Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Venres, 21 de maio de 1999 Páx. 6.183

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CAMARIÑAS

ANUNCIO.

Convócanse probas selectivas para a provisión en propiedade das prazas vacantes de funcionarios de carreira persoal laboral fixo incluídas na oferta de emprego desta corporación para 1998, con suxeición ás bases aprobadas polo Concello Pleno en sesión do 23 de febreiro de 1999, que a continuación se transcriben:

Bases que rexerán as convocatorias de probas selectivas para a provisión de prazas vacantes da oferta de emprego público para 1998.

1. Obxecto: é obxecto da presente convocatoria a provisión en propiedade das prazas de funcionarios de carreira e persoal laboral fixo incluídas na oferta de emprego público desta corporación para 1998 que se describen nas bases específicas anexas, a través dos procedementos de selección que para cada unha delas se especifica, de conformidade co establecido na Lei 30/1984 do 2 de agosto, Lei 7/1985, do 2 de abril, Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril e demais disposicións concordantes.

2. Requisitos: para participar nas probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional doutro estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos 18 anos de idade e non exceder daquela na que falten menos de 10 anos para a xubilación forzosa por idade.

c) Estar en posesión do título académico que en cada caso se sinala no anexo respectivo, ou en condicións de obtelo na data de remate do prazo de presentación de instancias.

d) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera das administracións públicas, nin estar incurso en causa de incompatibilidade ou incapacidade para o exercicio de funcións públicas.

e) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

As persoas que padezan minusvalidez deberán facelo constar na instancia, indicando se precisan adaptación das probas.

Os requisitos anteriores así como os específicos que se esixen para cada unha das prazas deberanse reunir con referencia ó último día do prazo de presentación de instancias.

3. Solicitudes: as instancias nas que se solicite tomar parte nas probas selectivas dirixiranse ó alcalde e presentaranse no rexistro xeral da corporación, ben directamente ou ben na forma establecida na Lei 30/1992, durante o prazo de vinte días naturais a partir do seguinte ó de publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

Ás instancias unirase o xustificante do abonamento dos dereitos de exame, na contía que se determina para cada praza nos respectivos anexos.

Para a selección por concurso ou concurso-oposición, os aspirantes deberán xuntar á instancia unha relación dos méritos que aleguen e os documentos xustificativos correspondentes, en orixinal ou fotocopia autorizada por fedatario público.

4. Admisión de aspirantes: para seren admitidos á selección, bastará con que os aspirantes manifesten nas súas instancias que reúnen todas e cada unha das condicións esixidas na base 2ª e as que para cada praza se establecen nos correspondentes anexos.

Finalizado o prazo de presentación de instancias, a alcaldía aprobará no prazo dun mes as listas de admitidos e excluídos, que se farán públicas no BOP e no taboleiro de edictos do concello, con indicación do prazo de emenda que, nos termos do artigo 71º da Lei 30/1992, se lles concede ós excluídos, determinado lugar, data e hora de comezo dos exercicios e designación dos tribunais cualificadores.

5. Tribunais cualificadores: a alcaldía designará os tribunais cualificadores dos procesos selectivos de conformidade co sinalado no Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, e a súa composición farase pública conforme dispón a base anterior.

Os tribunais non poderán constituírse nin actuar sen a asistencia, cando menos, de tres dos seus membros titulares ou suplentes indistintamente.

Os tribunais quedan facultados para resolver tódalas cuestións que se formulen e para adopta-las medidas pertinentes para o mellor desenvolvemento das convocatorias en todo o non previsto nas presentes bases. Tamén poderán dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas, que se limitarán a presta-la colaboración que o tribunal lles requira nas súas especialidades técnicas.

Os membros dos tribunais deberán absterse de formar parte destes e de intervir, notificándollo á autoridade convocante, e os aspirantes poderán recusalos, cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28º da Lei 30/1992.

Para os efectos de indemnizacións por asistencia ós membros dos tribunais, estes terán as categorías que correspondan segundo o establecido no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo.

6. Comezo e desenvolvemento das probas selectivas: as probas selectivas non poderán comezar ata transcorridos dous meses desde a data de publicación do extracto das convocatorias no Boletín Oficial do Estado. A orde de actuación dos aspirantes naqueles exercicios que non se poidan realizar conxuntamente, será alfabética segundo o primeiro apelido, comezando pola letra que correspondera no sorteo celebrado pola Secretaría de Estado para a Administración Pública para efectos de ingreso na Administración do Estado.

Os aspirantes, que concorrerán provistos do seu DNI, serán convocados para cada exercicio en chamamento único, quedando excluídos da oposición os que non comparezan, agás casos de forza maior debidamente xustificados e apreciados libremente polos tribunais.

Comezadas as distintas probas selectivas, a publicación dos anuncios referentes a estas farase nos locais onde se celebrasen ou no taboleiro de edictos da corporación.

Os exercicios, tanto orais como escritos ou prácticos, realizaranse en lingua galega.

7. Cualificación: os sistemas de cualificación das distintas probas selectivas especifícanse nos anexos da presente convocatoria.

Os tribunais non poderán en ningún caso aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas en cada caso.

As relacións definitivas de aprobados, dado que non poden supera-lo número de prazas que se van cubrir, comprenderán os aspirantes que, tendo superado tódolos exercicios obrigatorios, obtiveran a maior puntuación no conxunto das probas. As cualificacións faranse públicas no mesmo día en que se acorden.

8. Relación de aprobados, presentación de documentos e nomeamento: finalizadas as probas, os tribunais farán públicas as relacións de aprobados por orde de puntuación e elevarán as ditas relacións, xunto coa acta da última sesión, á Presidencia da Corporación, para que efectúe os correspondentes nomeamentos.

Os aspirantes seleccionados deberán presenta-la documentación acreditativa dos requisitos esixidos na base 2ª e nos respectivos anexos no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó de publicación da relación de aprobados.

Os que fixeran vale-la súa condición de minusvalidez deberán presentar certificado expedido polo órgano competente acreditativo de tal condición e xustificativo da súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes á praza.

O que tivera a condición de funcionario público estará exento de xustifica-las condicións e requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo só presentar certificación da Administración pública da que dependa acreditando tal condición e demais circunstancias que consten no seu expediente persoal.

Se dentro do prazo indicado, e salvo causa de forza maior, os aspirantes propostos non presentaran a documentación, ou non reuniran os requisitos esixidos, non poderán ser nomeados e quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades en que puideran incorrer por falsidade.

Aprobada pola Presidencia da Corporación a proposta de nomeamento, os aspirantes nomeados deberán tomar posesión no prazo dun mes contados a partir do seguinte ó de notificación do nomeamento.

9. Recursos: a presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

ANEXO I

Probas selectivas para a provisión dunha praza de axente de desenvolvemento local.

1. Clasificación: escala de administración especial, subescala de servicios especiais, clase de cometidos especiais. Denominación: axente de desenvolvemento local correspondente ó grupo B.

2. Titulación esixida: título de diplomado universitario, ou equivalente, en calquera das seguintes carreiras: dereito, socioloxía, ciencias políticas, económicas ou empresariais.

3. Número de prazas que se convoca: unha.

4. Procedemento de selección: concurso.

5. Dereitos de exame: 2.000 ptas.

6. Desenvolvemento da selección: o concurso terá lugar o segundo día hábil seguinte ó de fin do prazo de presentación de instancias, e consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos aspirantes segundo o seguinte baremo:

A) Servicios prestados en postos de similar natureza á Administración local: 0,10 puntos por mes de servicio.

B) Servicios prestados en postos de similar natureza doutras administracións públicas: 0,05 puntos por mes de servicio.

A valoración conxunta dos anteriores apartados non poderá exeder de 10 puntos.

C) Coñecemento acreditado do idioma galego:

-Curso de iniciación: 0,5 puntos.

-Curso de perfeccionamento: 1 punto. A puntuación por este concepto excluirá a do anterior.

D) Estar en posesión do título de licenciado en calquera das carreiras sinaladas na base 2ª: 2 puntos.

E) Por cada curso de formación ou perfeccionamento, seminarios ou xornadas en materias ou especialidades propias do posto de traballo:

-De menos de 25 horas ou duración non acreditada: 0,10 puntos.

-Entre 25 e 50 horas: 0,25 puntos.

-Máis de 50 ata 100 horas: 0,50 puntos.

-Máis de 100 ata 250 horas: 0,75 puntos.

-Máis de 250 ata 450 horas: 1 punto.

-Máis de 450 horas: 1,5 puntos.

A puntuación máxima deste apartado non excederá de 4,5 puntos.

F) Pola preparación de proxectos ou candidatura que foran presentadas a programas ou iniciativas comunitarias: 0,5 puntos, ata un máximo de 2 puntos.

G) Pola xestión de programas ou iniciativas comunitarias: 1 punto por cada un, ata un máximo de 2 puntos.

H) Outros estudios sociais sociais ou económicos relacionados tematicamente coa actividade do posto de traballo: 0,25 puntos por estudio ou traballo, ata un máximo de 0,5 puntos.

A puntuación e a orde de cualificación definitiva dos aspirantes virá determinada pola suma dos puntos obtidos na valoración. Nos casos de empate prevalecerá a puntuación obtida polos servicios da letra A). O tribunal ten facultade para resolve-las dúbidas que xurdan na aplicación dos criterios de valoración fixados e para adopta-los acordos que correspondan en relación cos supostos non previstos nas presentes bases.

ANEXO II

Probas selectivas para provisión dunha praza de operario de mantemento de servicios.

1. Clasificación: operario de mantemento de servicios, do cadro de persoal laboral fixo.

2. Titulación esixida: certificado de escolaridade ou equivalente.

3. Número de prazas que se convoca: unha.

4. Procedemento de selección: concurso-oposición.

5. Dereitos de exame: 1.000 ptas.

6. Procedemento de selección: desenvolverase en dúas fases:

a) Fase de concurso, sen carácter eliminatorio, na que se valorarán os méritos alegados por cada aspirante, conforme o baremo que se detalla:

A) Por servicios prestados na Administración local en postos de igual ou similar natureza: 1 punto por ano.

B) Por servicios en postos similares doutras administracións públicas: 0,25 puntos por ano.

C) Por servicios análogos na empresa privada: 0,05 puntos por ano.

Non se computarán servicios por períodos inferiores a un mes, considerándese tódolos meses de trinta días.

A puntuación total por servicios non poderá exceder de 8 puntos.

D) Outros méritos alegados polo aspirante, que se valorarán discrecionalmente, ata un máximo de 1 punto.

E) Estar en posesión de permiso de conducir da categoría B-1 ou superior: 0,50 puntos.

Na cualificación desta fase non se terán en conta outros méritos nin documentos que os alegados e presentados xunto coa instancia. A dita cualificación deberá estar concluída antes da celebración da fase de oposición.

b) Fase de oposición, que constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio: práctico, consistente en realiza-las probas que sinale o tribunal, relacionadas coa natureza do posto de traballo, para valora-los coñecementos e habilidades dos aspirantes en traballos de albanelería, fontanería e electricidade, coa duración que sinale o tribunal, que será igual para tódolos aspirantes.

Segundo exercicio: consistirá en escribir ó dictado durante dez minutos e en resolver dous problemas de arimética que sinale o tribunal, durante o tempo máximo dunha hora.

Terceiro exercicio: consistente en traducir ó galego un texto en castelán, nun período máximo de vinte minutos.

Os dous primeiros exercicios son obrigatorios e eliminatorios, e cualificaranse de cero a dez puntos, sendo eliminados os participantes que non acaden o mínimo de cinco puntos en cada un deles. O terceiro exercicio é obrigatorio pero non eliminatorio, e puntuarase de cero a dous puntos. A cualificación final será o resultado de suma-los puntos obtidos en ambas fases. Para estes efectos, só se terán en conta os aspirantes que teñan superado a fase de oposición.

Camariñas, 22 de abril de 1999.

O alcalde

Rubricado