Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Luns, 07 de xuño de 1999 Páx. 6.985

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de maio de 1999 pola que se dispón a concesión de axudas a persoas físicas e xurídicas para actuacións en países en vías de desenvolvemento.

A Consellería da Presidencia e Administración Pública ten establecida unha liña de axuda que, baixo a rúbrica orzamentaria de «a familias e institucións sen fins de lucro», se dedica á cobertura de necesidades xurdidas por razón do seu interese social ou humanitario.

Estas axudas teñen carácter meramente paliativo e destínanse a plasmar en accións concretas o compromiso da Xunta de Galicia na atención a accións humanitarias nos países en vías de desenvolvemento, de tal xeito que alcancen a complementar ou alivia-la carencia de recursos, sen pretender solucións de desenvolvemento sostido (que xa se recollen na orde de convocatoria de axudas a ONGDs para execución de proxectos de desenvolvemento). Polos ditos motivos propóñense uns mecanismos de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen.

Na súa consecuencia convén introducir nesta convocatoria uns criterios básicos nos que se fundamentan as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que non xeren expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón das limitacións dos créditos e da propia índole da convocatoria e, por outra banda, que a consellería estea en situación de facer fronte ó número crecente de solicitudes que se van producindo cada ano.

Por todo iso, en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá conceder axudas económicas por razón de interese social ou humanitario, ás peticións solicitadas desde países en vías de desenvolvemento, por un importe de catro millóns catrocentas noventa mil (4.490.000 ptas.), con cargo á aplicación orzamentaria 04.013.121A.490.0, con cargo os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Poderán solicita-las devanditas axudas as persoas físicas e xurídicas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria.

Dadas as dificultades das comunicación nos países en vías de desenvolvemento, a onde son destinadas a maioría destas subvencións, faise necesario que o importe das axudas sexa librado en firme, pola Intervención, á Habilitación da Consellería de Presidencia e Administración Pública, que será a encargada de face-lo pagamento ós beneficiarios.

Artigo 2º

A concesión das ditas axudas baséase nos seguintes criterios:

1. Emerxencia dos feitos, demostrado polos peticionarios.

2. Necesidade urxente de recursos económicos para paliar ou solucionar, segundo os casos, as causas sobrevidas.

3. Carencia de medios económicos propios ou dos obtidos por outros medios de facer fronte á situación denotada.

4. Incidencia, se é o caso, no contorno social ou comunitario no sentido ó que se dedica esta convocatoria.

5. Concederáselles prioridade ás solicitudes que proveñan de/ou a través de persoas ou institucións que teñan vinculación con Galicia.

6. Concederáselles prioridade ós proxectos que sirvan para paliar, cubrir ou prever catástrofes de tipo natural e imprevisibles e de conservación do ambiente.

Artigo 3º

As solicitudes formalizaranse a través de peticións dirixidas ó presidente da Xunta de Galicia.

Artigo 4º

Consideraranse situacións de emerxencia aquelas que demanden atención económica urxente para cubri-las necesidades de carácter básico e urxente, tales como, entre outras similares, as seguintes:

1. As destinadas a cubrir necesidades básicas derivadas de problemas de alimentación, vestido, atención sanitaria, educación e outras de natureza análoga non cubertas.

2. As encamiñadas a promove-la inserción ou recuperación de persoas en situación de marxinación social, que non teñan cuberta esta atención por outros medios.

3. As encamiñadas a paliar, cubrir ou prever catástrofes de tipo natural e imprevisible, así como conservación do ambiente.

Artigo 5º

Os interesados na obtención destas axudas deberán dirixi-las súas solicitudes ó presidente da Xunta de Galicia. As solicitudes deberán cubrirse, preferentemente, a máquina ou en letras maiúsculas.

Artigo 6º.-Documentación.

Xunto á solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Memoria e orzamento dos gastos para os que solicita axuda.

b) Datos da entidade bancaria na que desexe que se faga efectivo o ingreso.

Artigo 7º

O defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación a que se refire o artigo anterior deberán ser reparados ou completados, se é o caso, no prazo de 15 días a partir da notificación do seu requirimento, quedando sen efecto aquelas solicitudes que non cumpran co referido trámite.

Artigo 8º

As solicitudes presentadas por persoas xurídicas excluirán calquera outra presentada separadamente por outros membros destas.

Artigo 9º

A Dirección Xeral de Relacións Institucionais desta consellería, á vista das solicitudes recibidas ó abeiro desta disposición, elevaralle informe e proposta ó conselleiro, que resolverá.

Artigo 10º

O prazo de presentación das solicitudes queda aberto desde a entrada en vigor desta orde ata o día 15 de novembro de 1999.

Artigo 11º

De conformidade co disposto polo artigo 43.2ºc), a contrario sensu, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e co Decreto 264/1994, do 29 de xullo, polo que se aproba a relación de procedementos nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios; no caso de non recaer resolución en prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 12º

O prazo de vixencia destas axudas será ata o 31 de decembro de 1999.

Disposición adicional

Primeira.-No non previsto nesta orde aplicarase o que preceptúan os artigos 78 e 70 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e no que dispoña ó respecto a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública