Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Luns, 24 de maio de 1999 Páx. 6.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 18 de maio de 1999 pola que se modifica a do 29 de xullo de 1996, pola que se establecen axudas para a toma de participación no capital social de sociedades mercantís.

A conveniencia de adaptar determinados artigos da Orde do 29 de xullo de 1996, pola que se establecen axudas para a toma de participación no capi

tal social de sociedades mercantís, á nova configuración normativa motivada polo Decreto 127/1999, do 23 de abril, que modifica o Decreto 255/1996, do 14 de xuño, así como a de incluír aclaracións procedementais, fai necesaria a modificación dos mesmos.

Por todo iso, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación normativa.

1. Modifícase o tipo de xuro que debe satisface-lo beneficiario, unha vez descontada a subsidiación, establecido no punto 3 dos artigos 6º, 7º e 8º da Orde do 29 de xullo de 1996 pola que se establecen axudas para a toma de participación de capital social de sociedades mercantís, quedando fixado no 2%.

2. Substitúese o texto do punto 3 do artigo 9º da orde citada no punto anterior pola seguinte redacción:

Dentro do prazo de tres meses desde a notificación ós solicitantes da resolución de concesión, salvo prórroga autorizada polo Igape logo da solicitude motivada do beneficiario, estes deberán formaliza-las correspondentes operacións de préstamo e a subscrición ou adquisición de capital proxectada.

Non obstante, por razóns de urxencia, unha vez presentado o expediente de solicitude, logo da autorización do Igape e respectando as condicións e requisitos establecidos nesta orde, poderanse formaliza-los préstamos coa entidade financeira. Esta autorización en ningún caso implicará o recoñecemento de dereito ningún ou cualificación do expediente respecto á concesión da subsidiación solicitada.

En calquera caso, o préstamo deberá recolle-la característica de estar acollido a esta orde e á resolución de concesión.

A subsidiación de xuros devengarase a partir da data de formalización e no caso de formalización logo da resolución, desde a data de adaptación do contrato de préstamo.

Disposición transitoria

Os préstamos referidos a axudas concedidas con anterioridade á entrada en vigor desta orde seguirán rexéndose polas condicións do tipo de xuro vixentes no momento da concesión da axuda.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda