Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Luns, 24 de maio de 1999 Páx. 6.200

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 4 de maio de 1999 pola que se anuncian medidas de apoio á Policía Local de Galicia, consistentes na cesión de vehículos especialmente preparados para o exercicio das súas funcións.

A Lei das Cortes Xerais 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e a Lei de Galicia 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, determinan que o concello exercerá competencias, entre outras materias, na seguridade en lugares públicos.

Así mesmo a Lei orgánica 2/1986, de forzas e corpos de seguridade do Estado, posibilitou unha ampliación de competencias en favor da Comunidade Autónoma de Galicia en materias non previstas no seu Estatuto de autonomía, entre outras, a coordinación de policías locais.

Na súa consecuencia, e por medio da Lei de Galicia 3/1992, do 23 de marzo, a Comunidade Autónoma procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

Conforme o Decreto 227/1998, do 10 de xullo, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, a coordinación das policías locais.

Preténdese, por medio da presente orde, dar cumprimento ó mandato imposto polo artigo 4 da referida Lei 3/1992, do 23 de marzo, no sentido de adoptar medidas encamiñadas a logra-la homoxeneización dos medios técnicos das policías locais, regulándose, para tal efecto o procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para o exercicio das súas funcións, nos concellos da Comunidade Autónoma galega que conten cos servicios de policía.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais contribuirá ó equipamento dos concellos, co fin de aumenta-la eficacia dos servicios de policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias. Para tal fin, cederá en propiedade vehículos adecuadamente preparados ós concellos que conten cos devanditos servicios, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, mediante a que se engadiu o artigo 35.bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións a que se refire esta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten con servicios de policía local, entendida nos termos previstos no artigo 2 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais.

b) Que teñan menos de 30.000 habitantes.

c) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada á materia de policía local.

Excepcionalmente, por concorreren causas motivadas debidamente xustificadas no correspondente expediente, poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que, sen cumpri-los requisitos sinalados, precisen dun vehículo destas características.

Artigo 3º.-Crédito.

Á consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de trinta millóns de pesetas (30.000.000 de ptas.), con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.624.0, programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1999, que se dedicarán á adquisición de vehículos para as policías locais de Galicia.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

-Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

a) Se acorda solicita-la cesión en propiedade regulada na presente orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela.

b) Se faculta o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade, no caso de resolución favorable da consellería, nas condicións que sexan establecidas por esta.

-Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a existencia dun corpo de policía local e/ou axentes auxiliares propios do concello que teñan como función a prestación de servicios de seguridade.

-Memoria na que se recolla a totalidade do material e recursos con que conta a policía local na actualidade.

-Memoria sobre o cadro de persoal da policía local, actualizada ata a data de publicación da presente orde, incluíndo as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

-Cuantificación, por unha parte, dos gastos correntes consignados nos orzamentos municipais de 1999 destinados ó funcionamento da policía local e, por outra banda, dos gastos do investimento dirixidos ó mesmo fin.

-Relación das funcións que exerce principalmente a policía local.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, emitíndose o correspondente informe.

2. O director xeral de Xustiza e Administración Local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá, procedéndose á súa publicación posterior no DOG, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo).

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a cesión en propiedade dun vehículo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Na notificación das resolucións faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-lo concello solicitante:

a) Aboar, en concepto de achega compensatoria, polos gastos derivados do procedemento da cesión e inherentes á utilización do ben cedido, a cantidade resultante de aplica-la porcentaxe do 20% ó importe unitario de licitación dos vehículos no correspondente procedemento de contratación.

b) Comprometerse a facer fronte ós gastos de seguros, mantemento, conservación e ás indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas no parágrafo anterior e face-lo ingreso da cantidade correspondente na entidade financeira que lle designe a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e non se presente o xustificante do depósito a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la resolución.

Artigo 8º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición.

b) Recursos humanos con que conta a policía local do concello solicitante (postos de traballo cubertos e vacantes), así como, se é o caso, posibles previsións de aumento do cadro de persoal.

c) Recursos materiais con que conta a policía local do concello solicitante, así como, se é o caso, posibles previsións de adquisicións de material con cargo ó orzamento municipal do concello solicitante.

d) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante destinadas a gastos correntes vinculados á policía local do concello interesado.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

A cesión formalizarase mediante convenio na que constará o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 10º.-Control.

Se os vehículos cedidos non se aplicasen ó fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan no artigo 6º.2 b) desta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión, e de se-lo caso para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición adicional

A achega compensatoria realizada polo beneficiario segundo o disposto no artigo 6º.2 a) poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utilizados na adquisición e adxudicación de máis vehículos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 1999.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais