Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Luns, 24 de maio de 1999 Páx. 6.198

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 145/1999, do 7 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Valdoviño (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de rexeneración ambiental das praias de Pantín, Vales e Meira, termo municipal de Valdoviño.

O Concello de Valdoviño (A Coruña), en sesión celebrada o día 12 de xuño de 1997, aprobou o

proxecto de rexeneración ambiental das praias de Pantín, Vales e Meira, termo municipal de Valdoviño, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do día 22 de febreiro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 7 de abril de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque resulta necesario corrixir e mellora-lo trazado dos accesos ás tres praias para evita-las constantes agresións ecolóxicas e paisaxísticas que sofre a zona motivadas polo tráfico rodado con afluencia masiva no verán, así como pola desordenada edificación.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Valdoviño (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de rexeneración ambiental das praias de Pantín, Vales e Meira, termo municipal de Valdoviño.

Santiago de Compostela, sete de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais