Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 31 de maio de 1999 Páx. 6.588

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 20 de maio de 1999 pola que se desenvolven os programas de animación e apoio a medidas de estratexia para potenciar accións de emprego no sector agrario.

Dentro da política agraria común, a Unión Europea propón, entre outros, a activación das zonas rurais instrumentando medidas agroambientais que fomenten o desenvolvemento do sector agrario, respondendo así á crecente demanda por parte da sociedade de productos de calidade con garantía de salubridade referenciada.

Por outra banda, e de acordo co Tratado da Unión Europea: «A Unión Europea ten a misión de promover un progreso económico e social equilibrado e sostido, un alto nivel de emprego e de protección social, a elevación de nivel e calidade de vida, a cohexión económica e social e a solidaridade entre os estados membros».

O tratado tamén fai referencia no seu artigo 130.A: «A Comunidade proporase, en particular, reduci-las diferencias entre os niveis de desenvolvemento das diversas rexións e o atraso das rexións menos favorecidas, incluídas as zonas rurais».

Ata xullo de 1997, onde o novo Tratado de Amsterdam incorpora un novo capítulo en materia de emprego, este era competencia exclusiva dos estados membros. A partir da anterior data, e tendo como base o denominado «Pacto territorial a favor do emprego» ábrese un novo documento de traballo, que deberá estar consensuado entre autoridades rexionais e locais - ou ambas- e representantes dos sectores económicos e sindicais, que recollerá unha serie de compromisos concretos, asumidos por cada participante e unha serie de propostas prácticas de activación.

Neste sentido, dentro do procedemento do dito pacto, a Xunta de Galicia, e dentro dela, na súa parte correspondente, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, presentou entre outros un plan de emprego, dentro do complexo agrogandeiro, que establece un conxunto de propostas prácticas de activación denominado: «Plan Integral de Expansión de Produccións Agrarias Alternativas ou Complementarias».

Co dito plan preténdese buscar produccións agrarias alternativas ou complementarias interesantes baseadas nunha imaxe de producto de calidade organoléptica e sanitaria diferenciada e tipificada a través de técnicas normativizadas da súa producción e transformación, as ditas técnicas serán identificadas baixo a denominación Producción Integrada (PI).

Por outra banda, preténdense potencia-los ciclos integrais propios dos cultivos, mellorando a estabilidade e as súas rendas; a creación de liñas de potenciación de servicios, técnicas cualificadas de xestión das actividades máis especializadas dos cultivos, e a promoción e potenciación dos ciclos integrais (producción-transformación-comercialización) das produccións agrarias alternativas ou complementarias.

Estas accións suporán a adquisición dun valor subsidiario de incremento das rendas das explotacións agrarias favorecendo así un aumento da economía e, consecuentemente, unha estabilización ou aumento do emprego no sector rural.

Esta convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó establecido na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Beneficiarios.

Entidades agrarias calquera que sexa a súa forma xurídica, sempre e cando estea vinculada ó sector agrario galego e xustifique dentro dos seus cometidos algún ou tódolos obxectivos e finalidades, establecidos no artigo 2º da presente orde.

Artigo 2º.-Obxecto e finalidade.

Esta orde ten por obxecto establece-las bases das axudas dirixidas ás entidades agrarias co obxecto de promover iniciativas de animación e desenvolvemento (IAD) fomentando a cultura emprendedora

de creación de emprego a través de actividades privadas dinamizadoras do sector agrario, sempre e cando teñan como cometido algún dos seguintes fins:

a) Creación e afianzamento do emprego.

b) Busca de actividades complementarias das rendas das explotacións baseadas en produccións con comercialización garantida.

c) Creación de sistemas productivos de réxime asociativo que persigan a reducción de custos e/ou a mellora da calidade das materias primas e importes en xeral, así como o acondicionamento e primeira transformación das produccións en procura dun valor engadido.

d) Asenta-las bases estructurais para o establecemento de sistemas de producción respectuosos co ambiente e a saúde de consumidores e, concretamente, para a oroducción integrada.

e) A dotación tecnolóxica e de asistencia técnica para levar a cabo os programas e actividades encamiñadas a incrementa-lo nivel de formación dos asociados e traballadores.

Artigo 3º.-Ámbito de acción.

As IAD levaranse a cabo dentro de programas de distinto ámbito:

-Programa de aspectos de deseño e estratexia:

Apoio a entidades agrarias locais, implantadas ou de nova implantación que promovan a fixación de poboación rural con base en produccións integrais dos productos agrarios.

-Programa de aspecto específico:

Apoio a entidades agrarias de ámbito comarcal, implantadas ou de nova implantación, dirixidas á posta en marcha de tecnoloxías que signifiquen a potenciación dos ciclos integrais dentro da PI.

-Programa de aspecto temático:

Apoio a entidades agrarias de ámbito autonómico, implantadas ou de nova implantación, dirixidas a accións de aproveitamento de metodoloxías innovadoras dentro do marco do respecto ó ambiente e aplicables no sector agrario.

Artigo 4º.-Clase e contía das axudas.

4.1. Asistencia técnica.

Para a realización dos distintos programas productivos obxecto da actividade da entidade agraria de que se trate e, en especial, novos programas de desenvolvemento sostible ou producción integrada fomentarase a asistencia técnica por vías distintas:

a) Contratación de persoal técnico con carácter exclusivo e por un período mínimo de tres anos.

A contía da subvención, que poderá ascender ata o 70% do custo do contrato, modularase en función da importancia do programa que se vaia desenvolver.

b) Contratación de persoal técnico e auxiliar por un período de tempo inferior a 3 anos ou ben con carácter eventual ou de tempada. Nese caso a subvención poderá chegar ata o 50% do custo do contrato.

c) Sinatura de contratos homologados con empresas de servicios de garantía suficiente para responsabilizarse do seguimento e asistencia en programas agrarios e concretamente a PI.

A subvención modularase en función do volume de explotacións en programa, chegando como máximo ó 50% do custo do contrato.

d) Creación e mellora das empresas de servicios agrarios.

Poderá subvencionarse a contratación de persoal técnico nos mesmos termos que nas alíneas a) e b) anteriores.

Ademais, será posible atender aqueles investimentos necesarios para o establecemento da empresa e, sobre todo, para a dotación tecnolóxica necesaria para atender aqueles programas agrarios promovidos pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. A porcentaxe máxima de subvención será do 50%.

4.2. Adquisición de bens e servicios necesarios

Para a correcta execución do programa presentado pola agrupación, asociación ou institución encamiñado a algún dos fins do artigo 1º.

A contía da subvención terá un máximo do 75% en función da prioridade do programa segundo o artigo 3º desta orde e outras características como innovación, repercusión e risco asumido pola entidade agraria.

4.3. Estudios de viabilidade

Para o desenvolvemento de ciclos integrais e dentro do marco de PI ata o 100% do custo da súa elaboración.

4.4. Accións de I+D.

Promoverase a realización de actuacións encamiñadas á investigación e desenvolvemento que faciliten un mellor posicionamento das produccións no mercado, que persigan un desenvolvemento sostido, que pretendan a recuperación de variedades autóctonas, o establecemento de cultivos alternativos, ou calquera outra relacionada coa consecución dos programas agrarios que se presenten.

Neste sentido poderán incentivarse distintas vías.

a) A realización de ensaios, proxectos de demostración e calquera outro tipo de estudio de campo ou de laboratorio dirixido á mellora do sistema productivo ou da comercialización das produccións. Ata o 75% do custo da súa realización.

b) Os investimentos ou instalacións e bens necesarios para levar a cabo os programas de I+D pola propia entidade subvencionaranse ata un máximo do 50%.

c) A sinatura de convenios ou contratos con entidades públicas ou privadas dirixidas a I+D. A subvención poderá chegar ata o 50% do custo.

4.5. Tamén poderá subvencionarse ata o 100% a realización de congresos, cursos, viaxes ou conferencias destinados a incrementa-lo nivel de formación do persoal técnico ou dos productores, e que se enmarquen dentro dun programa agrario que se considere de interese para o sector.

