Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Luns, 07 de xuño de 1999 Páx. 6.986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 1999 pola que se aproban os modelos de información trimestral e comunicación previa do gasto previstos no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de marzo de 1999 polo que se implanta o sistema integrado de información e control permanente de sociedades e fundacións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Consello de Goberno, na súa reunión do día 18 de marzo de 1999, aprobou a implantación dun sistema integrado de información e control permanente da xestión económica de sociedades e fundacións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no DOG nº 82, do 30 de abril de 1999.

Este acordo establece, no seu punto 3.1, a obriga de remiti-los estados contables de balance de situación,

avance da conta de perdas e ganancias e avance do estado de execución do orzamento, segundo os modelos que a Consellería de Economía e Facenda estableza e comunique oportunamente. Así mesmo, no seu punto 4 establece a obriga de comunicación preceptiva das decisións que supoñan a realización dun gasto en materia de contratos de obras, subministracións, asistencias técnicas e contratos patrimoniais, contratos de persoal e contratación de activos e pasivos financeiros e adquisición de participacións doutras empresas, mediante a remisión dos modelos de extracto de expediente que para tal efecto determine e comunique o conselleiro de Economía e Facenda.

En consecuencia, e en relación cos modelos de información contable trimestral e de extracto de expediente,

RESOLVO:

I. Información contable trimestral.

1. A información contable trimestral que se lle remitirá á Intervención Xeral axustarase ó modelo que se xunta no anexo I, diferenciado para as fundacións.

2. A remisión da información realizarase en soporte magnético e por correo ordinario, se ben poderá ser utilizado igualmente o correo electrónico, medio que en ningún caso substituirá a remisión por correo ordinario.

II. Comunicación previa do gasto.

1. Contratos de obras, subministracións, asistencias técnicas e contratos patrimoniais.

a) A comunicación previa do gasto que van realiza-las entidades de dereito público ás que lles sexa de plena aplicación a Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, axustarase ó modelo que se xunta no anexo II.

b) A comunicación que van realiza-lo resto das entidades incluídas no ámbito subxectivo do acordo do 18 de marzo axustarase ó modelo que se xunta no anexo III.

2. Na comunicación previa de gastos en materia de contratos de persoal, contratación de activos e pasivos financeiros e adquisición de participacións doutras empresas, tódalas entidades utilizarán os modelos correspondentes que se xuntan no anexo IV.

3. A remisión da información realizarase por correo ordinario, se ben poderá ser utilizado igualmente o correo electrónico, medio que en ningún caso substituirá a remisión por correo ordinario.

III. Informes da Intervención Xeral.

Tódolos informes que emita a Intervención Xeral en cumprimento do establecido no punto 4 número 6 do acordo do 18 de marzo, remitiranse por correo ordinario ás entidades, se ben poderá igualmente ser utilizado o correo electrónico, sen que esta remisión electrónica substitúa a do correo ordinario.

Disposición adicional

Facúltase a Intervención Xeral para aprobar tódalas normas de desenvolvemento que sexan precisas para a aplicación do acordo do 18 de marzo e da presente resolución.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda