresa Enagás, S.A., con enderezo para efectos

de notificacións en Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 25 de setembro de 1998, a Consellería de Industria e Comercio outorgou a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a conducción e subministración industrial de gas canalizado nos termos municipais de Curtis, Mesía e Vilasantar e para a conducción de gas canalizado nos termos municipais de Abegondo e Cesuras.

Segundo.-Con data do 26 de outubro de 1998, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido na Lei 10/1987, do 15 de xuño, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a aprobación do proxecto de gasificación do noroeste: ramal a Curtis, xuntando a dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

As características do proxecto afectan ós termos municipais de Curtis, Mesía, Vilasantar, Abegondo e Cesuras, e en resumo serán as seguintes:

Ramal principal.

O ramal a Curtis, con 8" de diámetro, parte da posición I-016, do gasoducto Vilalba-Tui, no termo municipal de Abegondo, onde se instalará unha estación de regulación e medida (E.R.M.), tomando dirección sudeste, ata chegar ó termo municipal de Mesía.

Atravesará este termo, tamén en dirección sudeste, introducíndose por dúas veces no municipio de Cesuras para volver ó de Mesía á altura do campo de fútbol. Nas súas inmediacións, instalarase unha estación de protección catódica de toda a conducción. Desde aquí, tomará dirección sudeste ó longo da estrada de Cruceiro; e, atravesando o río Samo, a estrada de Lebrois e a da Pobra chegará a Bermui. Á altura da citada poboación, a conducción discorre paralelamente á estrada de acceso a Vista Alegre, realizando unha serie de cruzamentos, para posteriormente dirixirse cara ó sur ata a confluencia dos termos municipais de Mesía, Curtis, Vilasantar e Cesuras e abandoa-lo municipio de Mesía para pasar ó de Cesuras.

Percorridos 20 metros do municipio de Cesuras, entra xa no termo municipal de Curtis polo cal discorre paralelo á estrada de Vista Alegre ata chegar a 100 metros antes do cruzamento da estrada de acceso a Curtis desde N-634, onde ten lugar a chamada derivación 1. Neste punto o ramal principal cambia o seu diámetro de 8" a 6".

O ramal parte de aquí en dirección sudeste, atravesando a N-634 e a C-550, para entrar no termo municipal de Vilasantar, do cal volve saír en dirección noreste para introducirse novamente no de Curtis e chegar á fábrica de Tableros Losán, onde remata o ramal principal.

Derivación 1.

Ten a súa orixe no termo municipal de Curtis, a uns 100 metros desde a estrada de acceso a esta poboación, desde a N-634. Desde aquí sae outro ramal, de 6" de diámetro, con orientación sudoeste, atravesando o termo municipal de Vilasantar, ata o termo municipal de Mesía, manténdose paralela, en dirección sur, á estrada N-544, ata as proximidades da Fábrica de Cerámica Verea, onde se realiza unha acometida a esta mesma de diámetro 4".

Derivación 2.

A uns 500 metros antes da acometida a Cerámicas Verea, hai unha derivación que discorre enteiramente polo termo municipal de Mesía, de diámetro 6", ata a fábrica de Cerámica E. Campo, onde remata.

O orzamento de ramal ascende á cantidade de 483.752.105 ptas.

Terceiro.-Por resolución desta dirección xeral do 2 de novembro de 1998, someteuse a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, sendo publicada no Diario Oficial de Galicia do 16 de novembro de 1998, no BOP da Coruña do 21 de novembro de 1998 e no xornal La Voz de Galicia do 16 de novembro de 1998, e exposto igualmente no taboleiro de anuncios dos concellos de Curtis, Mesía, Vilasantar, Abegondo e Cesuras.

Cuarto.-Durante o período legalmente establecido recibíronse as seguintes alegacións ó proxecto:

1. José Manuel Rico Díaz, propietario do predio co núm. C-VI-18, alega o prexuízo que o trazado da conducción lle supón ó atravesa-las súas parcelas, solicitando que o encanamento entre os vértices V-106 e V106-1 se desprace uns 20 m paralelamente a si mesma cara ó leste. No caso de que o órgano competente non se aveña á modificación do proxecto inicial, pide que a expropiación comprenda a totalidade do predio por resulta-la súa explotación antieconómica.