Artigo 5º.-Accións prioritarias.

Tendo en conta que as axudas reguladas nesta orde se outorgan con cargo a un orzamento limitado, segundo o disposto no seu artigo baixo o principio de concorrencia competitiva, establécense os seguintes criterios de méritos para a súa adxudicación.

-Nº de empregos a xerar.

-Nº de empregos de mantemento.

-Tipo de programa.

-Modalidade do programa.

-Afección do programa ó desenvolvemento de ciclos integrais (producción-transformación- comercialización).

-Implicación dos programas na posta en funcionamento de sistemas de producción integrada.

-Grao de garantía de comercialización das produccións que se establecen como alternativas ou complementarias.

-Entidades agrarias con explotacións situadas maioritariamente en zonas desfavorecidas ou de montaña.

-Entidades agrarias con explotacións maioritariamente consideradas prioritarias segundo a Lei 19/1995, do 4 de xullo e Orde do 16 de xuño de 1998 (DOG nº121, do 25 de xuño).

Artigo 6º.-Solicitudes.

Tódalas solicitudes se presentarán, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común dentro dos 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia de acordo co modelo do anexo I e anexo II.

Ás solicitudes xuntaráselle-la seguinte documentación:

1. Acta de constitución da entidade.

2. Relación nominal dos socios titulares das explotacións que participen no programa.

3. Código de identificación fiscal e certificado orixinal da conta bancaria da entidade.

4. Programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivo e orzamento pormenorizado do programa, e prazo de execución.

5. Relación dos técnicos responsables da súa execución, se é o caso, así como do persoal contratado pola entidade vinculada á existencia do programa.

6. Xustificación dos empregos que consolida e xera o programa que se pretende levar a cabo.

7. Factura pro-forma dos equipos que se adquiran, se é o caso.

A resolución do expediente correspóndelle ó conselleiro, por proposta do Director Xeral de Producción Agropecuaria.

Artigo 7º.-Xustificacións.

1. As actuacións previstas nos programas aprobados finalizaranse antes do 15 de outubro de 1999.

A agrupación beneficiaria comunicaralle a finalización da execución do programa preferentemente á delegación provincial da Consellería de Agricul

tura, Gandería e Política Agroalimentaria, e xuntará os xustificantes do investimento e, en todo caso, unha memoria explicativa sobre a súa realización, antes da data indicada no parágrafo anterior.

2. A contía total das axudas satisfarase de acordo co nivel de execución do programa subvencionado, logo de comprobación por parte dos servicios correspondentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. O incumprimento dos programas propostos supoñería a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorre-los beneficiarios.

4. Para poder percibi-la axuda a entidade beneficiaria terá que acreditar que se encontra ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente débeda ningunha , por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

As agrupacións con programas de mellora da eficacia dos sistemas productivos das explotacións, presentados e aprobados no marco do establecido nesta orde e que esixan para a súa execución a contratación de persoal técnico especializado con dedicación exclusiva a eles, poderán acollerse ás axudas previstas no Real decreto 204/1996 sobre mellora da estructura das explotacións agrarias para as agrupacións de xestión de explotacións no relativo á contratación de persoal técnico. Neste caso a axuda concedida no marco do citado real decreto poderá completarse coa prevista nesta orde sen superar entre ámbalas dúas a contía establecida no artigo 4º.

Artigo 9º.-Financiamento.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.03.711B.770.0 e 09.03.711B.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, dotados con 58.890.673 ptas. e 37.443.145 ptas. respectivamente, así como con cargo ós remanentes adicionais que puideran existir nos mesmos conceptos.

Poderán comprometerse subvencións con carácter plurianual, para os anos 2000 e 2001 pola contía máxima de 30.000.000 de ptas. ó ano na aplicación orzamentaria 09.03.711B.770.0 e por 25.000.000 de ptas. ó ano na aplicación 09.03.711B.780.0.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 1999.

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria