Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 10 de xuño de 1999 Páx. 7.299

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de empresa para a fábrica de apósitos da Cooperativa Farmacéutica Gallega (Cofaga).

Visto o expediente do convenio colectivo de empresa para a fábrica de apósitos da Cooperativa Farmacéutica Gallega (Cofaga) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 28-4-1999, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo comité de empresa o día 29-7-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 5 de maio de 1999.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Capítulo I

Ámbito persoal

Quedan afectados por este convenio a totalidade dos traballadores que presten os seus servicios na fábrica de apósitos da Cooperativa Farmacéutica Gallega, agás a persoa ou persoas que aínda estando no cadro de persoal, se consideran representantes da empresa, en razón dos cargos que ocupen.

A duración deste convenio fixarase desde o 1-1-1998 ata o día 31-12-1998; de non existir denuncia por unha das partes este convenio prorrogarase automaticamente.

Capítulo II

Condicións sociais

Artigo 1º.-Garantías persoais.

Respectaranse as condicións de traballo que sexan superiores ás establecidas no presente convenio, consideradas no seu conxunto e cómputo anual.

Artigo 2º.-Clasificación do persoal.

Revisión anual de categorías (dentro dos dous primeiros meses do ano) publicarase no taboleiro de anuncios da empresa a escala destas, pechada o 31 de decembro anterior, podendo o persoal formula-las reclamacións que sexan oportunas no prazo dun mes).

a) Ascensos: os ascensos rexerán para tódalas categorías e en igualdade de condicións e criterios.

Artigo 3º.-Contrato de traballo para a formación.

Remítese ó artigo 2, punto 5º, do Estatuto dos traballadores.

Formación continua: ámbalas partes acordan aterse ó establecido nos proxectos presentados ó Forcem, así como ó texto presentado pola parte social no anteproxecto do convenio.

Artigo 4º

A xornada laboral será de 39 horas de traballo efectivo semanal.

Artigo 5º.-Horas extras.

Terán o incremento do 75% sobre a hora ordinaria e poderanse compensar co tempo equivalente en descanso.

Capítulo III

Vacacións

Tódolos traballadores afectados por este convenio terán dereito a 30 días naturais de vacacións, podendo desfrutalas de forma ininterrompida ou en dous períodos, sempre que isto non afecte o desenvolvemento do traballo normal da industria, nin complique o desfrute delas por outros compañeiros. O cadro de vacacións presentarase dentro dos dous primeiros meses do ano. A empresa concederá unha bolsa de vacacións consistente en 19.733 ptas. a todo o persoal, sexa cal sexa a época do ano en que as desfrute.

Capítulo IV

Incapacidade laboral transitoria

Artigo 1º.-Incapacidade laboral transitoria.

O traballador afectado por esta circunstancia percibirá o salario real ata os 18 meses (salario base, antigüidade, gratificación de rendemento, gratificación de transporte e plus de convenio).

Prestacións.

A empresa aboaralles ós traballadores que teñan fillos diminuídos psíquicos ou minusválidos a cantidade de 21.589 ptas. por cada un deles e por mes.

a) Premio de permanencia: de acordo co convenio anterior, amplíanse as cantidades por este concepto ás seguintes contías:

-Por 20 anos de servicio: 104.705 ptas.

-Por 40 anos de servicio: 221.256 ptas.

b) Axudas escolares: a empresa facilitará bolsas anuais de axuda universitaria, para tódolos empregados e fillos de empregados que demostrasen a súa capacidade nos estudios cursados.

c) Servicio militar: respectarase o posto de traballo durante o período de servicio militar obrigatorio ou voluntario. O traballador casado percibirá as catro pagas extraordinarias como se estivese traballando.

Capítulo V

Licencias, excedencias, cesamentos voluntarios

Artigo 1º

a) Licencia: quince días laborables en caso de matrimonio, cinco días en caso de falecemento de pais do traballador ou dos do seu cónxuxe, fillos, netos, avós ou irmáns, que serían ampliados a seis días cando estivese obrigado a realizar un desprazamento de máis de 300 km. Cinco días ó ano, con previa solicitude á empresa para resolver asuntos persoais. Sete días por parto da muller ou filla solteira, dous días por traslado de domicilio habitual. Un día natural en caso de matrimonio de fillos ou irmáns. A empresa facilitaralles a tódolos traballadores os permisos xustificados para efectuar exames polo tempo que resultase neceasrio.

b) Excedencias: os traballadores cun ano de servicio na empresa poderán solicitar excedencia voluntaria por un período dun mes a cinco anos, ó cabo dos cales e cun aviso previo dun a tres meses de antelación, terán dereito á reintegración ó seu posto de traballo anterior, sempre que exista vacante ou na primeira que se presente.

O tempo que o traballador estea en situación de excedencia non será computable a ningún efecto.

A empresa concederá excedencias obrigatorias sempre que medien razóns xustificadas, estudios, problemas familiares, etc.

As peticións de excedencia será resoltas pola empresa, unha vez oído o comité de empresa.

As excedencias por cargos políticos ou sindicais poderán ser solicitadas polos traballadores sen que sexa necesario o ano de antigüidade, sempre que leven traballado un mínimo de seis meses.

c) Licencias especiais: os traballadores poderán solicitar sen dereito a ningunha retribución dúas licencias especiais ó ano que non deberá exceder normalmente de 20 días entre ámbalas dúas, sen que supoña exclusión do cómputo de antigüidade, sendo facultade da empresa a súa concesión.

d) Cesamentos voluntarios: o traballador poderá desistir da relación laboral en calquera momento, sen máis requisito que o aviso á empresa con quince días de antelación.

Artigo 2º.-Xubilación anticipada. Os traballadores que o desexen poderán acollerse ó sistema de xubilación anticipada ó cumpriren os 64 anos, cubrindo a empresa ata o cento por cento da pensións que puidese corresponderlle, ata cumpriren os 65 anos. A praza vacante será cuberta sempre que a empresa non tivese perdas nos últimos dous anos.

Artigo 3º.-Xubilación voluntaria e forzosa.

a) Xubilación voluntaria: a xubilación será voluntaria ós 60 anos. No momento da sinatura deste convenio a empresa quedará obrigada a negociar co comité de empresa, así como cos traballadores interesados individualmente, un plan de xubilación voluntaria.

b) Xubilación forzosa: tódolos traballadores pertencentes á empresa deberán xuntarse con carácter forzoso ó cumpriren os 65 anos.

Artigo 4º.-Gratificación de transporte.

A partir da sinatura do convenio, será variable segundo a asistencia.

a) Dividirase a dita gratificación entre 30 días. Desta división resultará a cantidade que se descontará por absentismo.

b) Non se terá en conta á hora do desconto:

1º Tódalas licencias e permisos dados pola lei.

2º A primeira baixa por ILT.

3º Baixas por hospitalización, maternidade, enfermidade profesional e accidente de traballo.

4º Dous atrasos nun mes. Por cada tres atrasos, 1 día de desconto da gratificación. Por 6 atrasos, 2 días de desconto na gratificación...

c) O desconto da gratificación que deixasen de percibi-los traballadores repartirase ó remata-lo ano (nómina de xaneiro do ano seguinte), entre aqueles nos que a súa media anual sexa inferior á media anual de absentismo e de maneira proporcional ós días de presencia.

d) A media de absentismo anual calcularase tendo en conta exclusivamente as baixas por ILT e as ausencias sen xustificar.

Capítulo VI e VII

Garantías sindicais

Os traballadores non poderán sufrir ningún tipo de represión ou discriminación polo feito da súa afiliación sindical.

As garantías recoñecidas ós representantes dos traballadores, referentes a despedimentos e sancións, serán mantidas durante dous anos despois de cesar no cargo.

Artigo 1º.-Dereitos da sección sindical.

