Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 03 de xuño de 1999 Páx. 6.853

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de abril de 1999 pola que se establece o plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria autorizadas para o efecto.

A aprendizaxe de linguas estranxeiras é unha das preocupacións que máis se manifesta desde tódolos ámbitos sociais. O feito de que as necesidades comunicativas do individuo se van descubrindo ó longo da vida adulta aconsella organiza-la aprendizaxe das linguas de xeito flexible, de tal maneira que a aprendizaxe escolar constitúa unha disposición social, un coñecemento básico para aprendizaxes posteriores na educación superior ou na formación continua.

As indicacións do Consello de Europa advirten da posible marxinación das persoas que non posúan as competencias necesarias para comunicarse nunha Europa interactiva e, en consecuencia, recomendan que se anime ós cidadáns europeos a alcanzar un certo nivel de competencia comunicativa en varias linguas mediante, entre outras medidas, o deseño para os niveis educativos de secundaria de programas modulares voluntarios coa finalidade de lograr competencias parciais e validalas, se é o caso, nos sistemas nacionais de cualificación e, especialmente, nos exames públicos.

Por isto, cómpre establecer canles de acceso maioritario ás ensinanzas de idiomas que complementen as ensinanzas de réxime xeral para que o alumnado poida acceder a bolsas, estudios posteriores e estadías noutros países da Unión Europea e, deste xeito, asegurárlle-la posibilidade de mobilidade laboral que rexe as relacións económicas. Igualmente, coa finalidade de facilitarlle ó profesorado o acceso á información ligada á súa profesión e, asemade, de favorece-la utilización dos recursos da tecnoloxía da comunicación, cómpre poñer ó seu alcance unha oferta de ensino das linguas estranxeiras ligada ós seus intereses de ámbito profesional e á súa condición de persoa adulta.

O Real decreto 967/1988, do 2 de setembro, ordena con carácter xeral as ensinanzas correspondentes ó primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas e o Real decreto 1523/1989, do 1 de decembro, establece os contidos mínimos para estas ensinanzas.

Por outro lado, a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece, no seu artigo 50.3º, que para acceder ás ensinanzas das Escolas Oficiais de Idiomas será requisito imprescindible ter cursado o primeiro ciclo do ensino secundario obrigatorio ou estar en posesión do título de graduado escolar, do certificado de escolaridade ou de estudios primarios.

No contexto das accións de fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras que a Administración educativa está a realizar na nosa comunidade, que inclúen a introducción experimental do ensino precoz das linguas estranxeiras na educación infantil e a convocatoria de axudas a alumnos e profesores

para participar en estadías e intercambios con outros países, establécese o presente plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria, adscribíndoos ás Escolas Oficiais de Idiomas para a impartición neles das ensinanzas correspondentes ó ciclo elemental do primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas reguladas polo Real decreto 967/1988, do 2 de setembro.

En consecuencia co anteriormente exposto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer un plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras a través dos institutos de educación secundaria.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Autorízase o desenvolvemento das ensinanzas do plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras definido na presente orde nos centros que se relacionan no anexo.

2. Ábrese a convocatoria para a autorización destas ensinanzas nos institutos de educación secundaria non incluídos no anexo que así o soliciten, de acordo co establecido no artigo 8º da presente orde.

Artigo 3º.-Plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras.

1. Son ensinanzas do plan experimental as seguintes:

1.1. As ensinanzas correspondentes ó ciclo elemental do primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas reguladas polo Real decreto 967/1988, do 2 de setembro, e polo Real decreto 1523/1989, do 1 de decembro, que establece os contidos mínimos para estas ensinanzas. Estas cursaranse en réxime oficial e impartiranse con carácter complementario ás ensinanzas de réxime xeral.

1.2. As ensinanzas dirixidas ó alumnado de ciclos formativos co fin de que desenvolva as capacidades comunicativas necesarias para poder optar por realiza-la formación en centros de traballo noutros países da Unión Europea e asegura-la posibilidade de mobilidade laboral que lle permita competir no mundo do traballo con outros cidadáns da Unión Europea.

1.3. As ensinanzas para a adquisición de competencias concretas -comprensión ou expresión oral ou escrita- de tipo xeral ou ligadas a unha determinada especialidade profesional.

2. As ensinanzas correspondentes ó ciclo elemental do primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas iniciaranse polo 1º curso e o resto dos cursos implantaranse progresivamente nos anos académicos sucesivos.

3. As ensinanzas do presente plan experimental impartiranse durante do curso académico e cursaranse con carácter voluntario.

Artigo 4º.-Acceso.

1. Poderán cursa-las ensinanzas sinaladas no punto 1.1 do artigo 3º os alumnos e alumnas que estean cursando, como mínimo, o segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria, bacharelato ou formación profesional, así como os que estean a seguir un programa de garantía social.

2. Terán acceso ás ensinanzas indicadas no punto 1.2 do artigo 3º tódolos alumnos que estean cursando un ciclo formativo.

3. As ensinanzas sinaladas no punto 1.3 do artigo 3º están destinadas ó profesorado de centros educativos públicos.

Artigo 5º.-Matrícula.

1. A matrícula para cursa-las ensinanzas establecidas na presente orde realizarase nos institutos de educación secundaria nos que se vaian impartir. Para os efectos das ensinanzas establecidas no punto 1.1 do artigo 3º, estes centros serán considerados centros adscritos á Escola Oficial de Idiomas que por criterios de proximidade xeográfica lles corresponda e, xa que logo, os seus alumnos estarán matriculados e recibirán as certificacións oficiais na dita escola.