2. Dolores Cao Sánchez, Jesús Lesta Barreiro, José Antonio López Castro, Benedictino Gundín García e Ángel Sánchez Pérez, propietarios dos predios C-VI-14, C-VI-16, C-VI-19, C-VI-21 e C-VI-22, respectivamente, manifestan a súa desconformidade nos mesmos termos que se recollen na alegación do primeiro exponendo.

3. Rosalía Ajamil Sánchez, en nome e representación de María Pilar Pedreira Lesta, Josefa Mato Suárez, Concepción Sánchez Míguez, José Francos Sesmonde e Otilia Seoane García, considera que a afección que se produce nos predios dos seus representados realmente é superior á que se indica na

relación de bens e dereitos publicada. Así mesmo, alega a existencia de discrecionalidade e arbitrariedade do trazado que determina a presunta necesidade de ocupación, supoñendo que Enagás, S.A. goza do dereito á ocupación do dominio público, patrimonial e das zonas de servidume pública, e propoñendo como alternativa que o trazado discorra seguindo os terreos da N-634. Expón ademais, que non aparece reflectida a realidade natural dos bens que configuran un núcleo rural consonte coa Lei galega do solo. Finalmente, fai consta-la existencia dun erro de titularidade no predio C-ME-212, e que nos predios C-ME-210, C-ME-206, C-ME-213 (semella que erroneamente a designan como C-ME-13) e C-ME-217, o trazado divide total e absurdamente os predios pola metade, ocasionando uns prexuízos de difícil ou imposible reparación.

4. Avelino García Puente, titular do predio C-ME-205, solicita a modificación parcial do trazado do gasoducto de forma que se axuste máis ós lindeiros do predio. Manifesta ademais, que as servidumes legais correspondentes deixan practicamente sen valor ningún o soar para o que obtivo autorización de pechamento, achegando documento acreditativo para tal efecto.

5. José Mª Tojo Senín, como propietario do predio C-ME-239, solicita que se desvíe o trazado de gasificación segundo as opcións que propón, manifestando que o actual lle impide a construcción no seu predio dunhas vivendas, tal e como ten previsto.

6. María Lata Portela, José Lino Lata Portela, Jesús Vaamonde González e José Vaamonde González, como propietarios dos predios C-ME-38, C-ME-73, C-ME-65, C-ME-27 e C-ME-37, respectivamente, manifestan que a liña proposta non é de utilidade pública e que as servidumes de paso para a liña e os cables de protección catódica son excesivas. Engaden ademais, que se produce unha práctica abusiva na ocupación do solo, discriminando o terreo rural respecto do urbano ó prohibir edificar na zona de limitación de dominio. Así mesmo expoñen que se están realizando os traballos de concentración parcelaria, que afectarán a titularidade e reordenación dos terreos, o que leva consigo a imposibilidade de facer alegacións no momento actual. Que en xeral, as parcelas quedan divididas, nos casos en que se expropia unha franxa de terreo, inhabilítanse para a súa explotación. Por último, proponse modifica-lo trazado presentado derivándoo ás marxes das pistas de concentración xa existentes ou que discorrese

pola zona de afección da liña eléctrica de alta tensión as Teixeiro.

7. Ricardo Blanco Rivera, propietario da C-ME-207, solicita que as instalacións no afecten a súa propiedade, ou en caso de que non fose posible, que as ditas instalacións sexan trasladadas uns metros cara ó leste.

8. Manuela Barros Cao, propietaria do predio C-ME-208, manifesta a súa desconformidade nos mesmos termos que se recollen na alegación do sétimo expoñendo.

9. Jaime Corral Fernández, como propietario do predio C-CU-1, alega que unha pequena variante de trazado, entre os vértices V-109 e V-110, todo dentro dos límites da súa propiedade, lle resultaría menos gravoso, e non ocasionaría ningún prexuízo sobre outras propiedades.

10. José Lino Bermúdez Sueiro, como propietario do predio C-ME-238, manifesta que na relación de bens e dereitos afectados existe un erro na cualificación do terreo da súa propiedade, aparecendo como vivenda cando se trata de vivenda e industria. Ademais, propón que o trazado discorra polo bordo da N-634.

11. Jesús María José, María do Carmen e Jesusa Veiras Pérez, coma propietarios dos predios C-ME-179, C-ME-181, C-ME-183, C-ME-185, poñen de manifesto que se produciron unha serie de erros na relación de bens e dereitos afectados relativos á titularidade, achegando para a súa emenda documentación acreditativa para tal efecto e relativo á identificación dalgúns polígonos.

12. Manuel García Cao, como titular dos predios C-ME-235 e C-ME-237, alega que se produciron unha serie de erros na relación de bens e dereitos afectados publicada en relación co predio referenciado como C-ME-237. Así mesmo solicita un cambio no trazado proposto, co fin de abeirar aquel os límites do predio.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria.

Quinto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural, recibíndose contestacións deles indicando as condicións en que se deben verifica-las afeccións correspondentes.

Sexto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos Decretos 2913/1973, do 26 de outubro, e 1775/1967, do 22 de xuño, e en virtude do establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa á Consellería de Industria e Comercio como órgano por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas ou regula

mentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, das contestacións a estas por parte da empresa Enagás, S.A. e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Enagás, S.A. procederá á emenda de tódolos erros de titularidade e natureza dos bens, sempre que o alegante achegue título suficiente que acredite fidedignamente as ditas condicións.

2. Enagás, S.A. modificará o trazado segundo o desprazamento da conducción proposto por José Manuel Rico Díaz, Dolores Cao Sánchez, Jesús Lesta Barreiro, José Antonio López Castro, Benedictino Gundín García e Ángel Sánchez Pérez, sempre que non se afecten a novos propietarios non incursos no expediente que puidesen á súa vez opoñerse a este.

3. Non se pode aceptar a solicitude de Rosalía Ajamil Sánchez de facer discorre-lo gasoducto por terreos de dominio público e zonas de servidume pública, xa que debido á proximidade das edificacións existentes entre os vértices V-106-39 e V-106-42 á estrada N-634 tense que despraza-la conducción por detrás destas. Por outra parte, aclárase que en ningún caso se producen expropiacións de terreo, senon servidumes de paso e limitacións de dominio que implican un dereito de paso a todo ó longo da conducción, que permitan o mantemento das instalacións e que impidan que poidan ser danadas. Na fase de construcción é necesaria unha ocupación temporal dunha franxa de terreo de dez metros, e na fase de explotación as limitacións de dominio que se establecen teñen por obxecto garanti-la seguridade do encanamento e asegura-lo paso do persoal e a ocupación temporal dunha franxa de dous metros a cada lado do eixe para os traballos de mantemento e/ou conservación.

4. Non se poden acepta-los trazados alternativos propostos por Avelino García Puente, José Lino Bermúdez Sueiro e José Mª Tojo Senín, xa que despois de discorrer por un camiño de uns tres metros de largo e unha lonxitude duns cincuenta metros, pasará a ocupar, desde a zona de intersección do camiño e a N-634, a zona de dominio público da dita estrada co que denegaría a autorización de paso o organismo competente, de acordo coa vixente Lei de estradas.

5. Non se poden acepta-las alternativas propostas por María Lata Portela, José Lino Lata Portela, Jesús Vaamonde González e José Vaamonde González, xa que a afección da liña de alta tensión impón condicionantes técnicos que impiden a proximidade entre ambos. Ademais, as citadas alternativas trasladarían a afección a outros propietarios. Por último, a lexislación vixente si recoñece o carácter de utilidade pública a subministración e conducción de gas natural, independentemente dos posibles usuarios.

6. Enagás realizará as variantes propostas por Ricardo Blanco Rivera e Manuela Barros Cao, sempre que o cambio non supoña afectar a novos propietarios.

7. Enagás modificará o trazado segundo a proposta realizada por Manuela Barros Cao, sempre que non se afecten a novos propietarios, xa que manifesta a súa desconformidade nos mesmos termos que se recollen na alegación do expoñendo sétimo.

8. Debido á proximidade da C-540 e o camiño de acceso a Curtis, Enagás, S.A. axustará o trazado dentro do predio do alegante Jaime Corral Fernández, de forma que lle prexudique na menor medida, sen que afecte os propietarios dos predios adxacentes.

9. Enagás, S.A. aceptará a variante C proposta por Manuel García Cao, sen que se produzan novas afeccións de terceiros non incursos neste expediente.

Cuarto.-Enagás procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Enagás, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos reflectidos no punto segundo dos antecedentes, correspondentes ós termos municipais de Curtis, Mesía, Vilasantar, Abegondo e Cesuras.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

-Aprobar a Enagás, S.A. o proxecto de execución das instalacións que se recollen no proxecto Gasificación do Noroeste. Ramal a Curtis correspondente ós termos municipais de Curtis, Mesía, Vilasantar, Abegondo e Cesuras, de acordo coas seguintes condicións:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten os datos básicos do proxecto será necesario a autorización da Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, así como as instrucciones técnicas complementarias ITC-MIG 5.2. Canalizacións de transporte e distribución de gas

de alta presión A e ITC-MIG 6.1. Acometidas de gas en alta presión, aprobadas por Orde do 26 de outubro de 1983 e modificadas pola do 6 de xullo de 1984, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así coma a norma UNE 20.322-86: clasificación de colocacións con riscos de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. A colocación de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302. As zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo así mesmo establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de seis meses contados a partir da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, poidendo solicitar prórroga, en caso necesario, previa á oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña deberá realizar durante as obras e unha vez rematadas estas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización das probas e controis regulamentarios, todo iso con antelación suficiente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios previstos os realizaron entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras remitirase á dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou, se é o caso, ás modificacións autorizadas, xuntando ás actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo do informe do técnico designado pola dita delegación estenderá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin

de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Ún: expropiación forzosa dos terreos sobre os que se contruirán as instalacións fixas en superficie.

Dous: para canalizacións:

A. Imposición de servidume permanente de paso, nunha franxa de terreo de dous (2) metros, ó longo do gasoducto, por onde discorrerá soterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas e que estará suxeito ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous (2) metros contados desde o eixe da tubería.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar acto ningún que puidese danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a dez (10) metros do eixe do trazado, a un e outro lado del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que, en cada caso, fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións, con pago, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como de realiza-las obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B. Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres: para o uso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A. Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de dous (2) metros de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores da protección catódica, a franxa de terreo, onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá como largura, a correspondente á instalación máis un (1) metro a cada lado. Esta franxa deberá aterse ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así coma de plantar árbores ou arbustos e realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación, a unha distancia inferior a cinco (5) metros, a cada lado do cable de conexión, ou do límite da instalación soterrada dos leitos dispersores, poidendo exerce-lo dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbese a distancia inferior da indicada.

2. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B. Ocupación temporal, con necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que desaparecerá todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Catro: para as liñas eléctricas de media tensión:

A. Servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro a cada lado do eixe da liña e en todo o seu trazado que implicará:

1. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B. Servidume permanente de voo nunha franxa de doce (12) metros centrada co eixe de liña, na que se establecen:

1. Prohibición de erguer edificacións ou construccións de calquera tipo, nin efectuar acto ningún que poida dana-lo bo funcionamento da liña, a unha distancia inferior a seis (6) metros do eixe de liña de postes do tendido.

2. Prohibición de plantar árbores con altura máxima superior a catro (4) metros a unha distancia inferior a tres (3) metros do eixe da liña de postes do tendido.

C. Ocupación temporal da superficie que se determina para cada liña nos planos parcelarios, para realiza-las obras necesarias.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se atopan as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo deberá facilitar ós servicios de bombeiros, concello e organismos con competencias en materia de protección civil, copia dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación,

dacordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gaseosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización polas causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 20 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

4831