Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 03 de xuño de 1999 Páx. 6.864

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 24 de maio de 1999 pola que se declara de interese galego a Fundación Autismo-Coruña e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 26 de abril de 1999 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 13 de abril de 1999 pola que se clasifica como benéfico-asistencial a Fundación Autismo-Coruña, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 2 dos seus estatutos, ten como obxecto:

1. A asistencia, o acollemento e a atención terapéutica, cando fose precisa, dos beneficiarios definidos no artigo 17 dos presentes estatutos ós que lles proporcionará, na medida na que os recursos da fundación o permitan, asistencia material (vivenda, aloxamento, vestido, alimentación e demais necesidades vitais), educación e potenciación das súas facultades intelectivas, promoción da adquisición e/ou recuperación das súas capacidades e a integración na sociedade.

2. Exerce-la tutela e representación dos beneficiarios, persoas que sofren as discapacidades citadas no punto anterior, que sexa atribuída á fundación polos medios previstos na lei. A fundación promoverá a integración familiar do tutelado, dentro das condicións que garantan a súa permanencia, custodia e atención de todo tipo.

3. O apoio ós pais e titores das persoas que reúnan a condición de beneficiarios da fundación, mediante o asesoramento, programas formativos, asistencia xurídica e demais medios que precisen no exercicio das súas funcións.

4. A creación de centros ocupacionais, residenciais e a prestación de actividades formativas e educacionais, así como as de ocio, tempo libre e lúdicas que melloren a calidade de vida dos beneficiarios.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Autismo-Coruña, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Autismo-Coruña no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de lles dar publicidade suficiente

ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais