Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Martes, 25 de maio de 1999 Páx. 6.259

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia da Coruña, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-4-1999, subscrito en representación da parte económica por Transviac, e Asociación Provincial de Servicios Discrecionais, da parte social por UGT, CC.OO. e CIG o día 18-3-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 14 de abril de 1999.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo provincial de transportes

de viaxeiros en autobús por estrada da provincia

da Coruña. Ano 1999

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio será de aplicación para tódalas empresas e traballadores do transporte de viaxeiros en autobuses por estrada da provincia da Coruña.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

Terá unha duración desde o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro de 1999. Se ningunha das partes o denunciase coa antelación mínima dun mes ó da data da súa expiración, prorrogarase tacitamente por un ano. A dita prórroga do convenio levará consigo o incremento de tódolos conceptos económicos pactados equivalente ó IPC dos doce meses anteriores máis un punto.

Unha vez producida a denuncia, manterá vixencia o seu contido normativo, integramente, ata a sinatura dun novo convenio. Non obstante, para favorece-lo interese negociador das partes, esta ultravixencia unicamente se producirá durante a anualidade completa seguinte á vixencia normal do convenio.

Artigo 3º.-Respecto de dereitos.

Respectaránselles a tódolos traballadores as situacións persoais actualmente consolidadas, en canto determinen maiores dereitos cós concedidos por este convenio.

Tódolos conceptos salariais teñen carácter normativo e condición mínima indispensable, polo que tal garantía non pode ser afectada por pacto ou renuncia de calquera tipo, cos demais efectos e durante os períodos establecidos no artigo 2º.

Artigo 4º.-Táboas salariais.

A partir do 1 de xaneiro de 1999 establécense como mínimas as retribucións que figuran no anexo 1 denominado táboas salariais.

O incremento salarial cuantifícase nun 2,5%.

Os atrasos derivados do incremento salarial aboaranse por metade ás nóminas dos dous meses seguintes ó da data da publicación do convenio no BOE ou no DOG.

Artigo 5º.-Revisión salarial.

Sen contido.

Artigo 6º.-Antigüidade.

O persoal afectado por este convenio devengará as antigüidades de acordo coa seguinte táboa:

-Ós 2 anos o 5% do salario base.

-Ós 4 anos o 10% do salario base.

-Ós 9 anos o 20% do salario base.

-Ós 14 anos o 30% do salario base.

-Ós 19 anos o 40% do salario base.

-Ós 24 anos o 50% do salario base.

-Ós 29 anos o 60% do salario base.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

Establécense tres gratificacións extraordinarias, que se denominarán de verán, de Nadal e beneficios, as cales se percibirán nos meses de xullo, decembro e marzo, na contía de 30 días de salario base e antigüidade das táboas salariais adxuntas.

Artigo 8º.-Gratificación convenio.

As empresas aboarán unha gratificación de 61.620 pesetas anuais, repartidas en 12 mensualidades de 5.135 pesetas.

Artigo 9º.-Gratificación consolidada.

Os traballadores que á sinatura deste convenio estean percibindo a gratificación de acumulación de descansos e reducción da de entre xornadas, establecido no artigo 12 do convenio colectivo de 1984, seguirán percibindo, a título individual, a contía de 153 pesetas (cento cincuenta e tres) pesetas por cada día de traballo.

O incremento salarial que se acorde para este concepto pasará a integrarse na gratificación convenio.

As empresas que no futuro fagan uso da facultade establecida no artigo 9 do R.D. 1561/1995 aboaránlle-la dita gratificación a título individual, ós traballadores afectados, e durante o tempo que dure a dita situación.

Artigo 10º.-Gratificación de conductor-perceptor e gratificación de actividades complementarias.

O conductor-perceptor, cando realice ou non simultaneamente ámbalas funcións percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial de posto de traballo (plus de conductor-perceptor, PCP), en contía mensual do vinte por cento de 22 días do seu salario base, como mínimo. Os efectos desta gratificación produciranse a partir da súa publicación no BOP ou no Diario Oficial de Galicia.

A estructura salarial para os conductores-perceptores conterá os seguintes conceptos:

-Salario base, segundo táboas salariais.

-Antigüidade, segundo o establecido no artigo 6º.

-Gratificación convenio, nas contías do artigo 8º.

-Gratificación conductor-receptor, segundo se establece neste artigo.

-Gratificación quebrantamento de moeda, segundo o artigo 11º.

-Gratificación consolidada, nos termos recollidos no artigo 9º.

-Gratificación de interrupción de xornada, se procede, nos termos establecidos no artigo 16º f).

O conductor percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, unha gratificación de actividades complementarias coa seguinte contía: para o ano 1999, 7.000 ptas. mensuais e para o ano 2000, 9.000 ptas. mensuais, estendéndose a vixencia do convenio polo que respecta a este punto ata o 31 de decembro do ano 2000.

A estructura salarial para os conductores conterá os seguintes conceptos:

-Salario base, segundo táboas salariais.

-Antigüidade, segundo o establecido no artigo 6º.

-Gratificación convenio, nas contías do artigo 8º.

-Gratificación de actividades complementarias, segundo se establece neste artigo.

-Gratificación consolidada, nos termos recollidos no artigo 9º.

-Gratificación de interrupción de xornada, se procede, nos termos establecidos no artigo 16º f).

Artigo 11º.-Quebrantamento de moeda.

A gratificación especial por quebrantamento de moeda queda establecida en 3.237 pesetas (tres mil duascentas trinta e sete pesetas), e a contía estipulada percibirase mensualmente.

Artigo 12º.-Gratificación de compensación.

Establécese unha gratificación para o resto do persoal que non estea comprendido nas categorías de conductor-perceptor ou conductor e que non tivesen outras gratificacións, agás a gratificación de convenio ou gratificación consolidada, por importe de dúas mil seiscentas dezanove (2.619) pesetas mensuais.

A estructura salarial para o resto de persoal que non estea incluído nas categorías de conductor-perceptor ou conductor conterá os seguintes conceptos:

-Salario base, segundo táboas salariais.

-Antigüidade, segundo o establecido no artigo 6º.

-Gratificación convenio, nas contías do artigo 8º.

-Gratificación de compensación, segundo se establece neste artigo.

-Gratificación consolidada, nos termos recollidos no artigo 9º.

-Gratificación de quebrantamento de moeda, segundo o artigo 11º, se procede.

Os/as vendedores/as de billetes cobrarán a gratificación de compensación malia o indicado no primeiro parágrafo.

Artigo 13º.-Axudas de custo.

As axudas de custo que lles corresponden ós traballadores nos seus desprazamentos, ó servicio das empresas, serán de 3.927 ptas. (tres mil novecentas vintesete pesetas), sen distinción de categorías. A chamada media axuda de custo, ou axuda de custo para comida fíxase en 1.310 ptas (mil trescentas dez pesetas) e corresponden á pernoita 1.310 pesetas (mil trescentas dez pesetas).

Fóra de Galicia será de 4.960 (catro mil novecentas sesenta pesetas) a axuda de custo completa e 1.653 (mil seiscentas cincuenta e tres pesetas) a media axuda de custo.

No caso de destacamento aplicarase a reducción que sinala a ordenanza laboral de transporte.

Dará dereito á percepción de axuda de custo completa a realización dun servicio que obrigue o traballador/a a xantar, cear e penoitar fóra da súa residencia habitual.

A parte da axuda de custo correspondente á cea percibirase cando o servicio realizado obrigue a efectuala fóra da súa residencia habitual ou, en todo caso, cando o productor saia antes das 20 horas e retorne despois das 22 horas.

A parte de axuda de custo correspondente á pernoita percibirase cando o servicio realizado obrigue a pernoitar e almorzar fóra da residencia habitual e, en todo caso, cando por tal motivo o regreso se efectúe despois das cero horas.

A parte de axuda de custo correspondente ó xantar percibirase cando o servicio realizado obrigue a efectualo fóra da residencia habitual e, en todo caso, cando o productor saia antes das 12 horas e retorne despois das 14 horas.

As axudas de custo aboaranse, como máximo, semanalmente e por petición do traballador.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

Serán aboadas cun incremento que en ningún caso será inferior ó 50% sobre o importe da hora ordinaria.

Dadas as condicións especiais características do sector, denominaranse horas extraordinarias estructurais aquelas horas extraordinarias a que se fai referencia no artigo 1 da O.M. do 1-3-1985, para os efectos do artigo 7 do Real decreto 46/1984, do 4 de xaneiro.

A opción de compensa-las horas extraordinarias traballadas por tempo de descanso, realizarase por mutuo acordo de empresa e traballador.

Artigo 15º.-Denominación do traballo.

a) Traballo efectivo. Considerarase traballo efectivo o tempo que media desde que os traballadores se fan cargo do cometido que deben efectuar no seu centro de traballo, ata que cesen neste.

Ó final deste convenio será traballo efectivo para o persoal de movemento:

1. A conducción durante a circulación do vehículo.

2. Os traballos auxiliares que se efectúen en relación co vehículo, os seus pasaxeiros ou a súa carga.

b) Tempo de presencia: será tempo de presencia aquel período de xornada no que o traballador, aínda que non preste traballo efectivo, se ache á disposición da empresa, tanto nos locais coma no vehículo.

Terán a consideración de tempo de presencia, en relación co disposto no artigo 8 do R.D. 1561/l995, do 21 de setembro, as gardas, reténs, expectativas, avarías, comidas en ruta e outras similares nas que o traballador, aínda que non preste traballo efectivo, se atope á disposición da empresa.

O tempo de presencia non excederá de trece horas semanais.

As horas de presencia non se computarán para efectos de horas extraordinarias, sen prexuízo de que a súa remuneración sexa de igual contia cás horas ordinarias. Poderán, non obstante, computarse para efectos de xornada, cando se realicen menos horas de traballo efectivo cás legalmente autorizadas; neste caso, poderán ser computadas para efectos de completa-la xornada.

c) Tempo de espera e axuda de custos de espera. Terá a consideración de tempo de espera aquel en que o traballador non estea suxeito á vixilancia do vehículo, nas localidades que non sexan principio e fin do traxecto.

A primeira hora de cada xornada computarase polo total e o resto ó cincuenta por cento, e aboarase como tempo de presencia.

Considerarase que o traballador non está suxeito á vixilancia do vehículo, cando poida dispoñer libremente do seu tempo por non atoparse á disposición da empresa.

As esperas en localidades de principio e fin de traxecto, fóra da residencia do traballador ou do lugar da súa toma habitual de servicio, non computarán para efectos de xornada, nin como traballo efectivo nin como tempo de presencia. Polo dito tempo, exceptuando o do xantar, cea e pernoita, aboarase unha axuda de custo de espera de 242 pesetas (duascentas corenta e dúas) pesetas / hora.

Artigo 16º.-Xornada e descanso.

a) A xornada anual será de 1.826,27 ( mil oitocentas vinteseis horas e vintesete minutos), en cómputo anual; o cómputo semanal será de 40 horas e en cómputo mensual de 166 horas. Terán a consideración de extraordinarias aquelas que superen as 1.826,27 horas ó ano, as 166 horas ó mes ou as 9 diarias.

Respectaranse os topes máximos de conducción establecidos no convenio colectivo, Real decreto 1561/1995 e directivas comunitarias.

b) As empresas estarán obrigadas a organiza-los seus servicios de forma tal que o persoal descanse de acordo coa lexislación vixente; a regra xeral é a dun descanso entre xornadas de 12 horas ininterrompidas e de día e medio de descanso semanal.

Consecuentemente, cando o persoal realice transporte regular de uso xeral ou transporte regular de uso especial, non poderá superar, desde o inicio da súa xornada ata a fin desta, as 12 horas, exceptuando aqueles supostos nos que extraordinariamente a lexislación vixente establece un descanso de 10 horas entre xornadas. Neste caso, o tempo que vai desde o inicio ata a fin da xornada poderase prolongar en 2 horas. Cando o persoal realice outros servicios distintos dos anteriores, seralles de aplicación o R.D. 1561/1995 e a Directiva 3820/1985.

En calquera suposto en que excepcionalmente se realizase un descanso de menos de 12 horas, compensarase o tempo descansado de menos, de tal xeito que o tempo descansado de menos dunha semana se agrupe, cando máis tardar, ó descanso semanal da semana seguinte.

En todo caso, o descanso mínimo entre xornadas será de 10 horas.

c) O tempo total de conducción non poderá exceder de nove horas diarias.

d) A xornada diaria máxima será de once horas cando comprenda situacións de traballo efectivo, máis tempo de presencia, exceptuando os percorridos de longa distancia, cando o servicio requira a estancia no vehículo de máis dun conductor.

e) Nos transportes interurbanos ningún traballador podará conducir de forma ininterrompida máis de catro horas sen facer unha pausa, agás que a conducción de media hora máis permita a chegada ó punto de destino.

A duración mínima da pausa será de trinta minutos, e será susceptible de fraccionamento durante o tempo de conducción.

En tódalas situacións que superen os topes máximos de xornada, como de presencia, comunicarase tal circunstancia ó comité de empresa ou delegados de persoal.

f) Interrupcións de xornada en servicios dentro de Galicia ou entre Galicia e provincias limítrofes de España e Portugal: gratificación de interrupción de xornada.

As interrupcións de xornada inferiores a trinta minutos aboaranse ó valor da hora ordinaria; o exceso de tempo de cada interrupción aboarase a razón de 246 pesetas/hora.

Considerarase interrupción de xornada o período de tempo no que o traballador non realiza traballo efectivo, nin tempo de presencia, dentro dun servicio ou entre dous servicios, agás a interrupción dedicada ó xantar, cea ou pernoita, que non se terán en conta

para os efectos desta gratificación. Compútase o tempo de interrupción desde a hora de chegada a un punto segundo o cadro de servicios e a hora de saída desde ese punto, tamén segundo o cadro de servicios, para continua-lo servicio ou iniciar outro novo.

Enténdese que, se a interrupción de xornada é inferior a 30 minutos, se aboarán 30 minutos.

A regulación recollida neste punto será aplicable, alternativamente, unha ou outra, á elección do traballador, co réxime previsto neste convenio, nas letras b) e c) do artigo 15º, no referente ó réxime que prevé a regulación das comidas en ruta, tomadas as dúas regulacións de maneira total.

As condicións recollidas neste punto serán compensables e absorbibles, en xeral, no referente a tempo de espera e axuda de custo de espera e, en particular, en relación co réxime individual actual na materia de cada traballador.

Os efectos desta gratificación produciranse a partir da súa publicación no BOP ou no DOG.

g) Xantar. Sinálase a obrigatoriedade dunha hora para xantar, como mínimo, entre as 12 e as 16 horas.

Artigo 17º.-Vacacións.

Regúlanse de conformidade co establecido no artigo 38 do Estatuto dos traballadores, publicado no BOE do 29-3-1995.

O período total de desfrute das vacacións será de trinta días naturais e non poderán experimentar un fraccionamento superior a dous períodos. En caso de desacordo decidirá a xurisdicción competente.

Durante os períodos de vacacións o salario dos conductores-perceptores e conductores estará composto, respectivamente, dos mesmos conceptos como se estivesen traballando, en concreto os contidos no artigo 10, agás a gratificación de interrupción de xornada.

O salario dos restantes traballadores estará composto dos mesmos conceptos como se estivesen traballando, en concreto os contidos no artigo 12º.

Artigo 18º.-Xubilación.

Á idade de xubilación legal (hoxe ós 65 anos), sempre que conte cunha antigüidade mínima de dez anos de servicio na empresa, o traballador percibirá desta unha gratificación equivalente a 5.650 pesetas (cinco mil seiscentas cincuenta) pesetas por ano de servicio en concepto de xubilación.

En caso de xubilación voluntaria anticipada percibirá unha gratificación segundo a contía seguinte:

-Un ano antes, 257.007 pesetas.

-Dous anos antes, 518.410 pesetas.

-Tres anos antes, 777.642 pesetas.

-Catro anos antes, 1.136.679 pesetas.

-Cinco anos antes, 1.334.002 pesetas.

As empresas acolleranse ó disposto no R.D. 1194/1985, do 17 de xullo, sobre xubilación especial anticipada ós 64 anos, contratando un novo traballador en lugar do que se acolla a este dereito e nas mesmas condicións que determina o citado real decreto, coa finalidade de colaborar no fomento do emprego.

A xubilación será forzosa para o persoal de movemento ó cumpri-lo traballador os 65 anos, sempre que reúna os requisitos esixidos pola Seguridade Social sobre períodos de carencia, para as melloras e condicións pactadas neste convenio.

Para o resto do persoal, o carácter forzoso da xubilación darase sempre e cando non exista pacto en contrario entre o traballador e a empresa.

Artigo 19º.-Permiso de conducción.

Se por sentencia firme, calquera conductor se vise privado do permiso de conducción, a empresa deberá facilitarlle outra ocupación, aínda que sexa de categoría profesional inferior, polo período de suspensión do permiso, sempre que non exceda de 15 meses, sen perda dos emolumentos que viña percibindo, e que non sexa debida á embriaguez.

No caso de que o período de suspensión do permiso de conducir sexa superior ós doce meses, e sempre que a retirada non sexa debida á embriaguez, o traballador con máis de dous anos de antigüidade terá dereito, por unha soa vez, a unha excedencia non remunerada, por todo o tempo que dure a suspensión, se é o caso, ata que legalmente poida incorporarse ó posto de traballo que estaba desempeñando habitualmente, e desde o momento en que esta se produza, e será o límite máximo da dita excedencia o que marque a lexislación para a contratación temporal.

Así mesmo, aplicaranse as garantías que se indican anteriormente, no caso de conducción in itinere, cun máximo dunha hora antes e outra despois da hora de entrada ou saída ó traballo, mesmo conducindo o seu vehículo propio.

Artigo 20º.-Póliza de seguros.

Estáblecese unha póliza de seguros de morte ou invalidez derivadas de accidente de traballo ou enfermidade profesional, para cada un dos traballadores ós que afecta a este convenio, que consiste na contía de 1.660.212 pesetas (un millón seiscentas sesenta mil duascentas doce pesetas) en caso de morte por accidente e de 3.321.828 pesetas (tres millóns trescentas vinteunha mil oitocentas vinteoito pesetas) en caso de invalidez permanente para exerce-la súa ocupación habitual.

Estas contías producirán efecto a partir da publicación no BOP.

Artigo 21º.-Defunción.

As empresas aboaranlle, durante 1999, seis mensualidades dos salarios que figuran na táboa do convenio, máis a antigüidade correspondente, ó familiar do traballador que con el conviva, e por esta orde:

1) Cónxuxe viúvo.

2) Fillos.

3) Ascendentes, cando aquel faleza estando en activo e leve, como mínimo, tres anos de servicio na empresa.

Independentemente das mensualidades ás que ten dereito, segundo o sinalado anteriormente, aboaráselle ó dito familiar do traballador o salario do mes no que o productor faleza, calquera que sexa a data do seu óbito.

Artigo 22º.-Pases de xubilados.

Os xubilados, os pensionistas de longa enfermidade, as viúvas e os fillos orfos menores de 18 anos dos traballadores falecidos en activo, das empresas de liñas regulares, terán dereito a viaxar nas liñas das súas respectivas empresas coma se o traballador estivese en activo.

Artigo 23º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria como órgano de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do pactado no convenio, composta por catro membros en representación dos traballadores e o mesmo número de representantes das empresas, todos eles vocais escollidos por cada parte.

Tamén formarán parte desta, con voz pero sen voto, os asesores correspondentes a ámbalas partes.

No caso de imposibilidade de asistencia a algún dos membros designados, serán substituídos polos suplentes.

A comisión reunirase cando sexa necesario e por petición de calquera das partes. Os compoñentes da comisión paritaria serán convocados cunha antelación minima de 3 días.

Para efectos da comisión paritaria as horas sindicais consideraranse co mesmo rango cás utilizadas para a negociación colectiva.

Os acordos da comisión requirirán, para a súa validez, a conformidade da maioría simple dos vocais de cada unha das representacións. No caso de non haber acordo, levantarase acta que reflicta as diferentes posturas, e remitirase copia desta á autoridade laboral competente, para que emita a correspondente resolución.

As funcións da comisión paritaria serán as seguintes:

a) Interpretación da aplicación de tódalas cláusulas do convenio.

b) Arbitraxe de tódalas cuestións que as partes sometan á súa consideración e que se deriven da aplicación do convenio.

c) Vixilancia do cumprimento do pactado no convenio.

d) Análise da problemática sectorial en materia de Seguridade e Saúde Laboral e seguimento do estado de cumprimento nestas materias.

e) Análise e adaptación da contratación temporal ó sector, valorando a posibilidade de introducir cláusulas que reforcen a contratación indefinida.

f) Cantas outras actividades tendan á maior eficacia práctica do convenio ou veñan establecidas no seu texto.

As actividades da comisión poderanse realizar en réxime de comisión plenaria, composta por tódolos seus membros, ou en réxime de subcomisións específicas coa composición que a comisión acorde.

Para tódolos efectos, fíxase o domicilio da comisión na rúa Rafael Alberti, 8-11, A Coruña.

Artigo 24º.-Garantías sindicais.

a) Seccións sindicais de empresa.

No caso de existir sección sindical, esta poderá facer uso do taboleiro de anuncios para difundi-la información, exclusivamente co persoal das empresas e fóra das horas de traballo. Para todo iso, deberá comunicarllo cunha antelación mínima de 48 horas á dirección da empresa e ó comité de empresa.

Isto sen prexuízo das facultades que ás seccións sindicais lles poidan outorga-las disposicións legais.

b) Os membros do comité de empresa e delegados de persoal, en cada centro de traballo, disporán dun crédito de 15 horas mensuais, como mínimo, dentro da xornada para o exercicio das súas funcións de representación, sempre que o soliciten con 48 horas de anticipación.

A empresa poderár esixir xustificante da utilización concedida, ben do comité ou da central convocante. Estes dereitos serán aplicados en caso de que, por disposición legal, así se determine.

As empresas que revistan a forma de sociedades darán conta, anualmente, ó comité de empresa ou delegados de persoal do balance e conta de resultados.

O recoñecemento dos ditos documentos será, para tódolos efectos, de carácter reservado.

A dirección da empresa dará conta ó comité ou delegados de persoal de tódalas sancións ou despedimentos.

A empresa, por petición dos traballadores afiliados ás centrais sindicais que conten, polo menos, cun 10% de afiliados nesta, descontarán a cota sindical correspondente do recibo dos salarios, depositándoa na conta bancaria sinalada para o efecto.

c) Excedencias. Amplíase o dereito a solicitar excedencia voluntaria que regula a ordenanza laboral, calquera que sexa o tempo que leve o traballador na empresa, cando se basee no exercicio do seu cargo sindical.

d) Comité de seguridade e hixiene.

Nas empresas de máis de 50 traballadores, estes deberán elixir un comité de seguridade e hixiene, sendo o comité de empresa ou os delegados de persoal os que terán que ocuparse da súa tramitación.

e) As empresas poderán pactar cos seus comités de empresa ou delegados de persoal a acumulación de horas sindicais.

O crédito horario retribuído de que gozan os delegados de persoal e membros do comité de empresa dunha mesma empresa poderá acumularse nun ou varios deles, sempre que pertenzan a unha mesma central sindical, aínda que iso permita liberar da súa actividade laboral, total ou parcialmente a calquera deles.

O acordo de acumulación será pactado, en cada caso, na empresa entre o representante do sindicato e o da empresa, e a designación da persoa ou persoas ás que se lles aplicará a acumulación de horas derivadas do crédito horario, será facultade exclusiva do sindicato de que se trate, o cal comunicará a súa decisión ó respecto á empresa.

Artigo 25º.-Permiso retribuído.

Os permisos retribuídos regúlanse polo disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Os traballadores desfrutarán dun día de permiso retribuído, que se poderá acumular unha vez ó ano ós permisos legalmente establecidos no artigo 37, parágrafo 3 a), b) e c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 26º.-Incapacidade laboral transitoria.

