Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 08 de xuño de 1999 Páx. 7.085

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 1999 pola que se autoriza o carácter retribuído da prestación do servicio hemoterápico denominado leuco-reducción por filtración de compoñentes sanguíneos, polo Centro de Transfusión de Galicia.

No Decreto 462/1990, do 20 de setembro, polo que se regulan a hemodoazón, hemoterapia e os bancos de sangue en Galicia (DOG nº 197, do 5 de outubro de 1990), establécese, sen prexuízo do cumprimento do principio de gratuidade do sangue e os seus compoñentes, que os gastos imputables á extracción, procesamento e conservación do sangue e os seus derivados serán facturados polos centros de transfusión de Galicia e os bancos de sangue, en todo caso, e incluso os hospitais ós que estean adscritos.

No Decreto 305/1997, do 23 de outubro, polo que se regula a hemodoazón e hemoterapia na Comu

nidade Autónoma de Galicia (DOG nº 213, do 4 de novembro de 1997) tamén se establece que o Centro de Transfusión de Galicia lles facturará os hospitais os gastos imputables á extracción, procesamento e conservación do sangue e os seus derivados. Os ingresos derivados das actividades propias do Centro de Transfusión de Galicia estarán exclusivamente vinculados á satisfacción dos seus custos e ó cumprimento dos seus fins.

Neste sentido, por resolución da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 5 de abril de 1994, autorizábase o carácter retribuído da prestación de servicios hemoterápicos polo Centro de Transfusión de Galicia (DOG nº 75, do 20 de abril de 1994), establecendo por primeira vez na nosa Comunidade Autónoma tarifas por prestación de servicios hemoterápicos.

Na reunión do Padroado da Fundación Centro de Transfusión de Galicia do 28 de xaneiro de 1999, acordouse por unanimidade a aprobación da tarifa polo servicio hemoterápico leuco-reducción por filtración de compoñentes sanguíneos, cunha tarifa de 6.200 pesetas.

Dentro das funcións de tutela e garantía, de acordo co artigo 21.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego (DOG nº 161, do 19 de agosto de 1992), correspóndelle ó protectorado concederlles autorización ás fundacións para a realización de actividades ou prestación de servicios retribuídos ós seus beneficiarios, sempre que tales actividades ou servicios sexan de interese xeral para a comunidade e as cantidades que a fundación perciba por eles non excedan do custo real do servicio ou actividade prestados.

Por todo o anterior, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, vista a memoria xustificativa presentada pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia, en exercicio das atribucións previstas no artigo 21 do Decreto 248/ 1992, do 18 de xuño

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-lo carácter retribuído da prestación do servicio hemoterápico pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia, de acordo co importe que se determina no anexo.

Segundo.-A tarifa aprobada aplicarase como un suplemento que se engadirá á tarifa vixente de cada un dos compoñentes sanguíneos sometidos a proceso de leuco-reducción por filtración.

Terceiro.-Esta resolución producirá efectos a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Importe que percibirá a Fundación Centro de Transfusión de Galicia pola prestación do servicio hemoterápico leuco-reducción por filtración de compoñentes sanguíneos: 6.200 pesetas.