Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Luns, 24 de maio de 1999 Páx. 6.199

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 146/1999, do 7 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Ourense, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de C.V. 330 Mugueimes-Cados número 379 P.O.L. 98 en Muíños.

A Deputación Provincial de Ourense, en sesión celebrada o día 27 de novembro de 1998, aprobou o proxecto de C.V. 330 Mugueimes-Cados nº 379 P.O.L. 98 en Muíños, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2 de marzo de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, por estaren situados os bens que se van expropiar no propio trazado da estrada, sendo necesaria a expropiación urxente para poder executar conxuntamente a totalidade do tramo que, de non ser así, quedaría interrompido e imposibilitada a posta en servicio da estrada, supoñendo un grave perigo para o tráfico rodado.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Ourense para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de C.V. 330 Mugueimes-Cados nº 379 P.O.L. 98 en Muíños.

Santiago de Compostela, sete de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais