Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Venres, 28 de maio de 1999 Páx. 6.494

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 1999, da División de Recursos Humanos, pola que se formaliza a convocatoria extraordinaria dos aspirantes a vinculacións temporais de duración inferior ó ano, de persoal estatutario nas institucións sanitarias de atención primaria xestionadas polo Servicio Galego de Saúde na categoría de médicos xerais.

Con data do 10 de marzo de 1997 publicouse no Diario Oficial de Galicia o pacto sobre vinculacións temporais de distintas categorías de persoal estatutario que presta os seus servicios nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, subscrito con data do 28 de febreiro de 1997, pola Administración Sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO., UXT, CSI-CSIF e SATSE, esta última central en condición de adherida.

Con base no devandito pacto convocáronse os aspirantes interesados na inscrición para vinculacións temporais no ano 1997, elaborándose a lista de aspirantes de acodo con ela; prorrogado o pacto, en aplicación da súa base 3ª, tamén se formaliza convocatoria no ano 1998.

Neste ano 1999, ó non mediar denuncia de ningunha das partes asinantes, prorrógase o pacto por idéntico período dun ano, aínda que non se prevé no texto facer unha nova convocatoria ordinaria.

Por mor do incremento das necesidades de vinculacións temporais na categoría de médico xeral durante o verán, o que supón a indispoñibilidade de profesionais desta categoría na maior parte das áreas, cómpre facer unha convocatoria extraordinaria coas condicións que se regulan nesta resolución. Tal posibilidade está prevista na base 5ª do devandito pacto.

Apréciase tamén a necesidade de facilitárlle-lo acceso a vinculacións temporais a aqueles profesionais que remataron a formación especializada en medicina familiar e comunitaria no derradeiro mes de abril, polo que esta convocatoria cumpre tamén con este obxectivo. Ó tratarse dunha convocatoria extraordinaria non se aplica a totalidade do baremo co obxecto de axiliza-la asignación de puntos a cada aspirante; así prevese unicamente o apartado de formación académica.

Esta convocatoria extraordinaria e as condicións que a regulan foron acordadas no seo da mesa central de seguimento do pacto de vinculacións temporais, nas datas 16 de abril e 6 de maio de 1999.

Por iso esta división,

DISPÓN:

Primeiro.-Convoca-los aspirantes interesados en presenta-la súa solicitude de inscrición nas listas de médicos xerais por área sanitaria (recollidas no anexo I da Resolución do 28 de febreiro de 1997 pola que se publica o pacto sobre vinculacións temporais no Diario Oficial de Galicia nº 47, do 10 de marzo de 1997) para vinculacións temporais de duración inferior ó ano nas institucións sanitarias de atención primaria. As devanditas listas confeccionaranse en aplicación do citado pacto e serán reguladas polas bases contidas neste, así como polas disposicións que se recollen nesta convocatoria extraordinaria.

Así, no prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, deberán presenta-la solicitude no modelo formalizado que se achega, xuntando a ela os xustificantes dos requisitos esixidos e méritos alegados.

A presentación das solicitudes resulta requisito imprescindible, en tódolos casos, para adquiri-la condición de aspirante inscrito nas novas listas.

Os modelos de solicitude facilitaranse nas direccións provinciais do Sergas, nos centros hospitalarios e nas xerencias de atención primaria dependentes delas.

Será preciso que os aspirantes acrediten con documentos orixinais ou copias fotoestáticas compulsadas os requisitos e méritos presentados, nos termos previstos no baremo que se recolle na disposición terceira.

Segundo.-Os requisitos para ser admitido como aspirante serán os seguintes:

1. Non figurar como inscrito en ningunha das áreas nas listas de médico xeral para vinculacións temporais da devandita categoría no Sergas.

2. Posuí-lo título de médico especialista en medicina familiar e comunitaria ou a certificación prevista no artigo 3 do Real decreto 853/1993.

Terceiro.-O baremo aplicable a esta convocatoria extraordinaria será o seguinte:

Baremo:

Formación academica:

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos deste apartado será de 3 puntos.

1. Estudios de licenciatura:

a) Cada matrícula de honra: 1,5 puntos.

b) Cada sobresaliente: 1 punto.

c) Cada notable: 0,5 puntos.

A suma das puntuacións dividirase polo número total de materias avaliadas, expresando o cociente cos dous primeiros decimais obtidos.

Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

2. Posgrao:

a) Exame de grao (licenciatura): 0,25 puntos.

b) Premio extraordinario: 0,75 puntos.

c) Pola realización dos cursos monográficos de doutoramento ou do 3º ciclo: 0,25 puntos.

3. Grao de doutor: 1,5 puntos.

A puntuación máxima acadada polos coñecementos de posgrao e doutoramento reflectidos nos puntos2 e 3, será de 1,5 puntos.

Soamente se valorarán para os efectos deste apartado os expedientes académicos e titulacións obtidos en España ou noutro país da Unión Europea.

Cuarto.-Será absolutamente imprescindible para a admisión e, se é o caso, valoración dos méritos dos aspirantes, que se acheguen as certificacións acreditativas deles dentro do prazo de presentación de solicitudes. Calquera certificación achegada fóra do indicado prazo será rexeitada e excluída da valoración, salvo que se acredite documentalmente, xunto coa solicitude, que foi solicitada dentro do prazo sinalado.

Quinto.-Cada aspirante ós nomeamentos de persoal facultativo solicitará a súa inclusión nunha soa categoría e área de xestión sanitaria para vinculacións de duración previsiblemente inferior ó ano.

No suposto en que se detecten duplicidades, a través dos mecanismos de control, excluiranse inmediatamente os aspirantes incursos nelas.

Sexto.-Os profesionais que se inscriban nesta convocatoria excepcional figurarán ordenados pola puntuación que resulte de aplica-lo baremo recollido na disposición terceira desta resolución.

Sétimo.-Os aspirantes que figuren inscritos nas listas de área en virtude desta convocatoria extraordinaria serán chamados para vinculacións temporais de duración inferior ó ano, pola súa orde, unha vez esgotada a lista de médicos xerais publicada en virtude da convocatoria ordinaria feita no ano 1998.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 1999.

Valeriano Martínez García

Director da División de Recursos Humanos

do Servicio Galego de Saúde