Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 31 de maio de 1999 Páx. 6.587

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 18 de maio de 1999 pola que se recoñece e declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural.

Visto o expediente de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural,

Antecedentes de feito.

1. Antonio Bandeira Vázquez, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 10 de febreiro de 1999, formulou solicitude de clasificación e de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública, á que están incorporados os seus estatutos, outorgada en Santiago de Compostela o día 4 de febreiro de 1999 ante o notario Santiago Botas Prego, co número catrocentos sesenta e tres do seu protocolo.

3. A Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural ten por obxecto o desenvolvemento do medio rural, a través de diferentes accións, programas e proxectos e de educación para o desenvolvemento, da formación das persoas, a asistencia técnica e a promoción agrarias, no seu máis amplo sentido; ademais, pretende a subscrición de convenios de colaboración con outras persoas, tanto físicas coma xurídicas, que persigan fins análogos, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos.

4. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese benéfico-docente da Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede á súa clasificación como de interese benéfico-docente e á súa adscrición á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

5. Á vista da citada proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 24 de marzo de 1999 (Diario Oficial de Galicia do 12 de abril), clasificouse como de interese benefico-docente a Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural e adscribiuse á Consellería de Agricultura, Gandería e

Política Agroalimentaria para efectos do exercicio do protectorado sobre ela, en cumprimento do disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

6. Na anteriormente sinalada escritura pública de constitución da fundación, constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores; á súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; os estatutos; a dotación inicial constituída polas achegas dos fundadores dun total dun millón de pesetas e a designación das persoas naturais que constitúen o órgano de goberno inicial da fundación, coa aceptación, no devandito acto fundacional, dos seus cargos.

7. Nos estatutos da fundación constan os extremos relativos á súa denominación de Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural; o seu enderezo na rúa Fernando III O Santo, 32, baixos, da cidade de Santiago de Compostela (artigo 5); o seu obxecto e finalidade de contribuír ó desenvolvemento do medio rural (artigo 6); as regras para a determinación dos beneficiarios (artigos 7 e 8 ) e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 10 a 21).

8. En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do 12 de maio de 1999, a Asesoría Xurídica emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundacións para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, en relación co Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, correspóndelle a esta Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade no indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista dos artigos 2, 3, 4.1º, 5, 6, 7.1º.2 e 5 e 11.1º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 4 do Regulamento de organización e funcionamento do pro

tectorado delas, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, da Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural, polo que procede dicta-la presente orde. Por todo iso,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Terceiro.-Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 7/1983, do 22 de xuño, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios e de solicita-las preceptivas autorizacións, quede suxeita ó protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria