Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 09 de xuño de 1999 Páx. 7.179

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 1999 en desenvolvemento do Decreto 46/1999, do 11 de febreiro, pola que se abre o prazo para realiza-la solicitude de integración na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia do persoal das Cámaras da Propiedade Urbana de Galicia.

O artigo 10 do Decreto 46/1999, do 11 de febreiro, polo que se establece o procedemento para a liquidación e extinción das Cámaras da Propiedade Urbana de Galicia e do seu consello xeral, establece que o persoal que o día 1 de xuño de 1990 tivera a condición de empregado fixo e desempeñe no momento actual efectivamente posto de traballo ou tivera dereito a reserva de praza, das Cámaras da Propiedade Urbana da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol, sempre que resulte acreditado documentalmente, poderá integrarse como persoal laboral fixo e obter destino na Administración da Comunidade Autónoma.

Seguidamente, na regra primeira do devandito decreto, establécese que o persoal das Cámaras da Propiedade Urbana de Galicia que desexen integrarse na Administración da Comunidade Autónoma realizarán a súa persoal solicitude, xunto con toda a documentación acreditativa do seu dereito e na que funden a súa pretensión, no prazo que para o efecto estableza a comisión de integración do persoal.

A comisión de integración do persoal, creada no artigo 9 do Decreto 49/1999, do 11 de febreiro, na súa reunión do 21 de maio de 1999 adoptou as seguintes previsións para a presentación das solicitudes por parte dos posibles interesados, que reunindo os requisitos esixidos, exerzan o seu dereito:

1. A solicitude deberá presentarse, segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde, no rexistro xeral das consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, da Presidencia e Administración Pública, ou de Economía e Facenda, nos das súas delegacións ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia; coa solicitude deberá xuntarse necesariamente, sen prexuízo do estable

cido no artigo 10, regra primeira, os seguintes documentos:

a) Fotocopia cotexada do DNI e documento de afiliación á Seguridade Social.

Fotocopia cotexada do contrato orixinario e sucesivos, ou do nomeamento como persoal da Cámara da Propiedade Urbana respectiva ou, se é o caso, do acordo da xunta de goberno da Cámara da Propiedade Urbana na que preste os seus servicios.

Fotocopia cotexada das retribucións mensuais percibidas a data 31 de maio de 1990.

Documento que acredite estar en situación de activo na Cámara da Propiedade Urbana respectiva con data do 3 de marzo de 1999, ou ben resolución de excedencia que acredite ter dereito a reserva de posto de traballo na antedita data.

Fotocopias cotexadas das titulacións académicas que se posúan.

O cotexo dos citados documentos deberá necesariamente ser realizado por funcionario competente da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, co aboamento da correspondente taxa de compulsa.

2. As solicitudes irán dirixidas á presidenta da comisión para a integración do persoal, a subdirectora de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 1999.

Camino Triguero Salas

Presidenta da Comisión de Integración do Persoal das Cámaras da Propiedade Urbana de Galicia