Os traballadores afiliados a unha central sindical poderán constituír no seo da empresa a sección sindical da empresa. Cando a sección sindical teña unha afiliación equivalente ó 10 % do cadro de persoal, disporá dos seguintes medios:

-Taboleiro de anuncios da súa central sindical, para propaganda.

-Dereito a desconto en nómina das cotas sindicais ós interesados, sempre que o autorizasen por escrito e sendo unha cantidade fixa.

Artigo 2º.-Comité de empresa.

Recoñécese como o órgano representativo da empresa o comité elixido polos traballadores.

Os representantes dos traballadores disporán dun máximo de 40 horas mensuais remuneradas ó salario real, para actividades sindicais de toda índole. Non se deducirán destas as utilizadas por petición da empresa. Estas 40 horas entenderanse por cada un dos delegados e contabilizaranse colectivamente para a súa utilización. Para facer uso destas, só será necesaria a comunicación á dirección da empresa con 48 horas de antelación, sempre que sexa posible. Así mesmo, será o comité o que controle o tempo sindical, xustificando o seu emprego cando o requira a empresa.

A empresa disporá de local para a actividade dos delegados do comité.

O comité de empresa poderá cumprir tarefas informativas no interior da empresa en horas e traballo, sen interromper nin prexudica-lo proceso de producción.

O comité de empresa estará debidamente informado do tema socioeconómico da empresa e de todo o que a lexislación vixente rexistra; a este respecto, a empresa informará trimestralmente o comité sobre a situación económico financeira e da realización de horas extraordinarias.

Cunha antelación máxima de seis meses, a empresa deberá informa-lo comité cando pretenda peches, absorcións, traslados, fusións, etc.

Se se producise desconformidade entre a empresa e os traballadores en calquera centro de traballo que afecte a este convenio, antes de tomar calquera dilixencia parcial, intentarase resolver mediante unha reunión do comité intercentros (formado por tódolos delegados de persoal de tódolos centros de

traballo) e a empresa, de non se chegar a acordo, trasladarase á delegación provincial da Consellería de Traballo, para que resolva.

Axudas de custo do comité intercentros. A empresa aboaralles ós membros do comité intercentros, en concepto por axuda de custo de comida, 2.500 pesetas, por cada un deles, así como a contía estipulada por quilómetro e peaxes de autoestrada cando se despracen en vehículos propios, cun tope máximo de catro reunións ó ano, excluíndose destas as reunións propias da negociación colectiva e as que se realicen coa dirección da empresa.

O comité de empresa terá garantida a súa audición na comisión de organización do traballo, no establecemento das primas, ritmos, valoración de postos de traballo, duración das xornadas laborais, promocións, ascensos.

Así mesmo, o comité de empresa poderá convoca-las asembleas que necesite, nos locais da empresa, fóra das horas de traballo, logo de comunicación á dirección da empresa. O conxunto do cadro de persoal disporá de doce horas anuais retribuídas, para realizar asembleas nos locais da empresa.

A convocatoria da asemblea será feita polo comité de empresa, que tamén presidirá a asemblea, logo de acordo coa dirección e sen prexuízo da producción.

Capítulo VIII e IX

Seguridade e hixiene

Artigo 1º

Establecerase un comité de prevención de riscos laborais, contituído por dous membros do comité de empresa e outros dous representantes nomeados pola empresa, coas funcións que lles asigne a lexislación vixente.

Artigo 2º.-Revisión médica.

Efectuaráselle unha revisión médica anual obrigatoria ó conxunto do cadro de persoal. Esta revisión será controlada polo comité de prevención de riscos laborais.

Capítulo X

Condicións económicas

Artigo 1º.-Pagas extraordinarias.

Seguiranse mantendo as pagas establecidas, que se aboarán nas seguintes datas e polos cómputos: soldo, plus de rendemento e antigüidade.

1ª paga, día 15 de marzo.

2ª paga, día 15 de xullo.

3ª paga, día 15 de setembro.

4ª paga, día 15 de decembro.

Artigo 2º.-Axuda por defunción.

No caso de falecemento do traballador cun ano polo menos de antigüidade na empresa, esta queda obrigada a pagarlles ós seus habentes dereito o

importe de dúas mensualidades, iguais cada unha delas á última que o traballador percibise incrementada con tódolos emolumentos inherentes a ela.

Artigo 3º.-Incremento salarial.

Incremento salarial do IPC real de 1998. Acórdase con data desta acta aboar á conta con efectos do 1-1-1998 o 0,5% sobre tódolos conceptos salariais, e o que falta por aplicar do incremento pactado para 1998 revisarase unha vez pechada a conta de resultados da empresa nos tres primeiros meses do ano 1999. Estudiadas as posibilidades económicas da empresa, se estas o permitisen, aplicaríase o que falta do incremento pactado, en parte ou na súa totalidade, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1998.

Artigo 4º.-Atrasos 1997.

Con efectos retroactivos desde o 1-1-1997 aplicarase sobre tódolos conceptos salariais o 0,5%.

Cláusulas adicionais.

1ª Tódalas referencias deste convenio, en relación co comité de empresa, enténdense extensibles ós delegados de persoal.

2ª Vinculación á totalidade: o presente convenio forma un total indivisible pois as condicións pactadas estimáronse globalmente. Se a autoridade laboral competente non aprobase algunha das cláusulas ou indicase a introducción de modificacións que poidan alterar esa globalidade a que fai referencia, o convenio reconsiderase na totalidade do seu contido.

3ª O plus de convenio e o plus de transporte non serán computables para efectos do importe da antigüidade.

4ª Garantías do posto de traballo: durante a vixencia deste convenio respectaranse os postos de traballo, salvo causas xustificadas.

5ª Mobilidade do cadro de persoal: a empresa poderá despraza-los traballadores afectos ó cadro de persoal dos centros de traballos dela, situados na Coruña, isto é, almacén de Pocomaco e fábrica de apósitos, durante o tempo que estrictamente sexa preciso e motivado por necesidades de servicio, sen que isto implique variación do horario que cada respectivo centro viña realizando, e sen que os respectivos traballadores deixen de pertencer ós seus respectivos cadros de persoal. A dita mobilidade deberá recibi-lo informe favorable do comité de empresa, cando a criterio da dirección da empresa o esixan as necesidades do servicio.

6ª Grupos profesionais e ordenanza laboral: traslado ó convenio o acordo sobre os grupos profesionais e complementos de posto de traballo.

7ª Promoción interna da muller: ámbalas partes de acordo coa directiva 76/207/CEE promoverán a acción positiva como instrumento para a igualidade de oportunidades entre homes e mulleres.

8ª Protección da dignidade do home e da muller no traballo: conforme a recomendación da CE 131/92 a empresa comprométese a previr e sancionar todo tipo de conductas que atenten contra este principio.

9ª Canle de información: a partir da sinatura deste convenio todo conflicto ou discrepancia non só con relación ó convenio senón a tódolos que se susciten en calquera centro de traballo de Cofaga, será canalizado a través do comité intercentros para que este o remita ó departamento de persoal facendo así a comunicación máis fluída entre os representantes dos traballadores e a parte empresarial.

Táboa salarial

CategoríaS. baseP. Rend.P. Conv.P. Trans.S. anual

Mestre taller145.54212.41725.4096.2162.906.844
Contramestre132.10312.41723.7806.2162.672.272
Axud. encargado117.05312.41722.2366.2162.412.944
Aux. especial112.03912.41721.7226.2162.326.552
Auxiliar109.29612.41721.4406.2162.279.280
Operador pregador107.01212.41721.2056.2162.239.916
Operador serra107.01212.41721.2056.2162.239.916
Empaquetadora104.49712.41720.9806.2162.196.976
Limpadora101.90112.41720.5346.2162.150.088