Cando o traballador estivese afectado por incapacidade laboral transitoria, as empresas complementarán as prestacións económicas que teñan dereito a percibir da Seguridade Social nos seguintes supostos:

1. Cando a IT derive de accidente de traballo, a empresa aboará un 15% da base de cotización diaria para esta continxencia, desde o primeiro día e ata un máximo de setenta días.

2. Cando a IT derive de enfermidade común, a empresa aboará un 15% da base diaria de cotización a partir do cuarto día e ata un máximo de setenta días.

3. Cando sexa precisa a hospitalización do traballador, tanto se se debe a enfermidade ou accidente, a empresa aboará un 20% da base diaria de cotización, desde o momento en que esta se produza e mentres a hospitalización dure, cun máximo de noventa días.

Tales complementos unicamente se percibirán nun proceso de IT durante toda a vixencia do convenio.

As empresas, de acordo co establecido no artigo 20 do Estatuto dos traballadores, poderán verifica-lo estado de enfermidade ou accidente do traballador mediante o oportuno recoñecemento médico.

Artigo 27º.-Indivisibilidade do convenio.

O convenio considerarase un todo indivisible de maneira que, se non fose aprobado na súa integridade, quedará anulado, e deberán as partes negociar outro novo.

Artigo 28º.-Normas supletorias.

En todo aquilo que non figure regulado por este convenio aplicarase o Estatuto dos traballadores, o R.D. 1561/1995, do 21 de setembro, o convenio da OIT número 153 e o Regulamento da CEE número 3820/1985, e demais lexislación vixente.

Ámbalas partes resérvanse o dereito de acudir á xurisdicción laboral no caso de que consideren que algún precepto do convenio vulnere ou contradiga normas de dereito necesario.

Artigo 29º.-Modalidades de contratación.

Complementando a normativa vixente na materia establécense as seguintes modificacións desta:

a) Contrato para a formación.

Poderán efectuarse contratos para a formación para tódalas categorías profesionais en que legalmente sexa posible, excepto para mozos de garaxe e taller.

Poderanse concertar estes contratos con traballadores maiores de dezaseis anos e menores de vinteún.

O salario de contratación será igual ó 85%, 90% e 100% do salario base da súa categoría profesional durante, respectivamente, o primeiro, o segundo e o terceiro ano de vixencia do contrato.

b) Contrato en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 85% ou do 95% do salario base da súa categoría porfesional durante, respectivamente, o primeiro ou segundo ano de vixencia do contrato.

c) Contrato de duración determinada por circunstancias da producción.

De conformidade co establecido no artigo 151º b) do Estatuto dos traballadores, para unha menor precarización do emprego e buscando aproveitar ó máximo as posibilidades de emprego que se derivan do actual ciclo de mercado, o contrato, por circunstancias do mercado a que se refire o dito artigo, poderá concertarse por períodos que, un a un ou en conxunto, non superen os 13 meses dentro dun período de 18 meses.

O seu réxime xurídico, agás no referente á súa duración, será equivalente ó do contrato indefinido en canto ó desfrute de beneficios salariais (antigüidade e réximes de complementos) e non salariais (permisos, licencias, indemnización de 45 días por ano de servicio no caso de despedimento disciplinario declarado improcedente, etc.).

d) Transformación de contratos temporais en indefinidos.

Durante a vixencia deste convenio, nos termos e supostos comprendidos no artigo 2º, as empresas poderán transformar en indefinidos os contratos temporais, calquera qe sexa a data en que foron concertados, ó abeiro e co alcance establecido na D.A. primeira da Lei 63/1997.

Artigo 30º.-Mobilidade xeográfica.

a) Desprazamentos. As empresas poderán despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos a aquel en que presten os seus servicios, fundamentando o dito desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou de contratación.

b) Traslado. Enténdese por traslado o desprazamento a outro centro de traballo que implique un cambio de domicilio. Enténdese que un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro do novo destino diste máis de 40 km do seu centro ou do seu domicilio actuais.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos recollidos na lei, establécense os seguintes mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores.

-Intervención dos mecanismos do AGA.

-Aviso previo de 45 días.

-Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

-Os traslados non taran unha duración inferior a 12 meses nun período de 3 anos.

-Se por traslado un dos cónxuxes cambia de residencia, o outro, se fose traballador na mesma empresa, terá dereito ó traslado á mesma localidade.

Nos casos de traslado o traballador terá dereito ó devengo dos seguintes conceptos compensatorios:

-Billete para o traballador e os familiares que vivan ás súas expensas.

-Transporte de mobiliario, roupa e pertenzas do seu fogar.

-Indemnización consistente en dúas veces o salario base mensual da súa categoría profesional, nun único pagamento.

-Compensación durante doce meses da diferencia de custo de vivenda en aluguer (vivenda das mesmas características).

-Notificada a decisión de traslado, o traballador poderá optar pola extinción do seu contrato percibindo unha indemnización de 25 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano, e cun máximo de 12 mensualidades.

Artigo 31º.-Cláusula de desvinculación salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos neste convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para as empresas que prentendan acollerse á cláusula regulada neste artigo establécense os seguintes mecanismos:

1. Negociación coa representación legal dos traballadores e na comisión paritaria do convenio.

2. Mecanismos do AGA.

Para tódolos mecanismos citados anteriormente achegarase a seguinte documentación:

-Acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos tres últimos exercicios nos que se demostre que durante estes se producen perdas reais.

-Plan de viabilidade para o período para o que se pretende a aplicación da dita cláusula de exención e a xustificación económica e a súa repercusión real na mellora global dos resultados da empresa.

-Os representantes legais dos traballadores, así como os seus asesores, están obrigados a tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos a que tivesen acceso, como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando, por conseguinte, respecto de todo iso, sixilo profesional.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cláusula de acollida ó AGA.

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, as partes asinantes deste convenio, durante a vixencia del, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas. Igualmente acordan asumir, respecto ós conflictos individuais, o AGA II a partir do momento da súa sinatura.

Segunda.-Cando se realicen cursos de formación profesional continua e voluntariamente os realicen os traballadores, logo da autorización da empresa, o tempo empregado na duración destes será repartido ó 50% en horas de traballo e o outro 50% en horas de descanso do traballador.

Terceira.-O réxime disciplinario que se vai aplicar é o que contén o anexo II.

Disposición derradeira

Conscientes da necesidade de adecua-la regulación convencional sectorial a un marco autonómico, dada a circunstancia de estaren residenciadas a maior parte das competencias en materia de transporte na Xunta de Galica, ámbalas partes comprométense a propiciar, a través das súas respectivas organizacións a nivel autonómico, a negociación o vindeiro ano dun convenio colectivo nacional galego para o sector, co rango de convenio estatutario e con prioridade á negociación dun novo convenio de ámbito provincial. As dificultades que se poidan producir, tanto na constitución da correspondente relación xurídica previa coma na constitución formal da mesa, serán resoltas polas partes, de ser preciso, ó abeiro do AGA.

ANEXO I

Táboas salariais

Retribucións para 1999.

CategoríaDiariaMensualAnual

Xefe administración 1ª107.5001.673.182
Xefe administración 2ª99.4441.552.363
Vendedores de billetes90.5021.418.219
Factores90.5021.418.219
Xefe de tráfico 1ª99.6791.555.882
Xefe de tráfico 2ª96.3101.505.333
Xefe de tráfico 3ª91.0121.425.871
Inspector3.1601.498.697
Conductor-perceptor3.1171.479.155
Conductor3.0931.468.193
Cobrador3.0221.435.781
Repartidor mozo2.9771.414.809
Conductor furgoneta3.0281.438.164
Xefe de servicios124.4511.927.454
Inspector principal115.1211.787.495
Enxeñeiros ou licenciados117.2731.819.787
Enxeñeiros técnicos-auxiliares titulados101.1851.578.462
Axudante técnico sanitario98.3451.535.864
Xefe de sección104.1211.622.491
Xefe de negociado100.7951.572.020
Oficial 1ª administrativo95.7451.496.864
Oficial 2ª administrativo92.9171.454.453
Auxiliar administrativo89.0661.396.676
Garda de noite2.9771.414.809
Garda de día2.9221.390.501
Limpador (salario hora)334
Xefe de taller111.3141.730.394
Encargado98.3791.536.383
Xefe de equipo3.1621.499.650
Oficial 1ª taller3.1231.481.538
Oficial 2ª e 3ª taller3.0221.435.781
Engraxador e lavacoches3.0221.435.781
Mozo garaxe e taller2.9771.414.802

ANEXO II

Réxime disciplinario

Artigo 1º

Son faltas as accións ou omisións dos traballadores cometidas con ocasión do seu traballo, en conexión con este ou derivadas del, que supoñan infracción das obrigas de todo tipo que ó traballador lle veñen impostas polo ordenamento xurídico por este convenio e polas demais normas e pactos, individuais ou colectivos, cualificándose en leves, graves ou moi graves.

Artigo 2º

Son faltas leves:

1. Tres faltas de puntualidade no traballo, sen a debida xustificación, cometida no período dun mes, que non afecten ó servici do movemento.

2. Non notificar, con carácter previo á ausencia, por calquera medio, podendo facelo, a imposibilidade de acudir ó traballo e a súa causa.

3. O abandono do traballo dentro da xornada, sen causa xustificada.

4. Neglixencias na conservación do material.

5. A non utilización do vestiario e equipo que fose facilitado pola empresa con instruccións de utilización (entendendo que as instruccións teñen que ser amplamente coñecidas polos traballadores ben porque fosen comunicadas por escrito ou porque estean publicitadas por algún medio pola empresa ou porque constitúan un costume da empresa).

6. Faltar ó traballo un día, sen causa xustificada, no período dun mes.

7. As faltas de respecto e consideración a quen traballa na empresa, ós usuarios e ó público.

8. Atraso de 1 a 2 días na entrega da recadación diaria, agás domingos e festivos, sempre que o atraso sexa imputable ó traballador.

Artigo 3º

Son faltas graves:

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas durante o período dun mes, que non afecten ó servicio de movemento.

2. Faltas dous días ó traballo, durante un mes, sen causa xustificada.

3. A desobediencia ás ordes e instrucción do empresario en calquera materia de traballo, incluído o control de asistencia, así como non lles dar cumprimento ós trámites administrativos que sexan presuposto ou consecuencia da actividade que ten que realiza-lo traballador.

4. A alegación de causas falsas para as licencias.

5. As imprudencias ou neglixencias en acto de servicio.

6. Realizar sen permiso traballos particulares durante a xornada, así como o emprego para usos propios do material da empresa.

7. O abuso de autoridade con ocasión do traballo, considerándose tal a comisión dun feito arbitrario sempre que concorra infracción manifesta e deliberada dun precepto legal e prexuízo notorio para un inferior.

8. As expresadas nos puntos 2, 3, 4, e 6 do artigo 2, sempre que: a falta de notificación con carácter previo á ausencia (artigo 2º.2), o abandono do traballo dentro da xornada (artigo 2º.3), ou a falta ó traballo sen cauxa xustificada (artigo 2º.6), sexan motivo de atraso na saída dos vehículos ou produzan trastorno no normal desenvolvemento da actividade; e que as neglixencias na conservación do material (artigo 2.4) se deriven prexuízos para a empresa.

9. Atraso de tres a seis días na entrega da recadación nos termos do artigo 2º.8.

10. A falta de puntualidade ó traballo que afecte ó servicio de movemento sen causa xustificada e que afecte gravemente ó servicio.

Artigo 4º

Son faltas moi graves:

1. As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou seis alternos nun período de seis meses.

2. As ofensas verbais ou físicas ó empresario ou ás persoas que traballan na empresa.

3. A transgresión da boa fe contractual, así como o abuso de confianza no desempeño do traballo, considerándose como tales a fraude ou a deslealdade nas xestións encomendadas; o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera persoa, realizado dentro das dependencias ou vehículos desta ou en calquera lugar se é en acto de servicio; viola-lo segredo da correspondencia ou revelarlles a estraños datos que se coñezan por razón do traballo.

4. A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercuten negativamente no traballo.

5. A imprudencia ou neglixencia en acto de servicio se implicase risco de accidente ou perigo de avaría para a maquinaria, o vehículo ou as instalacións.

6. O atraso de máis de seis días na entrega da recadación nos termos do artigo 2º.8.

Artigo 5º

Non se considerará inxustificada a ausencia ó traballo por privación de liberdade do traballador, se este fose posteriormente absolto dos cargos que desen lugar á súa detención.

Artigo 6º

1. As sancións que poderá impo-la comisión de faltas disciplinarias serán as que seguen:

a) Por faltas leves: amoestación (por escrito): suspensión de emprego e soldo de ata tres días.

b) Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de catro a vinte días.

c) Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de vinteún a trinta días: despedimento.

2. As multas impostas por infraccións das disposicións de tráfico e seguridade vial (que non teñan nada que ver co estado do vehículo e que non veñan motivadas por imperativo do servicio) deberán ser satisfeitas polo que sexa responsable destas.

Artigo 7º

As faltas leves prescribirán ós 10 días: as graves, ós vinte días, e as moi graves, ós 60 días, a partir da data na que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se cometer.

Artigo 8º

a) Tódalas sancións terán que serlle notificadas por escrito ó traballador, dando un prazo para interpor recurso perante a empresa de 2 días para as faltas leves e 5 para o resto. Transcorridos os prazos

para presentar recurso sen que este se presentara, enténdese que a sanción é firme desde o primeiro día. Presentado o recurso en prazo, o empresario ten 5 días para contestalo por escrito; de non facelo neste prazo, enténdese que a sanción é firme desde este último día (para efectos do disposto no artigo 114 da Lei de procedemento laboral). No caso de sanción con despedimento, non caberá este procedemento de recurso ante a empresa, quedando expedita a vía do artigo 103 da Lei de procedemento laboral.

b) Tódalas sancións serán tamén notificadas, ó mesmo tempo que ó interesado, ó comité de empresa ou ós delegados de persoal.

c) En tódalas notificacións de sanción terá que figura-la lenda: «esta sanción poderá ser recorrida perante a xurisdicción social no prazo de 20 días hábiles», nos termos da letra a).

d) Se non se cumpren os requisitos deste artigo, a sanción será nula.

e) Ós membros do comité ou delegados de persoal será preceptivo a apertura dun expediente contradictorio no suposto de faltas graves e moi graves, no que serán escoitados, á parte do interesado, o comité de empresa ou os delegados de persoal.

Artigo 9º

A reincidencia en calquera falta, aínda que sexa de distinta natureza, cometida dentro do mesmo trimestre e que fora sancionada, implicará a súa cualificación como falta do grupo inmediatamente superior.