Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 09 de xuño de 1999 Páx. 7.226

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 171/1999, do 27 de maio, polo que se establece o programa de obradoiros de emprego.

Ó abeiro do disposto no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía para Galicia, de conformidade co disposto no artigo 149.1º 7 da Constitución Española, correspóndelle á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios que neste ámbito e a nivel de execución ten actualmente o Estado. Por outra banda, debe terse en conta, así mesmo, o traspaso de funcións e servicios no ámbito do traballo, o emprego e a formación, asumidos por esta Comunidade Autónoma mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispón que esta é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio, entre outras, das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego.

En exercicio desas competencias e funcións correspóndelle agora á Consellería a articulación e execución de medidas activas que posibiliten a creación de emprego. Neste contexto e poñendo especial atención naqueles colectivos máis afectados polo desemprego, en cumprimento das directrices emanadas do Consello Extraordinario de Luxemburgo e das medidas previstas no Plan de acción para o emprego do Reino de España, créase o programa de obradoiros de emprego, coa finalidade de mellora-las posibilidades de emprego do colectivo de desempregados de vintecinco ou máis anos, especialmente daqueles grupos con especiais dificultades de inserción laboral.

O programa concíbese como un programa mixto de formación-emprego que, promovido por entidades públicas e por entidades privadas sen ánimo de lucro, está dirixido a mellora-la ocupabilidade dos desempregados de vintecinco ou máis anos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo (parados de longa duración, maiores de corenta e cinco anos, mulleres e persoas con discapacidade). Estes, ó mesmo tempo que adquiren unha experiencia e práctica profesional, realizarán obras e servicios de utilidade pública ou interese social. Así, configurado o programa segue a mesma metodoloxía cás escolas obradoiro e casas de oficios pero coa diferencia de que desde o comezo da actividade do obradoiro de emprego, os seus traballadores participantes son contratados pola entidade promotora e perciben as retribucións establecidas regulamentariamente.

Con base no anterior, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, oído o Consello Galego de Relacións Laborais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do programa de obradoiros de emprego, como medida activa de fomento do emprego, especialmente dirixida a aqueles colectivos con especiais dificultades de inserción laboral.

Artigo 2º.-Definición.

1. Os obradoiros de emprego configúranse como un programa mixto que combina accións de formación e emprego dirixido a mellora-la ocupabilidade dos desempregados de vintecinco ou máis anos, coa finalidade de facilita-la súa posterior integración no mercado de traballo.

2. Os traballadores participantes nos obradoiros de emprego adquirirán a formación profesional e a práctica laboral necesaria, mediante a realización de obras ou servicios de utilidade pública ou interese social, relacionados con novos filóns de emprego, que posibiliten a súa posterior inserción laboral, xa sexa a través do emprego por conta allea como mediante a creación de proxectos empresariais ou de economía social.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Para ser beneficiario do programa de obradoiros de emprego será necesario estar desempregado e ter vintecinco ou máis anos, tendo prioridade aqueles que teñan especiais dificultades para inserirse no mercado de traballo, tales como parados de longa duración, maiores de corenta e cinco anos, mulleres e persoas con discapacidade e os que se determinen como colectivos preferentes de actuación.

Artigo 4º.-Entidades promotoras.

Os proxectos de obradoiros de emprego poderán ser promovidos por entidades públicas e por entidades privadas sen ánimo de lucro que sexan competentes para a execución das correspondentes obras ou servicios e dispoñan da capacidade técnica e de xestión suficientes para a realización do proxecto.

Artigo 5º.-Duración.

Os obradoiros de emprego terán unha duración máxima dun ano e, unha vez transcorrido o prazo de duración previsto na correspondente resolución aprobatoria, consideraranse rematados.

Artigo 6º.-Contratación.

Os traballadores participantes serán contratados a tempo completo pola entidade promotora dende o inicio da actividade do obradoiro de emprego seguindo a modalidade contractual máis adecuada e percibirán as retribucións que lles correspondan de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 7º.-Formación.

1. Durante o desenvolvemento do obradoiro de emprego os traballadores participantes recibirán a formación profesional ocupacional adecuada á ocupación que desempeñen, en alternancia co traballo e a práctica profesional.

O tempo dedicado á formación teórica determinarase no contrato de traballo en función das características do proxecto formativo e das necesidades individuais dos seus participantes.

2. Para os traballadores participantes nos obradoiros de emprego que non alcanzasen os obxectivos da educación secundaria obrigatoria previstos na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e de conformidade co disposto no seu artigo 23.2º, organizaranse, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, programas específicos co fin de proporcionarlles unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou prosegui-los seus estudios nas distintas ensinanzas reguladas na dita lei orgánica e, especialmente, mediante a proba de acceso que prevé o seu artigo 32.1º.

3. Ó remate da súa participación no obradoiro de emprego, os traballadores participantes recibirán un certificado, expedido pola entidade promotora, no que constará a duración en horas da súa participación no programa, así como a competencia adquirida e os módulos formativos cursados.

Este certificado poderá servir, total ou parcialmente, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para ser validado no seu momento polo certificado de profesionalidade previsto no Real decreto 797/1995, do 19 de maio, polo que se establecen directrices sobre os certificados de profesionalidade e os contidos mínimos da formación profesional ocupacional.

4. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude tamén poderá conceder diplomas ós traballadores participantes.

Artigo 8º.-Financiamento.

O programa de obradoiros de emprego financiarase con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, a través das axudas e subvencións que conceda a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A achega económica da consellería para cada proxecto, que se determinará na correspondente resolución aprobatoria da subvención, destinarase exclusivamente a sufraga-los custos de formación profesional ocupacional e, se é o caso, de educación básica complementaria dos traballadores participantes, así como os custos salariais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social na parte que se determine.

As entidades promotoras deberán achegar, directamente ou mediante achegas doutras entidades ou organismos, a parte do custo do proxecto que non subvencione a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

En todo caso, o importe das anteditas subvencións non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto de obradoiros de emprego.

Artigo 9º.-Obrigas das entidades promotoras.

As entidades promotoras de obradoiros de emprego están obrigadas a:

a) Realiza-la actividade para a que se concede a subvención.

b) Contrata-los traballadores participantes e formalos nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

c) Acreditar ante a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos esixidos para a súa concesión.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectua-la Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

e) Comunicar á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

f) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e servicios que se realicen.

g) Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento do obradoiro de emprego, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se teñan percibido con anterioridade as axudas ou subvencións concedidas.

h) Cumpri-las demais obrigas que se deriven da normativa aplicable ás axudas e subvencións reguladas neste decreto.

Artigo 10º.-Seguimento e avaliación.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude realizará as accións que sexan precisas para o seguimento e a avaliación dos proxectos de obradoiros de emprego tanto no aspecto cualitativo coma cuantitativo, estando obrigadas as entidades promotoras a facilitar cantos datos, documentación e información sexan necesarios para tal finalidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das subvencións previstas nesta norma estará condicionada á existencia das dispoñibilidades orzamentarias que para o dito fin anualmente se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Como dereito supletorio aplicarase o Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de medidas activas de emprego.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación desta disposición.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de maio de mil

novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Consellería de Familia e Promoción

do Emprego, Muller e Xuventude