2. A matrícula para cursa-las ensinanzas establecidas na presente orde realizarase na segunda quincena do mes de setembro, debendo acompaña-la documentación que se determine para o efecto e, se é o caso, o xustificante do pagamento das taxas que correspondan.

3. Os institutos de educación secundaria remitiranlle á Escola Oficial de Idiomas a que estean adscritos, non máis tarde do 15 de outubro, a documentación dos alumnos que se matriculen nas ensinanzas do ciclo elemental das ensinanzas especializadas de idiomas.

Artigo 6º.-Organización e profesorado.

1. Os centros ofertarán estas ensinanzas en horario que lles permita ós seus destinatarios asistir fóra do horario lectivo que estean a seguir.

2. O número mínimo para constituír un grupo será de 15 alumnos. Con carácter excepcional, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autoriza-la formación de grupos cun número menor de alumnos.

3. Estas ensinanzas poderán ser impartidas unicamente polo profesorado de idiomas con destino no centro.

4. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderán impartir estas ensinanzas, se é o caso, profesores doutros centros coa finalidade de completar horario.

5. As programacións didácticas dos departamentos de linguas estranxeiras incluirán, se é o caso, estas ofertas, no marco do establecido na normativa que define as distintas ensinanzas. As programacións didácticas das ensinanzas correspondentes ó ciclo elemental do primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas serán as establecidas polo correspondente departamento da Escola Oficial de Idiomas á que estea adscrito o centro. En todo caso, estas programacións didácticas deberán aterse ó establecido no Real decreto 1523/1989, do 1 de decembro, polo que se aproban os contidos mínimos

do primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas estranxeiros.

6. Correspóndelle ó xefe ou xefa do departamento correspondente de linguas estranxeiras do instituto de educación secundaria no que se impartan, a coordinación das ensinanzas establecidas no plan experimental definido na presente orde, en cumprimento do disposto no artigo 75 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo.

Artigo 7º.-Distribución horaria.

1. As ensinanzas establecidas no punto 1.1 do artigo 3º, concibidas como complementarias das ensinanzas de réxime xeral, terán unha asignación horaria de tres horas lectivas semanais.

2. Ás ensinanzas establecidas no punto 1.2 do artigo 3º, concibidas como complementarias das ensinanzas de réxime xeral, corresponderálle-lo seguinte horario:

2.1. Dous períodos lectivos semanais para o alumnado que curse un ciclo formativo que inclúa un módulo de lingua estranxeira.

2.2. Tres períodos lectivos semanais para o alumnado que curse un ciclo formativo que non inclúa un módulo de lingua estranxeira.

3. As ensinanzas ás que se fai referencia no punto 1.3 do artigo 3º terán unha asignación horaria de dous períodos lectivos semanais.

Artigo 8º.-Autorización.

1. Os institutos de educación secundaria non incluídos no anexo da presente orde que estean interesados en impartir estas ensinanzas presentarán a súa solicitude na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nun prazo de 15 días contados a partir da data de publicación, indicando o tipo de ensinanzas que ofertan das que se sinalan no artigo 3º desta orde.

2. A delegación provincial remitirá as solicitudes á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, acompañadas do informe da Inspección Educativa, no prazo de 15 días hábiles contados desde a data de remate do prazo de presentación da solicitude.

3. Correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a autorización da impartición destas ensinanzas nos institutos de educación secundaria non incluídos no anexo da presente orde, considerando a dispoñibilidade horaria do profesorado e os recursos existentes na localidade.

Artigo 9º.-Avaliación e acreditación.

1. O profesorado que imparta as ensinanzas establecidas na presente orde realizará unha avaliación continua do proceso de aprendizaxe dos alumnos.

2. Para os alumnos e alumnas que, ó abeiro da presente orde, cursen as ensinanzas do ciclo elemental das ensinanzas especializadas de idiomas convocaranse, nas condicións que se determine, probas finais, tanto orais como escritas, ó remate de cada curso. Estas probas realizaranse perante un tribunal composto por un profesor de educación secundaria e un profesor da escola oficial de idiomas

que corresponda, que avaliarán as devanditas probas. A cualificación final destes alumnos deberá contemplar tanto o resultado obtido na proba final como o obtido no proceso de avaliación continua ó longo do curso.

3. Ós alumnos e alumnas que superen o ciclo elemental das ensinanzas especializadas de idiomas, a Escola Oficial de Idiomas que corresponda expedirálle-la correspondente certificación académica da que se deixará constancia no seu expediente, de acordo co establecido no Real decreto 967/1988, do 2 de setembro.

4. As persoas que cursen as ensinanzas establecidas nos puntos 1.2 e 1.3 do artigo 3º da presente orde e que obteñan avaliación positiva, recibirán unha acreditación no idioma correspondente equivalente a cincuenta horas de formación permanente. Establecerase un sistema de comprobación da asistencia, que será obrigatoria nun 90% da duración total destas ensinanzas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia da Coruña:

IES Fernando Wirtz da Coruña.

IES Cruceiro Baleares de Culleredo.

IES As Pontes das Pontes de García Rodríguez.

IES nº 1 de Santa Uxía de Ribeira.

IES Fernando Blanco de Cee.

IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela.

IES Isidro Parga Pondal de Carballo.

Provincia de Lugo:

IES San Rosendo de Mondoñedo.

IES nº 1 de Sarria.

IES nº 1 de Vilalba.

Provincia de Ourense:

IES nº 1 do Barco de Valdeorras.

IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño.

IES García Barbón de Verín.

IES nº 1 de Xinzo de Limia.

Provincia de Pontevedra:

IES A Sangriña da Guarda.

IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín.

IES Ricardo Mella de Vigo.

IES de Teis de Vigo.

IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa.