Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 08 de xuño de 1999 Páx. 7.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 1999, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se dictan instruccións sobre o acceso e admisión ós estudios náutico e marítimo-pesqueiros nos centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para o curso 1999-2000.

Por Orde do 22 de xuño de 1998 (Diario Oficial de Galicia do 29 de xuño) regúlase o procedemento de admisión de alumnos/as nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para segui-las ensinanzas náutico e marítimo-pesqueiras.

A disposición derradeira primeira desta orde faculta a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nela.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Oferta formativa e condicións de acceso.

1.1. A convocatoria de postos escolares para os centros docentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura comprende os estudios que para cada especialidade e niveis educativos teñen recoñecidos os devanditos centros. O número de prazas, así como a súa distribución por cursos e especialidades, estará en función das vacantes que para cada curso se determinen.

1.2. Será condición imprescindible para a admisión nun centro docente, reuni-los requisitos de idade e académicos esixidos pola normativa vixente para o nivel educativo e o curso ó que se pretende acceder. Para os estudios náutico-pesqueiros na modalidade de formación permanente de adultos, só poderán facelo os alumnos que teñan cumpridos 17 anos antes do 31 de decembro do ano en que soliciten a admisión e estean en posesión da titulación suficiente para cada nivel educativo.

Segundo.-Criterios de admisión.

2.1. Cando o número de solicitudes supere a dispoñibilidade de postos escolares, os alumnos serán admitidos por rigorosa orde de puntuación para cada especialidade formativa.

2.2. Para os alumnos de ensinanzas regradas seguiranse os criterios publicados na Orde do 6 de abril de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 12 de maio) e na Orde do 22 de maio de 1998 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2.3. Para os alumnos de ensinanzas náutico-pesqueiras, os criterios de admisión serán os publicados na Orde do 22 de xuño de 1998 (Diario Oficial de Galicia do 29 de xuño) da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Terceiro.-Inscrición.

3.1. O alumnado que renove matrícula dentro dun mesmo ciclo ou especialidade poderá face-la reserva de praza ata o 15 de xuño.

3.2. Os alumnos procedentes doutros centros ou do mundo laboral, que teñan acceso directo, realizarán a súa inscrición do 17 de xuño ó 2 de xullo e do 1 ó 10 de setembro, segundo o modelo que se lles facilitará na secretaría do centro.

3.3. Para os alumnos de formación náutico-pesqueira na modalidade de formación de adultos o período de inscrición rematará o 10 de setembro.

Cuarto.-Matrícula.

4.1. Os alumnos de ensinanzas regradas que obteñan praza poderán realiza-la matrícula do 15 ó 30 de xullo e do 14 ó 20 de setembro, se quedasen prazas vacantes.

4.2. O alumnado de ensinanzas náutico-pesqueiras poderá realiza-la matrícula ata o día 20 de setembro.

4.3. A matrícula, para tódolos cursos e especialidades, formalizarase no modelo oficial que se publica como anexo II da Orde do 22 de xuño de 1998 (Diario Oficial de Galicia 123, do 29 de xuño) da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso 1999-2000.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 1999.

Joaquín Mariño Cadarso

Director xeral de Formación Pesqueira

e Investigación