Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 09 de xuño de 1999 Páx. 7.232

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 2 de xuño de 1999 pola que se regula o exercicio do dereito ó voto dos traballadores por conta allea de cara ás eleccións locais e de deputados ó Parlamento Europeo.

Convocadas eleccións locais e de deputados ó Parlamento Europeo polos reais decretos 606/1999, do 19 de abril, e 595/1999, do 19 de abril, respectivamente, e de conformidade co disposto no artigo 14 do Real decreto 421/1991, do 5 de abril, modificado polo Real decreto 563/1993, do 16 de abril, polo que se dictan normas reguladoras dos procesos electorais, cómpre regula-la diversas situacións que poidan presentarse para o exercicio do voto daqueles traballadores que non desfruten do seu descanso semanal, así como das persoas que interveñen dentro do proceso electoral, posto que as eleccións se celebran en domingo, ó abeiro do artigo 37.3º d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, modificado polo Real decreto lei 8/1997, do 16 de maio, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e o fomento da contratación indefinida. Para este fin, de acordo co delegado do Goberno en Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Estas normas seranlles de aplicación a aqueles traballadores por conta allea que teñan a condición de electores e non desfruten do devandito día de descanso semanal previsto no artigo 37.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores e a aqueles en que concorra a condición de membros de mesas electorais, interventores ou apoderados nas eleccións do día 13 de xuño de 1999.

Artigo 2º

Para que os traballadores por conta allea poidan participar nas eleccións locais e de deputados ó Parlamento Europeo que se levarán a cabo o día 13 de xuño de 1999, no suposto de que non desfruten en tal data de descanso semanal, gozarán do permiso retribuído correspondente consonte as seguintes prescricións:

a) Os traballadores por conta allea cun horario de traballo que non coincida co de apertura das mesas electorais ou que coincida nun período inferior ás dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.

b) Os traballadores por conta allea cun horario de traballo que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro cun período de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de dúas horas.

c) Os traballadores por conta allea cun horario de traballo que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co período de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de tres horas.

d) Os traballadores por conta allea cun horario de traballo que coincida en seis ou máis horas cun período de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de catro horas.

Cando o traballo se preste en xornada reducida efectuarase a correspondente reducción proporcional do permiso.

Correspóndelle ó empresario a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que os traballadores disporán do permiso para acudiren a votar.

Artigo 3º

No suposto de traballadores por conta allea que teñan previsto, na data da votación, non se atoparen na localidade onde lles corresponde exerce-lo seu dereito de voto ou que non poidan comparecer, disporán no seu horario laboral de ata catro horas libres, de igual maneira có establecido no artigo anterior, para que poidan formular persoalmente a solicitude do certificado da inscrición no censo para efectua-lo voto por correo.

Artigo 4º

Os traballadores por conta allea nomeados presidente ou vocal das mesas electorais e os que acrediten a súa condición de interventores disporán durante o día da votación dun permiso retribuído de xornada completa, se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e terán dereito a unha reducción da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28.1º e 78.4º da Lei orgánica do réxime electoral xeral.

Se algún dos traballadores ós que se refire o parágrafo anterior tivese que traballar na quenda de noite

na data inmediatamente anterior ó día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.

Artigo 5º

Os traballadores por conta allea que acrediten a súa condición de apoderados de acordo co previsto no artigo 76.4º da Lei orgánica de réxime electoral xeral, teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan en tal data do descanso semanal.

Artigo 6º

Os empresarios poderán solicitar dos traballadores que exerzan os dereitos regulados nesta orde a certificación de voto ou, se é o caso, a acreditación da mesa electoral.

Disposición derradeira

Esta presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1999.

María José Cimadevila Cea

Secretaria xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais