Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Martes, 25 de maio de 1999 Páx. 6.268

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 1999 pola que se convocan unhas xornadas sobre Dereito Internacional Humanitario.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1999, conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dunhas xornadas sobre Dereito Internacional Humanitario, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Destinatarios: as xornadas van dirixidas ós membros das forzas e corpos de seguridade.

Inscrición: a inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas: o número de prazas que se ofertan é de 150.

Solicitudes:

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 18 de xuño de 1999.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade situada na Avenida da Cultura, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas: as xornadas celebraranse durante os días 24 e 25 de xuño de 1999.

O horario será en xornada de mañá (9.30 h-14 h) e tarde (16.30 h-20 h) o día 24, e en sesión de mañá o día 25.

Contido: nas xornadas desenvolveranse entre outros os seguintes temas:

1. Introducción ó dereito internacional humanitario.

2. As fontes do dereito dos conflictos armados.

3. A protección dos prisioneiros de guerra.

4. A protección da poboación civil.

5. Asilo e refuxio.

6. A acción do movemento da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella nos conflictos armados: actuación en Kosovo.

Relación de admitidos: a relación de admitidos publicarase o día 21 de xuño de 1999 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar: salón de actos da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de participación: ó remate das xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a elas.

Modificacións: a Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de maio de 1999.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade