Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Venres, 28 de maio de 1999 Páx. 6.488

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de adhesión do organismo autónomo Instituto Municipal dos Deportes.

Visto o texto do acordo de adhesión, subscrito pola representación do consello de administración e polos delegados de persoal do organismo autónomo, Instituto Municipal dos Deportes de Vigo, aprobado polo Pleno do Concello de Vigo, con data do 1-3-1999, ó convenio colectivo do persoal laboral do devandito concello (publicado no Diario Oficial de Galicia nº 70, do 14 de abril e no BOP nº 48, do 11 de marzo) esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que figura nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Francisco Javier García Martínez, secretario xeral adxunto do Concello de Vigo.

CERTIFICA:

Que o Pleno do Concello, en sesión que tivo lugar o día 1 de marzo de 1999, adoptou o seguinte acordo:

Aproba-la adhesión do persoal do organismo autónomo Instituto Municipal dos Deportes de Vigo ó convenio colectivo dos empregados integrados no cadro de persoal do Concello de Vigo e, tendo en conta as especiais características do organismo autónomo, a adhesión realizarase consonte coas seguintes especificacións:

1. O comité do Concello de Vigo en ningún momento estará facultado para calquera clase de intromisión nos asuntos laborais do Instituto Municipal dos Deportes de Vigo, conservando os delegados de persoal do IMD toda a representatividade que a lei lles outorga.

2. En tódolos parágrafos do convenio onde pon comité, enténdese como delegados de persoal do IMD, sen ningún tipo de restricción.

3. En tódolos parágrafos do convenio onde di concello, ou similar, enténdese Instituto Municipal dos Deportes.

4. No artigo 24, anticipos, as cantidades que se incluirán no orzamento do IMD, serán para préstamos 4.000.000 de ptas. e para necesidades familiares extraordinarias e urxentes 1.000.000 de ptas.

5. No artigo 30, fondo social, a cantidade para o IMD, será de 1.400.000 ptas. e o fondo social adicional de 400.000 ptas.

6. Os delegados sindicais do IMD, pertencentes a sindicatos ou agrupacións que obtivesen nas últimas eleccións delegados de persoal, terán os dereitos que legalmente lles correspondan.

Vigo, 26 de abril de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra